DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Xoves, 26 de febreiro de 2009 Páx. 3.955

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 10 de febreiro de 2009 sobre os libros-rexistro e o deber de información das/os mediadoras/es de seguros e reaseguros privados da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei orgánica 6/1999, do 6 de abril, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma de Galicia, establece que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia de desenvolvemento lexislativo e execución en materia de ordenación do crédito, banca e seguros. En aplicación da citada lei orgánica, polo Real decreto 1748/1999, do 19 de novembro, transferíronse á comunidade autónoma as funcións e servizos da Administración do Estado en materia de mediadores de seguros. No exercicio das referidas competencias publicouse o Decreto 118/2001, do 10 de maio, polo que se regulan as competencias da comunidade autónoma en materia de mediación en seguros privados e, posteriormente, a Orde do 17 de xuño de 2005 sobre os libros-rexistro e o deber de información estatístico-contable dos corredores de seguros e as sociedades de corredoría de seguros.

A Lei 26/2006, do 17 de xullo, de mediación de seguros e reaseguros privados, derrogou a anterior Lei 9/1992, do 30 de abril, de mediación en seguros privados, en desenvolvemento da cal a Administración do Estado publicou o Real decreto 301/2004, do 20 de febreiro, polo que se regulan os libros-rexistro e o deber de información estatístico-contable dos corredores de seguros e as sociedades de corredoría de seguros, recollendo na súa disposición derradeira primeira que teñen a consideración de bases da ordenación dos seguros os artigos 1, 2, o punto 2º do artigo 3 e a disposición transitoria única.

A entrada en vigor da Lei 26/2006 supuxo, entre outras, a aparición de novas figuras da mediación de seguros, de novos requisitos de inscrición destes mediadores no rexistro administrativo e dar cobertura legal, a través do correspondente desenvolvemento regulamentario, á obrigatoriedade de presentación por medios telemáticos da documentación que estes profesionais están obrigados a subministrar ao seu órgano de control.

Co obxecto de recoller os cambios introducidos pola Lei 26/2006, publicouse o Decreto 298/2008, do 18 de decembro, polo que se regulan as competencias da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de mediación de seguros e reaseguros privados, que derrogou o anterior Decreto 118/2001.

Na disposición derradeira primeira do mencionado Decreto 298/2008, facúltase a/o conselleira/o competente en matería de economía para regular a información que deban remitir á dirección xeral con competencias en materia de supervisión de seguros as/os mediadoras/es de seguros e reaseguros inscritos no Rexistro administrativo especial de mediadores de seguros, corredores de reaseguros e dos seus altos cargos na Comunidade Autónoma de Galicia.

Neste sentido, esta norma substitúe a Orde do 17 de xuño de 2005, modificando os modelos contidos no seu anexo para adaptalos aos cambios introducidos pola Lei 26/2006, así como ampliando esta obriga ás/aos corredoras/es de reaseguros e ás/aos axentes de seguros vinculados e operadores de banca-seguros vinculados de acordo cos artigos 21, 25, 48 e 49 da citada lei. Por outra parte, posibilita a remisión desta información por medios telemáticos do mesmo xeito que fai o Ministerio de Economía e Facenda a través da Orde EHA/1805/2007, do 28 de maio.

Por todo o anterior, de acordo coa habilitación de desenvolvemento establecida na disposición derradeira primeira do mencionado Decreto 298/2008,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Libros-rexistro.

As/os corredoras/es de seguros e reaseguros inscritos no Rexistro administrativo especial de mediadores de seguros, corredores de reaseguros e dos seus altos cargos na Comunidade Autónoma de Galicia, creado polo Decreto 298/2008, do 18 de decembro, polo que se regulan as competencias da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de mediación de seguros e reaseguros privados, deberán levar os libros-rexistro, conforme o establecido no Real decreto 301/2004, do 20 de febreiro, polo que se regulan os libros-rexistro e o deber de información estatístico-contable dos corredores de seguros e as sociedades de corredoría de seguros.

Artigo 2º.-Obrigas contables e de información das/os corredoras/es de seguros e reaseguros.

