DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Venres, 27 de febreiro de 2009 Páx. 4.196

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

ORDE do 19 de febreiro de 2009 pola que se establecen as bases reguladoras para a colaboración entre a Consellería de Innovación e Industria e as entidades colaboradoras para a renovación de equipamentos individuais de gas na Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á convocatoria para o ano 2009 das axudas para a adquisición dos novos equipamentos.

O desenvolvemento económico produciu nos últimos tempos un aumento moi considerable do consumo enerxético, e prevese para os vindeiros anos un crecemento importante en sectores como o terciario e o doméstico. Neste marco, adquire unha importancia especial a promoción da mellora das instalacións de calefacción e auga quente sanitaria.

A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas realizou no ano 2006 un estudo sobre o parque de equipamentos individuais de gas en Galicia, obténdose como conclusións que o 32% dos aparellos analizados teñen máis de dez anos de antigüidade, polo que carecen dos dispositivos de seguranza indicados na Directiva 90/396/CEE do Consello, do 29 de xuño de 1990, e que o 85% dos aparellos son de circuíto aberto, o que os fai sensibles á ventilación do local onde están instalados, á presenza no mesmo local de aparellos de extracción mecánica de aire e á saída de produtos da combustión, aspectos todos eles a que son menos sensibles os equipamentos de circuíto estanco.

A Consellería de Innovación e Industria, en virtude do Decreto 231/2006, do 23 de novembro, polo que se establece a súa estrutura orgánica, exerce as competencias da Xunta de Galicia en materia de seguranza industrial e enerxía.

Para a execución de moitas das accións recollidas nesta orde, e tendo presentes os prazos de tramitación establecidos nela, a consellería necesita da participación de entidades próximas aos destinatarios das accións, con experiencia no desenvolvemento deste tipo de actuacións e que teñan contacto xeográfico próximo cos destinatarios finais.

Consonte esta exposición, destaca o interese xeral para Galicia da mellora tanto da seguranza como da eficiencia das instalacións de calefacción e auga quente sanitaria, polo que se establece a seguinte orde de colaboración entre a Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia e as entidades colaboradoras para a renovación de equipamentos individuais de gas na Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede a convocatoria para o ano 2009 das axudas para a adquisición dos novos equipamentos.

De acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, esta orde tramítase na modalidade de concorrencia non competitiva, de modo que as solicitudes de subvención serán atendidas respectando a súa orde de entrada e sen comparación con outras solicitudes, ata o esgotamento do crédito dispoñible. A elección deste procedemento de concesión de axudas vén xustificado polo feito de que os requisitos que se teñen que cumprir para a concesión da subvención están fixados de forma clara e regulada nesta orde, de tal maneira que non é axeitado á finalidade e ao obxecto da axuda establecer criterios de graduación entre os posibles beneficiarios.

Na súa virtude, e no uso das atribucións que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Convocatoria e bases reguladoras.

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases polas que se rexerá a colaboración entre a Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia e as entidades colaboradoras, para a promoción da substitución de equipamentos (caldeiras ou quentadores) individuais de gas de circuíto aberto cunha antigüidade maior de dez anos por novos equipamentos individuais de gas de circuíto estanco e que cumpran coas exixencias do RITE, especialmente no relativo ao seu rendemento (Real decreto 1027/2007, do 20 de xullo, polo que se aproba o Regulamento de instalacións térmicas nos edificios).

2. Así mesmo, para lograr a devandita promoción arbítrase un programa de axudas para a adquisición dos novos equipamentos por parte dos propietarios de vivendas.

Artigo 2º.-Autorización de entidades colaboradoras.

1. As entidades colaboradoras terán como cometido a promoción da substitución dos equipamentos indicados no artigo primeiro, actuando como enlace entre os beneficiarios das accións subvencionables e a consellería.

2. As funcións que deberán realizar as entidades colaboradoras son:

-Comprobación inicial dos requisitos dos solicitantes da axuda.

-Realización ante a consellería dos trámites para solicitar a axuda.

-Desenvolvemento das accións vinculadas.

-Xustificación da axuda e a súa certificación ante a consellería.

3. Para os efectos desta orde, entenderase por entidades colaboradoras as entidades con personalidade xurídica validamente constituídas, así como os empresarios individuais, que teñan a súa sede social ou algún centro de traballo en Galicia, que realicen actividade económica relacionada coas accións que se fomentan a través desta orde no ámbito das instalacións de calefacción e auga quente sanitaria, e que acrediten os requisitos establecidos de solvencia técnica, económica e eficacia conforme o recollido nas bases reguladoras desta orde.

