DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Venres, 27 de febreiro de 2009 Páx. 4.240

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E DEPORTE

ORDE do 19 de febreiro de 2009 pola que se regula o réxime de concesión de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de actividades deportivas no ano 2009 e se procede á súa convocatoria.

O Estatuto de autonomía de Galicia, Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, no seu artigo 27.22º, recolle a competencia da Comunidade Autónoma de Galicia en materia da promoción do deporte en réxime de exclusividade.

En virtude desta competencia, a Lei 11/1997, do 22 de agosto, xeral do deporte de Galicia, establece que a Administración autonómica promoverá o deporte de competición, en colaboración coas federacións deportivas.

O Decreto 232/2005, do 11 de agosto, modificado polo Decreto 454/2005, do 1 de setembro, fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, e atribúe á Consellería de Cultura e Deportes as competencias da Comunidade Autónoma en materia de deportes.

Por medio desta orde preténdese desenvolver un plan de consolidación das entidades deportivas de Galicia co obxectivo xeral de garantir o desenvolvemento das actividades en que participan ou promoven as entidades deportivas. A universalización da práctica deportiva ten un papel moi importante na sociedade, actuando de maneira transversal en moitos valores sociais de grande importancia para a mellora da calidade de vida dos cidadáns e, en especial, para acadar a xeneralización da práctica deportiva entre os nenos e nenas galegos, facilitando o seu acceso á práctica deportiva a través da consolidación da igualdade de oportunidades no deporte.

É necesario apoiar as actividades e a participación dos clubs en ligas ou campionatos oficiais de ámbito galego, estatal ou internacional, e tamén as entidades que contribúen de forma importante ao desenvolvemento e á promoción do deporte e, en particular, do deporte base e do deporte feminino. Todas estas entidades deben conxugar o seu traballo de forma harmónica e complementaria para consolidar todos os itinerarios do deporte, desde a formación base, pasando pola competición, ata o alto rendemento deportivo, o que no seu conxunto cumpre un importante papel na formación educativa dos mozos e mozas nas respectivas disciplinas onde desenvolven a súa actividade.

Nos orzamentos xerais da Consellería de Cultura e Deporte existe crédito axeitado e suficiente para as axudas que son obxecto desta convocatoria.

Polo exposto, e en uso das facultades que teño atribuídas ao abeiro do Decreto 213/2005, do Consello da Xunta de Galicia, do 3 de agosto de 2005,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras de concesión de subvencións e a súa convocatoria pública dirixidas a clubs deportivos e entidades deportivas sen ánimo de lucro para a participación en competicións oficiais ou o desenvolvemento de actividades deportivas, realizadas ou que se vaian realizar no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 15 de outubro de 2009.

2. A concesión de subvencións a que se refire esta orde efectuarase en réxime de concorrencia competitiva, baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, eficacia e eficiencia.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios da subvención as seguintes entidades:

a) Clubs: os clubs deportivos e entidades deportivas que participen regularmente en competicións oficiais, convocadas polas correspondentes federacións deportivas:

a.1. Clubs tipo I: clubs que participen regularmente en competicións oficiais de ámbito internacional e estatal. Poderán contar con deportistas ou equipos que participen en competicións oficiais de ámbito galego e provincial.

a.2. Clubs tipo II: clubs que participen regularmente en competicións oficiais desenvolvidas en toda Galicia. Poderán contar con deportistas ou equipos que participen en competicións oficiais en que a maioría dos participantes sexan galegos ou de ámbito provincial.

a.3. Clubs tipo III: clubs que participen regularmente en competicións oficiais desenvolvidas como mínimo no ámbito provincial ou superior sen chegar a desenvolverse en toda Galicia.

b) Agrupacións deportivas escolares coorganizadoras da campaña do deporte escolar xunto coa Dirección Xeral para o Deporte da Consellería de Cultura e Deporte e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

2. Para ser beneficiario é requisito estar inscrito no Rexistro de Asociacións Deportivas e Deportistas de Galicia da Dirección Xeral para o Deporte, e con enderezo social en Galicia.

