DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Venres, 27 de febreiro de 2009 Páx. 4.253

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 17 de febreiro de 2009 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a investimentos no ámbito da acuicultura, cofinanciadas co Fondo Europeo da Pesca e se convocan para o exercicio 2009.

O Regulamento (CE) nº 1198/2006 do Consello, do 27 de xullo de 2006, relativo ao Fondo Europeo de Pesca (FEP) e o Regulamento (CE) nº 498/2007 da Comisión, do 26 de marzo, polo que se establecen as disposicións de aplicación deste, define o marco de apoio comunitario en favor do desenvolvemento sustentable do sector pesqueiro, das zonas de pesca e da pesca interior.

En aplicación da normativa comunitaria citada, por medio desta orde regúlanse as bases que rexerán para axudas no ámbito da acuicultura durante o período de vixencia do Programa Operativo do Fondo Europeo de Pesca, cuxas prioridades e obxectivos están establecidos no Plan Estratéxico Nacional e que se integran no documento de programación (Programa Operativo) aprobado pola Comisión Europea mediante Decisión C(2007) 6615, do 13 de decembro de 2007.

En consecuencia, e de acordo co disposto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, oído o sector interesado,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e o procedemento de concesión das axudas destinadas á mellorar a competitividade do sector acuícola en Galicia, así como proceder á súa convocatoria para o ano 2009. Estas axudas poderán financiar:

a) Investimentos produtivos en acuicultura.

b) Medidas hidroambientais.

2. Para o obxecto desta orde, entenderase por acuicultura a cría ou cultivo de organismos acuáticos con técnicas encamiñadas a aumentar, por riba das capacidades naturais do medio, a produción dos organismos en cuestión; sendo estes, ao longo de toda a fase de cría ou de cultivo e ata o momento da súa recolección, propiedade dunha persoa física ou xurídica de acordo co artigo 4 desta orde.

Artigo 2º.-Marco normativo.

Para o outorgamento e execución destas axudas, observarase o disposto nas bases reguladoras establecidas nesta orde, así como nas seguintes normas:

1. Regulamento (CE) nº 1198/2006, do Consello, do 27 de xullo, relativo ao Fondo Europeo de Pesca, resto de disposicións comunitarias aplicables así como as disposicións básicas que o Estado dite en desenvolvemento ou transposición destas.

2. Preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da citada lei.

3. Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, coas súas posteriores modificacións.

4. Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Decreto 287/2000, do 21 de novembro, que desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, no que non se opoña ao establecido na Lei de subvencións de Galicia.

6. Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

7. Se é o caso, normativa reguladora da tramitación anticipada de expedientes de gasto (orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e de 25 de outubro de 2001).

8. Normativa básica do Estado.

Artigo 3º.-Crédito orzamentario.

1. As subvencións concederanse con cargo ás aplicacións orzamentarias que en cada un dos anos de vixencia do Programa Operativo do Fondo Europeo da Pesca (FEP) 2007-2013 sinale a correspondente Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. En cada anualidade sucesiva ata o ano 2013, fixarase por unha orde complementaria o crédito anual existente.

3. Os importes fixados en cada convocatoria, así como as aplicacións ás que se imputen, poderán ser ampliados con fondos incorporados e remanentes adicionais, así como procedentes de modificacións orzamentarias, sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto.

4. As axudas estarán limitadas, en todo caso, ás dispoñibilidades orzamentarias.

5. Poderanse adquirir compromisos de carácter plurianual de acordo co artigo 58º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

6. Para o ano 2009 as axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 14.03.723A.772.0 que figura dotada no orzamento de gastos da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos. Os importes máximos das subvencións que se concedan no dito exercicio orzamentario ascenderán a 23.000.000 euros, distribuídos nas seguintes anualidades:

a) Anualidade 2009: 10.000.000 euros.

b) Anualidade 2010: 7.000.000 euros.

c) Anualidade 2011: 6.000.000 euros.

Artigo 4º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios das axudas reguladas nesta orde as persoas físicas ou xurídicas titulares de establecementos de cultivos mariños ou de establecementos en augas continentais inscritos no Rexistro de centros de acuicultura, de conformidade co disposto na orde da Consellería de Medio Ambiente do 25 de outubro de 1999, que teñan as súas instalacións na Comunidade Autónoma de Galicia e aquelas que establezan nela novos centros. Tamén poderán ser beneficiarios das axudas, as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, subscriban todos e cada un dos seus membros a solicitude, estean constituídas por titulares de establecementos de acuicultura e as súas federacións, teñan a sede en Galicia e realicen a súa actividade nesta comunidade. Estas entidades non poderán disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición

previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

2. Os beneficiarios estarán en posesión das preceptivas concesións, autorizacións, permisos ou licenzas para levar a cabo os investimentos previstos.

3. Non poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nin as empresas en crise, de acordo coa definición e condicións establecidas nas directrices comunitarias sobre as axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise (2004/C244/02).

4. As axudas ao investimento produtivo en acuicultura, de acordo co previsto no artigo 29º do Regulamento (CE) nº 1198/2006 do Consello, do 27 de xullo, relativo ao FEP, limitaranse ás microempresas, ás pequenas e medianas empresas e ás empresas non recollidas na definición de microempresa, pequena ou mediana empresa tal e como se definen na Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DOCE, serie L nº 124, do 20 de maio), con menos de 750 empregados ou cun volume de negocios inferior a 200 millóns de euros.

5. As empresas deberán cumprir os criterios de independencia segundo a Recomendación da Comisión do 6 de maio de 2003 sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas. Para o cálculo dos efectivos (número de persoas ocupadas) e dos importes financeiros, terase en conta o indicado na citada recomendación.

Artigo 5º.-Obrigas dos beneficiarios.

1. Os beneficiarios, ao formalizar a súa solicitude, sométense voluntariamente ao cumprimento das condicións que se establecen nesta orde para a concesión e pagamento das subvencións, así como ao cumprimento dos requisitos estipulados na normativa de aplicación a estas.

