DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Luns, 23 de febreiro de 2009 Páx. 3.698

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 16 de febreiro de 2009 pola que se regula o desenvolvemento da avaliación diagnóstica na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, prevé, nos seus artigos 21 e 29, a realización dunha avaliación de diagnóstico de carácter censual que se deberá levar a cabo en todos os centros educativos. Pola súa parte, o Decreto 130/2007, do 28 de xuño, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia e o Decreto 133/2007, do 5 de xullo, polo que se regulan as ensinanzas da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia, determinan nos artigos 17 e 19 respectivamente, a realización deste proceso avaliativo. Esta avaliación versará sobre as competencias básicas do alumnado e deberá dar lugar a compromisos de revisión e mellora a partir dos resultados que dela se obteñan.

A avaliación diagnóstica posúe carácter formativo e orientador para os centros e informativo para as familias e para o conxunto da comunidade educativa. A súa finalidade última é contribuír á mellora da calidade e da equidade da educación, a través do coñecemento da adquisición das competencias básicas dos estudantes. A súa realización pretende suscitar a reflexión sobre a práctica educativa e orientar procesos de transformación e mellora. En ningún caso substitúe á avaliación do proceso de ensinanza e aprendizaxe que comúnmente se desenvolve nos centros educativos, senón que complementa o coñecemento que aquela proporciona e promove que a toma de decisións posterior sexa máis axustada á realidade de cada centro.

Nesta liña, as citadas normas establecen que corresponde ás administracións educativas desenvolver e controlar as avaliacións de diagnóstico e determinan que estas proporcionen modelos e apoios co obxecto de que se poidan desenvolver de modo axeitado.

En virtude do exposto, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto e finalidade.

1. Esta orde ten por obxecto regular as condicións e o procedemento de realización da proba de avaliación diagnóstica na Comunidade Autónoma galega.

2. A finalidade da avaliación de diagnóstico é contribuír a determinar o nivel de desenvolvemento das competencias básicas do alumnado, de cara a promover accións de mellora do sistema educativo. En consecuencia, a avaliación diagnóstica será formativa e orientadora para os centros e informativa para as familias e o conxunto da comunidade educativa. Así mesmo, carecerá de efectos académicos para o alumnado.

Artigo 2º.- Ámbito de aplicación.

1. Esta proba terá lugar en todos os centros educativos da comunidade autónoma que impartan ensinanzas correspondentes a cuarto curso de educación primaria e/ou segundo curso de educación secundaria obrigatoria.

2. Deberá ser realizada por todo o alumnado dos niveis referidos no punto anterior, agás naqueles casos que sinale a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

Artigo 3º.-Competencias básicas obxecto de avaliación.

1. As probas versarán sobre as competencias básicas establecidas nos decretos 130/2007, do 28 de xuño e 133/2007, do 5 de xullo, polos que se establecen, respectivamente, os currículos de educación primaria e educación secundaria obrigatoria:

a) Competencia en comunicación lingüística.

b) Competencia matemática.

c) Competencia no coñecemento e na interacción co mundo físico.

d) Tratamento da información e competencia dixital.

e) Competencia social e cidadá.

f) Competencia cultural e artística.

g) Competencia para aprender a aprender.

h) Autonomía e iniciativa persoal.

2. As probas realizaranse en consonancia co marco teórico establecido para a avaliación xeral diagnóstica e conxugarán as normas legais dos preceptos educativos coas correspondentes ao dereito á intimidade, honra e protección de datos.

3. A información que se obteña destas probas será tida en conta polos centros para organizar as medidas necesarias para mellorar a atención do alumnado. Así mesmo, será tida en conta, xunto cos demais datos obtidos na avaliación do proceso de ensino e aprendizaxe, para analizar, valorar e reorientar, se procede, as actuacións encamiñadas ao desenvolvemento do currículo da etapa.

4. A Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, determinará en cada curso escolar, cales serán as competencias básicas obxecto de avaliación.

Artigo 4º.-Datas de realización das probas.

A Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa determinará en cada curso as datas nas que se realizarán as probas, que serán as mesmas para todos os centros.

Artigo 5º.-Comisión de coordinación da avaliación de diagnóstico nos centros educativos.

1. Nos centros educativos que impartan as ensinanzas referidas no artigo 2.1º, constituirase unha comisión de coordinación da avaliación de diagnóstico, formada polas seguintes persoas:

a) Director ou directora do centro, que a presidirá.

b) Xefe ou xefa de estudos.

c) Xefe ou xefa do departamento de orientación, de ser o caso.

d) Un titor ou titora de cada un dos niveis que se avalían, nomeados pola dirección do centro.

