DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Venres, 27 de febreiro de 2009 Páx. 4.146

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

ORDE do 25 de febreiro de 2009 pola que se dispoñen as bases reguladoras e se convocan subvencións para establecer servizos de transporte público nocturno a lugares de lecer baixo a marca NoiteBus.

1. De acordo coas previsións do seu plan de sinistralidade viaria, a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes adoptou diversas medidas que habían de contribuír á mellora no tránsito nas estradas galegas e á redución dos accidentes nelas. Entre esas iniciativas, cobrou un espazo propio a implantación dun sistema de transporte alternativo para o ocio nocturno, baixo a marca NoiteBus, impulsado polas ordes do 22 de maio de 2007 e 14 de febreiro de 2008.

O éxito desas convocatorias reflicte a necesidade de establecer servizos específicos para atender as singularidades dos seus usuarios, cuxas demandas non son satisfeitas coa oferta do servizo público regular permanente de uso xeral. Neste sentido, hai que ter en conta tanto a súa concentración en períodos do ano, días da semana ou horas determinadas como a tipoloxía específica dos propios usuarios e incluso as desexables variacións no sistema de paradas.

2. O Decreto 80/2005, do 31 de marzo, polo que se regulan os servizos de transporte público a lugares de lecer, cubriu o baleiro normativo existente, deseñando un réxime de outorgamento de autorizacións que supera as rixideces do marco normativo anterior, ao tempo que respecta os dereitos legalmente recoñecidos aos concesionarios de servizos de transporte público regular permanente de viaxeiros de uso xeral. Prevé, nese sentido, a posibilidade de non establecer os servizos cando as concesións vixentes poidan satisfacer adecuadamente a demanda, e recoñece a favor dos titulares destas un dereito de prioridade sobre os novos servizos que se creen.

Ao abeiro deste decreto, regúlase o establecemento de servizos a lugares de lecer e o outorgamento das correspondentes autorizacións administrativas, fixando unhas condicións específicas para facelo, de acordo coa habilitación efectuada pola Lei 16/1987, do 30 de xullo, de ordenación dos transportes terrestres. Os ditos servizos vertébranse en dúas modalidades, como servizos de transporte público regular temporal con cobramento individual a lugares de lecer, e como servizos de transporte público regular de uso especial a lugares de lecer, introducindo en ambos os casos a posibilidade do cobramento individual ao usuario.

Polo tanto, ao igual que sucedera nas xa mencionadas ordes do 22 de maio de 2007 e 14 de febreiro de 2008, as actuacións que se pretenden implantar ao abeiro desta orde de axudas deberán inserirse nalgunha das figuras previstas no devandito Decreto 80/2005.

3. A experiencia das convocatorias anteriores debe servir, así mesmo, para introducir as modulacións precisas para conseguir unha maior eficiencia no emprego dos recursos públicos e na prestación dos servizos. Así, deficiencias tales como a rixidez no deseño dos servizos, a información facilitada aos potenciais usuarios, ou o control e seguimento da prestación, aconsellan a introdución dalgunhas novidades nesta nova orde de axudas.

Nesta liña, modifícase o sistema de cálculo da axuda, no sentido de incrementar o importe da compoñente variable en detrimento da fixa, para potenciar a implantación de servizos que cubran máis amplas zonas de demanda. Igualmente, actualízanse e reordénanse os criterios de valoración para que o resultado destes sexa acorde coa realidade dos servizos máis eficientes, e simplifícase o procedemento de solicitude para evitarlle ao interesado a duplicidade na presentación de escritos. Aclárase, por último, o procedemento e circunstancias en que se poderán alterar as rutas, nun intento por que estas se adapten á realidade da prestación e a demanda sen que se altere o obxecto subvencionable.

4. Todos os motivos expostos revelan a conveniencia de convocar para o segundo semestre do 2009 e o primeiro de 2010 unha liña de axudas que contribúa a manter os servizos NoiteBus. A elección deste período obedece, por un lado, á necesidade de compatibilizalo coa Orde do 14 de febreiro de 2008, aínda vixente, e, por outro, á percepción da relevancia que, para a mobilidade nocturna, presentan os períodos estivais, de Nadal, Entroido e de Semana Santa. Para tal fin, elaborouse un texto que reúne o conxunto de requisitos exixidos tanto pola vixente Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia como pola Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na medida en que lle é aplicable.

Por todo iso, en uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e definicións.

1. Esta orde ten por obxecto convocar, en réxime de concorrencia competitiva, axudas para financiar os gastos de establecemento e explotación de servizos de transporte nocturno a lugares de lecer, baixo a marca NoiteBus, no segundo semestre do ano 2009 e no primeiro do ano 2010.

2. Para os efectos desta orde entenderase por:

a) Ruta: itinerario completo que fará un vehículo, incluíndo os puntos de orixe e de destino e as correspondentes paradas.

b) Expedición: cada unha das viaxes que o vehículo realizará sobre a ruta proposta nunha noite. Cada expedición incluirá necesariamente unha ida e unha volta, agás nos servizos circulares, e poderá abranguer o conxunto da ruta, ou partes dela.

c) Servizo (referido a prestacións de transporte): totalidade de expedicións que por cada ruta se realizan nunha noite, incluíndo idas e voltas, se é o caso.

Artigo 2º.-Actuacións subvencionables e beneficiarios.

1. Serán subvencionables consonte esta orde os servizos de transporte nocturno a lugares de lecer programados e prestados nalgunha das seguintes modalidades das previstas no Decreto 80/2005, do 31 de marzo, polo que se regulan os servizos de transporte público a lugares de lecer:

a) Servizos de transporte público regular temporal a lugares de lecer.

b) Servizos de transporte público regular de uso especial a lugares de lecer.

2. Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nesta orde:

a) Para a modalidade de servizos de transporte público regular temporal, as empresas de transporte. Para estes efectos, a solicitude de axuda, acompañada dos documentos sinalados no artigo 7.3º desta orde, servirá, así mesmo, como solicitude de establecemento do servizo e de autorización administrativa para poder prestalo, nos termos do Decreto 80/2005, do 31 de marzo, polo que se regulan os servizos de transporte público a lugares de lecer.

b) Para a modalidade de servizos de transporte público regular de uso especial, as entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia. Neste caso, a entidade local deberá formalizar un contrato ou pre-contrato para a prestación dos servizos cunha empresa de transporte antes de solicitar as subvencións reguladas nesta orde, someténdose para iso ao establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, e para cada unha das rutas que se pretendan instaurar, a solicitude de axuda levará implícita a petición de autorización da empresa de transporte para poder realizar o servizo, sempre que se achegue a documentación indicada no artigo 7.4º e o anexo correspondente á ruta vaia asinado polo representante da empresa.