2. Os beneficiarios deberán:

a) Executar o proxecto subvencionado dentro dos prazos máximos que se establezan na respectiva resolución de concesión con cumprimento das condicións e prescricións establecidas nela, nesta orde de convocatoria ou demais normativa de aplicación, de forma que se poida realizar a comprobación documental e o seu material.

b) Acreditar mediante declaración responsable que non teñen pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións.

c) Destinar os bens subvencionados ao fin concreto para o que se conceda a subvención durante un período mínimo de cinco anos, de acordo con previsto no artigo 56 do Regulamento (CE) nº 1198/2006, do 27 de xullo, relativo ao Fondo Europeo de Pesca (FEP). Durante este período, que se contará a partir da data contable do último pagamento, o beneficiario deberá solicitar autorización á Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos se pretendese o cambio de destino do ben subvencionado, alleamento, gravame ou substitución por outro ben que sirva en condicións análogas ao subvencionado.

d) No caso de que o proxecto implique a creación de postos de traballo, estes deberán crearse no prazo dos tres anos seguintes á finalización do investimento. Cada posto de traballo manterase durante un período mínimo de cinco anos.

e) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente ou calquera outra comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competente, tanto nacionais como comunitarios, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

f) Comunicar ao órgano concedente a obtención doutras subvencións e axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera administración ou ente, tanto públicos como privados.

g) Acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión que se encontra ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias, fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia. De acordo co establecido no artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión de subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, co fin de acreditar de que o solicitante está ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega. Non obstante, se por razóns técnicas ou doutra índole estes certificados non

puidesen ser obtidos polo órgano xestor, poderán serlles requiridos aos interesados.

h) No caso de axudas concedidas a bens inscritibles nun rexistro público, deberá facerse constar na escritura e no rexistro público correspondente o importe de subvención concedida e o período durante o cal os bens subvencionados quedan adscritos ao fin concreto recollido na subvención.

i) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos durante un mínimo de cinco anos desde a percepción do último pagamento, para os efectos de comprobación e control.

j) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos exixidos na lexislación aplicable aos beneficiarios.

k) Comunicar á Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución dos fins para os que foi concedida a axuda de que se trate.

l) Darlle a adecuada publicidade ao carácter público do financiamento do investimento realizado con expresa mención á participación do Fondo Europeo de Pesca (FEP), nos termos establecidos nos artigos 32 e 33 do Regulamento (CE) nº 498/2007 da Comisión.

m) No caso de que a planta onde se realicen os investimentos se trate dun establecemento de cultivos mariños, deberá de figurar inscrito no Rexistro galego de empresas halioalimentarias.

n) Se o investimento solicitado na subvención é a construción ou modernización dun establecemento de acuicultura, deberanse de cumprir as condicións sinaladas nas correspondentes autorizacións para levar a cabo os investimentos. En particular, se o investimento solicitado é a construción dunha batea deberase cumprir especialmente o relativo ás condicións do despezamento e á xestión dos residuos.

o) No caso de investimentos incluídos nas medidas hidroambientais, para acollerse ás compensacións, os beneficiarios deberán comprometerse a cumprir durante un período mínimo de cinco anos, requisitos hidroambientais máis estritos que a mera aplicación da boa práctica normal de acuicultura.

p) Para acollerse a asistencia a que se refire o artigo 6º, 2 a), os beneficios para o ambiente destes compromisos deberán demostrarse nunha avaliación previa realizada por un organismo competente designado polo Estado membro.

Artigo 6º.-Proxectos obxecto de subvención.

1. Poderán ser subvencionables de conformidade con esta orde os investimentos en activos fixos materiais para a construción, ampliación, equipamento e modernización de instalacións acuícolas de produción situadas en Galicia, que teñan por obxecto un ou varios dos seguintes investimentos e actuacións:

a) Diversificación cara a novas especies ou produción de especies con novas perspectivas de mercado;

b) Establecemento de métodos de acuicultura que reduzan substancialmente as consecuencias negativas ou melloren os efectos positivos sobre o ambiente, en comparación coas prácticas normais no sector da acuicultura;

c) Apoio a actividades tradicionais da acuicultura que contribúan a preservar e desenvolver o tecido económico e social e a protección do ambiente;

d) Apoio á adquisición de equipamentos para protexer as explotacións dos predadores salvaxes;

e) Mellora das condicións de traballo e da seguridade dos traballadores da acuicultura.

2. Así mesmo, poderán ser obxecto de axuda de conformidade con esta orde, aqueles métodos de produción acuícola que contribúan a protexer e mellorar o ambiente e a conservación da natureza que teñan por obxecto un ou varios dos seguintes investimentos e/ou actuacións:

a) O establecemento de formas de explotación acuícola que inclúan a protección e mellora do ambiente, dos recursos naturais e da diversidade xenética, así como a xestión da paisaxe e as características tradicionais das zonas acuícolas.

b) A participación no sistema comunitario de xestión e auditoría ambiental creado polo Regulamento (CE) nº 761/2001 do Parlamento Europeo e do Consello, do 19 de marzo, polo que se permite que as organizacións se adhiran, con carácter voluntario, a un sistema comunitario de xestión e auditoría ambientais (EMAS).

c) A acuicultura ecolóxica no senso do Regulamento (CEE) nº 2092/1991 do Consello, do 24 de xuño, sobre a produción ecolóxica e a súa indicación nos produtos agrarios e alimenticios.

d) As axudas previstas neste punto revestirán a forma de compensacións, de acordo co previsto no artigo 30 do Regulamento (CE) nº 1198/2006. Para os investimentos materiais necesarios para a aplicación dun EMAS as axudas poden instrumentarse como axudas ao investimento, cos límites fixados no anexo II do Regulamento (CE) nº 1198/2006.

3. Tamén poderán ser subvencionables os investimentos que teñan por obxecto a construción ou modernización de embarcacións auxiliares da acuicultura, que estean inscritos na 4ª lista no Censo de Frota Pesqueira Operativa e no Rexistro de Buques Pesqueiros de Galicia, que teñan o seu porto base na Comunidade Autónoma de Galicia.

