DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Venres, 27 de febreiro de 2009 Páx. 4.183

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

ORDE do 19 de febreiro de 2009 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas nos parques empresariais e recintos de localización preferente de empresas na Comunidade Autónoma de Galicia, en réxime de concorrencia competitiva, e se procede á súa convocatoria para o ano 2009 (IN519B).

Os parques empresariais e as infraestruturas de solo empresarial creadas hai anos e cun alto nivel de ocupación de empresas, van tendo, como consecuencia do tempo transcorrido, determinadas carencias de infraestruturas e novas necesidades en materia de comunicación, enerxéticas ou de adecuación ás exixencias de normas posteriores a súa creación e de servizos comúns de carácter xeral que lles permitan unha actualización permanente fronte aos seus competidores.

Coa finalidade de realizar a renovación destas infraestruturas, para evitar a súa obsolencia, ou de habilitar outras novas non previstas na súa orixe, e co obxecto de motivar o esforzo común de constante mellora competitiva de oferta de solo empresarial, como elemento dinamizador da economía e do emprego local, dentro das competencias en materia de fomento empresarial que lle son propias á comunidade autónoma, a Consellería de Innovación e Industria estima necesario establecer medidas de apoio á actividade económica a través de proxectos de investimento en materia de infraestruturas de instalacións e de servizos ás empresas.

Como medio e instrumento para favorecer as actuacións indicadas, a Consellería de Innovación e Industria considera necesario establecer un programa de axudas encamiñadas á mellora das infraestruturas nos parques empresariais e recintos de localización preferente na Comunidade Autónoma de Galicia.

Neste programa estrutúrase unha liña de axudas, aprobándose as súas bases e adaptándose as novas exixencias de regulación estatal e autonómica en materia de subvencións públicas. Igualmente procederase a convocatoria destas axudas para o ano 2009.

Na súa virtude, e no uso das atribucións que me foron concedidas

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Convocatoria e bases reguladoras.

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión de subvencións da Consellería de Innovación e Industria, dirixidas a concellos, asociacións e institucións sen ánimo de lucro incluídas no programa de axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas nos parques empresariais e recintos de localización preferente de empresas na Comunidade Autónoma de Galicia (IN519B), que se inclúen como anexo I a esta orde.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións para o ano 2009.

3. Poderanse solicitar axudas plurianuais para a realización de obras que deberán finalizar no ano 2010, cos límites previstos no artigo 58 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Artigo 2º-Solicitudes.

1. Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta orde, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 4º das bases reguladoras.

2. As axudas outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva, e financiaranse con cargo ás aplicacións orzamentarias que se indican a continuación:

Ver referencia pdf "04100D005P043.PDF"

3. A contía máxima da subvención neta equivalente na aplicación 10.03.732-A 781.0 Asociacións e institucións sen ánimo de lucro poderá alcanzar:

Ata o 100% do custo de elaboración dos estudos o proxectos técnicos.

Ata o 100% do investimento subvencionable na execución de proxectos de mellora ou acondicionamento de servizos e infraestruturas en materia de comunicación, subministración enerxética, iluminación, saneamento, edificios múltiples, reparación e pavimentación de vías e movemento de terras.

A data límite para executar as actuacións que fosen obxecto de subvención e para xustificar o correspondente investimento é o 30 de novembro de 2009, e o 30 de novembro de 2010 para as subvencións plurianuais.

4. A contía máxima da subvención neta equivalente na aplicación 10.03.732-A 760.0 Concellos. Actuacións para infraestruturas en polígonos industriais poderá alcanzar:

Ata o 100% do investimento subvencionable na execución de proxectos de mellora ou acondicionamento de servizos e infraestruturas en materia de comunicación, subministración enerxética, iluminación, saneamento, edificios múltiples, reparación e pavimentación de vías e movemento de terras.

A data límite para executar as actuacións que fosen obxecto de subvención e para xustificar o correspondente investimento é o 30 de novembro de 2009, e o 30 de novembro de 2010 para as subvencións plurianuais.