3. Non poderán obter a condición de beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases as entidades en quen concorra algunha das circunstancias sinaladas nos puntos 2º e 3º do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3º.-Actuacións subvencionables.

1. Clubs: serán actuacións subvencionables a participación dos seus equipos ou deportistas en competicións oficiais. Para os efectos desta orde de subvencións consideraranse gastos subvencionables os seguintes conceptos relacionados coas citadas competicións:

a) Licenzas federativas aboadas durante 2009.

b) Mutualidades aboadas durante 2009.

c) Inscricións en competicións oficiais aboadas durante 2009.

d) Gastos de arbitraxes.

e) Gastos de adestradores/as.

f) Gastos de transporte para asistir ao calendario proposto.

g) Gastos de manutención e aloxamento para asistir ao calendario proposto.

h) Material deportivo non inventariable (balóns, equipacións, etc.).

2. Agrupacións deportivas escolares: serán actuacións subvencionables as competicións e programas deportivos incluídos no Programa de deporte en idade escolar e deporte na escola da Dirección Xeral para o Deporte que desenvolvan. Consideraranse gastos subvencionables:

a) Gastos de organización (material de oficina, comunicacións, desprazamentos, persoal de apoio, etc).

b) Material deportivo non inventariable.

Artigo 4º.-Financiamento orzamentario.

1. A concesión de axudas reguladas nesta orde será atendida con cargo á aplicación orzamentaria 12.04.441A.481.0 do exercicio orzamentario do ano 2009, ata un importe máximo de 3.750.000 € (tres millóns setecentos cincuenta mil euros). Este importe poderá ser ampliado no caso de existencia de crédito na aplicación orzamentaria no momento da resolución segundo o disposto no artigo 31 da Lei 9/2007.

2. Clubs: o importe total máximo para resolver será de 3.650.000 euros.

2.1. Clubs tipo I: un beneficiario desta categoría pode recibir como máximo o 75% do orzamento presentado sobre os gastos subvencionables e en ningún caso a axuda superará os 75.000 euros.

2.2. Clubs tipo II: un beneficiario desta categoría pode recibir como máximo o 75% do orzamento presentado sobre os gastos subvencionables e en ningún caso a axuda superará os 18.000 euros.

2.3. Clubs tipo III: un beneficiario desta categoría pode recibir como máximo o 75% do orzamento presentado sobre os gastos subvencionables e en ningún caso a axuda superará os 5.000 euros.

3. Agrupacións deportivas escolares: o importe total máximo a resolver será de 100.000 euros. Un beneficiario desta categoría pode recibir como máximo o 90% do orzamento presentado sobre os gastos subvencionables e en ningún caso a axuda superará os 15.000 euros por beneficiario.

4. As axudas concedidas ao abeiro desta orde poderán ser concorrentes con subvencións doutras administracións ou entes públicos ou privados, sen que en ningún caso excedan a cantidade do importe total do proxecto subvencionado.

Artigo 5º.-Solicitudes, documentación e prazo.

1. As solicitudes de subvención formularanse nos impresos oficiais, segundo o modelo que se achega como anexo I nesta orde. Só se admitirá unha solicitude por entidade.

2. Presentaranse nos rexistros das delegacións provinciais da Consellería de Cultura e Deporte, nos servizos provinciais de deporte, ou ben por calquera outro dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. As solicitudes deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

a) Fotocopia do CIF da entidade.

b) Clubs: proxecto para o que se solicita subvención, asinado polo presidente/a e que como mínimo debe conter:

b.1. Programa deportivo previsto para 2009 no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 15 de outubro segundo as epígrafes recollidas no anexo II (II-A: Participación en competicións, II-B: Equipos e licenzas por categorías, equipos e licenzas no proxecto canteira, deportistas convocados para as seleccións galegas; II-C: Relación de técnicos/as; II-D: Resultados destacados na última tempada). Estes datos poderán ser cotexados con informes ou certificacións solicitados ás federacións deportivas titulares das competicións oficiais en que participa o club.

