DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Luns, 23 de febreiro de 2009 Páx. 3.700

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

ORDE do 23 de xaneiro de 2009 pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Orde do 28 de xullo de 2002 creou un procedemento de captación e procesamento dos datos de produción enerxética de Galicia (Sicapde) relativos ás instalacións acollidas ao réxime especial de enerxía eléctrica situadas na Comunidade Autónoma galega, e regulou as obrigas ás cales debían someterse en canto ao tipo, forma e periodicidade da información que se facilitaba.

O tempo transcorrido desde a súa aprobación, a experiencia na súa aplicación e o impulso que a Administración debe darlle ao emprego de medios informáticos nas súas relacións cos cidadáns e coas cidadás, así como a evolución tecnolóxica das aplicacións telemáticas, unidos a un obxectivo de simplificación administrativa e de mellora dos servizos recomendan unha revisión dos contidos da Orde do ano 2002.

Por outra banda, formúlanse obxectivos referentes á necesidade de contar con información que permita a toma de decisións no ámbito da participación de Galicia na elaboración da planificación eléctrica, á simplificación dos trámites dos produtores en réxime especial obrigados a entregar un informe anual de produción ao órgano que autorizou a instalación, así como a obriga formulada na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, dos titulares das instalacións de produción de enerxía eléctrica en réxime especial de proporcionar á Administración información periódica de cantos datos afecten as condicións que determinaron o seu outorgamento.

A principal modificación que mediante esta orde se introduce no procedemento deseñado no ano 2002 consiste na utilización dun novo programa informático destinado a que os produtores en réxime especial poidan enviar os informes mensuais e anuais de produción a través da internet. Tamén se prevé a posibilidade de que aqueles produtores en réxime especial que non teñan a obriga de estar incluídos no Sicapde, é dicir, os excluídos no artigo 2º desta orde, poidan solicitar a súa inclusión e terán acceso á aplicación informática para a elaboración da xa citada memoria-resumo anual.

Tamén se amplía o ámbito de aplicación desta orde ás centrais solares fotovoltaicas acollidas ao REPE que dispoñan de telemedida de acordo co Regulamento unificado de puntos de medida do sistema eléctrico.

Finalmente, engádese a posibilidade de que as centrais que consuman parte da produción eléctrica noutros procesos produtivos (coxeración) poidan realizar a facturación da enerxía eléctrica neta (en barras da central) en lugar de facturar a enerxía vertida á rede eléctrica (modalidade de facturación todo-todo). Esta modalidade implica a necesidade de que as centrais dispoñan de dous equipamentos de medida, un para a facturación da electricidade xerada e outro para a enerxía eléctrica consumida nos procesos produtivos. Esta circunstancia deberá indicarse claramente no formulario de datos básicos da instalación e datos de conexión cos equipamentos de medida (anexo I).

O Sicapde será xestionado e operado polo Instituto Enerxético de Galicia (Inega) en coordinación coa Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, de conformidade cos fins que a Lei 3/1999, do 11 de marzo, de creación do Inega lle atribúe a este ente de dereito público adscrito á Consellería de Innovación e Industria.

Consonte o Decreto 231/2006, do 21 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Innovación e Industria, correspóndelle a esta consellería o exercicio das competencias e funcións no ámbito da enerxía. Así mesmo, o artigo 28 do Estatuto de autonomía, en relación co artigo 3.3º da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, determinan a competencia da comunidade autónoma no desenvolvemento lexislativo e regulamentario e a execución da normativa básica do Estado en materia eléctrica.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Capítulo I

Obxecto e ámbito de aplicación

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto establecer un novo procedemento para a captación e o procesamento dos datos de produción enerxética daquelas instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica (en diante, REPE) na Comunidade Autónoma de Galicia, revisándose algúns aspectos técnicos relacionados cos procedementos de envío e recepción da información enviada ao Sistema Informático de Captación e Procesamento dos Datos de Produción Enerxética de Galicia (en diante, Sicapde).

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

As prescricións técnicas desta orde serán de aplicación para:

1. Todas as instalacións acollidas ao REPE que teñan unha potencia eléctrica total instalada igual ou superior a 1000 kW.

2. As centrais solares fotovoltaicas acollidas ao REPE e obrigadas a dispoñer de telemedida segundo o Real decreto 1110/2007, do 24 de agosto de 2007, polo que se aproba o Regulamento unificado de puntos de medida do sistema eléctrico.

Capítulo II

Prescricións técnicas particulares

Artigo 3º.-Inclusión das instalacións no Sicapde.

1. No prazo de dez (10) días desde a inscrición definitiva da instalación eléctrica no Rexistro de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia, a dirección xeral competente en materia de enerxía procederá á inclusión no Sicapde dos datos básicos da instalación.

2. Unha vez incluída a instalación no Sicapde, o responsable de operación do sistema enviaralles aos responsables das instalacións afectadas por esta orde, de acordo co descrito no artigo 2º, a seguinte documentación:

a) Nome de usuario e clave para acceder (a través da internet) á aplicación informática destinada a xerar informes mensuais e anuais de produción e que está aloxada na páxina web do Instituto Enerxético de Galicia (Inega): http://www.inega.es.

b) Formulario de datos básicos da instalación e datos de conexión cos equipamentos de medida (anexo I) e formulario de datos mensuais de produción (anexo II).

c) Instrucións para a descarga a través da internet do manual da aplicación informática, da copia desta orde e dos formularios dos anexos I e II en formato dixital.

