DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Xoves, 26 de febreiro de 2009 Páx. 3.963

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR

ORDE do 3 de febreiro de 2009 pola que se establecen as bases que rexen as axudas destinadas a entidades sen ánimo de lucro para a realización de programas de apoio a familias monoparentais e se procede á súa convocatoria.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, asígnalle á comunidade autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais, inclúe no seu artigo 5.3º, como unha das áreas de actuación, os servizos de familia, infancia e mocidade, séndolle atribuídas competencias neste sector á Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar a través do Decreto 517/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

Pola súa banda, o artigo 4º da antedita lei configura os servizos sociais como un sistema integrado de protección social, orientado á prestación programada de atencións e servizos que posibiliten a mellora na calidade de vida e a participación de persoas ou grupos, especialmente daqueles que sofren algún tipo de carencia, marxinación ou desatención selectiva, así como a prevención e eliminación das causas que estean na orixe daquelas situacións

Así mesmo, a Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, da infancia e da adolescencia establece, no seu artigo 12 g), como unha actuación preventiva e asistencial o desenvolvemento de programas de axuda a domicilio como medio de atender, desde unha perspectiva integral e normalizadora, as necesidades da familia no seu conxunto ou algún dos seus membros.

Deste xeito, considérase necesario desenvolver programas específicos de apoio a familias monoparentais con fillos e fillas menores ao seu cargo, co obxectivo de favorecer a incorporación ao mundo laboral das persoas responsables destas familias, posibilitándolles a conciliación da vida familiar e laboral, e facilitándolles aos menores unha atención especializada, tendo en conta, ademais, que as mulleres representan a maior porcentaxe entre estes proxenitores.

Esta orde adáptase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ao disposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade autónoma de Galicia en todo o que non se opón ao establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, así mesmo, adáptase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE do 18 de novembro), así como ao seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2006, de 21 de xullo (BOE do 25 de xullo), tendo en conta, en todo caso, os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non-discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos e os demais requisitos exixidos na Lei 16/2008, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade autónoma de Galicia para o ano 2009, existindo

crédito adecuado e suficiente para o financiamento do gasto que se proxecta.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin para o cal foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto convocar e aprobar as bases polas cales se rexe, en réxime de concorrencia competitiva, a concesión das axudas para o financiamento de programas de apoio a familias monoparentais con fillos e fillas menores ao seu cargo.

Artigo 2º.-Entidades destinatarias.

Poderán concorrer a esta orde de axudas as entidades sen ánimo de lucro que presenten un programa de apoio a familias monoparentais, sempre que estean debidamente inscritas no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

Artigo 3º.-Definición e obxectivos do programa.

O obxecto deste programa é a prestación de apoio ás familias formadas por un único proxenitor con fillos e fillas menores ao seu cargo, mediante o establecemento de accións específicas, que teñan como finalidade os seguintes obxectivos:

-Potenciar a autonomía das familias monoparentais, eliminando ou mellorando a súa situación de vulnerabilidade e/ou precariedade.

-Axudar á crianza dos nenos e nenas e favorecer a súa socialización.

-Favorecer a incorporación da persoa responsable da familia ao mundo laboral, posibilitarlle a asistencia a actividades de formación laboral ou formación continua e posibilitar o autoemprego.

-Promover a inserción e permanencia laboral das mulleres soas con responsabilidades familiares e favorecer a súa promoción profesional.

-Facilitar que estes proxenitores sós poidan participar en igualdade de oportunidades e dispoñan de tempo para realizar actividades sociais e/ou culturais.

-Previr situacións de risco social.

Artigo 4º.-Contía e ámbito.

1. As subvencións que se establezan para as actuacións obxecto desta orde serán con cargo á aplicación orzamentaria 05.30.312A. 481.0, destinándose 150.000 euros para o seu financiamento.

A contía establecida no punto anterior poderá ser incrementada en función das peticións presentadas e de acordo coas dispoñibilidades de crédito. En todo caso as actuacións que se subvencionen deberán realizarse dentro do exercicio económico de 2009.

2. A suma de subvencións outorgadas coa mesma finalidade por todo tipo de organismos públicos ou privados para a execución dos programas que desenvolvan en ningún caso poderá superar o 100% do importe total do gasto efectuado.

Artigo 5º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

Esta documentación presentarase na oficina do rexistro xeral do edificio administrativo de San Caetano en Santiago de Compostela ou nos rexistros das delegacións provinciais da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 6º.-Documentación.