3. Os referidos servizos deberán prestarse durante o segundo semestre do ano 2009 e o primeiro semestre de 2010, coa correspondente autorización administrativa.

4. Non se consideran subvencionables ao abeiro desta orde:

-Os servizos de carácter urbano prestados en municipios que teñan a obriga legal de prestar o servizo de transporte público urbano consonte coa lexislación de réxime local, agás respecto daqueles tráficos que en horario diúrno estean integrados en servizos de carácter interurbano.

Os servizos que resulten coincidentes, no seu itinerario ou tráficos, con servizos de transporte público regular de uso especial a discotecas ou lugares de lecer, para os que se solicitase autorización administrativa ante a Dirección Xeral de Transportes con anterioridade á publicación da orde desta consellería do 22 de maio de 2007, pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca para o ano 2007 a concesión de subvencións a entidades locais e empresas de transporte, para o establecemento de servizos de transporte público nocturno a lugares de lecer baixo a marca NoiteBus (DOG nº 109, do 7 de xuño). Esta excepción non será aplicable de se acreditar o cesamento da vixencia daquelas autorizacións, ou a desistencia da solicitude formulada, segundo o caso, cunha antelación mínima de seis meses á data de publicación da actual orde. Para os efectos deste precepto, estímase que concorre a coincidencia indicada cando esta sexa igual ou superior ao 50%.

-Os servizos iguais ou equivalentes a aqueles para os que se outorgase subvención consonte a Orde do 14 de febreiro de 2008 e posteriormente fosen suspendidos ou revogados por non acadar os perfís mínimos de usuarios fixados pola Dirección Xeral de Transportes consonte a disposición adicional segunda da indicada orde.

Artigo 3º.-Financiamento e concorrencia.

1. As axudas outorgadas conforme o disposto nesta orde serán financiadas con cargo ás seguintes aplicacións dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2009 e 2010:

a) Para o caso de servizos prestados baixo a modalidade de transporte público regular temporal, aplicación orzamentaria 08.04.512A.470.0, coa seguinte dotación económica e distribución de anualidades:

i) 2009: 3.000.000 euros.

ii) 2010: 1.500.000 euros.

b) Para o caso de servizos prestados baixo a modalidade de transporte público regular de uso especial, aplicación orzamentaria 08.04.512A.460.0, coa seguinte dotación económica e distribución de anualidades:

i) 2009: 1.500.000 euros.

ii) 2010: 750.000 euros.

No caso dos orzamentos de 2009 queda garantida a existencia de crédito adecuado e suficiente para facer fronte a estas subvencións; porén, as concedidas con cargo aos orzamentos de 2010 quedarán condicionadas á existencia de crédito.

2. Os importes indicados no punto anterior entenderanse sen prexuízo de ulteriores variacións que se poidan producir como consecuencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, nos termos do artigo 31.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Con cargo a eles subvencionarase un máximo do noventa por cento (90%) do importe total do servizo, calculado segundo as regras previstas no artigo 5.

3. As subvencións obxecto desta orde decláranse compatibles, de ser o caso, con outras achegas, axudas ou subvencións que a entidade beneficiaria perciba para destinalas á execución das actuacións que se describen no artigo 2, pero a suma total de todas elas nunca poderá superar o custo da actividade subvencionada.

4. No caso de servizos de transporte público regular de uso especial, a suma de todas as axudas obtidas polo beneficiario e dos ingresos procedentes da venda de títulos de transporte non poderá superar o orzamento total que require a actuación.

Non obstante, agás que no contrato ou pre-contrato asinado entre a entidade local e a empresa de transporte se establecese expresamente o contrario, os ingresos procedentes da venda deses títulos constituirán un beneficio industrial accesorio do transportista, compensatorio dos maiores custos e incertezas empresariais que lle xere unha maior afluencia de usuarios nun servizo desta tipoloxía.

5. Consonte coa súa propia natureza, os servizos previstos no número anterior serán deseñados polo beneficiario da axuda, e contratados cunha entidade que dispoña de autorización administrativa para a actividade de transporte discrecional de viaxeiros, resultando de aplicación a dita subcontratación o previsto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; singularmente, o beneficiario da axuda non poderá contratar a prestación do transporte con empresas que estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no punto 7 do referido artigo 27.

Igualmente, e consonte co anterior, as empresas que presten os servizos de transporte previstos no número anterior quedarán obrigadas unicamente ante o beneficiario da axuda, que asumirá a total responsabilidade da execución da actividade subvencionada fronte á Administración.

Artigo 4º.-Condicións de prestación do servizo.

1. Os servizos solicitados deberán programarse necesariamente entre as 22.00 e as 7.00 horas do día seguinte, e desenvolverse durante un mínimo de dezaseis xornadas efectivas entre o segundo semestre de 2009 e o primeiro semestre de 2010; porén, establécese un mínimo de cinco xornadas efectivas en cada ano natural.

2. Sen prexuízo das campañas publicitarias ou de difusión para as que os solicitantes poidan pedir a axuda prevista nesta orde, terán en todo caso a obriga de colaborar naquelas campañas ou actuacións de promoción do NoiteBus que, desenvoltas pola Administración, non supoñan custo económico para o propio beneficiario, e, de xeito singular, na difusión de información nos vehículos.

Así mesmo, inserirán a imaxe corporativa do proxecto NoiteBus, e indicarán a condición de servizo subvencionado pola Dirección Xeral de Transportes da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, máis o enderezo de correo electrónico indicado no artigo 22 desta orde, en:

a) Carteis colocados en todos os vehículos adscritos a este tipo de transporte. Estes carteis deberán situarse nun lugar visible para os usuarios tanto desde o interior como desde o exterior do vehículo.

b) Calquera información sobre os servizos que se facilite aos usuarios ou ao público en xeral.

c) Títulos de transporte, de acordo co especificado no artigo 6.

Nos supostos das letras a) e b) anteriores, inserirase igualmente a páxina web sinalada no referido artigo 22 desta orde.

3. Dentro das 24 horas posteriores á conclusión de cada xornada de servizo, e sen prexuízo da información requirida para o pagamento nos artigos 18 e 19, o beneficiario deberá remitir á Dirección Xeral de Transportes a información referente á prestación do servizo a través da aplicación informática que se habilitará para o efecto. Esta información referirase tanto ao número de usuarios do servizo como aos datos do vehículo que o prestou. No caso dos servizos realizados en venres, sábados, festivos e vésperas de festivos, o prazo indicado comezará a contar logo da conclusión do último servizo prestado o festivo correspondente.

