DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 36 Venres, 20 de febreiro de 2009 Páx. 3.578

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 12 de febreiro de 2009 pola que se modifican as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas aos investimentos en transformación e comercialización de produtos procedentes da pesca, do marisqueo e da acuicultura, cofinanciadas co Fondo Europeo da Pesca.

As industrias de comercialización e transformación dos produtos procedentes da pesca en Galicia teñen por si mesmas un importante peso específico na Comunidade Autónoma de Galicia constituíndo un dos seus sectores estratéxicos. Estas industrias actúan como dinamizadoras en zonas altamente dependentes da pesca pero tamén en zonas interiores, nas que a actividade empresarial é escasa; tanto creando emprego, como colaborando no mantemento dun número elevado de postos de traballo. Estas industrias, que tradicionalmente forman parte do tecido socioeconómico galego, teñen que afrontar grandes retos debido ás condicións de competitividade dentro do mercado internacional, polo que se considera de interese o fomento de medidas que favorezan o seu desenvolvemento e que contribúan ao mantemento do papel relevante que teñen no conxunto da actividade económica galega.

O 1 de xaneiro de 2007 entrou en vigor o Regulamento (CE) nº 1198/2006 do Consello, do 27 de xullo, relativo ao Fondo Europeo da Pesca (FEP), que substitúe o Instrumento Financeiro de Orientación da Pesca (IFOP) e define o marco de apoio comunitario a favor do desenvolvemento sustentable do sector pesqueiro. Este regulamento establece a posibilidade de apoiar os investimentos no ámbito da transformación e comercialización dos produtos procedentes da pesca, do marisqueo e da acuicultura.

Para a aplicación das ditas medidas, mediante orde da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos do 24 de abril de 2008 (DOG nº 86, do 6 de maio) aprobáronse as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas aos investimentos en transformación e comercialización de produtos procedentes da pesca, do marisqueo e da acuicultura e convocáronse para o exercicio 2008.

A aplicación práctica da dita orde aconsella a modificación de aspectos puntuais do seu articulado, que non afectan a aspectos esenciais desta pero que pretenden achegar unha maior comprensión cara ao potencial beneficiario e mesmo aos órganos xestores das axudas. Consecuentemente, para esta mellor comprensión e para facilitar a consulta e manexo por parte dos interesados, publícase íntegro o contido das bases reguladoras, que substitúen as aprobadas pola orde da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos do 24 de abril de 2008.

En consecuencia, e de acordo co disposto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, oído o sector interesado,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto a modificación das bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas aos investimentos en transformación e comercialización dos produtos procedentes da pesca, do marisqueo e da acuicultura, aprobadas por orde da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos do 24 de abril de 2008, e reguladas nos artigos 34º e 35º do Regulamento (CE) nº 1198/2006 do Consello, do 27 de xullo, relativo ao Fondo Europeo de Pesca.

Artigo 2º.-Marco normativo.

Para o outorgamento e execución destas axudas, haberá que aterse ao disposto nas bases reguladoras establecidas nesta orde así como nas seguintes normas:

a) Regulamento 1198/2006, do Consello, do 27 de xullo, relativo ao Fondo Europeo da Pesca, resto de disposicións comunitarias aplicables así como as disposicións básicas que o Estado dite en desenvolvemento ou transposición destas.

b) Preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da citada lei.

c) Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, coas súas posteriores modificacións.

d) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, no que non se opoña ao establecido na Lei de subvencións de Galicia.

f) Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

g) Se é o caso, normativa reguladora da tramitación anticipada de expedientes de gasto (orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001).

h) Normativa básica do Estado.

Artigo 3º.-Crédito orzamentario.

1. As subvencións concederanse con cargo ás aplicacións orzamentarias que en cada un dos anos de vixencia do Programa Operativo do Fondo Europeo da Pesca (FEP) 2007-2013 sinale a correspondente Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. En cada anualidade sucesiva ata o ano 2013, fixarase por unha orde complementaria o crédito anual existente.

3. Os importes fixados en cada convocatoria, así como as aplicacións ás que se imputen, poderán ser ampliados con fondos incorporados e remanentes adicionais, así como procedentes de modificacións orzamentarias, sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto.

4. As axudas estarán limitadas en todo caso ás dispoñibilidades orzamentarias.

5. Poderanse adquirir compromisos de carácter plurianual, de acordo co artigo 58º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

6. Para o ano 2009 as axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 14.03.723A.771.1 que figura dotada no orzamento de gastos da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos para 2009. Os importes máximos das subvencións que se concedan no dito exercicio orzamentario ascenderán a 42.208.170,80 euros distribuídos nas seguintes anualidades:

1. Anualidade 2009: 15.955.032,00 euros.

2. Anualidade 2010: 13.346.103,80 euros.

3. Anualidade 2011: 12.907.035,00 euros.

Artigo 4º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios das axudas reguladas nesta orde, as persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares de establecementos de transformación e/ou comercialización de produtos da pesca, o marisqueo e a acuicultura xa existentes na Comunidade Autónoma de Galicia, e aquelas que establezan nela novos centros.