5. Sobre este procedemento administrativo, que ten por código IN519B poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, a través da páxina web oficial da consellería (www. conselleriaiei.org), na súa epígrafe de axudas.

Artigo 3º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1. Os formularios de solicitude de axuda regulados nesta orde deberanse obter, cubrir, validar e imprimir necesariamente polo solicitante a través da aplicación informática axudas virtual (procedemento IN519B) establecida na oficina virtual desta consellería, sita no enderezo da internet http//www.conselleriaiei.org. Tamén se pode acceder desde o enderezo http://www.xunta.es/presentación-electronica da Xunta de Galicia facendo uso do enlace dispoñible co procedemento IN519B.

Para cubrir correctamente os formularios de solicitude, no citado enderezo da internet disporase de instrucións de axuda que deberán ser observadas, en todo momento, polos solicitantes.

Poderanse cubrir e obter os formularios ata as 24 horas do día anterior á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información, poderán dirixirse ao Servizo de Administración Industrial, a través do teléfono 981 54 43 88, do número de fax 981 95 71 92 ou do enderezo de correo electrónico dxi.axudas2009@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación por escrito de solicitudes.

Os anexos desta convocatoria publícanse no DOG exclusivamente para efectos informativos, sendo necesario empregar a aplicación informática indicada para a obtención dos formularios de solicitude.

A presentación de solicitudes farase por vía escrita (en soporte papel) ou en formato electrónico ante o rexistro telemático da Xunta de Galicia logo de obtención e cumprimentación dos formularios de acordo co previsto neste artigo.

2. As solicitudes en formato papel presentaranse preferentemente no rexistro da Xunta de Galicia, así como nos de calquera outro órgano da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración local, sempre que neste último caso se teña subscrito o oportuno convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (en adiante, Lei 30/1992).

As solicitudes tamén poderán presentarse en formato electrónico, en vez de en papel, ante o rexistro telemático da Xunta de Galicia, mediante sinatura electrónica do/a representante legal do solicitante ou persoa que o/a representa e cando non sexa preciso achegar ningunha documentación en papel, téndose que cumprir os seguintes requisitos:

O presentador deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 recoñecido pola plataforma de validación e sinatura electrónica @firma. Os prestadores recoñecidos son: DNI electrónico, Camerfirma, izenpe, CATCert (Axencia Catalá de Certificación), ANF AC, SCR (Servizo de Certificación dos Rexistradores), ACA, ACCV (Autoridade de Certificación da Comunidade Valenciana), Ancert (Axencia Notarial de Certificación), FNMT (Fábrica Nacional de Moeda e Timbre), Firmaprofesional e Banesto C.A.

3. Xunto cos formularios de solicitude deberá anexarse en formato electrónico a documentación a que se fai referencia no artigo 4º do anexo I de bases reguladoras. Para isto, no proceso de formalización telemática permitirase anexar á solicitude os arquivos informáticos necesarios. No caso de presentación telemática unha vez asinados co certificado dixital do presentador os formularios normalizados, procederase á transferencia telemática da dita documentación ao Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, creado polo Decreto 164/2005, do 16 de xuño. Unha vez completado o proceso de transferencia telemática, efectuarase a anotación correspondente no Rexistro de Entrada, e nese momento expedirase, empregando as características da aplicación telemática, un recibo no cal quedará constancia do feito da presentación.

4. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Enténdese como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 4º.-Prazo de duración do procedemento de concesión.

1. Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder dos seis meses. O prazo computarase a partir da publicación da correspondente convocatoria.

2. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 5º.-Información aos interesados.

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN519B, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería (www. conselleriaiei.org), no seu apartado de axudas.

b) Os teléfonos 981 54 55 72 e 981 54 43 88 da devandita dirección xeral.

c) Presencialmente.

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia, que é o 012 (desde todo o Estado 902 120 012).

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación para o desenvolvemento.

Facúltase o director xeral de Industria, Enerxía e Minas para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2009.

