DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Xoves, 26 de febreiro de 2009 Páx. 3.974

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR

ORDE do 11 de febreiro de 2009 pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Encontro.

Visto o expediente de recoñecemento de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Encontro,

Supostos de feito.

Primeiro.-A fundación solicitou a clasificación e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, por medio do escrito presentado por María de los Reyes Fernández-Arroyo Ferrer, en calidade de presidenta do padroado da fundación.

Segundo.-A fundación constituíuse en escritura pública outorgada o 12 de maio de 2006 en Vigo, ante o notario José Antonio Somoza Sánchez, co número de protocolo mil cento noventa, pola entidade Graña Saúde S.L., representada por María de los Reyes Fernández-Arroyo Ferrer e por María Teresa Villar Barreiro. Esta escritura modificouse por outras dúas do 30 de maio de 2007 con número de protocolo mil trescentos corenta, e do 29 de setembro de 2008, esta última outorgada ante o notario José María Rueda Pérez con número de protocolo mil setecentos oitenta e un, na cal consta a redacción definitiva dos estatutos.

Terceiro.-A comisión integrada por todos os secretarios xerais na súa reunión celebrada o día 28 de xuño de 2008 elevou ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese social da Fundación Encontro.

Cuarto.-Á vista da proposta da Comisión de Secretarios Xerais, por orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 10 de decembro de 2008 (Diario Oficial de Galicia nº 239, do 10 de decembro), clasificouse como de interese social a Fundación Encontro.

Tendo en conta o disposto no artigo 32.2º c) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado de fundacións de interese galego, e dado o seu obxecto, adscribiuse á Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar en virtude do Decreto 232/2005, do 11 de agosto, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, modificado polos decretos 332/2005, do 18 de agosto, e 454/2005, do 1 de setembro, e o Decreto 517/2005, do 6 de outubro, que establece a estrutura orgánica do antedito departamento.

Quinto.-Segundo consta no artigo 6 dos estatutos da fundación, o seu obxecto é a atención ás persoas con minusvalideces físicas, psíquicas e sensoriais, a colectivos de difícil reinserción social, laboral e afectivo, aos nenos, infancia e xuventude, ás persoas maiores, ás persoas con adiccións, ás persoas con enfermidades mentais e trastornos da conduta, ao colectivo recluso, ao colectivo de inmigrantes, á muller e ás persoas con enfermidades terminais ou invalidantes.

Sexto.-Na escritura pública pola que se constitúe a fundación, nos estatutos e na demais documentación que figura no expediente, constan, entre outros os seguintes puntos: acreditación da personalidade do fundador, dotación inicial da fundación, estatutos en que consta a denominación (Fundación Encontro), a composición do órgano de goberno e o réxime de adopción de acordos.

O padroado da fundación, segundo establece o artigo 12 dos seus estatutos, estará integrado por tres membros.

O primeiro padroado designado na escritura de constitución, segundo dispón o artigo 12 dos estatutos, estará integrado por:

Presidenta: María de los Reyes Fernández Arroyo Ferrer.

Secretaria: María Teresa Villar Barreiro.

Vogal: Paula López Potti.

Sétimo.-A Secretaría Xeral da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, unha vez revisados os seus estatutos, solicitou informe da Asesoría Xurídica, conforme o disposto no artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, que aquela emitiu favorablemente con data do 13 de xaneiro de 2009.

Oitavo.-Así mesmo, con data do 29 de xaneiro de 2009, a Secretaría Xeral emite informe ao abeiro dos artigos 48.1º b) e 52.3º da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, de acordo coa lei. O artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia atribúelle a esta comunidade autónoma competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo.-Conforme o artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego e o Decreto 517/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, é competencia deste departamento a declaración de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións da Fundación Encontro, dado o seu obxecto coincidente coas competencias desenvolvidas por aquela, asumindo as funcións que como protectorado corresponden á Xunta de Galicia.

Terceiro.-Ao abeiro do disposto no artigo 35.1º da Lei 12/2006, de fundacións de interese galego, deberase destinar á realización dos fins fundacionais polo menos o setenta por cento das rendas e dos ingresos obtidos pola fundación, por calquera título ou causa, logo de deducir os gastos realizados para a obtención de tales rendas e ingresos.

Cuarto.-A Lei 12/2006 establece no seu artigo 38 a obriga de aprobar as contas anuais da fundación dentro dos seis meses seguintes á data de peche do exercicio, e de presentalas ao protectorado no prazo dos vinte días hábiles desde a súa aprobación polo padroado. Por outra banda, o artigo 39 establece o deber de elaborar e remitir ao protectorado nos últimos tres meses de cada exercicio un plan de actuación en que queden reflectidos os obxectivos, as actividades que se prevexa desenvolver durante o exercicio seguinte, unha previsión das partidas de ingresos e gastos calculados e unha memoria explicativa.

Este conxunto de obrigas débense entender asumidas pola fundación, aínda que non se recollan expresamente nos seus estatutos.

Quinto.-Á vista do exposto, pódense entender substancialmente cumpridos os requisitos legais e regulamentarios para a declaración de interese galego e a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

Así, en virtude do artigo 34 da Constitución española de 1978, o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía de Galicia, a Lei 50/2002, do 26 de decembro, de fundacións, a Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado, a Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, o Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, o Decreto 517/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, e a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, así como a demais normativa de desenvolvemento e de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Primeiro.-Recoñecer a declaración de interese galego á Fundación Encontro.

Segundo.-Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

Terceiro.-Aprobar os seus estatutos e a composición do seu órgano de goberno.

Cuarto.-A dita fundación queda sometida ao disposto na normativa de xeral aplicación citada, en especial á obriga de dar publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, quedando obrigada a dar contas anualmente ao protectorado e a xustificar a través dunha memoria anual o cumprimento das cargas fundacionais, así como a presentar o proxecto de orzamento con anterioridade ao inicio do exercicio económico para o cal se formula, debendo solicitar as preceptivas autorizacións do protectorado cando sexan necesarias.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer potestativamente o recurso de reposición ante este mesmo órgano, no prazo de un mes contado a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución. En todo caso non se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se produza a desestimación presunta do recurso de reposición interposto.

Santiago Compostela, 11 de febreiro de 2009.

Anxo Manuel Quintana González

Vicepresidente da Igualdade e do Benestar