DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Venres, 27 de febreiro de 2009 Páx. 4.171

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

ORDE do 19 de febreiro de 2009 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para a renovación de instalacións eléctricas de baixa tensión no interior de edificios e vivendas habitadas na Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2009 (IN410B).

A Consellería de Innovación e Industria, a través da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, ten entre as súas competencias a inspección, o control e a vixilancia do cumprimento dos regulamentos e das normas de seguridade sobre instalacións e actividades industriais.

Por outra parte, a enerxía eléctrica é un servizo básico presente en todos os fogares, polo que a incorporación dos últimos avances tecnolóxicos á xestión e ao control dos sistemas de distribución de electricidade ten un interese económico e social especial, tendo en conta o número potencial de beneficiarios das melloras e novas prestacións destes avances.

É obxecto da subvención a renovación integral, dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, das instalacións eléctricas de baixa tensión que fosen executadas e postas en servizo con anterioridade ao 1 de xaneiro de 1989, no interior de edificios e vivendas habitadas. Debido tanto á normal deterioración polo paso do tempo, como ás exixencias regulamentarias que tiñan que cumprir as citadas instalacións para poder ser legalizadas, estas presentan un nivel de seguridade e eficiencia enerxética inferior respecto das que se realizan conforme a regulamentación vixente na actualidade.

Como medio e instrumento para acadar os obxectivos formulados nesta orde, a Consellería de Innovación e Industria considera necesario establecer un programa de axudas encamiñadas a mellorar a seguridade das instalacións eléctricas de baixa tensión no interior de edificios e vivendas habitadas.

Nesta orde estrutúrase unha liña de axudas, e apróbanse as súas bases con adaptación as novas exixencias de regulación estatal e autonómica en materia de subvencións públicas. Igualmente, procédese á convocatoria destas axudas para o ano 2009.

Na súa virtude, e en uso das atribucións que me foron concedidas

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Convocatoria e bases reguladoras.

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases polas cales se rexerá a concesión das subvencións da Consellería de Innovación e Industria para a renovación de instalacións eléctricas de baixa tensión no interior de edificios e vivendas habitadas na Comunidade Autónoma de Galicia (IN410B), que se inclúen como anexo I.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións para o ano 2009.

Artigo 2º.-Solicitudes.

1. Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta orde, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 4.2º das bases reguladoras.

2. A data límite para executar as actuacións que fosen obxecto de subvención e para xustificar o correspondente investimento é o 30 de novembro de 2009.

Artigo 3º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1. Os formularios de solicitude de axuda regulados nesta orde deberanse obter, cubrir, validar e imprimir necesariamente polo solicitante a través da aplicación informática axudas virtual (procedemento IN410B) establecida na oficina virtual desta consellería, sita no enderezo da internet: http//www.conselleriaiei.org. Tamén se pode acceder desde o enderezo http://www.xunta.es/presentación-electronica da Xunta de Galicia facendo uso do enlace dispoñible co procedemento IN410B.

Para cubrir correctamente os formularios de solicitude, no citado enderezo da internet disporase de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polos solicitantes.

Poderanse cubrir e obter os formularios ata as 24 horas do día anterior á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información, poderán dirixirse ao Servizo de Administración Industrial, a través do teléfono 981 54 43 88, do número de fax 981 95 71 92 ou do enderezo de correo electrónico dxi.axudas2009@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación por escrito de solicitudes.

Os anexos desta convocatoria publícanse no DOG exclusivamente para efectos informativos, polo que será necesario empregar a aplicación informática indicada para a obtención dos formularios de solicitude.

A presentación de solicitudes farase por vía escrita (en soporte papel) ou en formato electrónico ante o rexistro telemático da Xunta de Galicia logo de obter e cubir os formularios de acordo co previsto neste artigo.

2. As solicitudes en formato papel presentaranse preferentemente no rexistro da Xunta de Galicia, así como nos de calquera outro órgano da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración local, sempre que neste último caso se teña subscrito o oportuno convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (en adiante Lei 30/1992).