4. Non poderán acadar a condición de entidade colaboradora as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade que careza de personalidade xurídica propia, aínda que realice actividade empresarial.

Artigo 3º.-Solicitudes de adhesión como entidade colaboradora.

1. Para poder actuar como entidade colaboradora, deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta orde, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 4º. 2 das bases reguladoras.

Artigo 4º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes de adhesión como entidade colaboradora.

1. Os formularios de solicitude de adhesión como entidade colaboradora regulados nesta orde deberaos obter, cubrir, validar e imprimir necesariamente o solicitante a través da aplicación informática Axudas virtual (procedemento IN411B) establecida na Oficina virtual desta consellería, sita no enderezo da internet http//www.conselleriaiei.org. Tamén se pode acceder desde o enderezo http://www.xunta.es/presentación-electronica da Xunta de Galicia facendo uso do enlace dispoñible co procedemento IN411B.

Para cubrir correctamente os formularios de solicitude, no citado enderezo de internet disporase de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polos solicitantes.

Poderanse cubrir e obter os formularios ata as 24 horas do día anterior á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información, poderán dirixirse ao Servizo de Administración Industrial, a través do teléfono 981 54 43 88, do número de fax 981 95 71 92 ou do enderezo de correo electrónico dxi.axudas2009@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación por escrito de solicitudes.

Os anexos desta convocatoria publícanse no DOG exclusivamente para efectos informativos, sendo necesario empregar a aplicación informática indicada para a obtención dos formularios de solicitude.

A presentación de solicitudes farase por vía escrita (en soporte papel) ou en formato electrónico ante o Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, logo de obtención e formalización dos formularios de acordo co previsto neste artigo.

2. As solicitudes en formato papel presentaranse preferentemente no rexistro da Xunta de Galicia, así como nos de calquera outro órgano da Administración Xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración local, sempre que neste último caso se teña subscrito o oportuno convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (en diante, Lei 30/1992).

As solicitudes tamén se poderán presentar en formato electrónico, en vez de en papel, ante o Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, mediante sinatura electrónica do/a representante legal do solicitante ou persoa que o/a representa e cando non sexa preciso achegar ningunha documentación en papel, téndose que cumprir os seguintes requisitos:

O presentador deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 recoñecido pola plataforma de validación e sinatura electrónica @firma. Os prestadores recoñecidos son: DNI electrónico, Camerfirma, izenpe, CATCert (Axencia Catalá de Certificación), ANF AC, SCR (Servizo de Certificación dos Rexistradores), ACA, ACCV (Autoridade de Certificación da Comunidade Valenciana), ANCERT (Axencia Notarial de Certificación), FNMT (Fábrica Nacional de Moeda e Timbre), Firmaprofesional e Banesto C.A.

3. Xunto cos formularios de solicitude, deberá anexarse en formato electrónico a documentación a que se fai referencia no artigo 4º.2 do anexo I de bases reguladoras. Para isto, no proceso de formalización telemática permitirase anexar á solicitude os arquivos informáticos necesarios. No caso de presentación telemática, unha vez asinados co certificado dixital do presentador os formularios normalizados, procederase á transferencia telemática da dita documentación ao Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, creado polo Decreto 164/2005, do 16 de xuño. Unha vez completado o proceso de transferencia telemática, efectuarase a anotación correspondente no Rexistro de Entrada, e nese momento expedirase, empregando as características da aplicación telemática, un recibo no cal quedará constancia do feito da presentación.

4. O prazo de presentación das solicitudes será ata o 15 de setembro de 2009.

Artigo 5º.-Prazo de duración do procedemento de autorización como entidade colaboradora.

1. Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes de adhesión, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder os seis meses. O prazo computarase a partir do día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria.

2. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 6º.-Solicitude previa da axuda.

1. Unha vez autorizada como entidades colaboradoras, estas presentarán para cada proxecto unha solicitude previa da axuda ante a consellería. Esta solicitude deberá estar axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo IV desta orde, que irá acompañada do documento de aceptación e sometemento ás condicións establecidas nesta orde, que se achega como anexo III.