b.2. Orzamento de gastos do proxecto para o que se solicita subvención, desagregándose os conceptos subvencionables (anexo III). Para a elaboración deste orzamento cómpre ter en conta os límites establecidos no artigo 4º.2, así como os criterios de xustificación descritos no artigo 9º.3 c)

b.3. Declaración de conxunto de todas as solicitudes de subvención efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou privados (anexo VI).

b.4. No caso dos clubs ou entidades que conten con seccións que participen en distintas modalidades deportivas, presentarán un anexo II e III por cada unha delas. Neste caso, os importes recollidos no anexo I serán a suma dos correspondentes a cada modalidade.

c) Agrupacións deportivas escolares: proxecto para o que se solicita subvención, asinado polo presidente/a e que como mínimo debe conter:

c.1. Programa das actividades previstas para 2009 en que conste relación de modalidades deportivas, número de equipos por modalidade, número de participantes por modalidade e total, e número de entidades participantes (anexo IV).

c.2. Orzamento de gastos do proxecto para o que se solicita subvención, desagregando os conceptos subvencionables (anexo V).

c.3. Declaración de conxunto de todas as solicitudes de subvención efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou privados (anexo VI).

4. O prazo de presentación das solicitudes será de 31 días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 6º.-Instrución.

1. O subdirector xeral para o Deporte será o órgano competente para a instrución dos procedementos que se tramiten ao abeiro do disposto nesta orde.

2. Recibidas as solicitudes, revisarase a documentación achegada e comprobarase que reúnen os requisitos establecidos nesta orde.

3. As listas provisionais das solicitudes excluídas serán publicadas no DOG, e tamén na páxina web www.deportegalego.eu, nos taboleiros de anuncios dos servizos provinciais e da Dirección Xeral para o Deporte, sinalando as causas de exclusión.

4. Os interesados poderán formular reclamacións, emendar erros e achegar a documentación que falte nun prazo de 10 días naturais contados dende a publicación das listas no DOG. Transcorrido este prazo sen que se emenden as deficiencias, considerarase que o interesado desiste da súa petición logo da resolución ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. Completados os expedientes, poranse ao dispor da comisión de valoración para a súa avaliación, ao abeiro dos criterios de valoración fixados no artigo 7º desta orde.

6. A comisión de valoración estará formada polos seguintes membros:

a) Presidente/a: un/unha delegado/a provincial da Consellería de Cultura e Deporte.

b) Vogais:

-Un/Unha delegado/a provincial da Consellería de Cultura e Deporte.

-O xefe do servizo de Coordinación Deportiva.

-Os xefes dos servizos de deportes das delegacións provinciais da Consellería de Cultura e Deporte.

c) Secretario/a: un/unha funcionario/a da Dirección Xeral para o Deporte, que participará con voz pero sen voto.

7. Serán funcións da comisión de valoración:

a) Avaliar as solicitudes presentadas e a documentación achegada polas entidades solicitantes.

b) Efectuar o informe avaliador elevándoo ao órgano instrutor, para a elaboración da proposta de resolución.

8. O secretario/a redactará a correspondente acta de cada sesión da comisión.

9. O órgano instrutor poderá solicitar canta documentación considere precisa para unha mellor valoración e comprobación do proxecto.

Artigo 7º.-Criterios de concesión.

1. A comisión de valoración proporá a contía das subvencións correspondentes a cada solicitante, atendendo aos límites establecidos no artigo 4º.

2. A comisión non terá en conta as solicitudes que non se adapten aos requirimentos establecidos nesta orde.

3. A proposta mínima de concesión de subvención por beneficiario e cada modalidade deportiva será de 400 euros. No caso de non acadar este importe, a comisión de valoración proporá a súa denegación.