No caso dos servizos de transporte regular de uso especial, a información a que se refire este punto poderá ser remitida directamente polo beneficiario, ou ben a través da empresa de transportes que preste o servizo coa previa habilitación daquel, sen prexuízo de estimar responsable do cumprimento desta obriga, en todo caso, a entidade beneficiaria da axuda.

4. A prestación dos servizos previstos nesta orde requirirá, en todo caso, que os vehículos empregados para tal fin dispoñan de aparello tacógrafo, analóxico ou dixital, e que coa xustificación da axuda prevista no artigo 18 desta orde se xunte copia dos correspondentes discos diagrama de tacógrafo, ou da súa certificación dixital.

5. A prestación de cada servizo efectuarase unicamente cos vehículos autorizados expresamente, tanto no expediente de autorización administrativa como de outorgamento da axuda; os ditos vehículos terán que figurar na autorización de empresa do beneficiario da axuda ou, de se tratar de servizos de uso especial, da contratante del. Agás en supostos excepcionais, como avarías ou similares, non se aboará axuda pola prestación de servizos con material móbil distinto.

En todo caso, e sen prexuízo da xustificación antedita, a utilización excepcional de material móbil non previsto expresamente na correspondente solicitude de axuda requirirá que o dito extremo se poña en coñecemento da Dirección Xeral de Transportes no prazo das 24 horas seguintes á súa utilización, tanto a través da aplicación informática habilitada para o efecto, como mediante a presentación do correspondente escrito ante o servizo provincial de transportes correspondente.

Os vehículos que se inclúan na solicitude para a prestación do servizo deberán ter un número de prazas (incluída a do condutor) que os sitúe nunha mesma categoría das recollidas no artigo 5. De non ser así, estimarase que todos os vehículos están incluídos na categoría do que teña un número menor.

Artigo 5º.-Cálculo do importe do servizo e contía das axudas.

1. Para cada servizo que solicite o interesado, e por cada noite de prestación, calcularase o importe total do servizo. Este será o resultado de sumar unha compoñente fixa e unha variable (cuxos importes variarán en función do número de prazas dos vehículos autorizados), e de aplicarlle despois as porcentaxes correctoras previstas neste artigo.

2. Para realizar o cálculo descrito no punto anterior aplicaranse os seguintes importes:

a) Compoñente fixa.

-Servizos prestados con vehículos de 10 a 25 prazas: 240 €.

-Servizos prestados con vehículos de 26 a 38 prazas: 260 €.

-Servizos prestados con vehículos de 39 a 55 prazas: 280 €.

-Servizos prestados con vehículos de máis de 55 prazas: 295 €.

Para os efectos deste punto estimarase que un mesmo vehículo e/ou un mesmo condutor só pode prestar un único servizo subvencionado na noite.

b) Compoñente variable.

-Servizos prestados con vehículos de 10 a 25 prazas: 0,85 €/km.

-Servizos prestados con vehículos de 26 a 38 prazas: 0,95 €/km.

-Servizos prestados con vehículos de 39 a 55 prazas: 1,15 €/km.

-Servizos prestados con vehículos de máis de 55 prazas: 1,35 €/km.

Para os efectos previstos neste punto sumaranse os quilómetros de ida e de volta. Non obstante, computaranse unicamente os quilómetros de prestación efectiva dos servizos de transporte subvencionados, quedando expresamente excluídos os que o vehículo teña que facer en baleiro ao seu comezo e fin ou nos períodos de espera.

c) Porcentaxes correctoras: ao importe resultante do cálculo descrito nos números anteriores aplicaranse, sucesiva e acumuladamente, os seguintes coeficientes correctores:

c.1. Por número de expedicións.

Ao resultado de sumar os importes que correspondan como compoñente fixa e como compoñente variable aplicaráselle a seguinte porcentaxe correctora segundo o número de expedicións:

-Servizos ata tres expedicións: 1,00 (100%).

-Servizos con catro expedicións: 1,05 (105%).

-Servizos con cinco ou máis expedicións: 1,10 (110%).

Para os efectos do previsto neste punto estimarase como mesmo percorrido aquel que atenda aos mesmos tráficos; ademais, só se terán en conta as expedicións completas que se realicen entre as cabeceiras da ruta, sen prexuízo de que poidan realizarse expedicións parciais.

c.2. Pola adaptabilidade do vehículo empregado para a prestación do servizo.

A utilización dun vehículo adaptado para o transporte de persoas con mobilidade reducida, e xustificada na solicitude coa achega do permiso de circulación e a ficha técnica correspondente, dará dereito á aplicación dun coeficiente multiplicador do dez por cento (1,10) de incremento sobre o importe calculado consonte co previsto na letra anterior.

c.3. Polo número mínimo de usuarios comprometidos polo solicitante para cada noite de servizo.

Para estes efectos, calcularase unha ratio dividindo o número de usuarios comprometidos polo solicitante polos quilómetros totais do servizo; en función do resultado, aplicaranse as seguintes porcentaxes correctoras:

-Para compromisos situados entre 0,20 e 0,35 usuarios/km: 1,00 (100%).

-Para compromisos situados entre 0,36 e 0,50 usuarios/km: 1,02 (102%).

-Para compromisos situados entre 0,51 e 0,75 usuarios/km: 1,05 (105%).

-Para compromisos situados entre 0,76 e 1,00 usuarios/km: 1,09 (109%).

-Para compromisos situados entre 1,01 e 2,00 usuarios/km: 1,15 (115%).

-Para compromisos situados por enriba de 2,00 usuarios/km: 1,25 (125%).

Non se admitirán compromisos de usuarios por debaixo da ratio 0,20 usuarios/km, e computarase, en todo caso e para estes efectos, sobre un mínimo de 100 km por servizo.

3. O resultado dos cálculos efectuados consonte os dous puntos anteriores será o importe total do servizo para un día. Deste importe total, a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes subvencionará como máximo o 90%, segundo se indicou no artigo 3.2º.

4. O importe indicado verase incrementado, de o instar o solicitante, cun importe fixo por ruta de ata dous mil euros (2.000 €) en concepto de gastos de publicidade e difusión do servizo, co límite do 80% dos custos asumidos e xustificados.

Estimaranse incluídas no concepto de gastos de publicidade e difusión do servizo, as actividades de publicitación en radio e prensa, carteis, e demais elementos habituais no mercado, excluíndo expresamente os custos de edición dos títulos de transporte; todos os elementos publicitarios deberán ser emitidos nun modelo harmonizado, que facilitará aos beneficiarios a Dirección Xeral de Transportes, coa imaxe común da marca NoiteBus, e a indicación de servizos subvencionados por esta Administración.