Fernando Xabier Blanco Álvarez

Conselleiro de Innovación e Industria

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva das subvencións encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas nos parques empresariais e recintos de localización preferente de empresas na Comunidade Autónoma de Galicia, no ano 2009

Artigo 1º.-Obxecto e réxime das subvencións.

1. Estas bases teñen como obxecto a mellora dos servizos e o acondicionamento de infraestruturas existentes ou de nova incorporación co fin de que as empresas radicadas nos parques empresariais e recintos de localización preferente en Galicia poidan dispoñer de condicións máis competitivas para desenvolver a súa actividade económica, para o ano 2009.

2. O procedemento de concesión desta subvención tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, e quedará suxeito ao Regulamento Comunitario nº 1998/2006 da Comisión do 15 de decembro de 2006 relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis (DOUE L 379, 28-12-2006).

O importe da subvención non poderá exceder, xunto coas demais axudas amparadas na cláusula de minimis percibidas polo beneficiario no último período de tres anos fiscais, co límite de 200.000 euros. Estes límites aplicaranse con independencia de forma de axudas de minimis e indistintamente se a axuda concedida está financiada total ou parcialmente mediante recursos de orixe comunitario.

3. Constitúen o obxecto destas axudas as seguintes actuacións:

a) A elaboración ou execución de estudos e proxectos de investimento para a incorporación de novos servizos e para a mellora das infraestruturas existentes en materia de comunicación, subministración enerxética, iluminación, saneamento, reparación e pavimentación de vías, movemento de terras e edificios múltiples.

b) A realización de instalacións centralizadas de produción de calor ou electricidade, sempre e cando se cumpran os requisitos establecidos no Real decreto 2818/1998, do 23 de decembro, sobre produción de enerxía eléctrica por instalacións abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables, residuos e coxeneración.

c) A dotación de infraestruturas de servizos avanzados que poidan ser prestados con carácter horizontal e que supoñan unha mellora en materia de xestión, seguridade e formación.

4. Estas axudas outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade, a non discriminación, eficacia e eficiencia.

5. Non se valorarán para efectos de investimento, os gastos que se realicen en pagamento de licenzas, gastos sometidos a aranceis ou os correspondentes a investimentos realizados con fórmulas de arrendamento financeiro. Os tributos son gasto subvencionable cando o beneficiario da subvención os aboa efectivamente. En ningún caso se considerarán gastos subvencionables os impostos indirectos, salvo que se acredite que non son susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

No caso de que os solicitantes das subvencións sexan asociacións ou entidades sen ánimo de lucro, poderase considerar subvencionable o imposto sobre o valor engadido (IVE) cando o beneficiario acredite mediante a correspondente certificación que se encontra acollido ao réxime de exención do IVE.

Artigo 2º.-Financiamento e concorrencia.

1. As axudas outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva ata esgotarse as dispoñibilidades orzamentarias aprobadas e financiaranse con cargo ás partidas 10.03.732-A 781.0 Actuacións en infraestruturas en polígonos industriais. Asociacións e institucións sen ánimo de lucro e 10.03.732-A 760.0 Concellos. Actuacións para infraestructuras en polígonos industriáis.

O crédito e as aplicacións orzamentarias son os que se indican a continuación:

Ver referencia pdf "04100D005P043.PDF"

2. Sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa relación de solicitudes que resultan de aplicación dos criterios de valoración que se recollen no artigo 9º.

3. A contía máxima da subvención neta equivalente na aplicación 10.03.732-A 781.0 Asociacións e institucións sen ánimo de lucro poderá alcanzar:

Ata o 100% do custo de elaboración dos estudos ou proxectos técnicos.

Ata o 100% do investimento subvencionable na execución de proxectos de mellora ou acondicionamento de servizos e infraestruturas en materia de comunicación, subministración enerxética, iluminación, saneamento, edificios múltiples, reparación e pavimentación de vías e movemento de terras.

A data límite para executar as actuacións que fosen obxecto de subvención e para xustificar o correspondente investimento é o 30 de novembro de 2009, e o 30 de novembro de 2010 para as subvencións plurianuais.