As solicitudes das axudas presentaranse segundo o modelo oficial que se achega como anexo I a esta orde, e deberán acompañarse dos seguintes documentos:

-Proxecto do programa (anexo II).

-Copia do CIF da entidade solicitante.

-Certificación bancaria en que figure con 20 díxitos a conta en que se desexe percibir, se é o caso, a axuda concedida.

-Unha declaración de conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para este mesmo fin polas distintas administracións públicas competentes.

Artigo 7º.-Criterios de selección dos proxectos.

Os criterios de avaliación que servirán de base para a determinación da concesión e a contía das subvencións serán os seguintes:

-Pola viabilidade e perspectivas de continuidade do proxecto: ata 5 puntos.

-Por presentar un programa que inclúa un servizo de atención a fillos e fillas menores: ata 5 puntos.

-Polo emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as cales se solicita axuda: ata 4 puntos.

-Por ter colaborado anteriormente coa Xunta de Galicia no desenvolvemento de programas de apoio a familias monoparentais: ata 4 puntos.

-Por incorporar a perspectiva de xénero nas actuacións que configuren o obxecto do programa presentado: ata 4 puntos.

-Pola categoría profesional e titulación do persoal e pola súa dedicación: ata 4 puntos.

-Por potenciar a colaboración con outras entidades públicas ou privadas, mediante o traballo en rede co fin de optimizar recursos e esforzos: ata 1 punto.

Artigo 8º.-Tramitación dos expedientes.

1. A Secretaría Xeral da Igualdade, como órgano responsable da tramitación dos expedientes, comprobará que os expedientes reúnen todos os requisitos exixidos nesta orde e procederá, en caso contrario, a reclamar por escrito aos interesados/as para que emenden a falta ou xunten os documentos preceptivos para poder completar o expediente, co apercibimento de que, se así non se fixer nun prazo de dez días, se terán por desistidos da súa petición, de acordo co artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, logo de resolución que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 42 da dita lei.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

Presidente: o subdirector xeral de Familia.

Vogais: dous representantes da Secretaría Xeral da Igualdade, designados/as por o/a secretario/a xeral da Igualdade de entre o persoal funcionario ou laboral.

Actuará como secretaria/o unha/un dos dous representantes anteriormente mencionados.

3. Revisados os expedientes e completados, se é o caso, remitiranse á comisión de valoración para que, unha vez baremados, dite a proposta de resolución, propoñendo ao órgano competente para a súa resolución a concesión ou denegación das axudas.

Cando no procedemento se teñan en conta feitos, alegacións ou probas distintas das aducidas pola entidade interesada, o órgano instrutor formulará unha proposta de resolución provisoria, que se lles deberá notificar aos interesados para que no prazo de dez días presenten as alegacións que coiden pertinentes, de acordo co disposto no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Prescindirase deste trámite cando non figuren no procedemento nin sexan tidos en conta outros feitos nin outras alegacións que as aducidas polos interesados tendo, neste caso, a proposta de resolución carácter de definitiva.

Artigo 9º.-Resolución.

1. Correspóndelle á/o secretaria/o xeral de Igualdade, por delegación do vicepresidente da Igualdade e do Benestar, e por proposta da comisión de valoración e despois da fiscalización pola Intervención das anteditas propostas, a resolución destas axudas de conformidade co establecido no artigo 7.1º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A antedita resolución terá lugar no prazo de seis meses, contados a partir do día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen se ditar resolución expresa, as solicitudes teranse por desestimadas.

2. As resolucións ditadas neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da notificación da dita resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

As entidades de iniciativa social, potestativamente e con anterioridade á interposición do referido recurso contencioso-administrativo, poderán interpoñer recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución. Neste caso non poderá interpoñerse o recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou por desestimación presunta o recurso de reposición.

3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 10º.-Xustificación e pagamento.

Unha vez ditada a resolución pola que se concede a subvención, procederase á xustificación e pagamento dela na forma que se indica a seguir:

1. Para aquelas axudas que non superen o importe de 6.010,12 euros poderá anticiparse ata un 80% da contía outorgada, mediante a presentación por parte da entidade beneficiaria da correspondente certificación de inicio das actividades.

2. No caso de axudas de contía superior, poderanse facer pagamentos parciais ata completar o 80% da contía total concedida a medida que se presenten os xustificantes de gasto debidamente comprobados

3. As entidades de iniciativa social poderán recibir este 20% despois de presentadas as correspondentes certificacións de gastos realizados, xunto cos xustificantes destes debidamente comprobados.