5. O importe total da subvención concedida por beneficiario obterase sumando o resultado da minoración prevista no punto 3 deste artigo, correspondente a cada xornada de prestación efectiva do servizo, e sumado o importe solicitado en concepto de publicidade e difusión.

O resto de custos do servizo cubrirase do seguinte xeito:

a) Servizos de transporte regular temporal: cos importes procedentes da venda de títulos de transporte.

b) Servizos de transporte regular de uso especial: con achegas da propia entidade solicitante da axuda. En todo caso, a achega da entidade solicitante e contratante do servizo deberá acadar, cando menos, o importe resultante da minoración entre o custo que resulte imputable ao servizo segundo o artigo 5.2º, e a subvención que lle resulte de aplicación consonte co artigo 5.3º.

6. Sen prexuízo do anterior, ningún beneficiario poderá recibir unha subvención total máxima superior a 150.000 euros. No caso de que, en atención ás condicións dos servizos para os que pida a axuda e aos criterios de cálculo establecidos nos puntos anteriores, lle correspondese unha contía superior, realizarase unha minoración proporcional entre todos os servizos que lle sexan subvencionados.

Artigo 6º.-Títulos de transporte.

1. A cada usuario do servizo de NoiteBus cobraráselle unha tarifa unificada e obrigatoria de dous euros (2,00 €). Este cobramento documentarase no correspondente título de transporte, que estará numerado e datado, e no que se terá que inserir a imaxe corporativa da marca NoiteBus, o enderezo de correo electrónico indicado no artigo 22 desta orde, e a lenda «Servizo de transporte subvencionado pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes».

A Dirección Xeral de Transportes poderá establecer un modelo harmonizado de título de transporte, resultando este, en tal caso, de obrigada utilización por parte das entidades e empresas beneficiarias da axuda.

A obriga de expedir os indicados títulos corresponderá á empresa que presta o servizo, ben que a Dirección Xeral de Transportes poderá eximilo do seu cumprimento, logo de xustificar aquel a imposibilidade material de facelo e propor un sistema alternativo, acordando en tal caso, a aplicabilidade deste.

2. Excepcionalmente, os solicitantes poderán instar, de xeito motivado, a aplicación tanto de modalidades de tarifa diferentes, como unha tarifa superior ou inferior á prevista no punto anterior. Estas modificacións da tarifa deberán ser autorizadas, en todo caso, pola Dirección Xeral de Transportes, atendendo ás singularidades na tipoloxía do servizo.

3. O título de transporte dará dereito á utilización do servizo para o que se expedise, sen límite de veces, ao longo dunha mesma xornada. Non se admitirá a venda de títulos simples de só ida ou só volta.

Artigo 7º.-Solicitudes.

1. Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude nos termos indicados no artigo seguinte, acompañada dos documentos especificados nos números 3 ou 4, segundo corresponda, deste artigo.

Esa solicitude servirá tamén como solicitude de establecemento e/ou autorización para prestar o servizo, de conformidade co disposto no Decreto 80/2005, do 31 de marzo, polo que se regulan os servizos de transporte público a lugares de lecer, polo que non será preciso presentar esta separadamente. Para tal fin, no caso dos servizos de transporte regular de uso especial, o anexo II-B, correspondente a cada ruta, deberá estar asinada, ademais de polo representante da entidade local, polo representante da empresa que realizará o servizo.

2. Na propia solicitude incorpórase unha declaración responsable referente aos aspectos seguintes:

a) Cumprimento dos requisitos necesarios para acollerse a esta orde de axudas, así como das obrigas e compromisos que nela se establecen.

b) Autenticidade dos datos facilitados e da documentación presentada.

c) Compromiso de facilitar a documentación complementaria que se poida requirir, así como de permitir as comprobacións e inspeccións que para o efecto a Administración considere oportunas, ou previstas nesta orde.

d) Non beneficiarse nin ter sido beneficiario de máis subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, que illada ou conxuntamente coa outorgada por esta Administración, superen o custo da actividade obxecto desta orde.

e) Non estar incurso en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xullo, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, no caso dos servizos de transporte público regular de uso especial, incluirá o compromiso de contratar a súa prestación coa empresa que teña un dereito de preferencia, consonte co establecido no artigo 10.2º do Decreto 80/2005, do 31 de marzo, polo que se regulan os servizos de transporte público a lugares de lecer.

3. No caso dos servizos de transporte público regular temporal, achegarase coa solicitude a seguinte documentación, en orixinal ou fotocopia cotexada:

a) Documentación xeral:

I. Documentación acreditativa da personalidade, que será a seguinte:

i. Cando o titular da empresa de transporte por estrada sexa unha persoa física: documento nacional de identidade (DNI).

ii. Cando o titular da empresa de transporte por estrada sexa unha persoa xurídica: tarxeta de identificación fiscal, do apoderamento do asinante para poder representala e do documento nacional de identidade (DNI) deste.

II. Certificación bancaria co número de conta, de non constar de alta no rexistro de terceiros da Xunta de Galicia.

b) Documentación que hai que presentar para cada unha das rutas que se soliciten:

Descrición das condicións en que se prestará o servizo, que incluirá necesariamente a indicación das coordenadas que permitan localizar os puntos de parada. Esta descrición axustarase ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II-A desta orde, que deberá estar debidamente cuberto en todos os seus puntos.

III. Memoria xustificativa da necesidade ou oportunidade do servizo proposto.

IV. Mapa ou plano do servizo a escala 1:25.000 con indicación visible do itinerario e dos puntos de parada.

V. Permisos de circulación dos vehículos propostos para realizar os servizos.

VI. Fichas técnicas deses vehículos.

VII. Documentación acreditativa do seguro subscrito para cada vehículo.

Non obstante, non será preciso presentar a documentación referida nos puntos V, VI e VII se esta xa figura completa e debidamente actualizada no poder da Dirección Xeral de Transportes ou dos servizos provinciais de transportes, para os efectos do transporte escolar ou calquera outro procedemento, e así se indica expresamente na solicitude nos termos do artigo 9.3º desta orde.