2. A data límite para a presentación de destas solicitudes é o 15 de setembro de 2009, salvo que se produza o suposto de esgotamento de crédito previsto no artigo 1º das bases reguladoras. Neste caso, informarase do peche adiantado do prazo de solicitude a través da páxina web da Consellería de Innovación e Industria.

3. Necesariamente a execución do investimento subvencionable deberá realizarse unha vez obtida a correspondente aprobación da solicitude previa da axuda, non aceptándose investimentos realizados con anterioridade.

4. Os formularios de solicitude de axuda regulados nesta orde deberaos obter, cubrir, validar e imprimir necesariamente o solicitante a través da aplicación informática Axudas virtual (procedemento IN411C) establecida na oficina virtual desta consellería, sita no enderezo da internet http//www.conselleriaiei.org. Tamén se pode acceder desde o enderezo http://www.xunta.es/presentación-electronica da Xunta de Galicia facendo uso do enlace dispoñible co procedemento IN411C.

Para cubrir correctamente os formularios de solicitude, no citado enderezo de internet disporase de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polos solicitantes.

Poderanse cubrir e obter os formularios ata as 24 horas do día anterior á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información, poderán dirixirse ao Servizo de Administración Industrial, a través do teléfono 981 54 43 88, do número de fax 981 95 71 92 ou do enderezo de correo electrónico dxi.axudas2009@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación por escrito de solicitudes.

Os anexos desta convocatoria publícase no DOG exclusivamente para efectos informativos, sendo necesario empregar a aplicación informática indicada para a obtención dos formularios de solicitude.

A presentación de solicitudes farase por vía escrita (en soporte papel) ou en formato electrónico ante o Rexistro Telemático da Xunta de Galicia logo de obter e formalizar dos formularios de acordo co previsto neste artigo.

5. As solicitudes en formato papel presentaranse preferentemente no rexistro da Xunta de Galicia, así como nos de calquera outro órgano da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración local, sempre que neste último caso se teña subscrito o oportuno convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (en diante, Lei 30/1992).

As solicitudes tamén poderán presentarse en formato electrónico, en vez de en papel, ante o Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, mediante sinatura electrónica do/a representante legal do solicitante ou persoa que o/a representa e cando non sexa preciso achegar ningunha documentación en papel, téndose que cumprir os seguintes requisitos:

O presentador deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 recoñecido pola plataforma de validación e sinatura electrónica @firma. Os prestadores recoñecidos son: DNI electrónico, Camerfirma, izenpe, CATCert (Axencia Catalá de Certificación), ANF AC, SCR (Servizo de Certificación dos Rexistradores), ACA, ACCV (Autoridade de Certificación da Comunidade Valenciana), ANCERT (Axencia Notarial de Certificación), FNMT (Fábrica Nacional de Moeda e Timbre), Firmaprofesional e Banesto C.A.

Artigo 7º.-Prazo de duración do procedemento de aprobación da solicitude previa da axuda.

1. As solicitudes previas da axuda serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder de seis meses. O prazo computarase a partir do día seguinte ao da data de presentación das solicitudes de aprobación previa.

2. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 8º.-Información aos interesados.

Sobre este procedemento administrativo, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería (www. conselleriaiei. org), na súa epígrafe de axudas.

b) Os teléfonos 981 54 55 72 e 981 54 43 88 da devandita dirección xeral.

c) Presencialmente.

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia, que é o 012 (desde todo o Estado 902 12 00 12).

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación para o desenvolvemento.

Facúltase o director xeral de Industria, Enerxía e Minas para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e a aplicación desta orde.

Segunda.-Xestión do crédito.

A xestión dos créditos incorporados nesta convocatoria realizaranse de forma desconcentrada polas delegacións provinciais.

Terceira.-Entrada en vigor.

Esta orden entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2009.

Fernando Xabier Blanco Álvarez

Conselleiro de Innovación e Industria

ANEXO I

Bases reguladoras para a colaboración entre a Consellería de Innovación e Industria e as entidades colaboradoras para a renovación de equipamentos individuais de gas na Comunidade Autónoma de Galicia, pola que se procede á convocatoria para o ano 2009 das axudas para a adquisición dos novos equipamentos

Artigo 1º.-Obxecto e réxime das subvencións.

