DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Venres, 27 de febreiro de 2009 Páx. 4.219

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

RESOLUCIÓN do 20 de xaneiro de 2009 pola que se dispón a publicación do convenio de colaboración para o desenvolvemento do Plan de mellora da calidade no comercio celebrado entre o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio e a Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia.

Subscrito, logo da tramitación regulamentaria, o convenio de colaboración entre o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio e a Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia para o desenvolvemento do Plan de mellora da calidade no comercio, procede a publicación no Diario Oficial de Galicia do dito convenio, que figura como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2009.

P.D. (Orde 31-1-2006, DOG nº 24)

Emilio Nogueira Moure

Secretario xeral da Consellería de Innovación e Industria

ANEXO

Convenio de colaboración para o desenvolvemento do Plan de mellora da calidade no comercio celebrado entre o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio e a Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia.

En Madrid, 20 de outubro de 2008.

Reunidos:

Dunha parte o ministro de Industria, Turismo e Comercio, Miguel Sebastián, e por delegación deste secretaria de Estado de Comercio, Silvia Iranzo Gutiérrez, nomeada polo Real decreto 561/2008, do 21 de abril, conforme a competencia delegada pola Orde ITC/1332/2008, do 12 de maio, en relación coa Orde ITC/3187/2004, do 4 de outubro.

Doutra parte, o conselleiro de Innovación e Industria da Xunta de Galicia, Fernando Xabier Blanco Álvarez, actuando en nome e representación da Xunta de Galicia ao abeiro das facultades que, para vincularse neste acto, ten conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, da Xunta de Galicia e a súa Presidencia, e polo Acordo do 27 de marzo de 1991 do Consello da Xunta, feito público mediante Resolución do 8 de abril de 1991, da Consellería de Economía e Facenda (DOG nº 82, do 30 de abril).

Recoñecéndose, na representación que posúen, competencia para celebrar este convenio,

EXPOÑEN:

Que a Secretaría de Estado de Comercio ten entre as súas funcións, a través da Dirección Xeral de Política Comercial, a elaboración dos plans xerais que contribúan á mellora da calidade das empresas do sector e dos apoios financeiros necesarios para o seu desenvolvemento, así como a cooperación coas comunidades autónomas en relación con isto.

Para o desenvolvemento desta función elaborouse o Plan de mellora da calidade no comercio, que ten como obxectivo final o da mellora da eficiencia e competitividade das pequenas e medianas empresas comerciais, para lograr un equilibrio harmónico da estrutura do sector, coa coexistencia de diversos formatos de empresa e establecemento, que garanten a competencia e a liberdade de elección dos consumidores, ao tempo que se contribúa a un desenvolvemento equilibrado e sustentable da estrutura urbana das nosas cidades.

Este plan de mellora establece subvencións ás pequenas e medianas empresas comerciais, ás súas asociacións e aos concellos, no marco dunha política orientada á consolidación do comercio urbano, mantendo e desenvolvendo o modelo comercial tradicional español, mediante a mellora da competitividade das empresas de distribución e do contorno físico no que se senta o comercio de proximidade, de forma que non só se evite a destrución de emprego, senón que se mellore o seu grao de profesionalidade, permitindo que os recursos humanos que se vinculan a este sector podan prestar un maior valor engadido en canto á especialización e calidade do servizo.

Para a elaboración deste plan tívose en conta a experiencia acumulada durante o desenvolvemento do Plan marco de modernización do comercio interior, entre os anos 1995 e 2004, orientando os novos programas cara a aquelas actuacións que se mostraron máis rendibles e máis demandadas polas administracións autonómicas.

O Plan de mellora foi aprobado pola Mesa de Directores Xerais de Comercio de comunidades autónomas do 16 de novembro de 2004, como Comisión da Conferencia Sectorial de Comercio Interior, e por delegación do Pleno desta, e por acordo de Consello de Ministros do 17 de decembro de 2004, tendo sido reformado por acordo da Mesa de Directores Xerais de Comercio do 24 de marzo de 2006 e acordo de Consello de Ministros do 23 de xuño dese ano.