2. A súas funcións serán as seguintes:

a) Informar a comunidade educativa sobre o sentido e a finalidade da avaliación diagnóstica.

b) Coordinar o proceso desta avaliación no centro.

c) Colaborar coa Administración educativa e cos servizos de inspección naqueles aspectos do proceso para a que sexa requirida.

3. Esta comisión constituirase ao comezo de cada curso escolar e a súa composición reflectirase na correspondente programación xeral anual.

Artigo 6º.-Elaboración, aplicación e corrección das probas.

1. A elaboración das probas correrá a cargo dun equipo de traballo formado por profesionais especializados no coñecemento das diferentes competencias básicas. As probas estarán constituídas por caderniños para cada unha das competencias e cuestionarios de contexto dirixidos ao profesorado, á dirección do centro, ao alumnado e, eventualmente, ás súas familias.

2. O proceso de aplicación e corrección das probas realizarase utilizando unha plataforma informática habilitada para tal fin. A través dela, os centros educativos descargarán os exemplares para a súa aplicación ao alumnado e introducirán os resultados da súa corrección no prazo que se determine. Seguindo o mesmo procedemento, cumprimentaranse os cuestionarios de contexto do alumnado, profesorado, dirección do centro e, de ser o caso, das familias.

3. A Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa dará instrucións sobre cales son as persoas responsables da descarga dos materiais e da súa aplicación, corrección e posterior carga de resultados na plataforma.

Artigo 7º.-Emisión de informes dos centros educativos.

1. Os centros educativos obterán, a través da plataforma, un informe de resultados no que se detallará, cando menos, a media global da comunidade en cada unha das competencias avaliadas, xunto coa puntuación acadada polo centro. Ademais, achegarase información sobre a puntuación obtida en relación cos demais centros das súas características segundo o seu índice de desenvolvemento socioeconómico e cultural.

2. Os centros educativos, con base na información contida nos informes, serán os encargados de informar as familias do resultado destas probas.

Artigo 8º.-Corrección de contraste.

Unha vez rematada a avaliación de diagnóstico, a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa requirirá, dunha mostra significativa de centros, os exemplares desta, co fin de realizar unha segunda corrección que contribúa ao control da calidade do proceso.

Artigo 9º.-Confidencialidade das probas.

1. No uso da información derivada desta avaliación, terase en conta o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal. En consecuencia, só serán recollidos aqueles datos que se consideren pertinentes para a súa finalidade.

2. Co obxecto de preservar esta confidencialidade, establecerase un sistema restrinxido de acceso á información da plataforma informática a través da definición de perfís de usuario, de tal xeito que o acceso aos datos de cada centro quede reservado á Administración educativa e ao propio centro.

3. A dirección do centro educativo responsabilizarase da custodia dos caderniños e cuestionarios das probas, que deberán ser conservados en canto a Administración educativa non ordene a súa destrución.

Artigo 10º.-Análise dos resultados nos centros educativos.

Como consecuencia da avaliación diagnóstica, os centros, a través dos seus órganos colexiados de goberno, realizarán unha reflexión interna tras a que se establecerán as accións de mellora pertinentes, que serán incorporadas á súa programación xeral anual.

Artigo 11º.-Seguimento da inspección educativa.

Os servizos de inspección provincial velarán polo correcto desenvolvemento da avaliación diagnóstica nos centros educativos e colaborarán en todo o proceso relativo ao seu seguimento. Así mesmo, participarán na corrección de contraste e asesorarán aos centros na toma de decisións posterior á realización da proba, encamiñada ao establecemento de accións de mellora.

Artigo 12º.-Informe xeral.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través dun informe técnico, detallará os resultados xerais do proceso de avaliación diagnóstica realizada.

Disposicións transitorias

Primeira.-Excepcionalmente, a realización da proba da avaliación diagnóstica correspondente ao curso 2008-2009, terá lugar o día 21 de outubro de 2009. As competencias básicas obxecto de avaliación serán a competencia en comunicación lingüística e a competencia matemática, tanto en educación primaria como en educación secundaria obrigatoria.

Segunda.-A avaliación diagnóstica a que se refire a disposición transitoria primeira será de aplicación ao alumnado que no curso académico 2009-2010 cursa as ensinanzas correspondentes a quinto curso de educación primaria e terceiro curso de educación secundaria obrigatoria.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Segunda.-Facúltase a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa para ditar cantas resolucións sexan necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2009.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria