DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Xoves, 26 de febreiro de 2009 Páx. 4.066

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

ORDE do 31 de decembro de 2008 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das bolsas de formación na Dirección Xeral de Comercio e se procede á súa convocatoria.

A Consellería de Innovación e Industria é o órgano encargado de exercer as competencias que, en materia de comercio interior, o artigo 30.I.4 do Estatuto de autonomía de Galicia atribúe á nosa comunidade autónoma.

O Decreto 231/2006, do 23 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Innovación e Industria, indica que lle corresponde á Dirección Xeral de Comercio a planificación, coordinación e control das competencias da consellería en materia de comercio interior.

O dito centro directivo estableceu un Plan de renovación e mellora do comercio galego, para os anos 2006/2009, dentro do cal se establece unha serie de medidas artelladas en distintos ámbitos co obxectivo de reformar e innovar as estruturas comerciais e implicar os diferentes sectores e administracións competentes. Neste senso, mediante a Orde do 23 de maio de 2008, convocáronse seis bolsas de formación coa finalidade de que as persoas tituladas nalgunha das materias relacionadas co ámbito comercial complementasen os coñecementos teóricos adquiridos nos seus estudos cunha formación práctica que lles permitise afrontar con maiores garantías o seu futuro profesional.

Por medio desta orde establécense as bases da convocatoria doutras seis bolsas de formación na Dirección Xeral de Comercio ampliando o seu ámbito subxectivo de aplicación ás persoas que teñan unha titulación de grao superior ou medio, sen prexuízo da valoración específica dalgunhas delas que gardan relación co ámbito comercial. Así mesmo, reformúlanse os criterios de valoración para dar cabida ao anterior e á baremación da formación obtida polas persoas solicitantes mediante outras bolsas.

Por outra banda, coa finalidade de continuar coa formación das persoas adxudicatarias das bolsas convocadas pola devandita orde, xa que catro meses de duración son insuficientes, resulta oportuno modificar o precepto dela que regula este extremo, de tal xeito que se recolla nel a posibilidade de que aquelas poidan optar á concesión dunha segunda bolsa ao abeiro dunha próxima convocatoria, no caso de que se presenten a ela.

Por todo o exposto, en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Convocatoria e bases reguladoras.

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión de seis bolsas de formación na Consellería de Innovación e Industria da Comunidade Autónoma de Galicia, na Direción Xeral de Comercio, para as persoas tituladas que se especifican no anexo I, e proceder á súa convocatoria.

2. Ao abeiro do disposto no artigo 37.bis da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes (engadido pola Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres e homes), reservarase o cincuenta por cento da prazas para mulleres que reúnan os requisitos exixidos nesta convocatoria. Se non houber suficientes solicitudes de mulleres, as prazas cubriranse con homes.

Artigo 2º.-Solicitudes.

1. Para poder ser beneficiaria/o da subvención deberá presentarse unha solicitude dirixida ao conselleiro de Innovación e Industria axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 7º das bases reguladoras.

2. Os formularios de solicitude de axuda regulados nesta orde deberaos obter, cubrir, validar e imprimir necesariamente o solicitante a través da aplicación informática «axudas virtual» (procedemento IN225A) establecida na «oficina virtual» desta consellería, sita no enderezo da internet http//www.conselleriaiei.org. Tamén se pode acceder desde o enderezo http://www.xunta.es/presentación-electronica da Xunta de Galicia facendo uso do enlace dispoñible co procedemento IN225A.

Para cubrir correctamente os formularios de solicitude, no citado enderezo da internet disporase de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes.

Poderanse cubrir e obter os formularios ata as 24 horas do día anterior á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información, poderán dirixirse á Dirección Xeral de Comercio a través do número de teléfono, do número de fax ou do enderezo de correo electrónico sinalados no artigo 5º. O dito centro directivo adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación por escrito de solicitudes.

Os anexos desta convocatoria publícanse no Diario Oficial de Galicia exclusivamente para efectos informativos, sendo necesario empregar a aplicación informática indicada para a obtención dos formularios de solicitude.

3. A través do formulario proporciónanse á Consellería de Innovación e Industria datos de carácter persoal que serán obxecto de tratamento e, para ese efecto, incorporaranse a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, adoptándose tanto as medidas de seguridade técnicas como organizativas.

A finalidade da recollida e tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que deriven da aplicación da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros. Non obstante, a Consellería de Innovación e Industria revelará ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso.

Decláranse recoñecidos e poderán exercerse os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito e achegando identificación suficiente ao seguinte enderezo: edificios administrativos San Caetano- San Caetano, s/n, 15704 Santiago de Compostela, ou ben mediante o procedemento habilitado para o efecto e que se poderá atopar na guía do cidadán da páxina web da Xunta de Galicia.

Artigo 3º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1. A presentación de solicitudes farase por vía escrita (en soporte papel) ou en formato electrónico ante o rexistro telemático da Xunta de Galicia logo de obter e cubrir os formularios de acordo co previsto neste artigo.

2. As solicitudes en formato papel presentaranse preferentemente no rexistro da Xunta de Galicia, así como nos de calquera outro órgano da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración local, sempre que neste último caso se teña subscrito o oportuno convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. As solicitudes tamén poderán presentarse en formato electrónico, en vez de en papel, ante o rexistro telemático da Xunta de Galicia, mediante sinatura electrónica do/a representante legal do solicitante ou persoa que o/a representa e cando non sexa preciso achegar ningunha documentación en papel, téndose que cumprir os seguintes requisitos:

O/a presentador/a deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 recoñecido pola plataforma de validación e sinatura electrónica @firma. Os prestadores recoñecidos son: DNI electrónico, Camerfirma, izenpe, CATCert (Axencia Catalá de Certificación), ANF AC, SCR (Servizo de Certificación dos Rexistradores), ACA, ACCV (Autoridade de Certificación da Comunidade Valenciana), Ancert (Axencia Notarial de Certificación), FNMT (Fábrica Nacional de Moeda e Timbre), Firmaprofesional e Banesto C.A.

Xunto cos formularios de solicitude deberá anexarse en formato electrónico a documentación a que se fai referencia no punto 2 do artigo 7º das bases reguladoras. Para isto, no proceso de formalización telemática permitirase anexar á solicitude os arquivos informáticos necesarios. No caso de presentación telemática unha vez asinados co certificado dixital do/a presentador/a os formularios normalizados, procederase á transferencia telemática da dita documentación ao Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, creado polo Decreto 164/2005, do 16 de xuño. Unha vez completado o proceso de transferencia telemática, efectuarase a anotación correspondente no rexistro de entrada, e nese momento expedirase, empregando as características da aplicación telemática, un recibo no cal quedará constancia do feito da presentación.

4. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos entenderase que o prazo vence o día cuxo ordinal coincida co que serviu de partida, que é o de publicación no DOG e, se é festivo, o primeiro día hábil seguinte.

Artigo 4º.-Prazo de duración do procedemento de concesión.

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a dous meses.

Artigo 5º.-Información ás persoas interesadas.

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN225A, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Comercio, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería (www.conselleriaiei.org) no seu enlace de axudas e na oficina virtual.

b) No teléfono 981 54 55 93 da devandita dirección xeral.

c) No enderezo electrónico dxcomercio@xunta.es.

d) Presencialmente.

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia que é o 012 (desde o resto do Estado 902 120 012).

Disposición adicional

Modificación da Orde do 23 de maio de 2008 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das bolsas de formación na Dirección Xeral de Comercio e se procede á súa convocatoria.

O último parágrafo do artigo 1º da devandita orde queda redactado como segue:

«O programa formativo desenvolverase ao longo do ano 2008 cunha duración máxima de seis meses, entre o 1 de xullo e o 31 de decembro. As persoas bolseiras poderán optar á concesión dunha segunda bolsa de formación na Dirección Xeral de Comercio, ao abeiro dunha próxima convocatoria, se se presentan a ela».

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación para o desenvolvemento.

Facúltase a directora xeral de Comercio para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de decembro de 2008.

Fernando Xabier Blanco Álvarez

Conselleiro de Innovación e Industria

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de 6 bolsas de formación na Dirección Xeral de Comercio da Consellería de Innovación e Industria

Artigo 1º.-Obxecto e duración das bolsas de formación.

As bolsas de formación na Dirección Xeral de Comercio teñen como obxectivo contribuír á formación titoriada de profesionais no campo da actividade comercial e o seu contorno.

A Dirección Xeral de Comercio elaborará un programa formativo que integrará principalmente aspectos relativos á actividade comercial, o estudo e análise da pequena e mediana empresa comercial, e o sector da distribución e as estruturas comerciais. O programa formativo poderá estenderse a todas aquelas materias sobre as que o centro directivo ten competencia e, en concreto, a artesanía.

Así mesmo, a Dirección Xeral de Comercio nomeará un/unha titor/a responsable das actividades de formación que desenvolverán as/os bolseiras/os.

O programa formativo desenvolverase ao longo do ano 2009 cunha duración máxima de nove meses, entre a data da incorporación das persoas bolseiras e o 31 de decembro. As persoas que resultaron bolseiras en virtude da Orde do 23 de maio de 2008 (Diario Oficial de Galicia nº 107, do 4 de xuño) poden presentarse á presente convocatoria, quedando expresamente sometidas ao procedemento de concorrencia competitiva e aos criterios de valoración establecidos nestas bases reguladoras.

Artigo 2º.-Financiamento e concorrencia.

1. Para a concesión destas bolsas destínase un crédito de 78.800 € que será imputado á aplicación orzamentaria 2009.10.05.751A.480.0, formación en materia de comercio, dos orzamentos xerais da comunidade autónoma para 2009. O importe de cada bolsa non excederá da cantidade de 11.700 €.

En todo caso, o gasto proxectado queda sometido á condición suspensiva da existencia de crédito axeitado e suficiente para tal fin nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009 e ao disposto na orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001.

2. O procedemento de concesión desta subvención tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

Artigo 3º.-Requisitos das persoas beneficiarias.

Poderán optar á concesión destas bolsas as persoas que reúnan os seguintes requisitos:

a) Ter nacionalidade española ou ser nacionais de calquera Estado membro da Unión Europea ou dos países da Comunidade Iberoamericana de Nacións, así como estar domiciliada na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Ter unha idade non superior aos 31 anos na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

c) Acreditar un coñecemento da lingua galega con nivel de perfeccionamento ou equivalente.

d) Estar en posesión dalgunha titulación universitaria de segundo ciclo ou grao superior.

e) Non desfrutar anteriormente doutra bolsa destas características na Dirección Xeral de Comercio, de duración superior a seis meses.

f) Non ter emprego remunerado nin gozar doutra bolsa ou axuda.

g) Non padecer ningunha enfermidade nin limitación física ou psíquica que imposibilite o cumprimento das súas obrigas como bolseiro/a.

h) Estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social.

i) Non estar incursa en ningunha das prohibicións para obter a condición de beneficiario/a sinaladas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (Diario Oficial de Galicia nº 121, do 25 de xuño).

Artículo 4º.-Condicións e incompatibilidades.

1. As persoas adxudicatarias adquiren exclusivamente a condición de bolseiras, coas obrigas e dereitos delas e conforme estas bases, sen ningún outro vínculo laboral ou administrativo co órgano convocante nin coas entidades en cuxas dependencias se leve a cabo a formación.

2. A percepción destas bolsas é incompatible con calquera outra bolsa ou axuda financiada por calquera administración, institución ou ente público ou privado, así como con soldos ou salarios que impliquen vinculación contractual ou estatutaria das persoas interesadas.

Artigo 5º.-Dotación económica.

Cada bolsa estará dotada con 11.700 euros brutos, distribuídos en catro pagamentos.

Artigo 6º.-Centro de destino e xornada.

A formación terá lugar nas dependencias da Dirección Xeral de Comercio ou das delegacións provinciais da Consellería de Innovación e Industria, en xornada de mañá.

Artigo 7º.-Solicitudes.

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión das bolsas presentaranse na forma e no prazo que se indican nos artigos 2º e 3º da orde de convocatoria.

2. Xunto coa solicitude deberá presentarse o orixinal ou copia compulsada da seguinte documentación:

a) DNI da persoa solicitante e certificado de empadroamento. Estes documentos considéranse imprescindibles para a comprobación do establecido no artigo 3º, alíneas a) e b), ao abeiro do preceptuado na disposición transitoria primeira do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos.

b) Documento acreditativo do nivel de coñecemento do idioma galego. Só se lles concederá validez aos cursos ou titulacións homologados polos órganos competentes en materia de política lingüística.

c) Titulación académica ou xustificante do pagamento dos dereitos para a súa expedición.

d) Certificación académica persoal, conforme o modelo oficial aprobado na resolución da Secretaría Xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, do 15 de marzo de 2005 (Diario Oficial de Galicia nº 57, do 23 de marzo).

e) Curriculum vitae da persoa solicitante no que se relacionen os estudos cursados e, se é o caso, a súa experiencia profesional, así como os documentos acreditativos dos méritos alegados.

f) Declaración expresa sobre a concesión ou solicitude doutras bolsas ou axudas financiadas por calquera administración ou entes públicos, nacionais ou internacionais (anexo III).

g) Declaración responsable de non estar incursa/o en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei de subvencións de Galicia (anexo IV).

h) Declaración responsable de non ter emprego remunerado nin gozar doutra bolsa (anexo IV).

3. Alternativamente á presentación dos documentos exixidos na alínea parágrafo a) do punto anterior, a persoa solicitante poderá dar o seu consentimento para que o órgano instrutor comprobe os seus datos de carácter persoal, unha vez estea dispoñible o mecanismo, por medio de conexión telemática co servizo horizontal de acceso aos sistemas de verificación de datos de identidade e de residencia do Ministerio de Administracións Públicas (de acordo co disposto nos artigos 2º.2 e 3º.2 do devandito Decreto 255/2008, do 23 de outubro).

Para estes efectos, a persoa solicitante poderá cubrir a declaración que figura no modelo normalizado de solicitude. No caso de non prestar o seu consentimento, deberá presentar fotocopia compulsada do documento nacional de identidade e do certificado de empadronamento.

4. De acordo co disposto no artigo 35.f) da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, non será necesario presentar a documentación xurídico-administrativa que xa estea en poder desta consellería, sempre que se manteña vixente e se identifique nos formularios de solicitude o ano de presentación e o código de procedemento administrativo para o que foi presentada.

No suposto de imposibilidade material de obter a documentación conforme o punto anterior ou se se constatase a súa invalidez, o órgano competente poderá requirir da persoa solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Igualmente, de conformidade co artigo 20.3º da Lei de subvencións de Galicia, se a persoa solicitante indica que certa documentación que se deba usar neste procedemento xa está en poder da consellería, a presentación da solicitude implica a autorización ao órgano instrutor para acceder a esa documentación.

Artigo 8º.-Consentimentos e autorizacións.

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras e da orde de convocatoria e, de conformidade co artigo 20.3º da Lei de subvencións de Galicia, comportará a autorización da persoa solicitante para que o órgano concedente obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos.

De conformidade co mesmo artigo, se a persoa solicitante indica que certa documentación que se deba usar neste procedemento xa está en poder da Administración, a presentación da solicitude implica a autorización ao órgano instrutor para acceder a ela. Para estes efectos, a documentación debe manterse vixente e identificarse no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o cal foi presentada.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos á bolsa concedida, así como ás sancións impostas, nos devanditos rexistros, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos.

3. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Innovación e Industria publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das bolsas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das/dos beneficiarias/os e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

Artigo 9º.-Órganos competentes.