4. En función dos resultados acadados e doutras circunstancias que así o aconsellen, para as seguintes convocatorias poderanse excluír algunha das categorías incluídas no punto anterior.

Artigo 7º.-Gastos subvencionables.

1. En investimentos produtivos:

a) Construción, adquisición, ampliación, modernización ou acondicionamento de bens inmobles, sempre e cando estea xustificada a súa necesidade para a explotación de que se trate. Estes bens non deberán ter recibido nos últimos 10 anos ningunha subvención nacional ou comunitaria que poida comportar duplicidade da axuda.

b) Maquinaria, instalacións e equipamentos de primeiro uso.

c) Os gastos do proxecto técnico e dirección de obra ata un límite do 12 por cento do custo indicado no proxecto, sempre que a actuación a que se refira resulte seleccionada.

d) Instalacións telefónicas e fax, equipamentos e programas informáticos, relacionados coas actividades de produción da empresa. Exclúense os equipamentos informáticos portátiles.

e) Elementos de transporte interno, sempre que formen parte integrante do proxecto que se presente.

f) Adquisición de elementos especiais de transporte exterior, cando a adecuación ao uso a que se destinen exixa unha fabricación ou carrozado singulares e sempre que estean vinculados ao proxecto.

g) Construción ou modernización de embarcacións auxiliares da acuicultura.

h) Achegas de granulados. En calquera caso, esta actuación deberá ter as autorizacións necesarias para a súa realización e o informe favorable da Dirección Xeral de Recursos Mariños da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

2. En medidas hidroambientais.

Dentro dos proxectos hidroambientais, serán subvencionables:

a) En proxectos de melloras ambientais:

1. Custos de mantemento de estruturas.

2. Perdas debidas a predadores salvaxes.

3. Perda de renda debido a diminución de densidade de produción.

b) En proxectos do tipo de adhesión ao sistema EMAS, serán subvencionables os seguintes gastos:

1. Custos de asesoría para a implantación inicial do sistema.

2. Avaliación ambiental realizada por consultor independente.

3. Verificación por consultor.

4. Gastos de rexistro.

5. Investimentos materiais necesarios para a aplicación dun EMAS.

c) Nos proxectos do tipo de acuicultura ecolóxica, serán subvencionables os seguintes gastos:

1. Diminución do volume de produción.

2. Incremento dos custos de produción.

3. Custos de inspección e certificación.

Artigo 8º.-Gastos non subvencionables.

Non se consideran subvencionables:

1. O imposto sobre o valor engadido (IVE) ou calquera outro imposto recuperable polo beneficiario, agás nos casos en que se achegue certificado expreso do Ministerio de Facenda na porcentaxe non recuperable del.

2. Adquisición de terreos.

3. A transferencia da propiedade dunha empresa.

4. Investimentos relativos ao comercio polo miúdo, non obstante, serán subvencionables os investimentos relativos ao comercio polo miúdo, cando formen parte integrante das explotacións acuícolas.

5. Os gastos de compra de reprodutores e xuvenís das especies que se vaian criar.

6. Os gastos de constitución e primeiro establecemento dunha sociedade.

7. Obras de ornamentación e equipamentos de recreo.

8. Mobiliario de oficina, salas de conferencias e catas.

9. A vivenda.

10. Os vehículos destinados ao transporte de persoas.

11. Palés e semellantes.

12. Os gastos de reparacións, conservación, funcionamento e mantemento dos bens e equipamentos. As substitucións de equipamentos e máquinas, salvo que a nova adquisición corresponda a equipamentos ou maquinaria distintos dos anteriores, ben pola súa tecnoloxía utilizada ou polo seu rendemento.

13. Os gastos de aluguer de equipamentos e os investimentos financiados mediante arrendamento financeiro (leasing). Os investimentos financiados mediante leasing poderán ser auxiliables de existir un compromiso de adquisición do ben e sempre antes de que remate o período establecido para a percepción das axudas. Outros custos relacionados co contrato de arrendamento financeiro, tales como impostos, marxe do arrendador, custos de refinanciamento, gastos xerais ou seguros, non serán subvencionables. Os investimentos aprobados inicialmente como compra non poderán ser imputados como gastos de leasing ou viceversa, salvo que o dito cambio sexa solicitado e aprobado polo órgano concedente.

14. Adquisicións de bens e equipamentos de segundo uso.

15. Adquisición de elementos e todo tipo de bens pagados en efectivo.

16. Calquera gasto que de acordo coa normativa aplicable resulte ser non subvencionable.

Artigo 9º.-Certificación de non inicio.

1. Como norma xeral, os investimentos ou gastos para os que se solicita axuda non se poderán iniciar antes da data de presentación da solicitude de axuda, nin antes da realización da acta de comprobación previa por parte dos servizos da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, en caso de investimentos materiais. A non realización de investimentos inmateriais demostrarase mediante a data da factura correspondente.

2. O non inicio acreditarase mediante certificación dos servizos da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, onde se vaian realizar os investimentos.

3. Se fose necesario realizar os investimentos antes da apertura de presentación de solicitudes da convocatoria anual correspondente e sempre que se xustifique debidamente, de forma excepcional poderá facerse unha certificación de non inicio, inmediatamente antes de que comece a realización dos investimentos. Esta certificación solicitarase acompañada do proxecto, memoria descritiva dos aspectos técnicos e económicos do investimento, facturas pro forma ou catálogos que permitan facer unha valoración do investimento a realizar e relación destas, planos, proxecto visado, se é o caso, e terá efectos na convocatoria inmediatamente seguinte. No caso de que a solicitude non fose seleccionada, a acta de comprobación poderá ter efecto tamén nas seguintes convocatorias, sempre que o solicitante confirmase a súa solicitude de axuda.

4. A realización da certificación de non inicio en ningún caso implica dereito nin mérito para a concesión da axuda.

Artigo 10º.-Tipo e contía das axudas.

1. As axudas a investimentos produtivos en acuicultura reguladas nesta orde teñen carácter de subvencións de capital. A porcentaxe máxima de contribución pública neste tipo de investimentos, de acordo co establecido no anexo II do Regulamento (CE) nº 1198/2006 do Fondo Europeo de Pesca (FEP), poderá ser igual ou menor ao 60% do total dos gastos subvencionables.

2. Para as medidas hidroambientais, as axudas revestirán a forma de compensacións que se determinarán conforme o disposto no artigo 30 Regulamento (CE) nº 1198/2006 do Fondo Europeo de Pesca, calculándose sobre a base dun ou máis dos seguintes criterios:

a) Perda de ingresos sufrida.

b) Custos adicionais provocados pola aplicación de medidas hidroambientais.

c) Necesidade de contar con axuda financeira para levar a cabo o proxecto.

En particular, as axudas concedidas ao abeiro do artigo 6º, punto 2 a) e c) desta orde, deben outorgarse en forma de compensación excepcional (única) da seguinte forma:

a) Consonte o número 2 letra a), sobre a base dunha cantidade máxima por hectárea da zona da empresa a que se apliquen as obrigas medioambientais.

b) Consonte o número 2 letra c), durante un máximo de dous anos durante o período de reconversión da empresa á produción ecolóxica.

Non obstante, os investimentos necesarios para a aplicación dun EMAS poden recibir axuda, calculada sobre a base do custo elixible, de ata un 100% de acordo co previsto no anexo II do Regulamento (CE) nº 1198/2006.

3. Respecto ás empresas que non teñan a consideración de microempresas, pequenas ou medianas, segundo definición da Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003, e que teñan menos de 750 empregados ou un volume de negocios inferior a 200 millóns de euros, a contribución pública reducirase nun 30%.

Artigo 11º.-Compatibilidade das axudas.

1. As axudas establecidas nestas bases reguladoras serán compatibles con calquera outra concedida por outras administracións públicas ou por entidades públicas ou privadas, sempre que non teñan financiamento parcial ou total de fondos procedentes doutro instrumento financeiro comunitario e a suma total das axudas non supere a porcentaxe máxima fixada no regulamento do Fondo Europeo de Pesca (FEP) para a contribución pública.

2. No suposto que a suma de todas as axudas supere os ditos límites, procederase por resolución do órgano concedente á minoración da axuda concedida.

3. De acordo co previsto nos artigos 5.2º f) e 21.3º h) destas bases reguladoras, o beneficiario deberá comunicar por escrito ao órgano concedente a obtención de calquera outra subvención ou axuda e deberá de achegar a resolución da súa concesión, se é o caso.

Artigo 12º.-Prazos de solicitude e resolución.

1. Anualmente publicaranse os períodos de presentación de solicitudes para cada unha das anualidades 2010 a 2013. Para a anualidade 2009, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde. Entenderase como último día do prazo, o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

2. Aquelas solicitudes que non puidesen ser atendidas no período correspondente, exclusivamente por falta de dispoñibilidades orzamentarias, poderán ser tomadas en consideración no período seguinte, logo de confirmación polo solicitante e sen que isto supoña preferencia ningunha como criterio de selección.

3. A resolución emitirase e notificarase aos interesados no prazo máximo de seis meses desde a publicación no Diario Oficial de Galicia da correspondente convocatoria anual. O vencemento do prazo máximo indicado sen que se notifique a resolución posibilitará que os interesados poidan entender desestimada a súa pretensión por silencio administrativo, de conformidade co disposto no artigo 44 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 13º.-Forma de presentación de solicitudes e documentación necesaria.

1. A solicitude incluirá un exemplar orixinal ou copia debidamente compulsada, e tres copias simples da seguinte documentación:

a) Anexo A1, de solicitude da axuda.

b) Anexo A2, de declaracións do solicitante.

c) Anexo A3, de relación de ofertas solicitadas e elixidas.

d) Datos relacionados no anexo A4, así como documentación relacionada na epígrafe de outra documentación deste anexo. A documentación correspondente a proxectos e planos deberá de presentarse tamén en soporte dixital.

2. A formalización do anexo A1, da descrición detallada das actuacións que se van realizar co proxecto cos obxectivos, a xustificación razoada dos investimentos e de cada unha das partidas, e do resumo do orzamento relacionando todos os investimentos que se van realizar co seu correspondente importe sen IVE, considerarase mínimo imprescindible para a tramitación das solicitudes, de xeito que non serán admitidas aquelas nas que se aprecie a ausencia desta información.

3. O lugar de presentación será o Rexistro único e de información do complexo administrativo de San Caetano en Santiago de Compostela ou no de calquera das delegacións territoriais ou comarcais da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. A solicitude e os seus anexos en formato electrónico poderanse descargar na páxina web da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos http://webpesca.xunta.es.

Artigo 14º.-Tramitación das solicitudes.

1. As delegacións territoriais e comarcais da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos analizarán os expedientes, requirirán a documentación necesaria, se é o caso, e emitirán un informe relativo ao cumprimento dos requisitos da convocatoria.

2. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 5.2º g) resulta que o solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social.

3. A documentación requirida para emenda da solicitude deberá ser presentada no rexistro da delegación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos a quen corresponda a tramitación do expediente, salvo que no escrito de requirimento se sinale outra cousa. A documentación presentada nun rexistro distinto poderá ser inadmitida se ten entrada no rexistro indicado no requirimento fóra do prazo inicial de 10 días conferido para a súa entrega.

4. Sen prexuízo do disposto no punto 2 deste artigo, poderá requirirse ao solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

5. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas que, se é o caso, se produzan, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria, serán remitidos á comisión encargada da súa avaliación, de acordo co establecido no artigo seguinte. Para estes efectos, as delegacións territoriais da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos elaborarán un informe á vista do cal o Servizo de Desenvolvemento e Modernización do Tecido Produtivo da Dirección Xeral de Estruturas e Mercados da Pesca, analizará e clasificará os proxectos de acordo cos criterios fixados nas bases.

6. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de non admisión, na que se indicarán as causas que a motivan.

7. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, o solicitante non poderá modificar a súa solicitude de axuda aumentando o importe total do investimento nin incluíndo novos conceptos para os cales solicita axuda.

Artigo 15º.-Comisión de avaliación.

1. Os expedientes serán avaliados por unha comisión de avaliación constituída na Dirección Xeral de Estruturas e Mercados da Pesca, que, de non considerar necesaria máis documentación, emitirá un informe co resultado da selección das solicitudes propostas, que será incorporado ao expediente.

2. A composición da comisión avaliadora, estará formada polos seguintes membros:

3. Presidente: director/a xeral de Estruturas e Mercados da Pesca.

4. Vogais: subdirector/a xeral de Estruturas Pesqueiras, un funcionario adscrito á Dirección Xeral de Estruturas e Mercados da Pesca designado polo presidente e os xefes do Servizo de Estruturas e Mercados da Pesca de cada unha das delegacións territoriais da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos. Un dos vogais actuará como secretario.

5. En caso de imposibilidade de asistir a algunha das sesións, os membros do órgano colexiado poderán ser substituídos pola persoa que designe o presidente.

6. A comisión avaliadora poderá traballar asistida dos asesores que considere conveniente, así como solicitar informes a expertos técnicos na materia.

7. No informe que formule a comisión figurarán de xeito individualizado os solicitantes propostos para obter a subvención, indicándose a avaliación que lles corresponde segundo os criterios fixados no artigo 16º desta orde. Así mesmo, indicarase a proposta do importe da subvención para cada un deles.

8. No caso de que a suma dos investimentos subvencionables dos expedientes propostos non supere o crédito existente para as axudas, non será necesario que figure a avaliación individualizada de cada expediente.

9. Establecerase unha lista de reserva con aquelas solicitudes que, reunindo os requisitos establecidos na orde de convocatoria, non acadasen a puntuación necesaria para ser seleccionados por falta de crédito.

10. O presidente da comisión de avaliación elevará proposta de resolución ao órgano concedinte, quen ditará a correspondente resolución de concesión, logo da preceptiva fiscalización do gasto.

Artigo 16º.-Criterios de avaliación.

Os proxectos que se presenten deberán ser técnica, económica e financeiramente viables. A comisión de avaliación poderá considerar como non viables proxectos ou actuacións presentados e, consecuentemente, propor a non concesión da subvención. Así mesmo, á vista das solicitudes presentadas, poderá establecer límites máximos de investimento subvencionable, tanto por beneficiario como por actuación ou concepto elixible.

Os criterios de avaliación das solicitudes fixados nesta orde servirán de base para a determinación da prelación das solicitudes e serán os que se relacionan a continuación.

1. Co fin da baremación das solicitudes, os expedientes que reúnan os requisitos da convocatoria agruparanse en dous grupos:

a) No grupo I incluiranse os proxectos a seleccionar en primeiro lugar, e serán aqueles presentados por micro e pequenas empresas.

b) No grupo II incluiranse os proxectos a seleccionar en segundo lugar, e corresponderán a aqueles presentados por medianas empresas e resto de empresas ata 750 empregados ou cun volume de negocios inferior a 200 millóns de euros.

2. Dentro de cada grupo, con respecto aos expedientes de axudas de investimentos produtivos na acuicultura, iranse sumando ata un total de 40 puntos en función dos seguintes criterios:

a) Emprego, tanto mantemento dos niveis de emprego actual a medio prazo como creación de emprego da empresa. Ata un máximo de 10 puntos.

Como norma xeral aqueles proxectos que destrúan emprego non serán obxecto de axuda. Estes proxectos, que serán obxecto de estudo específico, serán valorados pola comisión avaliadora sinalada no artigo 15º desta orde, podendo dar lugar á redución ou á non concesión da axuda, de acordo coa valoración que se estime.

b) Establecemento de métodos ou formas de explotación acuícola que reduzan as consecuencias negativas ou melloren os efectos positivos sobre o ambiente. Ata un máximo de 10 puntos.

c) Cría de especies novas, infrautilizadas ou con boas perspectivas de mercado. Ata un máximo de 5 puntos.

d) Proxectos que teñan como finalidade unha das seguintes: incremento do grao de innovación, diferenciación dos produtos a través da implantación de marcas de calidade, actuacións de repoboación, fomento do benestar animal nas instalacións acuícolas en catividade, investimentos que teñan como fin, o apoio á acuicultura tradicional. Ata un máximo de 5 puntos.

3. Outros que terá en conta a comisión de avaliación, como por exemplo a calidade técnica dos proxectos, a existencia dun plan de igualdade na empresa solicitante, de acordo coa Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia (publicada no Diario Oficial de Galicia o 13 de abril de 2007) ou outros criterios similares. Ata un máximo de 10 puntos.

4. Independentemente desta clasificación terase en conta que en caso de coincidencia na baremación, terán prioridade as empresas que nunca recibisen axudas á acuicultura.

5. Na concesión das axudas terase en conta o grao de cumprimento das obrigas derivadas das axudas recibidas, se é o caso, en anteriores convocatorias, para os mesmos fins.

Poderán tomarse en conta para a valoración das operacións, os estudos ou análises de mercado presentados polo Estado ou polo solicitante da axuda que acrediten a viabilidade técnica e económica do proxecto e experiencias previas positivas levadas a cabo polos peticionarios en proxectos que se refiran ao desenvolvemento do sector pesqueiro ou acuicultor.

Con respecto aos expedientes de axudas de medidas hidroambientais, iranse sumando ata un total de 60 puntos en función dos seguintes criterios:

a) Custos adicionais provocados pola aplicación de medidas hidroambientais. Ata un máximo de 30 puntos.

b) Perda de ingresos sufrida. Ata un máximo de 24 puntos.

c) Necesidade de contar con axuda financeira para levar a cabo o proxecto. Ata un máximo de 6 puntos.

Artigo 17º.-Resolución e aceptación.

1. A resolución dos expedientes correspóndelle á conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, quen poderá delegar a dita competencia no director xeral de Estruturas e Mercados da Pesca. No caso de concesións que superen a contía de 3.000.000 euros por beneficiario, será necesaria a autorización do Consello da Xunta; esta autorización non implicará a aprobación do gasto, que lle corresponderá en todo caso ao órgano competente para ditar a resolución de concesión da subvención.

2. As resolucións serán notificadas ao solicitante que terá un prazo de dez días hábiles a partir do seguinte ao da súa notificación para a súa aceptación. Transcorrido este prazo sen producirse manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a axuda.

3. A resolución indicará os gastos considerados como subvencionables, así como as condicións xerais e particulares que se deben cumprir para poder percibir a axuda concedida. Así mesmo, indicará a anualización aprobada para a execución dos investimentos. O número máximo de anualidades non será superior a tres. Ningunha anualidade poderá ser posterior ao 2013.

Artigo 18º.-Recursos.

Contra a resolución que se dite, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor, con carácter potestativo, recurso de reposición perante a conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, no prazo dun (1) mes a partir do día seguinte ao da súa notificación ou de tres (3) meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo sexa o caso, ou recurso contencioso-administrativo perante a sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación ou de seis (6) meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo o caso.

Todo isto sen prexuízo de que o interesado poida interpor calquera outro que considere pertinente.

Artigo 19º.-Modificación da resolución.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, se é o caso, a obtención concorrente doutras subvencións e axudas concedidas por calquera outra entidade pública ou privada, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión da subvención ou á súa revogación, no caso de considerarse que a modificación afecta un aspecto substancial da concesión.

2. Calquera modificación que supoña un cambio do beneficiario, dos investimentos inicialmente previstos, tanto no referente ao orzamento como ás distintas partidas que os compoñen, así como ao prazo de execución, requirirá resolución expresa por parte da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, e deberá ser comunicada por escrito con anterioridade á súa realización e coa suficiente antelación antes da data límite de xustificación dos investimentos establecida na resolución de concesión. No escrito deixarase constancia debidamente motivada das razóns que aconsellan a modificación proposta.

3. A autorización para a modificación dos termos en que foi concedida a axuda quedará condicionada aos seguintes requisitos:

a) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade destas bases reguladoras e da convocatoria oportuna.

b) Que a modificación non cause prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da subvención.

d) Que o proxecto modificado, en caso de que fose presentado co resto das solicitudes, resultase seleccionado na concesión inicial, seguindo os criterios de selección fixados.

4. O acto polo que se acorde a modificación da resolución de concesión ou, se é o caso, a súa denegación, será ditado polo órgano concedinte, unha vez instruído o correspondente expediente no que se dará audiencia ao interesado. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento, nin se teñan en conta na resolución, outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

5. Como norma xeral non se admitirá a subrogación dun novo propietario na condición de solicitante ou beneficiario das axudas, excepto nos casos de sucesión mortis causa, adquisición da propiedade como consecuencia de procesos de disolución e liquidación de persoas xurídicas, operacións de fusión ou escisión parcial ou total de sociedades ou naqueles outros casos en que, a xuízo do órgano competente para a concesión das axudas, a transmisión da propiedade e a subrogación do novo propietario na posición de solicitante ou beneficiario non desvirtúe a finalidade das axudas e se cumpran todos os requisitos do número 3 deste artigo.

En calquera caso, o novo beneficiario deberá cumprir os requisitos desta orde e asumir as obrigas derivadas da concesión.

6. Non se admitirán nin aprobarán modificacións que supoñan unha execución total inferior ao 60% do investimento inicialmente aprobado, nin aquelas que, no caso de axudas plurianuais, impliquen unha execución inferior ao 10% nalgunha das anualidades fixadas na resolución de concesión.

7. Non se admitirán modificacións que supoñan cambio de localización dos investimentos aprobados.

Non obstante o indicado nos parágrafos anteriores, poderanse autorizar modificacións que se orixinen por causas de forza maior que, en todo caso, deberán ser apreciadas polo órgano concedente.

Artigo 20º.-Prazos de execución.

1. Con carácter xeral e excepto que a resolución individual de concesión de axuda dispoña un prazo distinto, o prazo para a xustificación material e documental da finalización dos investimentos será ata o 31 de outubro do ano correspondente ao exercicio económico de que se trate.

2. Transcorrido o prazo indicado sen que o beneficiario presentase a documentación xustificativa, entenderase que renuncia á subvención. Neste caso a persoa titular da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos ditará a oportuna resolución, nos termos do artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 21º.-Xustificación dos investimentos.

1. A xustificación do cumprimento das condicións impostas e da consecución dos obxectivos previstos no acto de concesión da subvención realizarase de acordo coas bases da convocatoria de axudas e a resolución de concesión. Os formularios en formato electrónico poderanse descargar na páxina web da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos http://webpesca.xunta.es. Considerase gasto realizado aquel efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación fixado na resolución de concesión da axuda ou a súa modificación, no seu caso.