As solicitudes tamén poderán presentarse en formato electrónico, en vez de en papel, ante o rexistro telemático da Xunta de Galicia, mediante sinatura electrónica do/a representante legal do solicitante ou persoa que o/a representa e cando non sexa preciso achegar ningunha documentación en papel, e teranse que cumprir os seguintes requisitos:

O presentador deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 recoñecido pola plataforma de validación e sinatura electrónica @firma. Os prestadores recoñecidos son: DNI electrónico, Camerfirma, izenpe, CATCert (Axencia Catalá de Certificación), ANF AC, SCR (Servizo de Certificación dos Rexistradores), ACA, ACCV (Autoridade de Certificación da Comunidade Valenciana), ANCERT (Axencia Notarial de Certificación), FNMT (Fábrica Nacional de Moeda e Timbre), Firmaprofesional e Banesto C.A.

3. Xunto cos formularios de solicitude, deberá anexarse en formato electrónico a documentación a que se fai referencia no artigo 4º do anexo I de bases reguladoras. Para isto, no proceso de formalización telemática permitirase anexar á solicitude os arquivos informáticos necesarios. No caso de presentación telemática unha vez asinados co certificado dixital do presentador os formularios normalizados, procederase á transferencia telemática da dita documentación ao Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, creado polo Decreto 164/2005, do 16 de xuño. Unha vez completado o proceso de transferencia telemática, efectuarase a anotación correspondente no rexistro de entrada, e nese momento expedirase, empregando as características da aplicación telemática, un recibo no cal quedará constancia do feito da presentación.

4. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contando a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Enténdese como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 4º.-Prazo de duración do procedemento de concesión.

1. Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder dos seis meses. O prazo computarase a partir da publicación da correspondente convocatoria.

2. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que se ditase resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 5º.-Información aos interesados.

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN410B, poderase obter documentación normalizada ou información adicional nas delegacións provinciais da Consellería de Innovación e Industria, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería (www. conselleriaiei.org), na súa epígrafe de axudas.

b) Os teléfonos:

Delegación Provincial da Coruña: 981 18 49 04.

Delegación Provincial de Lugo: 982 29 49 38.

Delegación Provincial de Ourense: 988 38 67 17.

Delegación Provincial de Pontevedra: 986 80 52 26.

c) Presencialmente.

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia, que é o 012 (desde todo o Estado 902 12 00 12).

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación para o desenvolvemento.

Facúltase o director xeral de Industria, Enerxía e Minas para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Segunda.-Xestión do crédito.

A xestión dos créditos incorporados nesta convocatoria realizarana de forma desconcentrada as delegacións provinciais.

Terceira.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2009.

Fernando Xabier Blanco Álvarez

Conselleiro de Innovación e Industria

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión de axudas para a renovación de instalacións eléctricas de baixa tensión no interior de edificios e de vivendas habitadas na Comunidade Autónoma de Galicia, en réxime de concorrencia competitiva, e a súa convocatoria para o ano 2009

Artigo 1º.-Obxecto e réxime das subvencións.

1. Este anexo ten o obxecto de aprobar as bases das axudas e subvencións do programa de renovación integral, dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, das instalacións eléctricas de baixa tensión que fosen executadas e postas en servizo con anterioridade ao 1 de xaneiro de 1989 no interior de edificios e vivendas habitadas.

2. O procedemento de concesión desta subvención tramítase en réxime de concorrencia competitiva, e quedará suxeito ao Regulamento comunitario nº 1998/2006 da Comisión do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis (DOUE L 379, 28-12-2006).

O importe da subvención non poderá exceder, xunto coas demais axudas amparadas na cláusula minimis percibidas polo beneficiario no último período de tres anos fiscais, o límite de 200.000 euros. Este límite aplicarase con independencia da forma de axudas minimis e indistintamente se a axuda concedida está financiada total ou parcialmente mediante recursos de orixe comunitaria.

3. As instalacións renovadas deberán cumprir co establecido no Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.

4. Estas axudas outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

Artigo 2º.-Financiamento e concorrencia.

1. As axudas outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva e ata esgotarse as dispoñibilidades orzamentarias aprobadas e financiaranse con cargo á partida 10.03.732-A.780.0 Seguridade industrial. Instalacións eléctricas, cun crédito de 300.000 euros, consignados nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009.

O crédito e a aplicación orzamentaria son os que se indican a continuación:

Aplicación: 10.03.732-A.780.0.

Denominación: Seguridade industrial. Instalacións eléctricas.

Importe en euros: 300.000 €.

2. Os devanditos importes máximos entenderanse sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa relación de solicitudes que resultan da aplicación dos criterios de valoración que se recollen no artigo 9º.

3. A contía máxima das subvencións para cada instalación obxecto de renovación ascende ata o 50% do investimento realizado (IVE incluído), cun máximo de:

1. Interior de vivendas, incluída derivación individual 1.000 €.

2. Servizos comúns, incluída caixa xeral de protección, liña repartidora e centralización de contadores.

2.1. Instalacións ata 10 abonados: 150 euros/abonado.

2.2. Instalacións entre 11 e 25 abonados: 125 euros/abonado.

2.3. Instalacións de máis de 25 abonados: 100 euros/abonado.

4. Esta subvención é compatible con outras axudas para o mesmo fin, sempre e cando o importe das axudas e subvencións en ningún caso sexa de tal contía que, illada ou en concorrencia con outras, supere o custo da actividade subvencionable.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

1. Poderán solicitar e beneficiarse das axudas a que se refire esta orde:

a) Os propietarios de vivendas e comunidades de propietarios situadas na Comunidade Autónoma de Galicia que procedan a renovar o equipamento obxecto da subvención.

b) Poderán acceder á condición de beneficiario as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo os proxectos, actividades ou comportamentos ou estean na situación que motiva a concesión da subvención.

Artigo 4º.-Solicitudes.

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión das subvencións presentaranse na forma e prazo que se indican na convocatoria.

2. As solicitudes, cubertas segundo o modelo do anexo II, presentaranse acompañadas da seguinte documentación, que deberá presentarse por duplicado:

A) Edificios (comunidades de propietarios):

a) Copia do DNI do presidente da comunidade, no caso de que o solicitante sexa unha comunidade de propietarios.

b) Copia da acta de constitución da comunidade de propietarios.

c) Copia da acta onde se nomee o presidente da comunidade, que debe coincidir co solicitante, ou certificación do administrador de predios que leve esa comunidade.

d) Certificación do acordo adoptado pola correspondente comunidade de propietarios de que acepta as bases da convocatoria e de que faculta o presidente ou administrador de predios, para formular a solicitude de subvención.

e) Certificación do presidente da comunidade, secretario ou administrador, en que acredite o número de vivendas (só vivendas, excluíndo locais comerciais) afectadas pola reforma da instalación que se proxecta.

f) Copia do contrato de subministración ou do certificado da empresa subministradora ou ben calquera outro documento admisible en dereito que acredite que a instalación que se vai renovar foi posta en servizo con anterioridade ao 1 de xaneiro de 1989.

g) Copia das facturas por subministración eléctrica dos últimos seis meses.

h) Orzamento desagregado da instalación que se vai realizar dirixido ao solicitante da axuda, asinado e selado por unha empresa instaladora autorizada.

i) Declaración doutras axudas solicitadas, obtidas ou que se prevén solicitar para o mesmo investimento en calquera outra Administración, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais. A obtención destas axudas deberá comunicarse tan axiña como se coñeza, e en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos recibidos. Esta declaración axustarase ao modelo recollido como anexo III desta orde.

j) Declaración escrita do solicitante sobre calquera outra axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso. Esta declaración axustarase ao modelo recollido como anexo III desta orde.

k) Declaración de non estar incurso en ningunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Esta declaración axustarase ao modelo recollido como anexo IV desta orde.

l) Certificación dun instalador electricista autorizado, debidamente asinada e selada, nos termos que se sinalan no anexo VI.