A Dirección Xeral de Comercio será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das bolsas, correspondéndolle ao conselleiro de Innovación e Industria ditar a correspondente resolución.

Artigo 10º.-Instrución do procedemento.

1. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nas bases reguladoras ou na convocatoria, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, terase por desistida na súa petición, logo da correspondente resolución.

Este requirimento de emenda tamén se realizará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 8.1º das bases reguladoras resulta que a persoa solicitante non se atopa ao día no pagamento das súas obrigas tributarias e sociais co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social.

2. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido nos artigos 59.6º b), 60 e 61 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, os requirimentos de emenda poderanse realizar mediante publicación no Diario Oficial de Galicia e esta producirá os mesmos efectos que a notificación individualizada. A dita publicación tamén se realizará no taboleiro de anuncios da páxina web da Consellería de Innovación e Industria. Se a instrución do procedemento o aconsellase, poderase substituír a publicación pola notificación individualizada de conformidade co establecido no artigo 59 da mesma lei.

3. Sen prexuízo do disposto nos puntos anteriores, poderá requirirse a persoa solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na que se indicarán as súas causas.

Artigo 11º.-Comisión de valoración.

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de avaliar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no seguinte artigo, así como de propoñer a concesión ou denegación das bolsas ás persoas interesadas.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

a) Presidenta: a directora xeral de Comercio.

b) Vicepresidente: o subdirector xeral de Comercio, que substituirá a presidenta nos supostos de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal.

c) Vogais: dous xefes de servizo da subdirección xeral.

d) Secretaria/o: unha/un funcionaria/o da Dirección Xeral de Comercio.

3. As/os suplentes serán designadas/os pola Dirección Xeral de Comercio.

4. A comisión de valoración constituirase na sede do devandito centro directivo. O seu funcionamento rexerase polo disposto no capítulo II do título II da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. Todos os membros terán dereito a voto.

Artigo 12º.-Procedemento de selección e criterios de valoración.

1. Para a concesión das bolsas realizarase unha comparación entre as solicitudes presentadas e establecerase unha prelación entre elas de acordo cos criterios de valoración que se determinan a seguir.

2. As persoas adxudicatarias serán as que acaden unha maior puntuación como consecuencia da suma dos puntos obtidos na única fase de que consta o proceso de selección. A puntuación máxima será de vinte e dous puntos.

3. A comisión de valoración examinará as solicitudes presentadas e avaliará os méritos acreditados documentalmente, conforme o seguinte baremo:

a) Titulación. Por estar en posesión dalgunha das seguintes titulacións: ciencias económicas e empresariais, dereito, administración e dirección de empresas, técnica/o superior en comercio e márketing e asimiladas, 3 puntos se son titulacións superiores e 2 se son de grao medio, cun máximo de 5 puntos.

Forma de acreditación: fotocopia compulsada dos títulos.

b) Expediente académico. Pola nota media obtida no título co que concorre:

-Aprobado: 2 puntos.

-Notable: 3 puntos.

-Sobresaliente: 4 puntos.

-Matrícula de honra: 5 puntos.

Forma de acreditación: certificación académica.

c) Outras titulacións. Por estar en posesión doutros títulos universitarios: 2 puntos se son superiores e 1 se son de grao medio, cun máximo de 4.

Forma de acreditación: fotocopia compulsada dos títulos.

d) Estudos de posgrao. Por cada máster universitario ou curso completo de posgrao (cun mínimo de 400 horas lectivas) que teña relación directa coas materias obxecto das bolsas de formación: 1 punto, cun máximo de 3.

Forma de acreditación: fotocopia compulsada dos títulos ou certificados de participación nas actividades formativas.

e) Formación. Un máximo de 5 puntos conforme o seguinte baremo:

1º Polo desfrute de bolsas de formación ou similares en materia de comercio e/ou artesanía, 1 punto se son dalgunha administración pública e 0,5 no caso de que sexan dunha entidade privada, cun máximo de 2,5.

Forma de acreditación: certificación acreditativa da concesión e desfrute das bolsas.