4. A contía máxima da subvención neta equivalente na aplicación 10.03.732-A 760.0 Concellos. Actuacións para infraestruturas en polígonos industriais poderá alcanzar:

Ata o 100% do investimento subvencionable na execución de proxectos de mellora ou acondicionamento de servizos e infraestruturas en materia de comunicación, subministración enerxética, iluminación, saneamento, edificios múltiples, reparación e pavimentación de vías e movemento de terras.

A data límite para executar as actuacións que fosen obxecto de subvención e para xustificar o correspondente investimento é o 30 de novembro de 2009, e o 30 de novembro de 2010 para as subvencións plurianuais.

5. Esta subvención é compatible con outras axudas para o mesmo fin, sempre e cando o importe das axudas e subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illada ou en concorrencia con outras supere o custo da actividade subvencionable.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

1. Os beneficiarios das axudas serán os concellos, asociacións e as institucións sen ánimo de lucro que realicen investimentos de acordo co obxecto desta orde, nos parques empresariais e recintos de localización preferente radicados no seu termo municipal cunha antigüidade mínima de 5 anos e cun nivel de ocupación polo menos do 25% das parcelas dispoñibles.

2. Cando o beneficiario sexa unha agrupación de persoas físicas ou xurídicas deberanse facer constar expresamente na solicitude os compromisos de execución asumidos para cada membro da agrupación, así como o importe da subvención que se vai aplicar para cada unha delas, que terán igualmente a condición de beneficiarios. Nestes casos, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación con poderes bastantes para cumprir as obrigacións que, como beneficiario, correspondan a agrupación. Non se poderá disolver á agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Os solicitantes non deben estar incursos en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4º.-Solicitudes.

As solicitudes, para participar no procedemento de concesión das subvencións presentaranse na forma e prazo que se indican na convocatoria.

Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 30.000 euros no suposto de custo de execución de obra, ou de 12.000 euros no suposto de subministración de bens de equipamento ou prestación de servizos para empresas de consultoría e asistencia técnica, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores salvo que se xustifique que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que se celebrase o contrato con anterioridade á solicitude da subvención, sempre que se refiran ao período establecido no artigo 1º.1.

As solicitudes cumprimentadas segundo o modelo do anexo II, presentaranse acompañadas da seguinte documentación, que deberá presentarse por duplicado:

a) Aquela que acredite a personalidade, natureza e réxime xurídico do solicitante.

b) Memoria técnica xustificativa da actuación que se vai desenvolver de conformidade coa presente orde e prazo de execución, que levará como anexo unha relación das empresas situadas no parque empresarial.

c) Orzamento detallado por capítulos e conceptos das actuacións e coa correspondente desagregación do IVE.

d) No caso de execución de obras, proxecto asinado por técnico competente e visado polo colexio oficial correspondente.

e) Informe urbanístico emitido polo concello en que se indique que a actuación para a que se solicita subvención é conforme coa legalidade urbanística vixente no concello ou, se é o caso, que o investimento non precisa licenza municipal.

f) Titularidade das infraestruturas do proxecto ou autorización expresa das actuacións no caso de que o solicitante non sexa o titular.

g) Declaración doutras axudas solicitadas, obtidas ou que prevé solicitar para o mesmo investimento en calquera outra administración, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais. A obtención destas axudas deberá comunicarse tan pronto como se coñeza e en todo caso con anterioridade a xustificación da aplicación dada aos fondos recibidos. Esta declaración axustarase o modelo recollido como anexo III desta orde.

h) Fotocopia cotexada do NIF/CIF do beneficiario.