Que é vontade do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio e da Consellería de Innovación e Industria, da Xunta de Galicia, impulsar e potenciar a colaboración, a corresponsabilidade e a coordinación dos diferentes niveis das administracións públicas na realización de actuacións previstas no Plan de mellora da calidade no comercio.

En virtude do exposto, en execución da competencia exclusiva do Estado prevista no artigo 149.1º.13 da Constitución e da competencia atribuída á Xunta de Galicia no artigo 30.1º.4 do seu Estatuto de autonomía, as partes asinantes

ACORDAN:

Primeiro.-As partes asinantes colaborarán para desenvolver o Plan de mellora da calidade no comercio, dentro do ámbito xeográfico da Xunta de Galicia, como marco en que se recolle unha estratexia común para todo o sector e no cal quedan encadradas as iniciativas que se inclúen neste convenio.

Segundo.-No desenvolvemento do Plan de mellora da calidade no comercio, a Xunta de Galicia obterá o cofinanciamento do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio nas subvencións que outorgue ao sector comercial nos seguintes programas:

a) Fomento do comercio urbano: este programa pretende corrixir posibles desequilibrios territoriais na oferta comercial, mediante unha mellora do contorno físico urbano en que as empresas comerciais se poidan instalar, respectando as condicións de competencia do mercado e poñendo á disposición dos pequenos empresarios do sector espazos suficientemente atractivos para o desenvolvemento da súa actividade, entendendo este concepto de urbano en contraposición ao de periférico e non ao de rural, que se considera tamén prioritario e que é obxecto do segundo programa deste plan.

Dentro deste programa establécense as catro liñas preferentes de actuación seguinte:

-Modernización de mercados retallistas municipais.

-Centros comerciais abertos.

-Conversión en peóns de eixes comerciais.

-Adecuación de espazos para venda non sedentaria.

b) Mellora do comercio rural: pretende asegurar os servizos comerciais xerais do municipio e dos núcleos de poboación próximos, promocionando os establecementos multiservizos, os produtos artesanais, e adecuando as áreas destinadas á venda ambulante, dotándoos de servizos comúns e potenciando simultaneamente a introdución de canles directas de comercialización.

c) Fomento da cooperación empresarial: trátase de mellorar a posición do pequeno comercio fronte a provedores nas compras e consumidores, mediante o asociacionismo que permita crear unha imaxe común e unha marca unitaria, apoiándose en novas centrais de compra, implantación de redes informáticas, desenvolvemento de redes loxísticas, etc.

d) Calidade nos establecementos comerciais: co fin de facer competitivo o pequeno comercio fronte aos novos formatos comerciais preténdese mellorar a xestión e a calidade dos servizos, fundamentalmente a través de dúas liñas de actuación: certificación de calidade comercial e acceso a novas tecnoloxías e sociedade da información.

e) Poderán, así mesmo, ser obxecto das axudas deste convenio as actividades que, aínda non recollidas no Plan de mellora da calidade no comercio, se poidan relacionar de forma evidente co espírito do mesmo e contribúan co seu desenvolvemento á consecución da modernización da distribución.

Terceiro.-Nas actuacións que se acollan a este convenio a achega das comunidades autónomas será cofinanciada polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio a través do artigo orzamentario 751 Transferencias de capital a comunidades autónomas, do Programa orzamentario 4310, Ordenación e modernización das estruturas comerciais, da Dirección Xeral de Política Comercial.

Do orzamento total do capítulo 7 asignado ao Plan (12.240.000,00 €), o 75% destinarase ás cantidades mínimas que percibirá cada comunidade autónoma, de acordo cun coeficiente que reflicta a importancia do seu tecido comercial e calculado en función dos criterios obxectivos que foron aprobados en conferencia sectorial, a través da Mesa de Directores Xerais do 16 de novembro de 2004 e acordo de Consello de Ministros do 17 de decembro.