4. No caso de servizos de transporte público regular de uso especial, achegarase como documentación xeral unha certificación bancaria co número de conta, de non constar de alta no rexistro de terceiros da Xunta de Galicia. Así mesmo, e para cada unha das rutas que se soliciten, presentarase a seguinte documentación en orixinal ou fotocopia cotexada:

a) Contrato ou pre-contrato formalizado polo solicitante coa empresa de transporte que realizará o servizo. Para os efectos deste punto, entenderase suficiente a presentación do xustificante de ter iniciado o procedemento de contratación consonte a lexislación de contratos do sector público; non obstante, e nese suposto, a prestación do servizo non poderá iniciarse mentres que o contrato asinado non se achegue ao expediente e a empresa de transporte solicite e obteña o establecemento do servizo e a autorización para prestalo consonte ao Decreto 80/2005, do 31 de marzo, polo que se regulan os servizos de transporte público a lugares de lecer. En todo caso, a copia do contrato debidamente formalizado deberá presentarse, como máximo, xunto coa documentación xustificativa dos servizos realizados no primeiro mes de prestación.

b) Descrición das condicións en que se prestará o servizo, que incluirá necesariamente a indicación das coordenadas que permitan localizar os puntos de parada. Esta descrición axustarase ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II-B desta orde, que deberá estar debidamente cuberto en todos os seus puntos, e, para que sirva como solicitude de autorización para prestar o servizo por parte da empresa de transporte deberá estar asinado, ademais de polo representante da entidade local, polo da devandita empresa.

c) Memoria xustificativa da necesidade ou oportunidade do servizo proposto.

d) Mapa ou plano do servizo a escala 1:25.000 con indicación visible do itinerario e dos puntos de parada.

e) Permisos de circulación dos vehículos propostos para realizar os servizos.

f) Fichas técnicas deses vehículos.

g) Documentación acreditativa do seguro subscrito para cada vehículo.

Non obstante, non será preciso presentar a documentación referida nos puntos e, f e g se esta xa figura completa e debidamente actualizada no poder da Dirección Xeral de Transportes ou dos servizos provinciais de Transportes, para os efectos do transporte escolar ou calquera outro procedemento, e así se indica expresamente na solicitude nos termos do artigo 9.3º desta orde.

Artigo 8º.-Lugar, forma e prazo para a presentación de solicitudes.

1. Os que desexen optar ás axudas previstas nesta orde deberán completar a solicitude en liña, axustada aos modelos normalizados que se inclúen como anexos I e II desta orde.

Os formularios da solicitude de axuda e das condicións de prestación dos servizos cubriranos e obteranos necesariamente os solicitantes a través da aplicación informática inserida na páxina oficial da Dirección Xeral de Transportes da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, sita no enderezo da internet: http://www.cptopt.xunta.es/sunoitebus. Nesa web disporase tamén de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polos solicitantes; non obstante, en caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios, poderán pórse en contacto coa Administración a través dos medios previstos no artigo 22 desta orde.

Poderanse cubrir e obter os formularios ata as 24 horas do día da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes, sen prexuízo do deber de presentación indicado no punto 3 deste artigo, que terá que se efectuar, en todo caso, dentro dese mesmo prazo.

Os anexos desta convocatoria publícanse no Diario Oficial de Galicia (DOG) exclusivamente para efectos informativos, e será necesario empregar a aplicación informática indicada para obter os formularios da solicitude e das condicións de prestación. As solicitudes que non cumpran o aquí indicado non serán admitidas a trámite.

2. Unha vez completada a solicitude en liña, e sempre antes de que remate o prazo establecido no punto 3 deste artigo, presentarán esa mesma solicitude impresa e debidamente asinada, así como a documentación requirida no artigo 7, preferentemente no rexistro da Dirección Xeral de Transportes (praza de Europa, 5A, 2º andar, Área Central-As Fontiñas, 15707 Santiago de Compostela).

Así mesmo, os documentos impresos, acompañados da documentación correspondente, poderán presentarse por calquera dos medios previstos para a presentación de instancias no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Se a solicitude se remite por correo, presentarase en sobre aberto para que sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de certificala.

3. O prazo de presentación de solicitudes rematará o día 30 de marzo de 2009, incluído.

Artigo 9º.-Consentimentos e autorizacións.

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación do réxime contido nesta orde.

2. De conformidade co artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión da subvención comportará a autorización do solicitante para que o órgano concedente obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos.

Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

3. De acordo co disposto no artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ás solicitudes dos interesados xuntaranse os documentos e as informacións determinados na norma ou convocatoria, salvo que os documentos exixidos xa estivesen en poder de calquera órgano da Administración actuante; neste caso, o solicitante poderá acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia nos cales foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde o remate do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación, ou, no seu defecto, a xustificación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos. Todo isto farase consonte ao establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

5. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, esta consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

Artigo 10º.-Órganos competentes.

1. Delégase na directora xeral de Transportes o exercicio das competencias para resolver os procedementos de concesión, aprobación do gasto e demais actuacións necesarias para o desenvolvemento das axudas obxecto desta orde.

2. A Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das subvencións, correspondéndolle como tal o exercicio das facultades previstas no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xullo, de subvencións de Galicia.

Artigo 11º.-Instrución.

1. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algunha das exixencias contidas nesta orde requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 9 resulta que o solicitante non se atopa ao día de pagamento das súas obrigas tributarias e sociais co Estado, coa Comunidade Autónoma ou coa Seguridade Social.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse o solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento. Singularmente, poderá exixírselle que presente unha memoria ou estudo detallado que avale a realidade do número mínimo de usuarios comprometidos para cada noite de servizo.

3. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e que conten coa documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

Así mesmo, se logo de examinar a documentación presentada se observa que existen coincidencias ou semellanzas nas rutas a atender por varios servizos, ou que existen servizos cun escaso ou nulo interese social, porase en coñecemento dos interesados dándolles un prazo de cinco días para que modifiquen as solicitudes formuladas e/ou formulen as alegacións que consideren oportunas.

Pasado o referido prazo sen que se fixese modificación ningunha nin se xustifique a rendibilidade social do servizo, eses servizos remitiranse á comisión de valoración, quen poderá incorporar ao seu informe unha proposta de exclusión daquel servizo ou servizos que obteñan unha menor puntuación consonte cos criterios de valoración previstos no artigo 13.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nesta orde ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na que se indicarán as causas desta.

Artigo 12º.-Comisión de valoración.

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte. Para tal fin, elaborará un informe no que figurarán de xeito individualizado os solicitantes que cumpren os requisitos para obter a subvención, e no que se especificará a avaliación que lles corresponde segundo os devanditos criterios. Así mesmo, indicarase o importe da axuda para cada un deles, ata esgotar o crédito dispoñible.

2. A comisión de valoración terá a seguinte composición:

-Presidente: subdirector xeral de Ordenación do Transporte

-Vogais: xefes dos servizos de Xestión Económica e de Estudos e Apoio Xurídico da Dirección Xeral de Transportes.

En caso de ausencia, vacante ou enfermidade dos anteriores, a directora xeral de Transportes poderá nomear substitutos de entre funcionarios dos grupos A ou B da referida dirección xeral.