4. Para efectuar as propostas de concesión das subvencións, a comisión de valoración avaliará a calidade dos programas deportivos ou de actividades presentados no proxecto e baremaraos sobre un máximo de 100 puntos segundo os seguintes criterios:

a) Clubs:

-En categorías absolutas: número de equipos, deportistas e relevancia da competición en que participan en función da súa natureza e ámbito territorial, ata 40 puntos.

-Ata categoría xuvenil: número de equipos, deportistas e relevancia da competición na que participan en función da súa natureza, ámbito territorial e, naquelas modalidades incluídas no Proxecto canteira, participación neste, ata 30 puntos.

-En todas as categorías femininas, número de equipos, deportistas e relevancia da competición en que participan en función da súa natureza e ámbito territorial, ata 10 puntos.

-Número de quilómetros previstos, ata 5 puntos.

-Número de deportistas convocados nas seleccións galegas das distintas categorías na tempada anterior, ata 5 puntos.

-Número de técnicos titulados no proxecto global do club, ata 5 puntos.

-Resultados acadados polos equipos do club na última tempada, ata 5 puntos.

b) Agrupacións deportivas escolares:

-Número de modalidades deportivas, ata 25 puntos.

-Número de equipos por modalidade, ata 25 puntos.

-Número de participantes por modalidade e total, ata 25 puntos.

-Número de entidades participantes, ata 25 puntos.

5. No caso dos clubs que conten con seccións que participen en distintas modalidades deportivas, farase unha valoración diferenciada para cada unha das seccións segundo os anexos II e III correspondentes, asignándolles cantidades diferenciadas que se sumarán ata acadar a contía definitiva, que non excederá en ningún caso a contía de 75.000 euros

6. Tendo en conta as diferentes características das modalidades deportivas, a comisión de valoración poderá distinguir e avaliar de forma diferenciada por cada unha delas entre:

a) Clubs tipo I, clubs tipo II e clubs tipo III.

b) Clubs de deportes individuais de participación individual ou de participación por equipos e clubs de deportes colectivos de participación por equipos (baloncesto, balonmán, béisbol, fútbol, fútbol sala, hóckey herba, hóckey a patíns e hóckey en liña, remo-traíñas, rugby e voleibol).

Artigo 8º.-Resolución.

1. Analizadas as solicitudes polo órgano instrutor, este redactará un informe que contará co informe avaliador elaborado pola comisión de valoración e que elevará á directora xeral para o Deporte, quen resolverá a concesión ou denegación das solicitudes presentadas.

2. O órgano instrutor poderá realizar propostas de concesión diferenciadas segundo a tipoloxía e modalidade deportiva dos beneficiarios.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución non poderá exceder os seis meses, contado desde o día seguinte á data de publicación desta orde no DOG. Esgotado este prazo sen resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente por silencio administrativo.

4. As resolucións adotadas serán comunicadas de xeito individualizado a cada un dos beneficiarios a través de correo certificado con xustificante de recibo. Así mesmo, a relación completa de beneficiarios será publicada a través da web www.deportegalego.eu.

5. Notificada a resolución polo órgano concedente, o beneficiario disporá dun prazo de dez días para a súa aceptación; transcorrido este sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

6. A realización das actividades será responsabilidade exclusiva do solicitante, ben que a Dirección Xeral para o Deporte debe estar informada das circunstancias concretas da execución e reserva para si o dereito de solicitar a información complementaria que considere oportuna, así como a comprobación de calquera aspecto relacionado con ela.

7. No caso de que as subvencións outorgadas non sexan aceptadas polos beneficiarios ou de que se renuncie a elas, o órgano instrutor poderá formular proposta de resolución complementaria e adxudicar o importe dispoñible entre as solicitudes valoradas pola comisión e que non acadasen axuda por límites orzamentarios, de acordo coa orde de puntuación establecida.

Artigo 9º.-Xustificación.

1. Os beneficiarios das axudas deberán solicitar o aboamento da axuda concedida no momento en que se teña realizado o programa deportivo ou de actividades presentado. En calquera caso, o prazo máximo e improrrogable para a presentación da citada solicitude será o 15 de outubro de 2009.

