DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38 Martes, 24 de febreiro de 2009 Páx. 3.842

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 18 de febreiro de 2009 pola que se modifica a Orde do 26 de xaneiro de 2006 pola que se regulan os carnés de acreditación da inspección en materia agroalimentaria.

Mediante Orde do 26 de xaneiro de 2006 reguláronse os carnés de acreditación da inspección en materia agroalimentaria.

O artigo 2º desta orde especifica o seu ámbito de aplicación e nos seus anexos regúlanse o formato e contido dos carnés para a acreditación de cada tipo de persoal que realiza funcións de inspección.

A Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega creou o Instituto Galego da Calidade Alimentaria (Ingacal) como un ente de dereito público adscrito á consellería competente en materia de agricultura e atribúelle, entre outras, a función de control e certificación dos produtos acollidos ás distintas figuras de protección da calidade alimentaria no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Posteriormente aprobouse o Decreto 259/2006, do 28 de decembro, polo que se aproba o regulamento do Instituto Galego da Calidade Alimentaria, que indica que outro aspecto fundamental que a Lei 2/2005 atribúe ao Ingacal é a promoción e protección da calidade diferencial dos produtos alimentarios galegos acollidos aos distintos indicativos de calidade.

Neste decreto atribúense expresamente ao Ingacal funcións de control en materia agroalimentaria, e sinala, entre outras, a función de actuar como medio propio da Administración na execución de cantos controis se lle encarguen en relación coa calidade, seguridade alimentaria e etiquetaxe dos produtos, así como coa seguridade e condicións das materias primas e a rastrexabilidade da produción alimentaria.

Por todo isto cómpre modificar a Orde do 26 de xaneiro de 2006no senso de incluír o persoal que preste tales servizos no Ingacal no seu ámbito de aplicación, de cara a garantir a acreditación del.

En consecuencia, de acordo co previsto no artigo 30º.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta orde é a modificación da Orde do 26 de xaneiro de 2006 pola que se regulan os carnés de acreditación da inspección en materia agroalimentaria.

Artigo 2º

Modificación da Orde do 26 de xaneiro de 2006 pola que se regulan os carnés de acreditación da inspección en materia agroalimentaria.

Primeira.-Engádese un último guión ao artigo 2º, que queda redactado como a seguir se expón:

«-Persoal ao servizo do Instituto Galego da Calidade Alimentaria que realice funcións de inspección e control».

Segunda.-Modifícase o parágrafo 2 do artigo 3º que queda redactado como segue:

«O formato e o contido dos carnés para persoal inspector en materia de defensa contra fraudes e calidade alimentaria, de sanidade e produción animal e de sanidade e produción vexetal serán, respectivamente, os recollidos nos anexos I e I bis, II e III desta orde».

Terceira.-Engádese un novo anexo I bis que regula o modelo de carné de inspectores de defensa contra fraudes e calidade alimentaria para o persoal ao servizo do Instituto Galego de Calidade Alimentaria que realice funcións de inspección e control, que consta como anexo desta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2009.

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural

Ver referencia pdf "03800D001P006.PDF"