3. No caso de que a instalación non dispoña de conexión a internet ou que non se queira realizar o envío dos informes mensuais de xeito telemático, indicarase esta circunstancia na epígrafe correspondente do formulario do anexo I. Nestes supostos, a remisión da información realizarase en soporte papel.

4. As instalacións excluídas desta orde, de acordo co descrito no artigo 2º, poderán acollerse voluntariamente ao procedemento regulado nesta orde, mediante unha solicitude dirixida ao Inega. Esta inclusión implicará o dereito a utilizar os servizos descritos no punto 3 do artigo 4º e no artigo 6º, para o cal, unha vez recibida a solicitude, enviaráselle ao responsable da instalación a documentación indicada nas letras a), b) e c) do artigo 3º.2.

5. No prazo máximo de dez (10) días desde a recepción da documentación descrita no subnúmero 2 deste artigo, o responsable autorizado da central deberá remitir ao responsable de operación do Sicapde no Inega o formulario do anexo I, debidamente cuberto e asinado.

Artigo 4º.-Seguimento continuo da xeración.

1. Coa periodicidade que se considere necesaria en cada caso, o sistema Sicapde conectarase mediante a liña telefónica e de forma totalmente automatizada, cos mencionados equipamentos de medida de todas as centrais dadas de alta e, así mesmo, solicitará a transmisión dos datos cuarto horarios e horarios das enerxías activa e reactiva, tanto de saída como de entrada.

2. Toda a información recollida polo Sicapde será confidencial e unicamente será utilizada de forma global co fin de dispoñer de información constante, así como para a realización de informes estatísticos periódicos sobre as actividades destinadas á subministración de enerxía eléctrica en Galicia.

3. As instalacións que así o indiquen no formulario do anexo I recibirán por correo electrónico un informe anual da enerxía vertida á rede e da enerxía mercada pola instalación, que se elaborará a partir das lecturas recollidas nos equipamentos de medida. A veracidade dos informes dependerá da posibilidade de realizar correctamente a conexión telefónica cos equipamentos de medida.

Artigo 5º.-Envío dos informes mensuais de produción.

1. Transcorrido o prazo máximo dun mes desde a recepción da documentación descrita no artigo 3º, as centrais deberán cubrir o formulario de datos mensuais de produción do mes anterior antes do día 20 de cada mes. Para iso empregarán a aplicación informática para xerar informes mensuais e anuais de produción que está aloxada na páxina web do Inega, no enderezo http://www.inega.es.

2. No caso de que a instalación non dispoña de conexión á internet ou que non se queira realizar o envío dos informes mensuais de xeito telemático, circunstancia indicada na epígrafe correspondente do formulario do anexo I, deberase enviar ao Inega, por escrito e debidamente asinado, o formulario de datos mensuais de produción (anexo II), antes do día 20 de cada mes.

Artigo 6º.-Xeración da memoria-resumo do ano inmediatamente anterior.

1. Consonte o establecido na normativa reguladora do réxime especial de produción de enerxía eléctrica, cunha periodicidade anual e durante o primeiro trimestre de cada ano, os titulares ou explotadores das instalacións inscritas no REPE deberán enviar ao órgano que autorizou a instalación unha memoria-resumo da produción do ano inmediatamente anterior.

Para a elaboración da devandita memoria-resumo os suxeitos obrigados á súa presentación poderán utilizar a aplicación informática descrita anteriormente, que permite a inclusión dos datos de produción e a posterior impresión do documento no formato requirido, para a súa posterior sinatura polo responsable da instalación e a súa presentación ante a dirección xeral competente en materia de enerxía.

2. Terán acceso á aplicación informática para a elaboración da memoria-resumo indicada no parágrafo anterior os titulares ou explotadores das instalacións que, pola súa potencia nominal, teñan a obriga de incorporarse ao Sicapde, así como aqueles que, consonte o artigo 2º.2, se incorporen voluntariamente mediante o procedemento descrito no artigo 3º.

Capítulo III

Réxime sancionador

Artigo 7º.-Réxime sancionador.

1. No suposto de incumprimento das obrigas reguladas nesta orde aplicarase o disposto no título X, Infraccións e sancións, da Lei 54/1997, do 27 novembro, do sector eléctrico.

2. As competencias para sancionar as infraccións previstas na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, atribúense conforme o previsto no Decreto 232/2006, do 23 de novembro, polo que se distribúe a competencia para o exercicio da potestade sancionadora entre os órganos da Consellería de Innovación e Industria e se determinan normas de tramitación dos procedementos sancionadores nas materias da súa competencia.

Disposición transitoria

As instalacións incluídas nesta orde, de acordo co descrito no artigo 2º, e que no momento de entrar esta en vigor xa estean acollidas ao REPE recibirán a documentación indicada nos subnúmeros 2.a, 2.b e 2.c do artigo 3º e, no prazo máximo de dez (10) días desde a recepción desta documentación, o responsable autorizado da central deberá remitir ao responsable de operación do Sicapde no Inega o formulario do anexo I debidamente cuberto e asinado.

Disposición derrogatoria

Esta orde derroga a orde da Consellería de Innovación, Industria e Comercio do 28 de xullo de 2002 e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido nela.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Industria, Enerxía e Minas para ditar as disposicións que sexan precisas para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o primeiro día do mes seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2009.

Fernando X. Blanco Álvarez

Conselleiro de Innovación e Industria

Ver referencia pdf "03700D002P008.PDF"