DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Xoves, 26 de febreiro de 2009 Páx. 4.062

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

ORDE do 9 de febreiro de 2009 pola que se modifican parcialmente as bases reguladoras para a concesión de axudas para a formación no ámbito do transporte por estrada en Galicia, aprobadas pola Orde do 2 de xuño de 2008.

O interese da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes en fomentar accións formativas que propicien a modernización e a profesionalización no sector do transporte manifestouse na aprobación, por Orde do 2 de xuño de 2008, das bases reguladoras para a concesión de axudas para a formación no ámbito do transporte por estrada en Galicia. Estas bases, unidas á convocatoria simultánea das axudas para 2008, supuxeron un primeiro pulo neste eido e contaron cunha decidida e moi favorable resposta das asociacións profesionais, que de xeito masivo se implicaron presentando as súas ofertas formativas.

Porén, e a pesar da implicación dos beneficiarios e da propia consellería, a determinación a priori dos proxectos formativos non sempre resulta unha tarefa fácil, por canto as demandas dos profesionais dependen en boa medida de circunstancias sociais, persoais e aínda territoriais moi heteroxéneas. Por iso, a subministración dunha resposta adecuada a cada unha desas necesidades determina a conveniencia de modificar as indicadas bases de xeito que se flexibilice a maneira en que as federacións e asociacións formulan os seus proxectos.

Así, pásase dun sistema en que se priorizaba o curso illado a outro en que se persegue acadar resultados globais de formación, definindo con precisión os obxectivos e sistematizándoos nun plan formativo. Este plan, único por cada asociación beneficiaria, deberá ser a ferramenta que permita satisfacer todas as demandas dos usuarios, sen renunciar por iso a unha formación completa e diversificada. Para estes efectos, o proxecto presentado por cada solicitante deberá atender ás materias previamente fixadas pola consellería, e terá un espectro potencial de alumnos que será maior canto máis alto sexa o custo total do plan.

Adáptase pois a orde ás exixencias deste novo sistema, de xeito que se concreta a necesidade de incluír o plan, completo e integrado, entre a documentación a achegar xunto coa solicitude, e matízanse, así mesmo, os criterios de valoración, que farán agora referencia ao conxunto do proxecto. Deste xeito, mantéñense os obxectivos e o espírito das bases orixinarias, mellorando unicamente o camiño para conseguilos.

Por todo o exposto, e en uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación das bases.

1. A orde da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes do 2 de xuño de 2008, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a formación no ámbito do transporte por estrada en Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2008, queda modificada como segue:

Un. O artigo 2 do anexo I queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 2º.-Plan formativo.

1. Para acceder ás axudas reguladas nestas bases, as entidades a que se refire o artigo seguinte deberán presentar un plan formativo que abranguerá a totalidade de cursos ou seminarios que pretendan realizar no período de tempo a que se refira a convocatoria correspondente.

Para estes efectos, como anexo II a esta orde publícase a relación de materias a que se poden referir os cursos ou seminarios do plan formativo; igualmente, a relación de cursos e os importes óptimos estimados para as distintas actividades publicaranse na páxina web da Dirección Xeral de Transportes, ou na que se indique na respectiva resolución de convocatoria, se é o caso, e manterase publicada nela durante todo o prazo de presentación de solicitudes.

2. Para que o plan formativo resulte subvencionable, os cursos que inclúa deberán afectar, cando menos, o seguinte número mínimo de áreas das recollidas no anexo II, segundo o importe de subvención solicitado:

Ver referencia pdf "04000D009P114.PDF"

Non se considerará que existe cambio de área cando unicamente varíe a modalidade de realización do curso (presencial, a distancia ou mixto).

3. As axudas outorgaranse de acordo coas consignacións orzamentarias dispoñibles para cada exercicio e poderán cubrir ata o 100% do custo total do plan formativo.

O importe outorgado destinarase a realizar a totalidade dos cursos do plan formativo. Non obstante, se as demandas formativas o aconsellaren, poderá destinarse á realización doutros cursos relacionados coas materias contidas no plan, ou a incrementar o número de edicións dos xa incluídos nel, sempre que non se supere o importe global outorgado e a contía individual de cada curso non supere os límites fixados como óptimos na publicación web da Dirección Xeral de Transportes.

Igualmente, no caso de que a contía global da axuda outorgada non cubra o custo de todo o plan formativo, o beneficiario poderá aplicala á realización daqueles cursos ou seminarios incluídos nel que resulten de maior interese para o alumnado.

En todo caso, os cursos que se van realizar, así como os posibles cambios que lles afecten, deberán ser comunicados á Dirección Xeral de Transportes nos termos do artigo 16.2º.

4. As axudas previstas nestas bases serán compatibles con calquera outra outorgada por outros departamentos, administracións ou entes públicos ou privados, nacionais e internacionais, mais sen que, en ningún caso, o conxunto de axudas recibidas poida superar nin o custo máximo estimado nin o real da actividade que desenvolverá o beneficiario ou, de ser o caso, a porcentaxe máxima do investimento legalmente establecido».

Dous. A letra f do punto 4 do artigo 4 do anexo I queda redactado do seguinte xeito:

«f) Descrición do plan formativo en relación co cal se solicita a axuda. Este plan axustarase ao formato normalizado que se publique coa respectiva resolución de convocatoria, e terá o seguinte contido mínimo:

-Orzamento detallado;

-Temática, duración e número de edicións dos cursos ou seminarios;

-Área formativa e subgrupo a que corresponden segundo o anexo II destas bases;

-Orientación xeral do plan e xustificación da conveniencia de cada un dos cursos ou seminarios;

-Colectivo a que vai dirixido o plan formativo no seu conxunto e/ou cada un dos cursos ou seminarios.

Así mesmo, ao plan formativo poderán xuntarse cantos documentos se considere que poden facilitar a valoración dos aspectos indicados no artigo 10».

Tres. O artigo 10 do anexo I queda redactado do seguinte modo:

«Artigo 10º.-Criterios de valoración.

1. A valoración das solicitudes formuladas efectuarase para o conxunto do programa formativo que presente cada solicitante, de acordo cos seguintes criterios de valoración:

i. Representatividade total da asociación no ámbito profesional, ponderada en atención ao número de vehículos pertencentes ás empresas integradas na asociación, segundo os datos que constan na Dirección Xeral de Transportes para os efectos de renovación da composición e votos do Comité Galego de Transportes: ata 20 puntos.

As entidades que poidan ter a condición de beneficiarios por estaren integradas no Comité Galego de Transportes, pero non sexan representativas de empresas titulares de vehículos con persoal de condución para o desenvolvemento da actividade ou do sector de actividade que representen, terán cero puntos nesta epígrafe.

ii. Adecuación dos temas obxecto de estudo ao interese público do transporte por estrada e ás necesidades de formación, ata 25 puntos.

Para estes efectos, cada actividade valorarase, atendendo á memoria presentada, dentro das puntuacións máximas orientativas que se insiren como valoración da adecuación ao ámbito do transporte, na relación de cursos incorporada como anexo II desta orde.

iii. A correcta execución das actividades que fosen obxecto de axudas outorgadas para a formación en relación co transporte por estrada en Galicia, conforme a estas bases reguladoras: ata 10 puntos.

iv. Custo do programa formativo, que se ponderará en atención á minoración que a suma do custo de todos os cursos supoña respecto dos importes óptimos que se publicitarán na web da Dirección Xeral de Transportes. Por este concepto, a minoración máis alta recibirá 25 puntos, e as demais os que proporcionalmente lles correspondan.

v. Compromiso do uso da lingua galega no desenvolvemento da actividade: ata 20 puntos, avaliables segundo os seguintes criterios acumulativos:

-Uso da lingua galega na difusión e publicidade dos cursos: ata 3 puntos;

-Uso da lingua galega no material didáctico empregado: ata 7 puntos;

-Uso da lingua galega polo persoal encargado de impartir os cursos: ata 10 puntos.

2. As axudas outorgaranse aos que ocupen os primeiros lugares na relación de beneficiarios elaborada consonte os puntos anteriores, ata esgotar o crédito orzamentario dispoñible. Non obstante, ningún deles poderá recibir unha subvención superior á contía que resulte de aplicar, sobre o total do crédito orzamentario dispoñible, unha porcentaxe igual á da representatividade que teña a asociación no Comité Galego de Transportes, ponderada en atención ao número de vehículos das empresas nela integradas, incrementada nun 10%.

Para estes efectos, as entidades a que se refire o parágrafo segundo do punto i da alínea anterior terán como límite a mesma contía que lle corresponda á que menos vehículos teña do resto de asociacións».

Disposición transitoria

Única.-Procedementos pendentes.

As subvencións concedidas, así como os procedementos subvencionais iniciados con anterioridade á entrada en vigor desta modificación, rexeranse pola redacción orixinaria das bases, aprobada por Orde do 2 de xuño de 2008.

Disposición derradeira

Única.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2009.

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas

e Transportes

Ver referencia pdf "04000D009P114.PDF"