2. A xustificación dos investimentos presentaranse no Rexistro único e de información do complexo administrativo de San Caetano en Santiago de Compostela ou no de calquera das delegacións territoriais ou comarcais da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

3. As solicitudes de pagamento presentaranse acompañadas da seguinte documentación, da que se achegará un exemplar orixinal ou copia compulsada e tres copias simples, excepto para os documentos da letra b):

a) Relación de xustificantes, seguindo o modelo incluído no anexo B1, no que virán relacionados e clasificados os gastos e investimentos da actividade, con identificación do provedor, número da factura, o seu importe, data de emisión e data de pago.

b) Xustificantes dos investimentos efectuados, que consistirán de forma xeral nas facturas orixinais detalladas o máximo posible. Destes documentos deberá achegarse orixinal, copia compulsada e dúas copias simples. As facturas orixinais que, se é o caso, se entreguen ao beneficiario serán marcadas cun carimbo en que se indique a financiación do FEP.

c) As facturas deberán estar acompañadas das certificacións bancarias correspondentes aos pagamentos efectuados. Os certificados bancarios indicarán a factura ou facturas que soportan. Non se admitirán pagamentos en efectivo.

d) En caso de construcións de edificacións e obras en xeral: certificación do facultativo que interveña na execución do proxecto que acredite as características e valor dos distintos conceptos comprendidos no mesmo realizados e xustificados durante o exercicio económico de que se trate, cos seus xustificantes de pagamento.

e) Adquisición de bens inmobles: certificado de taxador independente debidamente acreditado e inscrito no correspondente rexistro oficial, acompañado do xustificante da operación de compra-venda e de forma separada os xustificantes de pagamento, así como a peritación da obra civil independente da parte correspondente ao terreo.

f) Anexo B2 onde se indicará a relación das diferenzas existentes entre os traballos solicitados e os realizados.

g) Informe do organismo laboral competente, documento coa relación nominal dos traballadores segundo o modelo do anexo B3 e/ou documentos TC segundo se estableza na resolución de concesión.

h) Declaración responsable doutras axudas solicitadas ou concedidas, ou que se pretendan solicitar a calquera outra administración pública, destinadas a subvencionar total ou parcialmente o proxecto para o que se solicita a subvención. Deberá achegarse a resolución da axuda, se é o caso. A formalización deste punto farase seguindo o modelo do anexo A2 c) da orde reguladora das axudas.

i) Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 30.000 euros no suposto de custo de execución de obra, ou de 12.000 euros no suposto de subministración de bens de equipamento, ou prestación de servizos, o beneficiario deberá presentar, como mínimo, as ofertas mencionadas no número 3. c) do punto de «Outra documentación» do anexo A4.

j) Certificado bancario acreditativo da titularidade do solicitante ou solicitantes e identificación da conta para o pagamento da axuda, se é distinta á achegada no momento da solicitude.

k) No caso de que o proxecto sexa a nova construción dunha embarcación auxiliar da acuicultura, achegarase certificación da inscrición na 4ª Lista do Rexistro de Buques de Galicia e autorización do porto base nun porto da Comunidade Autónoma de Galicia.

l) Se o investimento solicitado na subvención é a construción dunha batea e o cambio de sistema é con despezamento da batea antiga, deberase achegar certificado do xestor autorizado que procedeu á valorización ou eliminación dos residuos. No certificado indicaranse detalladamente as características do artefacto despezado, a cantidade de residuo de cada tipo xerada e o seu destino. No caso de que o cambio de sistema non se realice con despezamento, deberase achegar certificado de taxador independente debidamente acreditado e inscrito no correspondente rexistro oficial, acerca do valor da batea vella. Este valor descontaríase do importe da axuda que percibiría o beneficiario.

m) Certificación de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e de non ter débedas por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega.

n) Calquera outra que se indique na resolución de concesión.

No caso de medidas hidroambientais en que a axuda consista en compensacións, a xustificación será a mesma presentada para a concesión da axuda, polo que o pagamento poderá acordarse no mesmo acto.

4. No suposto de falla de xustificación documental ou material, o beneficiario perderá o dereito ao cobramento total ou parcial da subvención.

5. Excepcionalmente, por causas xustificadas e debidamente motivadas, e sempre que non se prexudique a terceiros, poderá concederse unha prórroga de oficio ou a instancia do beneficiario por resolución do órgano concedente, para que a xustificación tanto documental como material dos investimentos, poida realizarse con posterioridade ao prazo de xustificación. No caso de que o prazo se prorrogue ao ano inmediatamente seguinte a aquel en que debería ter xustificados os investimentos, será imprescindible que o solicitante garanta o bo fin do investimento mediante aval polo importe total da axuda pendente de percibir máis os xuros calculados ao tipo de xuro legal do diñeiro vixente no momento da concesión. O aval deberá ter unha vixencia mínima que comprenda os dous meses seguintes á data de xustificación final do investimento establecido na resolución da prórroga.

A prórroga deberá solicitarse por escrito coa suficiente antelación antes da data límite de xustificación dos investimentos establecida na resolución de concesión. Cando a prórroga solicitada implique ampliación ou modificación das anualidades da subvención concedida, o seu outorgamento requirirá a correspondente fiscalización previa.

6. Sen necesidade de instar procedemento de incumprimento ou modificación da subvención, o órgano concedente poderá aceptar variacións nos diversos capítulos de gastos aprobados, coa dobre condición de que a oscilación, en máis ou menos, non supere o 20% de cada capítulo e que, no seu conxunto, non varíe o importe total de gasto aprobado nin da axuda concedida, nin desvirtúe as características do proxecto e condicións que fosen tidas en conta para resolver a concesión.

7. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao seu valor de mercado.

8. No caso de actuacións plurianuais, se a materialización e o pagamento do investimento se anticipase ao calendario establecido na resolución de concesión e non fose posible o reaxuste das anualidades de subvención, o pagamento adiantado poderá servir de xustificación para o libramento das anualidades posteriores sempre que se obtivese a conformidade do órgano competente para a concesión da axuda.

9. En caso de que o investimento fose xustificado por menor contía que o considerado como subvencionable inicialmente, poderase minorar a axuda na mesma proporción, sempre que esta minoración non afecte aspectos fundamentais do proxecto, e que non supoña unha realización deficiente deste.

Artigo 22º.-Pagamento da subvención.

1. O pagamento dos proxectos e investimentos concedidos conforme a resolución e a estas bases efectuarase unha vez xustificada de forma documental e material a realización do obxecto da subvención.

2. Será requisito imprescindible a comprobación material do investimento por parte da Administración, quedando constancia no expediente mediante acta de conformidade.

