DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Xoves, 26 de febreiro de 2009 Páx. 3.983

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 12 de febreiro de 2009, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se declara a vixencia da disposición contida no capítulo IV 2) da Resolución do 31 de maio de 2006, desta dirección xeral (Diario Oficial de Galicia do 7 de xuño).

O 17 de decembro de 2008 publicouse no DOG resolución desta dirección xeral na que se dispón a publicación do acordo acadado entre a Administración da Comunidade Autónoma galega e as organizacións sindicais con representación entre os funcionarios ao servizo da Administración de xustiza de Galicia.

Este acordo ten por obxecto unicamente fixar o importe do complemento transitorio autonómico (CAT) dos funcionarios ao servizo da Administración de xustiza en Galicia, derrogando exclusivamente nesta materia a Resolución do 31 de maio de 2006 (DOG do 7 de xuño) que continúa vixente nos demais acordos nela recollidos. Dentro destes acordos que continúan vixentes está o previsto no capítulo IV 2) para os funcionarios que prestan servizos en xulgados de instrución ou xulgados de primeira instancia e instrución das cidades da Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo con competencia en materia de violencia sobre a muller, aos cales se lles recoñecen vinte euros máis que ao resto dos funcionarios, dereito que non resulta afectado pola Resolución do 8 de setembro.

Polo exposto, co fin de aclarar as dúbidas que puideran existir, esta dirección xeral

DISPÓN:

Primeiro.-Declarar a vixencia do disposto no capítulo IV 2) do acordo contido na resolución desta dirección xeral do 31 de maio de 2006 (DOG do 7 de xuño) en relación ao importe que corresponde, en concepto de complemento transitorio autonómico en aplicación do artigo 12 do Real decreto 1909/2000, aos funcionarios dos corpos de xestión, tramitación e auxilio xudicial que prestan servizos en xulgados das cidades da Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo con competencia en materia de violencia sobre a muller.

Segundo.-En consecuencia, recoñecer aos ditos funcionarios a cantidade de 20 € por riba da sinalada na Resolución do 8 de setembro de 2008 (DOG do 17 de decembro).

Esta cantidade aboaráselle con efectos retroactivos desde o mes de xaneiro de 2009.

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2009.

Begoña Santos Fernández

Directora xeral de Xustiza