As/os corredoras/es de seguros e reaseguros inscritos no Rexistro administrativo especial de mediadores de seguros, corredores de reaseguros e dos seus altos cargos na Comunidade Autónoma de Galicia estarán, así mesmo, sometidos ás obrigas contables e de información establecidas no citado Real decreto 301/2004, e deberán remitir esta información á dirección xeral con competencias en materia de supervisión de seguros mediante os modelos contidos no anexo I desta orde.

Artigo 3º.-Obrigas de información das/os axentes de seguros vinculados e dos operadores de banca-seguros vinculados.

De conformidade co establecido no artigo 48 da Lei 26/2006, do 17 de xullo, de mediación de seguros e reaseguros privados, e en consonancia cos artigos 21 e 25 da citada lei, as/os axentes de seguros vinculados e os operadores de banca-seguros vinculados, inscritos no Rexistro administrativo especial de mediadores de seguros, corredores de reaseguros e dos seus altos cargos na Comunidade Autónoma de Galicia, deberán remitir á dirección xeral con competencias en materia de supervisión de seguros a información contida no anexo II desta orde.

Artigo 4º.-Órgano competente.

As referencias que no Real decreto 301/2004 se fan ao Ministerio de Economía e Facenda e á Dirección Xeral de Seguros e Fondos de Pensións entenderanse feitas á consellería competente en materia de economía e á dirección xeral con competencias en materia de supervisión de seguros, para as/os mediadoras/es de seguros e reaseguros inscritos no rexistro autonómico.

Artigo 5º.-Presentación da documentación.

A remisión á dirección xeral con competencias en materia de supervisión de seguros da información contida nos anexos desta orde, deberá facerse por medios telemáticos e como data límite o 31 de xullo do ano seguinte a aquel ao que se refire a información.

Os requisitos técnicos para o acceso e utilización da remisión telemática, xunto coas instrucións para cubrir os diferentes modelos, serán publicados pola citada dirección xeral a través da páxina web da consellería competente en materia de economía.

Disposicións transitorias

Primeira.-Remisión da documentación estatístico-contable polas/os corredoras/es de seguros e reaseguros.

Con efectos unicamente para a documentación estatístico-contable referida ao exercicio 2008, a remisión da información contida no anexo I desta orde deberá levarse a cabo mediante unha das seguintes opcións:

a) Por medios telemáticos ata o 31 de xullo de 2009.

b) Mediante papel impreso ata o 31 de maio de 2009.

Segunda.-Remisión da información polas/os axentes de seguros vinculados e os operadores de banca-seguros vinculados.

Con efectos unicamente para a información referida ao exercicio 2008, a remisión desta información contida no anexo II desta orde poderá levarse a cabo mediante papel impreso.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 17 de xuño de 2005 sobre os libros-rexistro e o deber de información estatístico-contable dos corredores de seguros e as sociedades de corredoría de seguros.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación para o desenvolvemento da orde.

Facúltase o director xeral con competencias en materia de supervisión de seguros para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde e, en particular, para realizar as modificacións que resulten necesarias nos modelos que compoñen a documentación anual que figuran nos anexos desta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2009.

José Ramón Fernández Antonio

Conselleiro de Economía e Facenda

ANEXO I

Documentación estatístico-contable anual das/os corredoras/es de seguros e reaseguros

Modelos que compoñen a documentación estatístico-contable anual:

Modelo 0/PF: declaración das/os corredoras/es de seguros e reaseguros, persoas físicas.

Modelo 0/PX: declaración da/o representante legal dos corredores de seguros e reaseguros, persoas xurídicas.

Modelo 1: estrutura da organización.

Modelo 2: carteira de seguros intermediada.

Modelo 3: distribución en ramos de non vida.

Modelo 4: distribución en ramos de vida.

Modelo 5: datos contables.

ANEXO II

Documentación anual das/os axentes de seguros vinculados e os operadores de banca-seguros vinculados

Modelos que compoñen a documentación anual:

Modelo 0/AF: declaración das/os axentes de seguros vinculados, persoas físicas.

Modelo 0/AX: declaración da/o representante legal dos axentes de seguros vinculados, persoas xurídicas e operadores de banca-seguros vinculados.

Modelo 1/AV: estrutura da organización.

Ver referencia pdf "04000D001P007.PDF"