2. O lugar de presentación serán as delegacións provinciais da Consellería de Cultura e Deporte, os servizos provinciais de deporte, ou ben por calquera outro dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. A solicitude de aboamento da axuda concedida (anexo VII) deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Memoria xustificativa do programa presentado, asinada polo presidente/a e en que conste:

Clubs:

-Programa deportivo realizado segundo o proxecto presentado (anexo IIA, IIB e IID).

Agrupacións deportivas escolares:

-Programa das actividades segundo o proxecto presentado (anexo IV) en que conste a relación de modalidades deportivas dinamizadas, o número de equipos participantes por modalidade, o número de participantes por modalidade e total e o número de entidades participantes.

b) Declaración de conxunto de todas as subvencións solicitadas para o programa presentado, tanto as concedidas como as pendentes de resolución, perante as administracións públicas ou outros entes públicos ou privados (anexo VI).

c) Conta xustificativa asinada polo presidente/a en que conste a realización do orzamento de gastos do proxecto presentado e o importe da subvención para o que se solicita o seu aboamento, así como unha relación detallada das facturas ou documentos do gasto asociado ao total do orzamento do proxecto e no cal se especifiquen: número de documento, concepto, tipo de gasto subvencionable, data de emisión, perceptores, CIF ou NIF, contía do gasto realizado e contía do gasto pagado para o que se presenta xustificación (anexo VIII).

No caso de que o gasto xustificado sexa a totalidade do orzamento de gastos do proxecto presentado na solicitude, e os xustificantes de pagamento acaden cando menos a cantidade da subvención concedida, o beneficiario solicitará o aboamento da totalidade da subvención concedida.

No caso de que o gasto xustificado sexa inferior ao orzamento de gastos do proxecto presentado na solicitude, o beneficiario solicitará o aboamento da subvención con base na seguinte fórmula:

Gasto xustificado X (subvención concedida / total orzamento de gastos do proxecto presentado na solicitude).

No caso de que os xustificantes de pagamento sexan inferiores á subvención concedida, esta será minorada ata o importe dos xustificantes de pagamento.

En calquera das circunstancias descritas neste punto o aboamento da subvención solicitado terá que cumprir cos límites establecidos no artigo 4º.

d) Facturas orixinais ou copias compulsadas do gasto incorrido e demais documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil e con eficacia administrativa (Real decreto 1496/2003, do 28 de novembro, polo que se aproba o regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación) na mesma orde presentada no anexo VIII. Todos os documentos descritos serán sempre anteriores á data límite de xustificación (15 de outubro de 2009).

Acreditarase o pagamento efectivo de gastos realizados por importe igual ou superior ao importe da subvención para o que se solicita o seu aboamento segundo o indicado no artigo 9º.3 c). Esta acreditación xuntarase á factura ou documento de gasto que corresponda, podendo ser copia da anotación ou transferencia bancaria ou copia do xustificante de pagamento debidamente datado e asinado.

e) Certificado orixinal da titularidade da conta bancaria onde se fará o ingreso da subvención.

4. Os órganos competentes da Dirección Xeral para o Deporte poderán solicitar as aclaracións ou informes dos medios de xustificación que consideren oportunos.

5. As solicitudes que incumpran os prazos ou requisitos de xustificación solicitados perderán o dereito ao aboamento da axuda, posibilitando a reasignación de tales créditos.

Artigo 10º.-Pagamento.

1. O pagamento da subvención queda condicionado á presentación da documentación xustificativa que acredite o cumprimento da finalidade para a que se concedeu a subvención.

2. O importe da subvención farase efectivo nun único pagamento na conta bancaria certificada na xustificación.

Artigo 11º.-Obrigas dos beneficiarios.

1. As entidades que resulten beneficiarias das subvencións concedidas ao amparo desta orde estarán obrigadas a cumprir o establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e en particular:

a) Executar o proxecto que fundamentou a concesión da subvención, así como xustificar a súa realización.

b) Adoptar as seguintes medidas de identificación, información e publicidade da subvención concedida:

-A utilización do galego nos medios de información e comunicación relacionados co proxecto.