1. Este anexo ten o obxecto de aprobar as bases polas que se rexerá a colaboración entre a Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia e as entidades colaboradoras para a concesión das axudas do programa de renovación, dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, dos equipamentos (caldeiras ou quentadores) individuais de gas de circuíto aberto cunha antigüidade maior de dez anos por novos equipamentos individuais de gas de circuíto estanco e que cumpran coas exixencias do RITE, especialmente no relativo ao seu rendemento (Real decreto 1027/2007, do 20 de xullo, polo que se aproba o Regulamento de instalacións térmicas nos edificios).

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, que no seu artigo 19.2º establece que as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán excepcionar do requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e a finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario coas garantías previstas no artigo 31.4º desta lei.

3. O procedemento de concesión desta subvención quedará suxeito ao Regulamento comunitario nº 1998/2006, da Comisión, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis (DOUE L 379, 28-12-2006).

O importe da subvención non poderá exceder, xunto coas demais axudas amparadas na cláusula de minimis percibidas polo beneficiario no último período de tres anos fiscais, o límite de 200.000 €. Estes límites aplicaranse con independencia de forma de axudas de minimis e indistintamente se a axuda concedida está financiada total ou parcialmente mediante recursos de orixe comunitaria.

4. A concesión destas axudas estará en todo caso condicionada á existencia de crédito orzamentario e, no caso de esgotamento do crédito, a Administración publicará no DOG a indicada circunstancia, o que levará consigo a non admisión das solicitudes posteriores, sen prexuízo de que a Administración poida optar por incrementar o crédito orzamentario nos seguintes supostos:

a) Unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) A existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Artigo 2º.-Financiamento.

1. As axudas outorgaranse ata esgotarse as dispoñibilidades orzamentarias aprobadas e financiaranse con cargo á partida 10.03.732-A.780.1 Seguranza industrial. Instalacións de gas cun crédito de 200.000 €, previstos nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009.

2. Para os efectos desta orde, entenderase como investimento subvencionable o custo do novo equipamento (caldeira ou quentador) e aqueles custos necesarios para a súa substitución. No caso de edificios de vivendas en que a evacuación dos gases se realice a través dunha cheminea común que non resulte adecuada á nova caldeira obxecto da reforma, tamén se considerarán investimento subvencionable a substitución ou a instalación dunha cheminea adicional, que se deberá executar de xeito que cando outras vivendas do mesmo edificio procedan á reforma da súa instalación térmica, se poidan servir dela. Estas chemineas deberán ser adecuadas para a instalación de caldeiras de condensación.

3. A axuda acadará o 30% do investimento subvencionable, cun límite máximo de 1000 € (mil euros) no caso de substitución de equipamentos (caldeiras ou quentadores). Se se trata da substitución ou a instalación dunha cheminea segundo o indicado no punto anterior, a axuda será de 250 € (douscentos cincuenta euros) por cada caldeira conectada á nova cheminea, cun máximo de 1.500 € (mil cincocentos euros) por cheminea e 3.000 € (tres mil euros) por comunidade de propietarios. O imposto sobre o valor engadido (IVE) será subvencionable nos termos previstos no punto 8º do artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. As axudas recollidas nesta orde serán incompatibles con calquera outro tipo de axuda pública ou privada que poida recibir o beneficiario para a adquisición do mesmo investimento.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

1. Poderán solicitar e beneficiarse das axudas a que se refire esta orde:

a) Os propietarios de vivendas situadas na Comunidade Autónoma de Galicia que procedan a renovar o equipamento obxecto da subvención.

b) As comunidades de propietarios en que se proceda a substitución ou a instalación dunha cheminea nas condicións indicadas no punto 2 do artigo 2º.

c) Poderán acceder á condición de beneficiario as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo os proxectos, actividades ou comportamentos ou se atopen na situación que motiva a concesión da subvención.

2. Para ser beneficiario deberase tramitar a solicitude, exclusivamente, a través de calquera das entidades colaboradoras adheridas segundo o establecido nesta orde.

Artigo 4º.-Solicitudes de adhesión como entidade colaboradora.

1. As solicitudes para actuar como entidade colaboradora presentaranse na forma e prazo que se indican na convocatoria.

2. As solicitudes para actuar como entidade colaboradora deberá presentarse a seguinte documentación:

a) Anexo II desta orde debidamente cuberto.

b) Documento acreditativo do poder con que actúa o representante legal (no caso de persoas xurídicas).

c) CIF da entidade colaboradora (no caso de persoas xurídicas).

d) DNI do representante legal ou do empresario individual.

e) DNI do interlocutor.

f) Identificación da situación censual de alta da entidade colaboradora nunha epígrafe do imposto de actividades económicas relacionado co desenvolvemento do tipo de actividades recollidas nestaorde, ou xustificante de non obriga.