3. As solicitudes que non puidesen ser atendidas por insuficiencia de crédito quedarán en reserva, podendo, no seu caso, subvencionarse ben co crédito que quedase libre de producirse algunha renuncia por parte dos beneficiarios, ben co incremento do crédito orzamentario destinado a estas axudas. Para estes efectos, poderán realizarse sucesivos informes conforme o sinalado neste artigo.

Artigo 13º.-Criterios de valoración.

1. As solicitudes puntuaranse, para cada unha das rutas para as que se solicite a axuda, e de xeito separado entre as dúas modalidades previstas no artigo 2.1º desta orde, de acordo cos seguintes criterios de valoración:

a) Pola incidencia social do servizo proposto, en atención á ratio resultante de dividir o número de usuarios comprometidos por noite entre os quilómetros do servizo: ata 25 puntos, tendo cero puntos os compromisos iguais ou inferiores a 0,35 usuarios por quilómetro, e a máxima puntuación o compromiso de 2,5 usuarios por quilómetro de servizo.

b) Pola optimización no tempo de uso da frota: ata 20 puntos. Para estes efectos, recibirán a máxima puntuación aqueles servizos cuxo tempo total de circulación durante a noite sexa de sete horas ou máis, e cero puntos os que teñan unha hora ou menos de prestación. Os servizos de duración intermedia entre eses dous límites recibirán a puntuación que proporcionalmente lle corresponda.

Para o cálculo anterior non se terán en conta os tempos de espera. Ademais, para aqueles servizos cuxa media de quilómetros por hora sexa inferior a 50, entenderase que o tempo de prestación efectiva é o que resultaría de realizar os quilómetros totais do servizo a esa velocidade.

c) Pola extensión do servizo: ata 10 puntos, tendo cero puntos os servizos cun número de quilómetros por noite inferior a oitenta (80), e a máxima valoración os que teñan unha extensión igual ou superior a cento corenta (140); esta epígrafe valorarase desbotando os decimais que resulten da aplicación do anterior índice de valoración.

Para os efectos previstos nesta epígrafe, computaranse os quilómetros que deba efectuar o vehículo para a conexión de todas as paradas en que se xeren tráficos na ruta, utilizando aquelas infraestruturas que, sendo adecuadas para a circulación dos vehículos, as comuniquen do xeito máis directo efectuando o menor percorrido posible para a conexión de todas elas.

d) Polo compromiso de investimento en publicidade e difusión do servizo: ata 15 puntos, tendo cero puntos quen non asuma compromiso ningún, e quince quen asuma o compromiso de investimento de 4.000 euros ou máis por ruta (incluída a subvención prevista para o efecto nesta orde).

e) Pola diminución porcentual do importe de subvención solicitada en relación co importe total do servizo, consonte cos números 2 e 3 do artigo 5: ata 10 puntos, tendo a máxima puntuación a diminución máis alta e calculándose as demais proporcionalmente.

f) Polo número de expedicións que se van realizar: ata 10 puntos, tendo cero puntos os números de expedicións iguais a un, e a máxima puntuación os supostos de seis ou máis expedicións.

Para os efectos desta letra, computaranse exclusivamente as expedicións que se programen entre as cabeceiras da ruta, non computando as expedicións parciais.

g) Pola antigüidade dos vehículos afectos aos servizos: ata 5 puntos, tendo a máxima puntuación os vehículos de ata seis anos, e cero os de dezaseis anos ou máis. En caso de que os vehículos propostos teñan antigüidades distintas, tomarase como referencia a do máis vello.

h) Por asumir o compromiso de empregar a lingua galega na publicidade e difusión dos servizos solicitados: 5 puntos.

2. No caso de que logo de aplicar os criterios previstos nos puntos anteriores resulten varias solicitudes coa mesma puntuación total, darase preferencia á que tivese maior puntuación en cada un dos conceptos, segundo a orde de prelación que resulta dos devanditos puntos.

Artigo 14º.-Resolución e notificación.

1. Á vista do informe da comisión de valoración, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución, que elevará á directora xeral de Transportes, quen ditará a resolución que corresponda para cada solicitante.

No caso de que, atendendo ás solicitudes formuladas, resulte acreditada a suficiencia do crédito dispoñible, o órgano instrutor poderá elevar propostas parciais de resolución, e procederse á resolución sucesiva das distintas solicitudes formuladas por orde cronolóxica de conclusión dos correspondentes expedientes administrativos.

En ningún caso o importe da subvención concedida poderá superar o custo da actividade a desenvolver polo beneficiario, ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable legalmente establecido.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de tres meses, contados desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrese este prazo sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. A concesión ou a denegación da axuda será notificada ao solicitante de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Adicionalmente, as subvencións concedidas serán publicadas no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, consonte ao establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, se subvencións de Galicia.

4. De acordo co disposto no artigo 21.5º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, unha vez notificada a resolución definitiva aos beneficiarios, estes disporán dun prazo de dez días para aceptar a subvención concedida. Transcorrido ese prazo sen que houbese manifestación expresa entenderase tacitamente aceptada.

Artigo 15º.-Réxime de recursos.

As resolucións ditadas ao abeiro desta orde, así como a desestimación presunta de solicitudes, poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

Artigo 16º.-Modificación da resolución.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda poderá dar lugar á modificación da resolución da súa concesión.

As persoas ou entidades beneficiarias están obrigadas a comunicarlle á Dirección Xeral de Transportes calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente ao destino ou á correcta aplicación da axuda outorgada.

2. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado pola directora xeral de Transportes logo da instrución do correspondente expediente, no que se lle dará audiencia ao interesado.

3. Para os efectos desta orde, non terán a consideración de modificación das condicións da axuda aquelas alteracións non substanciais do servizo que non afecten o seu obxecto principal, e en concreto as seguintes:

a) Variación de horarios, sempre e cando o incremento no número de expedicións non supoña a inclusión do servizo nunha categoría do artigo 5.2º.c.1 distinta da inicialmente prevista.

b) Modificacións do calendario de prestación que non supoñan adición de días nin alteración do número total de xornadas de prestación efectiva en cada ano natural.

c) Cambios no itinerario, sen que se incremente o número de quilómetros totais.

d) Adición ou substitución de vehículos autorizados para realizar os servizos, sempre e cando non se vexa alterado o número mínimo de prazas que se tivo en conta para o cálculo da subvención e/ou a condición de vehículo adaptado.

4. As modificacións anteriores deberan comunicarse á Dirección Xeral de Transportes con antelación á data da súa posta en funcionamento, quen poderá denegalas mediante resolución expresa en caso de que non se axusten ás condicións previstas no punto anterior ou afecten o cálculo do importe máximo da subvención. Alén do anterior, o beneficiario estará obrigado a darlle publicidade á alteración realizada en termos equivalentes aos do inicio do servizo.