B) Vivendas:

a) Copia do DNI do beneficiario da subvención, no caso de que este sexa o propietario da vivenda individual.

b) Copia da escritura da vivenda a nome do solicitante ou documento que o acredite como titular. No suposto de que a vivenda non estea escriturada achegarase o recibo do imposto de bens inmobles (IBI) a nome do solicitante.

c) Copia do contrato de subministración ou do certificado da empresa subministradora ou ben calquera outro documento admisible en dereito que acredite que a instalación que se vai renovar foi posta en servizo con anterioridade ao 1 de xaneiro de 1989.

d) Copia das facturas por subministración eléctrica dos últimos seis meses.

e) Orzamento desagregado da instalación que se vai realizar dirixido ao solicitante da axuda, asinado e selado por unha empresa instaladora autorizada.

f) Declaración doutras axudas solicitadas, obtidas ou que se prevé solicitar para o mesmo investimento en calquera outra Administración, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais. A obtención destas axudas deberá comunicarse tan axiña como se coñeza, e en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos recibidos. Esta declaración axustarase ao modelo recollido como anexo III desta orde.

g) Declaración escrita do solicitante sobre calquera outra axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso. Esta declaración axustarase ao modelo recollido como anexo III desta orde.

h) Declaración de non estar incurso en ningunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Esta declaración axustarase ao modelo recollido como anexo IV desta orde.

i) Certificación dun instalador electricista autorizado, debidamente asinada e selada, nos termos que se sinalan no anexo VI.

3. O DNI, o NIE ou o CIF poderá considerarse como información accesible cando o solicitante autorice nos formularios normalizados de solicitude que o órgano xestor poida obter da Axencia Estatal da Administración Tributaria os datos identificativos necesarios (NIF ou CIF, apelidos e nome ou razón social e domicilio fiscal), en lugar de presentar os ditos documentos, que comprobará que os datos declarados polo solicitante son exactos. Este dereito pode exercerse de acordo co disposto no artigo 6.2º b) e no artigo 9 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.

Artigo 5º.-Consentimentos e autorizacións.

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras. De conformidade coa Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008, se o solicitante indica que certa documentación que se deba usar neste procedemento xa consta en poder da administración, a presentación da solicitude implica a autorización ao órgano instrutor para acceder a esa documentación. Para estes efectos, a documentación debe manterse vixente e identificarase no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o que foi presentada.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos. No caso de persoas físicas, todo isto consonte o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

3. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, esta consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

4. A Consellería de Innovación e Industria velará polos datos de carácter persoal que serán obxecto de tratamento, e para eses efectos procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei 15/1999, de protección de datos, adoptándose tanto as medidas de seguridade técnicas como organizativas.

A finalidade da recollida e tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que deriven da aplicación da Lei 4/2006 de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros, no entanto, a Consellería de Innovación e Industria revelará ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso. Decláranse recoñecidos e poderán exercerse os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito e achegando identificación suficiente ao seguinte enderezo, edificios administrativos San Caetano, San Caetano s/n, 15704 Santiago de Compostela, ou ben mediante o procedemento habilitado para o efecto e que poderá atopar na Guía do cidadán da páxina web da Xunta.

Artigo 6º.-Órganos competentes.

A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, e corresponderalle ao conselleiro de Innovación e Industria ditar a resolución de concesión. Non obstante, cando a competencia estea desconcentrada nos delegados provinciais desta consellería, o órgano instrutor será a secretaría da respectiva delegación provincial.

Artigo 7º.-Instrución dos procedementos.

1. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, terase por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións que resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as súas causas.

Artigo 8º.-Comisión de valoración.