Para este ano, á Xunta de Galicia correspóndelle un mínimo de 602.968,10 euros segundo a aplicación do coeficiente de reparto e como se confirmou na reunión da Mesa de Directores Xerais de Comercio Interior do 10 de xuño de 2008, sempre que presente proxectos suficientes susceptibles de cofinanciamento.

O 25% restante do orzamento será distribuído pola Mesa de Directores Xerais, a proposta do grupo de traballo establecido para o efecto no Plan de mellora, para o financiamento de proxectos de especial interese presentados polas comunidades autónomas, permitindo tamén o financiamento de actuacións daquelas comunidades en que coa cantidade que se lle asigne, segundo o exposto no parágrafo anterior, non se acadaría a dotación requirida para iso.

O cofinanciamento do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio a cada proxecto será de ata do 40% da achegada pola Xunta de Galicia.

Cuarto.-Crearase o grupo de traballo da conferencia sectorial definido no Plan de mellora da calidade no comercio formado por técnicos da Dirección Xeral de Política Comercial e das direccións xerais competentes de todas as comunidades e cidades autónomas, que analizará as propostas de cofinanciamento presentadas por estas e elaborará unha proposta á Mesa de Directores Xerais que decidirá cales son os proxectos que se cofinanciarán.

Quinto.-A xestión das axudas realizarase de acordo co seguinte procedemento:

1. A Xunta de Galicia, de entre as actividades por ela subvencionadas, seleccionará as máis relevantes, segundo o seu criterio, para acollerse ao cofinanciamento do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio a través deste Plan de mellora da calidade no comercio.

2. A unidade administrativa competente da Xunta de Galicia enviará antes do 30 de setembro de 2008 á Dirección Xeral de Política Comercial a relación de expedientes para os que se solicita o cofinanciamento do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio.

Esa relación conterá todos os datos que se solicitan no programa informático enviado á Xunta de Galicia pola Dirección Xeral de Política Comercial ao respecto.

3. Cada proxecto para o que se solicita o cofinanciamento irá acompañado de: memoria, desagregación orzamentaria, información sobre se ten ou non cofinanciamento Feder, partidas do orzamento que se subvencionan e certificado por parte da comunidade autónoma de que a subvención foi concedida. Non obstante, poderán ser obxecto dunha memoria conxunta as actuacións de apoio a asociacións de comerciantes para o desenvolvemento de actividades de promoción e dinamización de eixes comerciais urbanos que estean interrelacionadas e garden unha unidade de criterio. Así mesmo, se se trata de subvencionar empresarios individuais que formen parte dunha actuación conxunta ou no caso do Programa de calidade de establecementos comerciais farase unha memoria xenérica para todos os comprendidos dentro dun mesmo programa.

4. O grupo de traballo seleccionará os proxectos que se cofinanciarán e elevará a proposta á Mesa de Directores Xerais da Conferencia Sectorial de Comercio, que a analizará e determinará a cantidade total correspondente a cada comunidade autónoma, respectando os mínimos referidos no punto terceiro deste convenio, e enviará a proposta para a súa aprobación definitiva no Consello de Ministros.

5. As cantidades aprobadas no Consello de Ministros transferiranse á Xunta de Galicia.

6. Os expedientes enviados á Dirección Xeral de Política Comercial pola Xunta de Galicia para o seu cofinanciamento poderán acollerse a este convenio aínda que a concesión da axuda por comunidade autónoma fose anterior á data da sinatura deste convenio.

7. Correspóndelle á Xunta de Galicia o control da execución e o seguimento dos expedientes cofinanciados, comunicando á Dirección Xeral de Política Comercial as incidencias que se produzan. Para tal fin, de acordo coas comunidades autónomas, poderase establecer o sistema de intercambio de información que se coide necesario. Particularmente a comunidade autónoma remitirá á Dirección Xeral de Política Comercial, e non máis tarde do 31 de marzo de 2009, un estado de execución do exercicio, indicando as contías totais de compromisos de créditos, obrigas recoñecidas e pagamentos realizados no ano, para dar cumprimento ao prevido no artigo 86.2º.sexta da Lei 47/2003, do 26 de novembro, xeral orzamentaria. Todo isto enténdese sen prexuízo do control financeiro que corresponde á Intervención Xeral da Administración do Estado e ao Tribunal de Contas.

Sexto.-A Xunta de Galicia comunicaralle aos beneficiarios de cada expediente o cofinanciamento que corresponde ao Ministerio de Industria, Turismo e Comercio da subvención por eles percibida; cando figure algún tipo de anuncio dos promotores ou procedencia dos fondos investidos, a comunidade autónoma indicaralle aos beneficiarios a obriga de indicar o cofinanciamento deste ministerio. Así mesmo, a difusión do Plan de mellora da calidade no comercio corresponderalle á Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia.

Sétimo.-Os fondos achegados polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio acóllense ao Programa operativo Feder de Galicia 2007-2013, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder). Por este motivo, de acordo coas recomendacións da Comisión Europea, a Xunta de Galicia non deberá presentar á Dirección Xeral de Política Comercial para acollerse aos beneficios deste Convenio, aqueles expedientes para os que solicitase retornos polo mencionado programa operativo ou calquera outro programa da Unión Europea.

A Xunta de Galicia comunicaralle o cofinanciamento europeo (programa operativo da Xunta de Galicia) aos beneficiarios dos proxectos acollidos a este convenio e asegurarase de que estean informados dos puntos que contén o artigo 13.1º do Regulamento (CE) 1828/2006.

Así mesmo, a Dirección Xeral de Política Comercial poderalle solicitar á comunidade autónoma información complementaria sobre os expedientes seleccionados polo grupo de traballo e aprobados, pola súa proposta, pola Mesa de Directores, co fin de poder cumprir os requisitos exixidos na normativa contida no programa operativo 2007-2013.

De conformidade co artigo 60 d) do Regulamento (CE) 1083/2006, os beneficiarios e os organismos participantes na execución das operacións deben manter un sistema de contabilidade separado para todas as transaccións relacionadas coas operacións obxecto de cofinanciamento ou, polo menos, contar cunha codificación contable adecuada que permita identificar claramente estas transaccións.

Os retornos de fondos da Unión Europea realízanse sobre pagamentos realizados aos beneficiarios e debidamente xustificados por estes, debendo presentarse a relación de expedientes por parte da Dirección Xeral de Política Comercial á autoridade de xestión do Feder no terceiro trimestre do ano 2009. Para poder solicitar os retornos da Unión Europea correspondentes aos fondos achegados polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, a Xunta de Galicia deberá presentar as certificacións de pagamento o antes posible e non máis tarde do 30 de abril de 2010, á Dirección Xeral de Política Comercial.

Oitavo.-Este convenio entrará en vigor desde a data da súa sinatura e terá unha vixencia temporal ata o 31 de decembro de 2008, aínda que se manterán os compromisos de información previstos nas cláusulas quinta.7 e sétima. Non obstante, poderase producir a súa resolución antes do prazo indicado, por mutuo acordo das partes, por incumprimento ou por denuncia dalgunha delas, ata dous meses antes da data de extinción do convenio.

Noveno.-Segundo o previsto no artigo 6.3º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, crearase un órgano mixto de vixilancia e control da execución e aplicación deste convenio e de resolución de controversias administrativas. Este órgano mixto estará integrado por dous representantes de cada unha das partes asinantes designados, respectivamente, polo ministro de Industria, Turismo e Comercio e o conselleiro de Innovación e Industria.

Décimo.-As cuestións litixiosas que poidan xurdir na interpretación e cumprimento deste convenio serán de coñecemento e competencia da orde xurisdicional do contencioso-administrativo.

E en proba de conformidade, asinan os intervenientes, no lugar e data indicados no encabezamento. Silvia Iranzo Gutiérrez, secretaria de Estado de Comercio. Fernando Xabier Blanco Álvarez, conselleiro de Innovación e Industria.