DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Venres, 27 de febreiro de 2009 Páx. 4.164

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

RESOLUCIÓN do 25 de febreiro de 2009, da Dirección Xeral de Transportes, pola que se convocan para o ano 2009 as subvencións aos titulares de autorizacións administrativas de transporte da serie VT-N domiciliadas na Comunidade Autónoma de Galicia para a instalación de sistemas de seguranza nos seus vehículos.

No Diario Oficial de Galicia número 114, do 13 de xuño de 2008, publicouse a Orde do 6 de xuño de 2008 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca para o ano 2008 a concesión de subvencións aos titulares de autorizacións administrativas de transporte da serie VT-N domiciliadas na Comunidade Autónoma de Galicia para a instalación de sistemas de seguranza nos seus vehículos. Ao abeiro desta norma, ao igual que ao das súas precedentes do 19 de abril de 2007, 5 de abril de 2006 ou do 27 de maio do 2005, concedéronse axudas aos profesionais do taxi para que puidesen incorporar elementos como sistemas GPS ou anteparos que fixesen máis segura a prestación dos seus servizos.

O éxito desas convocatorias, que pretenden pór freo ás accións delitivas que de xeito reiterado se veñen producindo nos últimos tempos, aconsella un novo esforzo neste eido, mantendo para o ano 2009 a liña de axudas sinalada para que poida chegar á práctica totalidade dos profesionais do sector. En consecuencia, e de acordo coa delegación feita a favor do titular da Dirección Xeral de Transportes no artigo 5.1º e na disposición derradeira primeira da orde citada,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Esta resolución ten por obxecto convocar para o ano 2009 as axudas para a dotación de equipamentos de seguimento e outros sistemas de seguranza (anteparos) para vehículos de transporte que dispoñan de autorización administrativa vixente documentada en tarxeta de transportes da serie VT-N expedida pola Dirección Xeral de Transportes.

2. Poderanse instalar sistemas de seguranza de dúas clases:

a) Sistema GPS, instalado nos taxis, mediante o que nunha situación de emerxencia de inseguridade física do taxista se active un sinal que se recibe no Centro de Atención de Emerxencias 112 Galicia.

b) Anteparo de protección física do condutor do taxi que permita a separación e imposibilite o contacto físico entre o taxista e os ocupantes da parte traseira do vehículo, permitindo a comunicación verbal entre eles; deberá estar feita dun material polimérico altamente resistente aos golpes.

Sen prexuízo do anterior, e de xeito inicial, só xerará dereito a axuda respecto de cada beneficiario un dos sistemas de seguridade previstos no parágrafo anterior, á elección dos solicitantes. Porén, de se solicitar a axuda para os dous sistemas, tomarase en consideración inicialmente só aquel que se indique como preferido, podendo a Administración aplicar o remanente resultante á subvención do segundo sistema de seguridade que, se é o caso, se teña solicitado, de resultar dispoñibilidades orzamentarias suficientes.

3. As bases reguladoras desta convocatoria son as contidas na Orde da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes do 6 de xuño de 2008 (Diario Oficial de Galicia nº 114, do 13 de xuño).

4. As subvencións que se convocan tramitaranse en réxime de concorrencia competitiva.

Artigo 2º.-Créditos orzamentarios e contía.

1. A concesión das axudas farase con cargo á aplicación orzamentaria 2009.08.04.512A.770.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009, por importe de cento vinte mil euros (120.000 €).

2. Os equipamentos que se prevén nesta resolución como obxecto da subvención poderán acadar unha axuda económica do 50 por cento do seu prezo (sen IVE), incluíndo neste tanto o do propio equipamento como os correspondentes aos gastos de colocación, man de obra, equipamento adicional necesario e verificación do seu funcionamento.

Non obstante, consideraranse como importes máximos da subvención, por equipamento e tarxeta, en todo caso, os seguintes:

-Sistema GPS: cincocentos euros (500 €).

-Anteparo: cincocentos cincuenta euros (550 €).

3. Non obstante, os anteriores importes deben entenderse sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, nos termos do artigo 31.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3º.-Requisitos dos beneficiarios e solicitudes.

1. Poderán acceder a esta liña de axudas os titulares de autorizacións administrativas de transporte vixentes, documentadas en tarxetas da serie VT-N, expedidas pola Dirección Xeral de Transportes ou polos órganos periféricos desta consellería competentes para o efecto, e domiciliadas en Galicia. Para tal fin, xerará dereito á axuda cada unha das autorizacións das que sexa titular o solicitante.

As ditas autorizacións deberán estar vixentes no momento da presentación da solicitude.

Non poderán ser beneficiarios desta convocatoria de axudas aqueles que o fosen, respecto da mesma autorización de transportes e para o mesmo fin, con base nas convocatorias do 27 de maio de 2005 (DOG nº 115, do 16 de xuño), do 5 de abril de 2006 (DOG nº 81, do 27 de abril), do 19 de abril de 2007 (DOG nº 96, do 21 de maio) ou do 6 de xuño de 2008 (DOG nº 114, do 13 de xuño).

2. Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado incluído como anexo das bases reguladoras, que poderá descargarse da páxina web institucional da Dirección Xeral de Transportes (http://www.cptopt.xunta.es/portal/cidadan/pid/667). Coa solicitude achegaranse, ademais, os documentos que se especifican no artigo 4.3º das bases reguladoras.

Artigo 4º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse preferentemente no rexistro auxiliar da Dirección Xeral de Transportes da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes (praza de Europa, 5-2º andar, Área Central-As Fontiñas, Santiago de Compostela). Poderán, así mesmo, presentarse polos restantes medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación de solicitudes rematará o día 30 de marzo de 2009, incluído.

Artigo 5º.-Prazo de duración do procedemento de concesión.

1. Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras e valoradas consonte os criterios recollidos no artigo 5.6º destas.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de seis meses, contados desde o día seguinte ao de publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

3. Unha vez notificada a resolución de outorgamento, os interesados que resulten beneficiarios das subvencións disporán do prazo que se indique na resolución de adxudicación, que en ningún caso poderá ser inferior a un mes, para instalar o/s equipamento/s e presentar ante a administración o correspondente certificado da empresa instaladora e os documentos xustificativos de pagamento. Ademais, no caso do sistema GPS, haberá de achegar o certificado expedido polo organismo responsable do Centro de Atención de Emerxencias 112 Galicia xustificativa da alta do devandito sistema.

Artigo 6º.-Órganos competentes e resolución.

1. A Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte será o órgano competente para instruír o procedemento de concesión destas axudas, e corresponderalle á directora xeral de transportes resolver, por delegación da conselleira, os procedementos de concesión e aprobación do gasto.

2. As resolucións porán fin á vía administrativa, e contra elas poderán interporse os recursos previstos no artigo 9.2º das bases reguladoras, así coma calquera outro que o interesado considere procedente.

3. A concesión ou a denegación da axuda será notificada ao solicitante de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Adicionalmente, as axudas concedidas publicaranse no Diario Oficial de Galicia, de concorrer os supostos previstos no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, en todo caso, na páxina web da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, no apartado de Transportes.

Artigo 7º.-Información aos interesados.

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Transportes, a través dos seguintes medios:

a) A súa páxina web oficial (http://www.cptopt.xunta.es/portal/)

b) Os teléfonos 981 54 45 02 e 981 54 45 85 da devandita dirección xeral.

Disposición derradeira

Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2009.

P.D. (Orde 6-6-2008)

Mar Chao López

Directora xeral de Transportes