Consideraranse medios de xustificación válidos as facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico e mercantil ou con eficacia administrativa, nos termos establecidos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Estes xustificantes deberán presentarse acompañados dunha relación valorada e ordenada cronoloxicamente onde se reflictan todas as facturas ou documentos equivalentes presentados como xustificación.

Coa última certificación ou xustificación do gasto deberán achegar a memoria xustificativa da execución do programa e a memoria financeira deste de acordo cos modelos que figuran como anexos III e IV, respectivamente.

Ademais, deberán presentar unha declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas, tanto das aprobadas e concedidas como das pendentes de resolución, para este mesmo programa, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Artigo 11º.-Obrigas das entidades beneficiarias.

As entidades beneficiarias das axudas obríganse a observar o disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, especificamente o seguinte:

a) Cumprir o obxectivo e executar as accións que fundamentan a concesión das subvencións

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e condicións, así como a realización da actividade e cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o gozo da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o cal se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Acreditar con anterioridade a que se dite a proposta de resolución de concesión que se encontra ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma, na forma que se determine regulamentariamente.

f) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan exixidos polas bases reguladoras das subvencións, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

Artigo 12º.-Reintegro das axudas ou subvencións.

1. Procederá o reintegro total ou parcial das axudas públicas, xunto cos xuros de demora producidos segundo o disposto no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nos seguintes casos:

a) A obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedisen.

b) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade, do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamentou a concesión da subvención.

c) Incumprimento da obriga da xustificación ou xustificación insuficiente nos termos establecidos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas no número 3 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas nos artigos 11 e 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou ente público ou privado, estatal, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

f) Incumprimento das obrigas impostas pola Administración ás entidades colaboradoras e aos beneficiarios, así como os compromisos por estes asumidos, con motivo da concesión da subvención, sempre que afecten ou se refiran ao modo en que se conseguen os obxectivos, se realiza a actividade, se executa o proxecto ou se adopta o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

g) Incumprimento das obrigas impostas pola Administración ás entidades colaboradoras e aos beneficiarios, así como os compromisos por estes asumidos, con motivo da concesión da subvención, distintos dos anteriores, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou ente público ou privado, estatal, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

h) Adopción, en virtude do establecido nos artigos 87 a 89 do Tratado da Unión Europea, dunha decisión da cal derive unha necesidade de reintegro.

2. No suposto previsto no número 3º do artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, procederá o reintegro do exceso obtido sobre o custo da actividade subvencionada, así como a exixencia do xuro de demora correspondente.

Artigo 13º.-Fiscalización e control.

1. A concesión das axudas reguladas nesta orde estará sometida ao exercicio de control financeiro por parte da Intervención xeral da Comunidade Autónoma nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo das funcións que a Constitución española e as leis lles outorgan ao Tribunal de Contas e ao Consello de Contas de Galicia e do disposto no artigo 3 da dita lei.

2. A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar poderá inspeccionar en calquera momento as actuacións realizadas.

Artigo 14.-Réxime sancionador.

As infraccións administrativas cometidas en relación coas axudas e subvencións reguladas na presente orde sancionaranse de conformidade co disposto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 15.-Publicidade.

Segundo o artigo 15.1º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar publicará no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas con expresión da convocatoria, o programa e crédito orzamentario a que se imputen, o/a beneficiario/a, a cantidade concedida e a finalidade ou as finalidades da subvención.

Por outra banda, e de conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar publicará na súa páxina web oficial a relación dos/as beneficiarios/as e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos/as beneficiarios/as e da súa publicación na citada páxina web.

Finalmente, as entidades beneficiarias coa presentación das solicitudes autorizan a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar para incluír e facer público nos rexistros de axudas, subvencións e convenios e sancións regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, os datos correspondentes referidos á axuda recibida, así como as sancións impostas.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión de axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos para estes fins. En todo caso, as actuacións que se van subvencionar deberán realizarse dentro do exercicio económico 2009.

Segunda.-Apróbase a delegación de competencias na/o secretaria/o xeral de Igualdade, ao abeiro do disposto no artigo 7.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións convocadas nesta orde, autorizar e dispoñer os gastos, así como o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamentos con relación ao disposto no artigo 73 a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-En todo o non recollido na presente orde aplicarase o disposto para esta materia na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, en todo o que non se opón á dita Lei, e demais normativa de aplicación.

Segunda.-Autorízase a/o secretaria/o xeral da Igualdade para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2009.

Anxo Manuel Quintana González

Vicepresidente da Igualdade e do Benestar

Ver referencia pdf "04000D003P015.PDF"