3. A documentación indicada no punto 2 b),c),d) e e) deste artigo poderá ser identificada polo solicitante como documentación en poder da consellería, en aplicación do artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, ou en caso contrario poderá ser presentada en papel por calquera das vías establecidas no artigo 38.4º da citada Lei 30/1992.

4. O DNI, o NIE ou o CIF poderá considerarse como información accesible cando o solicitante autorice nos formularios normalizados de solicitude que o órgano xestor poida obter da Axencia Estatal da Administración Tributaria os datos identificativos necesarios (NIF ou CIF, apelidos e nome ou razón social e domicilio fiscal), en lugar de presentar tales documentos, comprobando que os datos declarados polo solicitante son exactos. Este dereito pódese exercerse de acordo co disposto no artigo 6.2º b) e no artigo 9 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.

5. Para adherirse á orde, as colaboradoras deben encontrarse ao día do pagamento das obrigas coa Facenda Pública do Estado e da Administración autónoma, así como coa Seguridade Social. Para iso, autorizarán, segundo o anexo II que a consellería consulte por medios telemáticos con outras AA.PP. dita información.

6. A consellería, á vista da documentación presentada e de conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nesta orde ou é necesario solicitar algunha aclaración, requirirá a entidade para que nun prazo de dez días hábiles emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Nese requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se considerará que desiste na súa petición, logo da correspondente resolución. En función do cumprimento polo solicitante dos requisitos exixidos para a obtención da condición de entidade colaboradora, a consellería notificará en cada caso a súa adhesión ou non.

7. Así mesmo, as colaboradoras deberán comunicar con posterioridade calquera variación substancial relativa á información inicial presentada en relación con esta orde.

Artigo 5º.-Solicitudes previa das axudas.

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión das axudas presentaranse na forma e prazo que se indican na convocatoria.

2. As entidades colaboradoras comprobarán a idoneidade da documentación dos solicitantes para seren beneficiarios, para o que obterán do solicitante o seguinte:

A) Comunidades de propietarios (chemineas):

a) Copia do DNI do presidente da comunidade, no caso de que o solicitante sexa unha comunidade de propietarios.

b) Copia da acta de constitución da comunidade de propietarios.

c) Copia da acta onde se nomee o presidente da dita comunidade, que debe coincidir co solicitante, ou certificación do administrador de predios que leve esa comunidade.

d) Certificación do acordo adoptado pola correspondente comunidade de propietarios aceptando as bases da convocatoria e facultando o presidente ou administrador de predios para formular a solicitude de subvención.

e) Certificación do presidente da comunidade, secretario ou administrador, acreditando o número de caldeiras que se subvencionarán que se conectarán á nova cheminea, indicando nome, apelidos e NIF ou NIE dos solicitantes.

f) Declaración expresa de axudas solicitadas, obtidas, ou que se vaian solicitar para o mesmo proxecto en calquera outra Administración, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

g) Datos e características do equipamento que se substituirá e do novo equipamento.

h) Declaración escrita sobre calquera outra axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso (anexo III).

B) Vivendas (caldeiras ou quentadores):

a) Nome e apelidos, NIF ou NIE, enderezo completo para efectos de notificacións, enderezo da vivenda en que está instalado o equipamento que se quere substituír e teléfono de contacto.

b) Copia do NIF ou NIE.

c) Declaración expresa de axudas solicitadas, obtidas, ou que se vaian solicitar para o mesmo proxecto en calquera outra Administración, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

d) Datos e características do equipamento que se substituirá e do novo equipamento.

e) Documentación acreditativa da legalización ante a correspondente delegación provincial da Consellería de Innovación e Industria do equipamento que se vai substituír, co fin de comprobar a súa antigüidade, e/ou chapa identificativa do equipamento (unicamente se figuran nela con total claridade e perfectamente definidos a marca, o modelo e a data de fabricación), e/ou certificado emitido polo fabricante do equipamento en que se faga constar que o período de fabricación do modelo que se pretende substituír rematou hai más de dez anos.

f) Copia da escritura da vivenda a nome do solicitante, ou recibo do imposto de bens inmobles (IBI) a nome do solicitante.

g) Declaración escrita sobre calquera outra axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso (anexo III).