Artigo 17º.-Obrigas dos beneficiarios.

Os beneficiarios das subvencións reguladas nesta orde asumen as obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no resto da normativa de subvencións, e, especificamente, as seguintes:

-Obriga de reintegro, total ou parcial, da subvención percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

-Obriga de permitir que a Dirección Xeral de Transportes realice as comprobacións e inspeccións que considere oportunas co fin de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada, así como de facer o seguimento e control das axudas concedidas.

-Obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

-Obriga de comunicarlle á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, se fose o caso, as alteracións das condicións tidas en conta para a concesión da axuda obxecto desta orde e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, para os efectos de propoñer, se procedese, a modificación das condicións establecidas na resolución de concesión da axuda.

-Obriga de empregar as aplicacións informáticas que, para a cumprimentación de modelos, remisión de datos de usuarios e incidencias, comunicación da facturación mensual e demais previstas nesta orde habilite a Dirección Xeral de Transportes.

2. No caso dos servizos de transporte público regular de uso especial, o beneficiario deberá contratar a súa prestación coa empresa que teña un dereito de preferencia consonte o establecido no artigo 10.2º do Decreto 80/2005, do 31 de marzo, polo que se regulan os servizos de transporte público a lugares de lecer.

Artigo 18º.-Xustificación da subvención.

1. Para o pagamento da subvención prevista nesta orde o beneficiario da axuda presentará ante a Dirección Xeral de Transportes, nos primeiros quince días de cada mes, as correspondentes liquidacións do mes anterior, xunto coa seguinte documentación referida a ese período de liquidación, en papel e en soporte dixital:

-Datos de prestación do sistema, co desagregamento e formato normalizado indicado pola Dirección Xeral de Transportes, e comprensivo cando menos do número de usuarios por servizo e títulos de transporte vendidos.

-Certificación comprensiva dos quilómetros realizados.

-Copia dos discos diagrama de tacógrafo do vehículo, ou vehículos, que prestasen o servizo (ou certificación equivalente no caso do tacógrafo dixital, en que se deberán incluír en todo caso as horas de prestación do servizo e os quilómetros realizados). Nestas copias deberase indicar o día e o servizo con que se corresponden.

Como excepción da regra xeral indicada no número un deste artigo, a liquidación do mes de decembro deberá ser entregada na Dirección Xeral de Transportes nos cinco primeiros días do mes de xaneiro.

Para os efectos da liquidación indicada neste artigo, teranse en consideración as seguintes regras:

-O pagamento da compoñente variable (quilómetros) farase sempre atendendo aos que figuren como reais e xustificados nos correspondentes discos diagrama de tacógrafo ou certificación obtida do tacógrafo dixital. Porén, non se aboarán en ningún caso os quilómetros que se realicen por enriba do número máximo que se indicase na solicitude e se recollese na resolución de outorgamento.

-A aplicación do coeficiente correspondente a vehículos adaptados aplicarase se a prestación efectiva do servizo se ten efectuado cos referidos vehículos, salvo que na solicitude inicial de axuda non se incluíse ningún vehículo desas características.

2. No caso dos servizos de transporte regular de uso especial, deberá achegarse, ademais, unha copia autenticada do pagamento efectuado á empresa de transportes que prestou o servizo, e xustificación do financiamento que corresponde á entidade local; ambos os extremos poderanse xustificar mediante certificación emitida para o efecto pola súa intervención.

3. O importe da axuda correspondente a gastos de publicidade e difusión do servizo, outorgado, de ser o caso, consonte o previsto no artigo 5.4º desta orde, xustificarase mediante a achega das correspondentes facturas e xustificantes de pagamento destas; do importe sinalado, sen IVE, a Administración aboará a porcentaxe indicada no precepto citado, ata a contía máxima outorgada. Igualmente, o beneficiario deberá achegar un exemplar do material obxecto da indicada facturación, agás que pola súa natureza non sexa viable; neste caso, a Dirección Xeral de Transportes poderá requirir outra documentación ou certificacións referentes á execución da actividade.

En caso de que un mesmo beneficiario efectúe unha publicidade global de varios servizos respecto dos que teña aquela condición, deberá concretar e xustificar na facturación os custos que impute a cada un dos servizos, así como achegar unha sucinta memoria das actividades prestadas e da correlación existente con todos e cada un dos servizos subvencionados.

Esta facturación, e conseguinte pagamento, efectuarase consonte a seguinte distribución:

-Un 60% coa liquidación dos servizos prestados en 2009.

-O 40% restante coa liquidación dos servizos prestados en 2010.

O gasto asumido consonte o anterior, sen prexuízo da data da súa facturación e xustificación á Administración, poderá ter sido realizado materialmente en calquera momento, dentro en todo caso dos exercicios económicos a que se refire esta orde de axudas. Non obstante, a revogación total ou parcial da subvención, consonte o previsto no artigo 20º desta orde, xerará a obriga de devolver os importes percibidos, na mesma porcentaxe; igualmente, a súa revogación consonte a disposición adicional segunda desta orde, xerará o decaemento do dereito de percepción das cantidades pendentes de liquidación por este concepto.

4. Transcorridos os prazos indicados nos puntos anteriores para xustificar os servizos e a publicidade sen que o beneficiario presentase a documentación solicitada, poderase entender que renuncia á subvención correspondente a ese período. Neste caso, a directora xeral de Transportes ditará a oportuna resolución, nos termos do artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 19º.-Pagamento.

Logo de comprobar que a documentación referida no artigo anterior se axusta ao contido desta orde, procederase ao pagamento das subvencións mediante transferencia bancaria ao número de conta indicado polo beneficiario.

No caso das subvencións a empresas de transporte, o pagamento estará condicionado a que o beneficiario acredite que está ao día das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, de non estar vixentes os certificados obtidos anteriormente.

Artigo 20º.-Incumprimentos, reintegros e sancións.

1. O incumprimento das obrigas contidas nesta orde ou no resto da normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

Singularmente, sen carácter exhaustivo, e consonte o previsto no artigo 14.1º n), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establécese a seguinte relación de incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión da subvención, e a súa incidencia sobre a percepción da axuda e o seu reintegro:

a) Non prestación do servizo:

i. Sen notificación, por vía dixital e presentación por escrito, á Dirección Xeral de Transportes nas 24 horas seguintes a aquela en que debería ter lugar o seu inicio, dará lugar á revogación da subvención e ao reintegro das cantidades, de ser o caso, xa percibidas.

ii. Coa notificación antes referida: non aboamento do importe correspondente ao servizo omitido.

b) Prestación incompleta do servizo:

i. Se o incumprimento ten lugar na atención de tráficos eventualmente captores de usuarios, deberá diferenciarse:

-Sen notificación, por vía dixital e presentación por escrito, á Dirección Xeral de Transportes nas 24 horas seguintes a aquela en que debería ter lugar o seu inicio, dará lugar á revogación da subvención e o reintegro das cantidades, de ser o caso, xa percibidas.