2º Por cada curso de formación en materia de informática: dun mínimo de 10 horas e un máximo de 25, 0,25 puntos; de máis de 25 horas e ata 50, 0,50 puntos; de máis de 50 horas, 1 punto, ata un total de 1,5 puntos nesta epígrafe.

Forma de acreditación: fotocopia compulsada dos títulos ou certificados de participación nas actividades formativas.

3º Por coñecemento de idiomas: 0,50 por cada un, cun máximo de 1.

Forma de acreditación: fotocopia compulsada do título ou certificado correspondente expedido pola escola oficial de idiomas ou institución ou centro recoñecido oficialmente.

5. Unha vez avaliados pola comisión de valoración os méritos acreditados documentalmente, exporase no taboleiro de anuncios da consellería e na súa páxina web unha lista provisional ordenada polas puntuacións outorgadas. Contra estas puntuacións poderán presentarse reclamacións no prazo de dez días hábiles desde a exposición na páxina web.

Resoltas as reclamacións, a comisión de valoración elaborará a relación de candidatas/os por orde de puntuación, que se publicará na páxina web: www.conselleriaiei.org.

6. Para o caso de empate na puntuación obtida, este resolverase aplicando por orde os seguintes criterios:

a) A maior antigüidade na data de obtención do título.

b) A maior idade da persoa solicitante.

Artigo 13º.-Resolución e notificación.

1. Logo de avaliar as solicitudes presentadas, a comisión de valoración elevaralle ao conselleiro de Innovación e Industria, a través da Dirección Xeral de Comercio, unha relación de seis persoas propostas, segundo a orde de prelación acadada de acordo cos criterios de valoración fixados no artigo anterior, e a lista de reserva para o caso de non aceptación ou renuncia dalgunha delas.

2. O conselleiro de Innovación e Industria ditará resolución mediante a que se adxudicarán as bolsas ás persoas que obtivesen maior puntuación. A dita resolución será publicada no Diario Oficial de Galicia, na web www.conselleriaiei.org e notificada ás/aos adxudicatarias/os.

3. O prazo máximo para resolver e notificarlles a resolución ás persoas interesadas será de dous meses contados a partir do seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, as/os interesadas/os poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59.6º b) da mesma lei, poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web Consellería de Innovación e Industria.

Artigo 14º.-Aceptación ou renuncia.

Recibida a notificación da resolución de concesión da bolsa, as/os bolseiras/os deberán comunicar a súa aceptación ou renuncia no prazo máximo de cinco días hábiles. No caso de aceptación, achegarán con ela a certificación bancaria da conta en que se deba aboar a bolsa.

Transcorrido o dito prazo, se as/os beneficiarias/os non se declarasen en ningún sentido, entenderase que renuncian á bolsa e procederase a adxudicarlle esta á/ao seguinte solicitante que figure por orde de puntuación na listaxe de reserva.

Así mesmo, no caso de que as/os adxudicatarias/os non acepten a bolsa ou non poidan incorporarse por calquera outro motivo, poderán ser substituídas/os polas persoas que figuren na listaxe de reserva en función da súa puntuación.

Artigo 15º.-Pagamento da bolsas.

1. Realizaranse catro pagamentos, unha vez recibidos de conformidade os documentos que se indican a continuación. O primeiro pagamento equivalerá ao 40 por 100 do importe total da bolsa e os tres seguintes ao 20 por 100 cada un.

2. O primeiro pagamento realizarase unha vez que a persoa bolseira presente o escrito de aceptación da bolsa e mais os orixinais ou as fotocopias compulsadas das pólizas de seguro de asistencia sanitaria e de accidentes polo período de duración da bolsa.

3. Os pagamentos intermedios (segundo e terceiro) efectuaranse por períodos trimestrais e logo de que o/a titor/a correspondente expida certificación en que se faga constar que se cumpriu o programa formativo inicialmente proxectado e se acadaron os obxectivos previstos.

4. O derradeiro pagamento producirase logo da expedición da certificación mencionada na alínea anterior e da presentación dos documentos que se sinalan nas alíneas j) e k) do artigo 18º.