3. Unha vez obtida a documentación anterior, a colaboradora solicitará a aprobación previa remitindo á Consellería por calquera das vías establecidas nesta orde a solicitude (IN411C) que figura como anexo IV desta orde.

4. Así mesmo, as colaboradoras obterán un documento de aceptación e sometemento ás condicións establecidas nesta orde, que se achega como anexo III, que deberá ser asinado polo solicitante e remitido tamén á consellería.

5. O DNI, o NIE ou o CIF poderá considerarse como información accesible cando o solicitante autorice nos formularios normalizados de solicitude que o órgano xestor poida obter da Axencia Estatal da Administración Tributaria os datos identificativos necesarios (NIF ou CIF, apelidos e nome ou razón social, e domicilio fiscal), en lugar de presentar tales documentos, comprobando que os datos declarados polo solicitante son exactos. Este dereito pódese exercer de acordo co disposto no artigo 6.2º b) e no artigo 9 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.

Artigo 6º.-Consentimentos e autorizacións.

1. A presentación das solicitudes implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras. De conformidade coa Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009, se o solicitante indica que certa documentación que se deba usar neste procedemento xa consta no poder da Administración, a presentación da solicitude implica a autorización ao órgano instrutor para acceder a esa documentación. Para estes efectos, a documentación débese manter vixente e identificarase no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o que foi presentada.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos. No caso de persoas físicas, todo isto consonte o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

3. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, esta consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

Artigo 7º.-Órganos competentes.

A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas será o órgano competente para a instrución dos procedementos, correspondendo ao conselleiro de Innovación e Industria ditar as resolucións. Non obstante, cando a competencia estea desconcentrada nos delegados provinciais desta consellería, o órgano instrutor será a secretaría da respectiva delegación provincial.

Artigo 8º.-Instrución dos procedementos.

1. As solicitudes revisaranse en función dos obxectivos desta orde. A consellería aprobará, ou non, as solicitudes previas de axuda en función da revisión efectuada, así como das dispoñibilidades orzamentarias. Atenderanse as solicitudes seguindo a orde de presentación ata esgotar o crédito dispoñible. A notificación da aprobación ás entidades colaboradoras poderá facerse mediante publicación na páxina web da Consellería de Innovación e Industria.

2. No momento en que a consellería esgote a consignación orzamentaria establecida no artigo 2º destas bases, porao en coñecemento das colaboradoras, e non aprobará ningunha nova solicitude, sen menoscabo da tramitación ordinaria das aprobacións previas xa comunicadas.

3. Esta aprobación previa concede á colaboradora un prazo máximo dun mes no caso de substitución de caldeiras ou quentadores e dous meses no caso de substitución de chemineas desde a data de aprobación para desenvolver e xustificar cada proxecto, sendo a data límite de xustificación o 30 de novembro de 2009. A data de aprobación poderá ser verificada en todo momento na páxina web da Consellería. O incumprimento do dito prazo máximo no proceso de xustificación suporá de xeito automático a desistencia da tramitación da aprobación previa e corresponderá o seu arquivo por parte da consellería.

Artigo 9º.-Audiencia.

1. Instruídos os procedementos, e inmediatamente antes de redactar as propostas de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren nos procedementos nin se vaian ter en conta nas resolucións outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 10º.-Resolucións e pagamentos.

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o conselleiro ou, se é o caso, o delegado provincial, conforme o establecido no Decreto 88/1990, do 15 de febreiro, sobre desconcentración de competencias para a concesión de axudas e subvencións nos delegados provinciais ou territoriais de Xunta de Galicia, ditará a correspondente resolución.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de seis meses contados a partir da presentación da solicitude de subvención polo interesado nun rexistro válido. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. Segundo dispón o artigo 24 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido no artigo 58 da LRXAP-PAC. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59.6º b) da devandita lei, poderase substituír a notificación individual de concesión de axuda pola publicación na páxina web da Consellería de Innovación e Industria, con indicación neste caso da data da convocatoria, do beneficiario, da cantidade concedida e da finalidade da subvención outorgada.

Artigo 11º.-Réxime de recursos.

As resolucións ditadas ao abeiro desta orde de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

1. Recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Innovación e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

2. Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 12º.-Desenvolvemento dos proxectos.

