DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Venres, 27 de febreiro de 2009 Páx. 4.166

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

RESOLUCIÓN do 25 de febreiro de 2009, da Dirección Xeral de Transportes, pola que se convocan para o ano 2009 as axudas para a formación en relación co transporte por estrada en Galicia.

No Diario Oficial de Galicia número 107, do 4 de xuño de 2008, publicouse a Orde do 2 de xuño de 2008 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a formación no ámbito do transporte por estrada en Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2008. Ao abeiro desta norma concedéronse subvencións para realizar un amplo número de accións formativas na nosa comunidade, o que contribuíu á modernización do sector do transporte e á mellora da súa competitividade e seguranza.

O éxito desa experiencia aconsella un novo esforzo neste eido, mantendo para o ano 2009 a liña de axudas sinalada e elevando o seu importe. En consecuencia, e de acordo coa delegación feita a favor do titular da Dirección Xeral de Transportes na disposición adicional única da orde citada,

DISPOÑO:

Artigo 1.º-Obxecto.

1. Esta resolución ten por obxecto convocar para o ano 2009 as subvencións previstas pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes para a formación en relación co transporte por estrada en Galicia.

2. As bases reguladoras desta convocatoria son as contidas na orde da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes do 2 de xuño de 2008 (Diario Oficial de Galicia número 107, do 4 de xuño), modificada pola Orde do 9 de febreiro de 2009.

3. As subvencións que se convocan tramitaranse en réxime de concorrencia competitiva.

Artigo 2º.-Créditos orzamentarios e contía.

1. A concesión das axudas farase con cargo á aplicación orzamentaria 2009.08.04.512A.481.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009, por importe de un millón de euros (1.000.000 €).

Non obstante, os anteriores importes deben entenderse sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, nos termos do artigo 31.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. As axudas convocadas poderán cubrir ata o 100% do custo total dos cursos ou seminarios incluídos no plan formativo, coas limitacións establecidas no artigo 2 e concordantes das bases reguladoras.

Artigo 3º.-Requisitos dos beneficiarios e solicitudes.

1. Os requisitos que deberán reunir os beneficiarios son os enumerados no artigo 3 das bases reguladoras.

2. Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado incluído como anexo I desta resolución; con ela achegaranse, ademais, os documentos que se especifican no artigo 4.4º das bases reguladoras, incluída a descrición do plan formativo, que se axustará ao anexo II desta resolución.

Artigo 4º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse preferentemente no rexistro auxiliar da Dirección Xeral de Transportes da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes (praza de Europa, 5-2º andar, Área Central-As Fontiñas, Santiago de Compostela). Poderán, así mesmo, presentarse polos restantes medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación de solicitudes rematará o día 30 de marzo de 2009, incluído.

Artigo 5º.-Prazo de duración do procedemento de concesión.

1. Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras e valoradas consonte os criterios recollidos no artigo 10 destas.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de catro meses, contados desde o día seguinte á finalización do prazo de presentación de solicitudes que se establece no artigo 4.2º desta convocatoria.

3. De acordo co disposto no artigo 15 das bases reguladoras, antes do 20 de decembro de 2009 os beneficiarios deberán pór á disposición do órgano instrutor a xustificación completa dos gastos correspondentes á actividade subvencionada.

Artigo 6º.-Órganos competentes e resolución.

1. A Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte será o órgano competente para instruír o procedemento de concesión destas axudas, e corresponderalle á directora xeral de Transportes resolver, por delegación da conselleira, os procedementos de concesión e aprobación do gasto.

2. As resolucións porán fin á vía administrativa, e contra elas poderán interporse os recursos previstos no artigo 12 das bases reguladoras, así coma calquera outro que o interesado considere procedente.

3. A concesión ou a denegación da axuda será notificada ao solicitante de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Adicionalmente, as axudas concedidas publicarase no Diario Oficial de Galicia, de concorreren os supostos previstos no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, se subvencións de Galicia e, en todo caso, na páxina web da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, na epígrafe de Transportes.

Artigo 7º.-Información aos interesados.

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Transportes, a través dos seguintes medios:

a) A súa páxina web oficial (http://www.cptopt.xunta.es/portal/).

b) Os teléfonos 981 54 45 02 e 981 54 45 85 da devandita dirección xeral.

c) O enderezo electrónico formacion.transportes@xunta.es.

Disposición derradeira

Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2009.

P.D. (Orde do 2-6-2008)

Mar Chao López

Directora xeral de Transportes

Ver referencia pdf "04100D003P026.PDF"

Ver referencia pdf "04100D004P031.PDF"