5. En todos os pagamentos efectuarase a correspondente retención á conta do imposto sobre a renda das persoas físicas.

Artigo 16º.-Modificación da resolución, revogación e réxime sancionador.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da bolsa e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O conselleiro de Innovación e Industria, por proposta motivada da Dirección Xeral de Comercio, poderá revogar a concesión da bolsa se a persoa beneficiaria incumprise as condicións impostas con motivo da súa concesión.

3. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a axuda percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

4. Para facer efectiva a devolución a que se refire o número anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no artigo 37 e seguintes da Lei de subvencións de Galicia.

5. Ás persoas beneficiarias das bolsas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 17º.-Réxime de recursos.

As resolucións ditadas ao abeiro da orde de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Innovación e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 18º.-Obrigas das persoas beneficiarias.

As persoas beneficiarias das bolsas terán as seguintes obrigas:

a) Aceptar por escrito as normas e obrigas establecidas nas bases reguladoras e na convocatoria da bolsa, dentro do prazo de cinco días posteriores á notificación da concesión.

b) Xustificar o cumprimento dos requisitos establecidos.

c) Presentar, ao inicio da bolsa, declaración de non percibir outras subvencións, bolsas, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como soldos ou salarios que impliquen vinculación contractual ou estatutaria das persoas interesadas.

d) Presentar, tamén ao inicio da bolsa, certificación médica acreditativa de non padecer enfermidade nin estar afectada/o por limitacións físicas ou psíquicas que sexan incompatibles coa realización das funcións que se desenvolverán.

e) Subscribir unha póliza de seguro de asistencia sanitaria, no caso de non estar cubierto/a pola Seguridade Social ou por un seguro privado e contratar un seguro de accidentes polo período de duración da bolsa. Tales circunstancias acreditaranse antes do comezo do desfrute da bolsa.

f) Comunicarlle a súa renuncia á Dirección Xeral de Comercio con cinco días de antelación á data de cesamento, no caso de que se produza con posterioridade ao inicio da formación.

g) Comunicarlle á Dirección Xeral de Comercio a obtención doutras bolsas ou axudas, así como calquera outra alteración dos requisitos impostos ás persoas beneficiarias para o outorgamento destas bolsas.

h) Comezar o desfrute da bolsa dentro do prazo que se sinale e non desenvolver outras tarefas que dificulten o cumprimento das súas obrigas.

i) Cumprir co programa de formación establecido cuns niveis de rendemento satisfactorios presentando os traballos e informes que determine a Dirección Xeral de Comercio. Así mesmo, deberán asistir ás actividades que o dito centro directivo considere convenientes para a súa formación.

Os gastos ocasionados con motivo da realización desa actividade pagaranse logo de que a/o xefe/a da unidade administrativa en que se adscriban as/os bolseiras/os certifique os gastos producidos.

Os gastos de desprazamento e manutención non poderán superar a contía para o grupo III no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia (Diario Oficial de Galicia nº 122, do 25 de xuño).

Todos os gastos pagaranse con cargo á partida orzamentaria 10.05.751A.480.0.

j) Presentar ante a Dirección Xeral de Comercio, no prazo dun mes a partir da finalización da formación, unha memoria detallada das actividades realizadas en que especificará o programa formativo desenvolvido e os obxectivos acadados.

k) Presentar ante a Dirección Xeral de Comercio, antes do derradeiro pagamento, unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a actividade subvencionada, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

l) As demais que, con carácter xeral, se establecen no artigo 11 da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 19º.-Natureza xurídica da relación.

A condición de beneficiaria/o destas bolsas non xerará relación laboral ou contractual de ningún tipo coa Xunta de Galicia ou cos organismos ou entidades en cuxas dependencias se leve a cabo a formación, nin a súa inclusión na Seguridade Social.

Artigo 20º.-Control.

Estas bolsas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei de subvencións de Galicia, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Ver referencia pdf "04000D011P118.PDF"