-Incluír o logotipo da Dirección Xeral para o Deporte -dispoñible para o efecto na páxina web www.deportegalego.eu- nos medios de comunicación da entidade. Ademais, os clubs que compitan a nivel estatal deberán incluír no vestiario deportivo oficial o citado logotipo.

c) Colaborar e participar nas actividades programadas pola Dirección Xeral para o Deporte, en concreto, a que as súas xogadoras e os seus xogadores e equipo técnico participen nas actividades, como cursos, conferencias, clinics, etc., especialmente aquelas dirixidas a deportistas de base e á comunidade educativa para a promoción e fomento do deporte nos seus diferentes niveis.

d) Facilitar a incorporación dos deportistas nas convocatorias das seleccións galegas para participar en torneos ou campionatos oficiais ou amigables.

e) Solicitar, no caso de ser requirido, das diferentes federacións as certificacións correspondentes que acrediten os datos sinalados na xustificación.

f) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos e os seus correspondentes pagamentos, na medida en que poden ser obxecto das actuacións de comprobación e control nos seguintes catro anos.

g) Estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma. En todo caso, e segundo o artigo 48.1º h) da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2009, os beneficiarios das axudas acollidas a esta orde quedan exentos de achegar os xustificantes das anteriores obrigas.

h) Facilitarlle á Dirección Xeral para o Deporte a comprobación e control das actividades que se subvencionan con cargo a esta orde. A Dirección Xeral para o Deporte poderá encargar a realización de auditorías ou de verificacións contables ás entidades receptoras de subvencións, con aviso de quince días hábiles antes da data da realización.

i) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos establecidos no artigo 12.2º desta orde.

2. Os beneficiarios de subvención quedan sometidos ás actuacións de control financeiro que lle correspondan á Consellería de Economía e Facenda e ás previstas na lexislación do Consello de Contas ou do Tribunal de Contas.

Artigo 12º.-Modificación da resolución, revogación e reintegro.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das subvencións e para a súa xustificación, en particular a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, eventualmente, á súa revogación.

2. Procederá a revogación das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da Lei 9/2007 e no artigo 19 do Decreto 287/2000, en canto non se opoña ao establecido na Lei 9/2007.

Artigo 13º.-Seguimento e control.

1. Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración, a Consellería de Cultura e Deporte levará a cabo funcións de control, avaliación e seguimento.

2. Para realizar as ditas funcións poderanse empregar cantos medios estean á súa disposición para comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados e o cumprimento dos requisitos exixidos na orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación. Para estes efectos, os beneficiarios deberán cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde.

Artigo 14º.-Réxime xurídico das axudas. Lexislación aplicable.

Nos aspectos non contidos nesta orde rexerá a normativa xeral en materia de subvencións constituída pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, polo Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, no que non resulte derrogado pola Lei 9/2007 citada, así como polos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 15º.-Réxime de recurso.

As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas poderase formular, con caracter potestativo, recurso de reposición no prazo dun mes perante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, ou ben cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o órgano competente de xurisdición contencioso-administrativa, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xuño, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposicións adicionais

Primeira.-Coa presentación da solicitude o beneficiario dá a súa conformidade para que os datos facilitados para a concesión da subvención figuren no Rexistro público de subvencións coas excepcións do artigo 15.2º d) da Lei 9/2007.

Segunda.-De acordo co establecido nos puntos 3º e 4º do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, a Consellería de Cultura e Deporte publicará no DOG e na páxina web www.deportegalego.eu as subvencións concedidas ao abeiro desta orde, con expresión do beneficiario, a contía e a súa finalidade.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a directora xeral para o Deporte para ditar cantas disposicións sexan precisas en relación con esta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2009.

Ánxela Bugallo Rodríguez

Conselleira de Cultura e Deporte

Ver referencia pdf "04100D011P100.PDF"