1. Unha vez que un proxecto conte coa aprobación previa, as colaboradoras desenvolverano conxuntamente co beneficiario.

2. O beneficiario deberá realizar o pagamento íntegro da factura mediante medio de pagamento bancario (tarxeta de débito ou crédito), transferencia ou ingreso bancario, en que queden claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento e, de ser o caso, o seu concepto. Outras formas de pagamento en efectivo non se considerarán válidas para os efectos de xustificación, nin os pagamentos mediante arrendamento finaceiro (renting, leasing, etc), obriga de pagamento ou talón.

3. Calquera modificación sobrevida nos datos incluídos na solicitude de aprobación previa (por exemplo, erro nos datos do beneficiario, nos importes, no equipamento que se vaia subvencionar, etc), implica a necesaria anulación da solicitude pola entidade colaboradora, e debe dar lugar á presentación dunha nova solicitude de aprobación previa.

Artigo 13º.-Xustificación das axudas.

1. Para o pagamento das axudas aos beneficiarios, as colaboradoras presentarán ante a delegación provincial da Consellería de Innovación e Industria correspondente ao enderezo da instalación obxecto da subvención a seguinte documentación:

a) Certificación que recolla todos os datos do solicitante e do proxecto, e na cal se faga constar que se cumpren todos os requisitos para a concesión da axuda establecidos nesta orde.

b) Facturas orixinais ou copias compulsadas correspondentes ao investimento e documentación xustificativa do pagamento realizado.

c) Certificación bancaria acreditativa da titularidade e identificación da conta para o pagamento da axuda, en que consten o ordinal bancario, código do banco, código de sucursal e código de conta corrente.

d) Copia do NIF ou NIE do solicitante.

e) Documentación acreditativa da legalización ante a correspondente delegación provincial da Consellería de Innovación e Industria do equipamento que se vai substituír, e/ou chapa identificativa do equipamento (unicamente se figuran nela con total claridade e perfectamente definidos a marca, o modelo e a data de fabricación), e/ou certificado emitido polo fabricante do equipamento en que se faga constar que o período de fabricación do modelo que se pretende substituír rematou hai más de dez anos. (No caso de caldeiras ou quentadores).

f) Copia da escritura da vivenda a nome do solicitante, ou recibo do imposto de bens inmobles (IBI) a nome do solicitante. (No caso de caldeiras ou quentadores).

g) Anexo III desta orde asinado polo beneficiario.

h) No caso de caldeiras, documentación acreditativa da legalización ante a correspondente delegación provincial da Consellería de Innovación e Industria do novo equipamento ou, no caso de non dispoñer dela na data en que finalice o prazo para xustificar o investimento, documentación acreditativa de tela solicitado, estando obrigado a achegala en canto se dispoña dela.

i) Se procede, no caso de edificios de vivendas en que a evacuación dos gases se realice a través dunha cheminea común, memoria realizada polo instalador en que se xustifiquen as razóns técnicas que fan necesaria a substitución da cheminea ou a instalación dunha cheminea adicional para lograr unha correcta adaptación da saída de gases común aos equipamentos estancos.

j) No caso de edificios de vivendas en que se aproveite a cheminea existente para a evacuación dos gases da nova caldeira, certificado emitido polo instalador en que se indique e se xustifique tecnicamente que a saída de gases común funciona correctamente cos equipamentos instalados.

2. A consellería poderá solicitar da colaboradora ou do beneficiario calquera información complementaria que poida considerar durante a tramitación da orde.

3. A falsidade ou inexactitude nos datos recollidos nas certificacións poderá dar lugar á anulación da adhesión da colaboradora á orde, así como á aplicación do réxime sancionador previsto na normativa de aplicación en materia de subvencións públicas.

4. O DNI, o NIE ou o CIF poderá considerarse como información accesible cando o solicitante autorice nos formularios normalizados de solicitude que o órgano xestor poida obter da Axencia Estatal da Administración Tributaria os datos identificativos necesarios (NIF ou CIF, apelidos e nome ou razón social, e domicilio fiscal), en lugar de presentar tales documentos, comprobando que os datos declarados polo solicitante son exactos. Este dereito pódese exercer de acordo co disposto no artigo 6.2º b) e no artigo 9 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.

Artigo 14º.-Pagamento das axudas.

1. Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes de aprobación previa, e conforme o establecido no Decreto 88/1990, do 15 de febreiro, sobre desconcentración de competencias para a concesión de axudas e subvencións nos delegados provinciais ou territoriais da Xunta de Galicia, cada unha das delegacións provinciais da Consellería de Innovación e Industria tramitará os expedientes que lle correspondan, polo que a documentación xustificativa recollida no anterior artigo deberá dirixirse á delegación provincial correspondente ao enderezo da instalación obxecto da subvención.

2. Atenderanse, con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia dentro da vixencia da orde, os proxectos xustificados convenientemente antes do 30 de novembro de 2009.

3. A consellería poderá verificar presencialmente ou polos medios que considere oportunos que o proceso se levou a cabo segundo o establecido. Comprobada a documentación e o proceso, se procede, a consellería realizará a proposta de pagamento.

4. Procederase ao reintegro das subvencións percibidas nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 15º.-Obrigas das colaboradoras.

1. Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como daqueloutras específicas que se indiquen no anexo desta convocatoria, as entidades colaboradoras das axudas concedidas ao abeiro desta orde quedarán obrigadas a:

a) As colaboradoras someteranse ás actuacións de inspección e control que esta consellería poida efectuar respecto á xestión destas axudas, e que permitan a xustificación financeira perante a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e o Tribunal de Contas.

b) As entidades colaboradoras realizarán todos os trámites ante a consellería para a obtención das axudas por parte dos solicitantes. Así mesmo, verificarán que estes reúnen os requisitos establecidos nesta orde para ter a condición de beneficiarios, e emitirán certificación da verificación feita. Para isto, obríganse a presentar as solicitudes para a súa aprobación previa pola consellería, tal como se recolle no artigo 4º, e a presentar a documentación xustificativa do desenvolvemento, tal como recolle o artigo e 13º deste anexo.

c) As colaboradoras deben encontrarse ao día do pagamento das obrigas coa Facenda Pública do Estado e da Administración autónoma, así como coa Seguridade Social.

d) As colaboradoras deberán conservar os xustificantes e o resto da documentación relacionada coa axuda outorgada durante un período de cinco anos desde a súa concesión.

e) As colaboradoras cumprirán as obrigas en materia de protección de datos de carácter persoal derivadas da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, e da normativa aplicable.

Artigo 16º.-Obrigas de publicidade.

1. A entidades colaboradoras empregarán os medios que sexan necesarios para dar a máxima difusión posible a presente orde entre todos os potenciais beneficiarios, e disporán na súa web de información suficiente respecto ao seu alcance da mesma. Así mesmo, disporán cando menos dun teléfono e dun enderezo de correo electrónico para canalizar as consultas dos interesados.

2. Cando remate o prazo de presentación de solicitudes, e unha vez valoradas, publicarase no DOG e na páxina web da Consellería de Innovación e Industria a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Artigo 17º.-Obrigas dos beneficiarios.

1. Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007,do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como daqueloutras específicas que se indiquen no anexo desta convocatoria, os beneficiarios das axudas concedidas ao abeiro desta orde quedarán obrigados a:

a) Os beneficiarios someteranse ás actuacións de inspección e control que esta consellería poida efectuar respecto á xestión destas axudas, e que permitan a xustificación financeira perante a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e o Tribunal de Contas.

b) A falsidade ou inexactitude nos datos e documentos achegados polos beneficiarios poderá dar lugar á anulación da aprobación previa, ou ben con posterioridade á revogación da axuda e ao seu reintegro, así como á aplicación do réxime sancionador previsto na normativa en materia de subvencións públicas.

c) De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, os beneficiarios consenten a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos.

d) Así mesmo, de conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, esta consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

Artigo 18º.-Incumprimento, reintegros e sancións.

1. Os beneficiarios das axudas concedidas ao abeiro desta orde deberán proceder ao reintegro total ou parcial da subvención ou axuda pública percibida e aos xuros de mora correspondentes desde o momento do seu pagamento ata a data que se acorde a procedencia do reintegro nos supostos recollidos nos artigos 32 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Para facer efectiva esta devolución tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto na citada lei.

2. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 19º.-Control.

1. A Consellería de Innovación e Industria poderá facer as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento da finalidade das subvencións.

2. Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece no título III a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, relativo ao control financeiro de subvencións. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Disposición adicional

Única.-Remisión normativa.

Para todo o non previsto nestas bases observarase ao previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, relativo ao control financeiro de subvencións, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, en canto non se opoña ao establecido na citada lei, e no resto de normativa que resulte de aplicación.

Ver referencia pdf "04100D006P056.PDF"