-Coa notificación antes referida: non aboamento do importe correspondente ao servizo omitido.

ii. Se o incumprimento se produce con ocasión de paradas residuais do servizo, nas cales non se desatendan eventuais tráficos, minorarase o importe correspondente aos quilómetros deixados de percorrer; se o incumprimento supón que o servizo pase a ter menos quilómetros que os declarados como mínimos, minorarase o importe global da axuda na mesma porcentaxe que a de diminución do percorrido.

c) Incumprimento das obrigas referentes a prestación do servizo cos vehículos autorizados (agás os supostos e procedemento de substitucións previstos nesta orde), á emisión de títulos de transporte, información e publicidade do servizo e do seu carácter de subvencionado pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, carteis a bordo do vehículo, remisión de información á Administración, e demais condicións de prestación: a constancia da omisión de calquera destes extremos nun día suporá o non aboamento do importe da axuda correspondente a esa xornada; a reincidencia nunha segunda xornada suporá o non aboamento do importe desta incrementado nun 50%; a reincidencia nunha terceira xornada dará lugar á revogación da axuda e ao reintegro das cantidades, de ser o caso, percibidas.

d) O falseamento no número declarado de usuarios, tanto nas informacións diarias como nas liquidacións mensuais: o falseamento situado entre o 3% o 10% dos usuarios dunha xornada suporá unha minoración da axuda correspondente á dita xornada do 50%; o falseamento superior ao 10% dará lugar á anulación da axuda correspondente a esa xornada. A reiteración de dous falseamentos superiores ao 10%, ou de catro de entre o 3 e o 10%, dará lugar á revogación da axuda e ao reintegro das cantidades, de ser o caso, percibidas.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior tramitarase un procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto nos artigos 32 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 21º.-Control.

1. A Dirección Xeral de Transportes poderá levar a cabo, directa ou indirectamente, as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento da finalidade das axudas que se concedan.

2. Alén do anterior, as axudas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 22º.-Información aos interesados.

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Transportes, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería (www.cptopt.xunta.es)

b) Os teléfonos 981 54 45 95 e 981 54 45 85 da devandita dirección xeral.

c) O enderezo electrónico noitebus@xunta.es.

Artigo 23º.-Remisión normativa.

Para todo o non regulado nesta orde aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, así como nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e no resto de normativa que resulte de aplicación.

Disposicións adicionais

Primeira.-Avaliación de proxectos.

Os servizos de NoiteBus solicitados serán sometidos a unha avaliación inicial, logo da cal a Dirección Xeral de Transportes poderá acordar, mediante resolución administrativa, a denegación daqueles que, polo seu elevado interese social, teña implantado ou acorde implantar de xeito directo, de conformidade coa Lei 16/1987, do 30 de xullo, de ordenación de transportes terrestres, e a súa normativa de desenvolvemento.

Segunda.-Avaliación da prestación.

1. Os servizos para os que se conceda a axuda serán sometidos a unha avaliación periódica cada catro xornadas efectivas de prestación, facendo unha comparativa entre o compromiso de usuarios asumido na solicitude e os efectivamente transportados e declarados.

2. Se dunha primeira avaliación se aprecia unha minoración igual ou superior ao 75% sobre o volume de usuarios comprometidos, ou non se cobren os perfís mínimos fixados pola Dirección Xeral de Transportes atendendo á poboación que cubrirá o servizo, esta poderá optar entre a supresión do servizo e a revogación da axuda para as xornadas pendentes de prestación ou, oído o beneficiario, a súa continuación por outro período de catro xornadas, reformulando as condicións de prestación.

Se nunha segunda verificación non se aprecia unha recuperación significativa do índice de cobertura, a Dirección Xeral de Transportes acordará sen máis a revogación da axuda para as xornadas pendentes, oído o beneficiario.

3. Do mesmo xeito se procederá se, de dúas avaliacións sucesivas, se aprecia un volume de usuarios inferior aos comprometidos entre o 75 e o 30%, ou a non cobertura dos perfís mínimos fixados pola Dirección Xeral de Transportes.

4. Para os efectos da avaliación descrita nos puntos anteriores, a Dirección Xeral de Transportes comunicará coa resolución de outorgamento da axuda os perfís mínimos que se consideran axeitados para cada ruta, sen que estes afecten o cálculo da subvención, que se fará en todo caso consonte o previsto no artigo 5º.

Terceira.-Prestación anticipada de servizos.

Estímase incluída na previsión contida no artigo 2º.3 desta orde, a prestación de servizos que realicen os solicitantes das axudas a partir do 1 de xullo de 2009 e antes de que recaia resolución definitiva. Eses servizos deberán incluírse en todo caso dentro da solicitude e prestarse de acordo coas previsións contidas nesta orde, e non xerarán dereito a cobrar cantidade ningunha no caso de que a resolución definitiva sexa denegatoria.

En todo caso, a prestación anticipada de servizos deberá contar coa pertinente autorización administrativa, ou prórroga da outorgada con antelación, que se deberá solicitar oportunamente ante o Servizo Provincial de Transportes que corresponda.

Cuarta.-Transmisión de datos no contorno SITME.

Ao longo do período de vixencia desta orde, a Dirección Xeral de Transportes poderá habilitar unha nova aplicación informática, complementaria da prevista nela, e desenvolta no contorno da aplicación SITME. Nese suposto, a partir da súa posta en marcha os beneficiarios das axudas poderán optar por continuar utilizando a aplicación indicada na orde para enviar os datos de prestación dos servizos ou ben mudar á nova aplicación SITME. De facelo así, os prazos previstos na orde para a carga de información referiranse á remisión de colectas, propias da aplicación SITME.

En todo caso, a entrada neste novo contorno imporá a aceptación das condicións de uso que para o efecto estableza a Dirección Xeral de Transportes, que serán vinculantes para os beneficiarios. Esas condicións complementarán as previsións desta orde e, singularmente, as do seu artigo 20 en relación cos posibles incumprimentos.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación para o desenvolvemento.

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Transportes para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento, interpretación e aplicación desta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2009.

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes

Ver referencia pdf "04100D001P006.PDF"

Ver referencia pdf "04100D002P024.PDF"