O DNI, o NIE ou o CIF poderá considerarse como información accesible cando o solicitante autorice nos formularios normalizados de solicitude que o órgano xestor poida obter da Axencia Estatal da Administración Tributaria os datos identificativos necesarios (NIF ou CIF, apelidos e nome ou razón social, e domicilio fiscal), en lugar de presentar os ditos documentos, comprobando que os datos declarados polo solicitante son exactos. Este dereito pode exercerse de acordo co disposto no artigo 6.2º b) e no artigo 9 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.

i) No caso de instalacións centralizadas de produción de calor ou electricidade achegarase convenio específico do titular das infraestruturas coas empresas implicadas na xeración de enerxía conforme o Real decreto 2818/1998, do 23 de decembro.

j) Declaración responsable de non estar incurso en ningunha das circunstancias previstas no número 2º e 3º do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Esta declaración axustarase ao modelo recollido como anexo IV desta orde.

k) Declaración xurada do solicitante de contar cos documentos de estar ao día das súas obrigas tributarias, da seguridade social, e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma. Só aqueles interesados aos que se lle adxudique a subvención presentarán a documentación que se relaciona na declaración xurada conforme o modelo previsto no anexo V desta orde, e farano no momento da xustificación da subvención.

De conformidade co disposto na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009 os concellos quedan exentos de achegar os xustificantes de cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social.

l) Declaración escrita do solicitante sobre calquera outra axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso. Esta declaración axustarase o modelo recollido como anexo III desta orde.

Artigo 5º.-Consentimentos e autorizacións.

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras. De conformidade coa Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009, a presentación da solicitude de concesión da subvención comportará a autorización do solicitante para que o órgano concedente obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos.

Igualmente, de conformidade coa lei anterior, se o solicitante indica que certa documentación que se deba usar neste procedemento xa obra no poder da Administración, a presentación da solicitude implica a autorización ao órgano instrutor para acceder a esa documentación. Para estes efectos, a documentación debe manterse vixente e identificarase no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o que foi presentada.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos. No caso de persoas físicas, todo isto consonte ao establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de caracter persoal, e na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

3. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, esta consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas salvidades previstas nas leis.

4. A Consellería de Innovación e Industria velará polos datos de carácter persoal que serán obxecto de tratamento, e para eses efectos procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei 15/1999, de protección de datos, adoptándose tanto as medidas de seguridade técnicas como organizativas.

A finalidade da recollida e tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que se deriven da aplicación da Lei 4/2006 de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros, no entanto, a Consellería de Innovación e Industria revelará ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso. Decláranse recoñecidos e poderán exercitarse os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito e achegando identificación suficiente á seguinte dirección, edificios administrativos San Caetano, s/n, 15704 Santiago de Compostela, ou ben mediante o procedemento habilitado para o efecto e que poderá atopar na Guía do Cidadán da páxina web da Xunta.

Artigo 6º.-Órganos competentes.

A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, correspondendo ao conselleiro de Innovación e Industria ditar a resolución de concesión.

Artigo 7º.-Instrución dos procedementos.

1. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria requirirase ao interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, terase por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 5º.1 resulta que o solicitante non se atopa ao corrente de pagamento das súas obrigas tributarias, coa Seguridade Social, ou con calquera outro organismo da Administración pública galega.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións que resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de non admisión, en que se indicarán as causas desta.

Artigo 8º.-Comisión de valoración.

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios fixados no artigo seguinte, así como de propoñer a concesión ou denegación da subvención aos interesados.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

a) Presidente: o director xeral de Industria, Enerxía e Minas ou a persoa na que delegue.

b) Vogais: o subdirector xeral de Administración Industrial e un representante de cada unha das delegacións provinciais da Consellería de Innovación e Industria.

c) Secretario: o xefe de servizo de Administración Industrial.

3. Na proposta de concesión que formule a comisión figurarán de xeito individualizado os solicitantes propostos para obter a subvención, especificándose a avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos no artigo seguinte. Así mesmo, indicarase o importe da subvención para cada un deles, ata esgotar o crédito dispoñible.

4. O resto das actuacións subvencionables quedará en reserva para seren atendidos ben co crédito que quedase libre de producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ben co incremento do crédito orzamentario destinado a esta subvención. Para estes efectos poderán realizarse sucesivas propostas de resolución conforme ao sinalado neste artigo.

Artigo 9º.-Criterios de valoración.

As solicitudes de subvención serán valoradas de acordo cos seguintes criterios que se relacionan por orde decrecente de importancia:

a) Maior número de empresas instaladas no parque empresarial (8 puntos).

b) Antigüidade das infraestruturas, primando as máis antigas (7 puntos).

c) Execución de obras cuxos estudos fosen subvencionados con anterioridade (5 puntos).

d) Contribución a captación e introdución de novas tecnoloxías, mellora da calidade e mellora do ambiente (1 punto).

e) A contribución do investimento solicitado á mellora da competitividade das empresas localizadas no parque empresarial (1 punto).

f) Posibilidade de inducir actividades complementarias (1 punto).

g) A non percepción doutras axudas en exercicios anteriores (1 punto).

h) Compromiso de utilización da lingua galega en todas as relacións que o interesado manteña coa administración autonómica, de acordo co establecido no artigo 6.3º da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística. Este compromiso acreditarase mediante a presentación, debidamente asinado, do modelo que se inclúe como anexo VII (1 punto).

Daránselle prioridade as obras con respecto os estudos e proxectos.

No caso de empate entre dúas solicitudes aplicarase o desempate segundo a orde de entrada das solicitudes.

Artigo 10º.-Audiencia.

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite ao que se refire o apartado anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 11º.-Resolución e notificación.

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, a comisión de valoración formulará a proposta de resolución, que se elevará, a través do órgano instrutor, ao conselleiro.

2. O conselleiro, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía, ou, se é o caso, a causa de denegación.

En ningún caso o importe da subvención concedida poderá superar o custo da actividade a desenvolver polo beneficiario, ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable legalmente establecido.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será seis meses contados a partir do seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Segundo dispón o artigo 24 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido no artigo 58 da LRXAP-PAC. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59.6º b) da devandita lei, poderase substituír a notificación individual de concesión de axuda pola publicación na páxina web da Consellería de Innovación e Industria, con indicación neste caso da data da convocatoria, do beneficiario, da cantidade concedida e da finalidade da subvención outorgada.

Artigo 12º.-Réxime de recursos.

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Innovación e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

Artigo 13º.-Modificación da resolución.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O órgano competente para a concesión da axuda poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario. Os requisitos que deberán cumprirse para isto son os seguintes:

a) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e as circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da axuda ou subvención.

3. O beneficiario deberá solicitar esta modificación mediante instancia dirixida ao órgano concedente, acompañado da documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos reflectidos no punto anterior; cun límite de 15 días naturais desde a súa notificación.

4. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo conselleiro de Innovación e Industria logo da instrución do correspondente expediente no que se lle dará audiencia ao interesado nos termos previstos no artigo 10º.

5. A data límite para a presentación de modificación da resolución de concesión será aos quince días naturais desde a súa notificación.

Artigo 14º.-Aceptación e renuncia.

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución, transcorridos quince días naturais desde a notificación desta sen que o interesado comunicase expresamente a súa renuncia á subvención entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario.

A renuncia á subvención farase axustándose ao modelo que se inclúe como anexo VI destas bases, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, o conselleiro ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 15º.-Obrigas dos beneficiarios.

1. Son obrigas dos beneficiarios:

a) Cumprir o obxecto, executar o proxecto, realizar a actividade o adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

b) Xustificar ante o órgano concedente, ou a entidade colaboradora, se é o caso, o cumprimento dos requisitos ou condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión e o disfrute da subvención.

c) Someterse as actuacións de comprobación, a efectuar polo órgano concedente, ou a entidade colaboradora, se é o caso, así como calquera outra comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto nacionais como comunitarios, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicar o órgano concedente ou a entidade colaboradora a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos o recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada a os fondos percibidos.

e) Acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión que se atopa ao corrente no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, na forma que se determine regulamentariamente, e sen prexuízo do establecido na disposición adicional décimo oitava da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

f) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan exixidos polas bases reguladoras das subvencións coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

h) Os beneficiarios deberán dar a adecuada publicidade de carácter público do financiamento de programas, actividades, investimentos ou actuacións de calquera tipo que sexan obxecto de subvención, nos termos regulamentariamente establecidos.

i) Procederase ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos nos que o importe da subvención illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutras entidades publicas ou privadas, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que se estableza.

2. A rendición de contas dos perceptores de subvencións a que se refire o artigo 34.3º da Lei 7/1988, do 5 de abril, de funcionamento do tribunal de contas, instrumentarase a través do cumprimento da obriga de xustificación do órgano concedente ou entidade colaboradora, se é o caso, da subvención, regulada no parágrafo b) do número 1 deste artigo.

Artigo 16º.-Xustificación da subvención.

1. Para cobrar a subvención concedida, o beneficiario deberá presentar antes do 30 de novembro de 2009 e o 30 de novembro de 2010 para proxectos plurianuais, a seguinte documentación por duplicado:

a) Memoria en que se detallen os investimentos e gastos realizados ou o estudo ou proxecto técnico elaborado, que deberá coincidir co aceptado na resolución de concesión da subvención.

b) Documentos acreditativos do investimento ou actuación consistentes en facturas orixinais e documentos xustificativos do pagamento realizado, ou copia cotexada deles.

Os concellos presentarán certificación do órgano que teña atribuídas as facultades de control e fiscalización onde se acepten as certificacións de obra presentadas, esta certificación deberá ser detallada por custos e con expresión individualizada para cada un dos conceptos e fases da obra executada.

c) No caso de que o investimento subvencionable sexa a realización de obras ou de instalacións, presentaranse certificacións nas que se detalle o valor final da execución de cada unha das unidades de obra, visados polo correspondente colexio oficial e asinados polo técnico director.

d) Xustificante que acredite estar ao día das súas obrigas tributarias, da Seguridade Social, e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa administración pública da comunidade autónoma, agás o caso de que estean exceptuadas por disposición legal.

e) Xustificante das axudas obtidas ou que prevé solicitar para o mesmo investimento en calquera outra administración, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais; indicando a súa contía. Esta declaración axustarase ao modelo recollido como anexo III desta orde.

f) Certificación da conta bancaria, en que conste código de banco, código de sucursal, díxito da conta e código de conta corrente, onde se debe realizar o aboamento, expedida pola propia entidade bancaria.

2. Transcorrido o prazo indicado sen que o beneficiario presentase a documentación solicitada poderase entender que renuncia á subvención. Neste caso, o conselleiro ditará a oportuna resolución, nos termos do artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 17º.-Pagamento.

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da Consellería de Innovación e Industria, antes de proceder ao seu pagamento, o órgano concedente comprobará a axeitada xustificación da subvención segundo o artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. No caso de que non a remitise o beneficiario dentro do prazo que se sinale, entenderase que renuncia á axuda.

2. A percepción da axuda terá lugar despois de que os servizos técnicos da Consellería de Innovación e Industria previa inspección realizada, se é o caso, certifiquen que se realizou o investimento que foi obxecto da subvención e o previsto na resolución de concesión. Ademais, o beneficiario deberá presentar a documentación adicional que lle sexa requirida por estes servizos técnicos, co obxecto de determinar o alcance do proxecto e as actuacións subvencionables.

No caso de que o investimento realizado tivese un custo inferior ao inicialmente previsto e sempre que a minoración do custo non supoña unha realización deficiente do proxecto, a axuda que se conceda verase minguada nunha porcentaxe proporcional.

3. Unha vez xustificada debidamente o investimento, aboarase ao beneficiario nun único pagamento.

Artigo 18º.-Incumprimento, reintegros e sancións.

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de mora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, nos termos que se establece no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, relativo ao control financeiro de subvencións.

3. Aos beneficiarios da subvención reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto nos termos que establecen no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, relativo ao control financeiro de subvencións.

Artigo 19º.-Control.

1. A Consellería de Innovación e Industria poderá facer as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que se establece no título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, relativo ao control financeiro de subvencións. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 20º.-Publicidade.

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Disposición adicional

Única.-Remisión normativa.

Para todo o non previsto nestas bases estarase ao previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, relativo ao control financeiro de subvencións, e no resto de normativa que resulte de aplicación.

Ver referencia pdf "04100D005P043.PDF"