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, así como de propoñer a concesión ou denegación da subvención aos interesados.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

a) Presidente: o director xeral de Industria, Enerxía e Minas ou a persoa en quen delegue.

b) Vocais: o subdirector xeral de Administración Industrial e un representante de cada unha das delegacións provinciais da Consellería de Innovación e Industria.

c) Secretario: o xefe de servizo de Administración Industrial

3. Na proposta de concesión que formule a comisión figurarán de xeito individualizado os solicitantes propostos para obter a subvención, e especificarase a avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos no artigo seguinte. Así mesmo, indicarase o importe da subvención para cada un deles, ata esgotar o crédito dispoñible.

4. O resto das actuacións subvencionables quedará en reserva para seren atendidas ben co crédito que quedase libre de producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ben co incremento do crédito orzamentario destinado a esta subvención. Para estes efectos poderán realizarse sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado neste artigo.

Artigo 9º.-Criterios de valoración.

As solicitudes de subvención serán valoradas de acordo cos seguintes criterios que se relacionan por orden decrecente de importancia:

a) Antigüidade da instalación ( 7 puntos).

b) Estado xeral de seguridade da instalación eléctrica segundo o anexo VI, ( 6 puntos).

c) Instalación encastrada ou aérea, primaran estas últimas, de acordo cos datos do anexo VI ( 4 puntos).

d) Dispositivos de protección, primando as instalacións que carezan deles, de acordo cos datos do anexo VI ( 3 puntos).

No caso de empate entre dúas solicitudes aplicarase como desempate a súa orde de entrada das mesmas.

Artigo 10º.-Audiencia.

1. Instruído o procedemento e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o número anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 11º.-Resolución e notificación.

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, a comisión de valoración formulará a proposta de resolución, que se elevará, a través do órgano instrutor, ao conselleiro ou, se é o caso, ao delegado provincial, conforme o establecido no Decreto 88/1990, do 15 de febreiro, sobre desconcentración de competencias para a concesión de axudas e subvencións nos delegados provinciais ou territoriais da Xunta de Galicia.

2. O conselleiro ou, se é o caso, o delegado provincial, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía, ou, se é o caso, a causa de denegación.

En ningún caso o importe da subvención concedida poderá superar o custo da actividade que desenvolverá o beneficiario, ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable legalmente establecida.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será seis meses contados a partir do seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que se ditase resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Segundo dispón o artigo 24 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido no artigo 58 da LRXAP-PAC. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59.6º b) da devandita lei, poderase substituír a notificación individual de concesión de axuda pola publicación na páxina web da Consellería de Innovación e Industria, con indicación neste caso da data da convocatoria, do beneficiario, da cantidade concedida e da finalidade da subvención outorgada.

Artigo 12º.-Réxime de recursos.

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Innovación e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 13º.-Modificación da resolución.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O órgano competente para a concesión da axuda poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario. Os requisitos que deberán cumprirse para isto son os seguintes:

a) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das bases reguladoras.

b) Que se acredite que esta modificación foi aprobada pola maioría dos membros da comunidade, no caso de que o beneficiario da subvención sexa unha comunidade de propietarios.

c) Que os novos elementos e as circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da axuda ou subvención.

d) A data límite para a presentación de modificación da resolución de concesión será aos quince días naturais desde a súa notificación.

3. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo conselleiro de Innovación e Industria ou, se é o caso, o delegado provincial, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se lle dará audiencia ao interesado nos termos previstos no artigo 10º.

Artigo 14º.-Aceptación e renuncia.

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución, transcorridos quince días naturais desde a notificación desta sen que o interesado comunicase expresamente a súa renuncia á subvención entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario.

A renuncia á subvención farase axustándose ao modelo que se inclúe como anexo V destas bases, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, o conselleiro ou, se é o caso, o delegado provincial ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 15º.-Obrigas dos beneficiarios.