3. Para o pagamento da axuda será imprescindible que os beneficiarios estean ao día das súas obrigas tributarias e de Seguridade Social e que non teñan pendente de pagamento ningunha outra débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Considerando o sinalado no artigo 28 desta orde, o órgano xestor das axudas poderá obter dos organismos competentes as mencionadas certificacións.

4. No caso de axudas plurianuais, o pagamento das primeiras anualidades terá carácter de ingreso á conta, e a súa consolidación estará condicionada á finalización das actuacións obxecto da axuda, de acordo coa solicitude formulada e logo de conformidade da Dirección Xeral de Estruturas e Mercados da Pesca.

5. No caso de axudas con varias anualidades, será necesario para o cobro de cada unha das anualidades, excepto a última, a presentación dunha garantía en forma de aval bancario por un importe igual á cantidade que se vai pagar, máis os xuros de demora calculados ao tipo de xuro legal do diñeiro vixente no momento da concesión, e ata dous meses despois da data de xustificación final do investimento establecido na resolución.

6. No caso de que o solicitante non cumprise cos requisitos exixidos ou os requirimentos recibidos, e no prazo conferido para iso, estará obrigado a proceder ao reintegro da axuda nos termos regulamentariamente establecidos.

Artigo 23º.-Garantías.

Os avais previstos nos artigos 21.5º e 22.5º desta orde serán depositados na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Economía e Facenda.

Unha vez comprobada a realización da actividade ou proxecto para o que se concedeu a subvención, as garantías serán liberadas.

Artigo 24º.-Cesión ou transmisión das axudas.

1. A cesión ou transmisión das axudas outorgadas ao abeiro desta orde non terán validez cando non sexan previamente autorizadas polo órgano que as ditou, tal e como se di no artigo 5.2º c).

2. A transmisión dos bens obxecto das accións subvencionadas, dentro dos cinco anos seguintes á data de resolución de pago da axuda deberá ser previamente posto en coñecemento da autoridade que a outorgou para a súa autorización. No documento público da transmisión deberá o novo propietario subrogarse en todas as obrigas contraídas polo transmitente e, en particular, deixar constancia do importe da axuda concedida, así como a de non efectuar ningunha modificación fundamental das establecidas no artigo 56 do Regulamento (CE) 1198/2006.

Dentro dos tres meses seguintes á data da transmisión, o transmitente remitirá á Dirección Xeral de Estruturas e Mercados da Pesca, unha copia do documento público de transmisión.

3. O incumprimento das obrigas establecidas neste artigo será causa de reintegro da axuda.

Artigo 25º.-Verificación posterior ao pagamento da axuda.

Os servizos da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos realizarán os controis oportunos para verificar que a acción subvencionada non teña, nos cinco anos seguintes á data de resolución de pagamento da axuda, unha modificación fundamental das establecidas no artigo 56º do Regulamento (CE) 1198/2006.

Artigo 26º.-Incumprimento e reintegro das axudas.

1. Se o beneficiario incumprise calquera dos requisitos establecidos nestas bases e demais normas aplicables, así como as condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión da axuda, poderanse anular os beneficios concedidos coa obriga de reintegro da axuda ou subvención.

2. Procederá o reintegro total ou parcial da subvención concedida e dos xuros de demora correspondentes desde o momento do pagamento da subvención e ata a data na que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos previstos no artigo 33º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Serán causa de reintegro, de acordo coas directrices comunitarias para o exame das axudas estatais no sector da pesca e da acuicultura (2008/C 84/06), a comisión de infracción polo beneficiario ao dereito comunitario e, en especial, ás normas da Política Pesqueira Común, durante o período cuberto pola subvención. O reembolso das axudas será proporcional á gravidade da infracción cometida.

Artigo 27º.-Infraccións e sancións.

Sen prexuízo do establecido nos parágrafos anteriores, aos beneficiarios das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 19 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 28º.-Autorizacións do beneficiario.

1. A presentación da solicitude de concesión de axuda ou subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para incluír e facer público nos rexistros de axudas, subvencións, convenios e sancións os datos relevantes referidos ás axudas recibidas así como ás sancións impostas consonte o regulado no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44º e 45º da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

2. De acordo co establecido no artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión de subvención, comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, co fin de acreditar que o solicitante está ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade autónoma galega. Non obstante, se por razóns técnicas ou doutra índole estes certificados non puidesen ser obtidos polo órgano xestor, poderán serlles requiridos ao interesado.

Artigo 29º.-Publicidade.

1. En aplicación do establecido no artigo 15º da Lei de subvencións de Galicia, serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia as axudas concedidas, expresando a convocatoria, programa e crédito orzamentario ao que se imputen, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención.

2. De conformidade co establecido no artigo 13º, punto 4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos publicará na súa páxina web oficial a relación de beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Disposicións adicionais

Primeira.-En todo o non previsto nesta orde observarase o disposto na normativa mencionada no artigo 2º (marco normativo), así como nas prescricións da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segunda.-Delégase no director xeral de Estruturas e Mercados da Pesca a resolución destas axudas.

Disposición transitoria

Única.-Unicamente con vixencia para a primeira convocatoria regulada nesta orde, teranse en conta as seguintes normas en canto aos investimentos elixibles e prazo de presentación de solicitudes:

a) Consideraranse subvencionables os investimentos realizados desde o 1 de xaneiro de 2007 e que fosen pagados despois desa data.

b) O inicio, antes da publicación desta orde, da execución dos investimentos susceptibles de obter axuda ao seu abeiro, e realizados e pagados con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2007, acreditarase mediante acta notarial ou certificación de non inicio realizada polos servizos da consellería, en que se deixe constancia deste feito.

Non obstante, para os investimentos cuxa execución se inicie con posterioridade á data de publicación desta orde, será requisito imprescindible para a concesión da axuda, que os servizos da consellería certifiquen o non inicio dos investimentos.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Dirección Xeral de Estruturas e Mercados da Pesca para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2009.

María Carmen Gallego Calvar

Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos

Ver referencia pdf "04100D012P113.PDF"