1. Son obrigas dos beneficiarios:

a) Cumprir o obxecto, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

b) Xustificar ante o órgano concedente, ou a entidade colaboradora, se é o caso, o cumprimento dos requisitos ou condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión e o gozo da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará o órgano concedente, ou a entidade colaboradora, se é o caso, así como calquera outra comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto nacionais como comunitarios, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicar ao órgano concedente ou á entidade colaboradora a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

f) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da subvención illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutras entidades públicas ou privadas, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que se estableza.

2. A rendición de contas dos perceptores de subvencións a que se refire o artigo 34.3º da Lei 7/1988, do 5 de abril, de funcionamento do Tribunal de Contas, instrumentarase a través do cumprimento da obriga de xustificación do órgano concedente ou entidade colaboradora, se é o caso, da subvención, regulada na letra b) do número 1 deste artigo.

Artigo 16º.-Xustificación da subvención.

1. Para cobrar a subvención concedida, o beneficiario deberá presentar antes do 30 de novembro de 2009 a seguinte documentación por duplicado nos lugares sinalados no artigo 3º da convocatoria:

a) Facturas orixinais e documentos xustificativos do pagamento realizado (ou copia cotexada deles), emitidos pola empresa instaladora que executou a obra.

b) Xustificante de axudas obtidas ou declaración das solicitadas ou que se prevé obter para o mesmo investimento en calquera outra Administración, entes públicos ou privados, indicando a súa contía. Esta declaración axustarase ao modelo recollido como anexo III desta orde.

c) Os beneficiarios cunha contía da axuda igual ou maior a 1.500 euros deberán presentar debidamente cuberto o anexo VII desta orde.

d) Certificación da conta bancaria, na cal conste o código de banco, código de sucursal, díxito de conta e código de conta corrente, onde se debe realizar o aboamento, expedida pola propia entidade bancaria.

e) Modelos normalizados cubertos conforme o establecido na Orde do 2 de febreiro de 2005 pola que se modifican os modelos de impresos relativos ao rexistro e posta en servizo das instalacións eléctricas de baixa tensión, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, debidamente dilixenciados por la delegación provincial correspondente.

2. Transcorrido o prazo indicado sen que o beneficiario presentase a documentación solicitada poderase entender que renuncia á subvención. Neste caso, o delegado ditará a oportuna resolución, nos termos do artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 17º.-Pagamento.

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da Consellería de Innovación e Industria, antes de proceder ao seu pagamento, comprobarán a axeitada xustificación da subvención seguindo o artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. No caso de que non fose remitida polo beneficiario dentro do prazo que se sinale, entenderase que renuncia á axuda.

2. A percepción da axuda terá lugar despois de que os servizos técnicos da Consellería de Innovación e Industria trala inspección realizada, se é o caso, certifiquen que se realizou o investimento que foi obxecto da subvención e o establecido na resolución de concesión. Ademais, o beneficiario deberá presentar a documentación adicional que lle sexa requirida por estes servizos técnicos, co obxecto de determinar o alcance do proxecto e as actuacións subvencionables.

No caso de que o investimento realizado tivese un custo inferior ao inicialmente previsto e sempre que a minoración do custo non supoña unha realización deficiente do proxecto, a axuda que se conceda verase minguada nunha porcentaxe proporcional.

Artigo 18º.-Incumprimento, reintegros e sancións.

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como aos xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o número anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro nos termos que establece o título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, relativo ao control financeiro de subvencións.

3. Aos beneficiarios da subvención regulada nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto nos termos que se establecen no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, relativo ao control financeiro de subvencións.

Artigo 19º.-Control.

1. A Consellería de Innovación e Industria poderá facer as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, relativo ao control financeiro de subvencións. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 20º.-Publicidade.

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería de Innovación e Industria.

Disposición adicional

Única.-Remisión normativa.

Para todo o non previsto nestas bases observarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 287/2000, do 22 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, en canto non se opoña ao establecido na citada lei, e no resto de normativa aplicable.

Ver referencia pdf "04100D004P031.PDF"

Ver referencia pdf "04100D005P043.PDF"