2. Non poderán ser beneficiarios destas axudas as persoas nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nin as empresas en crise, de acordo coa definición e condicións establecidas nas directrices comunitarias sobre as axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise (2004/C244/02).

3. As axudas aos investimentos, de acordo co o previsto no artigo 35º do Regulamento (CE) nº 1198/2006 do Consello, do 27 de xullo, relativo ao FEP, limitaranse ás microempresas, ás pequenas e medianas empresas e ás empresas non recollidas pola definición de microempresa, pequena ou mediana empresa tal e como se definen na Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DOCE, serie L nº 124, do 20 de maio), con menos de 750 empregados ou cun volume de negocios inferior a 200 millóns de euros.

4. As empresas deberán cumprir os criterios de independencia, segundo a Recomendación da Comisión do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas. Para o cálculo dos efectivos (número de persoas ocupadas) e dos importes financeiros, terase en conta o indicado na citada recomendación.

Artigo 5º.-Obrigas dos beneficiarios.

1. Os beneficiarios, ao formalizar a súa solicitude, sométense voluntariamente ao cumprimento das condicións que se establecen nesta orde para a concesión e pagamento das subvencións, así como ao cumprimento dos requisitos estipulados na normativa de aplicación a estas.

2. Os beneficiarios deberán:

a) Executar o proxecto subvencionado dentro dos prazos máximos que se establezan na respectiva resolución de concesión con cumprimento das condicións e prescricións establecidas nela, nesta orde de convocatoria ou demais normativa de aplicación, de forma que se poida realizar a comprobación documental e material deste.

b) Acreditar, mediante declaración responsable, que non teñen pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións.

c) Destinar os bens subvencionados ao fin concreto para o que se conceda a subvención durante un período mínimo de cinco anos, de acordo co previsto no artigo 56 do Regulamento (CE) nº 1198/2006, do 27 de xullo, relativo ao Fondo Europeo da Pesca. Durante este período, que se contará a partir da data contable do último pagamento, o beneficiario deberá solicitar autorización á Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos se pretendese o cambio de destino do ben subvencionado, alleamento, gravame ou substitución por outro ben que sirva en condicións análogas ao subvencionado.

d) No caso de que o proxecto implique a creación de postos de traballo, estes deberán crearse no prazo dos tres anos seguintes á finalización do investimento. Cada posto de traballo manterase durante un período mínimo de cinco anos.

e) Someterse ás actuacións de comprobación que serán efectuadas polo órgano concedinte ou calquera outra comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competente, tanto nacionais como comunitarios, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

f) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións e axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente, tanto públicos como privados.

g) Acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión que se encontra ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias, fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia. De acordo co establecido no artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión de subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, co fin de acreditar de que o solicitante está ao corrente nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega. Non obstante, se por razóns técnicas ou doutra índole estes

certificados non puidesen ser obtidos polo órgano xestor, poderán serlles requiridos aos interesados.

h) No caso de axudas concedidas a bens inscritibles nun rexistro público, deberá facerse constar na escritura e no rexistro público correspondente o importe de subvención concedida e o período durante o cal os bens subvencionados quedan adscritos ao fin concreto recollido na subvención.

i) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos durante un mínimo de cinco anos desde a percepción do último pagamento, para os efectos de comprobación e control.

j) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos exixidos na lexislación aplicable ao beneficiarios.

k) Comunicarlle á Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución dos fins para os que foi concedida a axuda de que se trate.

l) Darlle a adecuada publicidade ao carácter público do financiamento do investimento realizado con expresa mención á participación do Fondo Europeo da Pesca (FEP), nos termos establecidos nos artigos 32 e 33 do Regulamento (CE) nº 498/2007 da Comisión.

m) Figurar inscritos no Rexistro galego de empresas halioalimentarias.

Artigo 6º.-Proxectos obxecto de subvención.

1. Poderán ser subvencionables de conformidade con esta orde os investimentos en activos fixos materiais novos para a creación, ampliación e modernización das instalacións situadas en Galicia destinadas á transformación e/ou comercialización de produtos da pesca, o marisqueo e a acuicultura que teñan por obxecto un ou varios dos seguintes investimentos e actuacións:

a) A mellora das condicións de traballo;

b) a mellora e seguimento das condicións hixiénicas e de saúde pública ou da calidade dos produtos;

c) a produción de produtos de alta calidade para mercados altamente especializados;

d) a redución do impacto negativo no ambiente;

e) unha mellor utilización de especies pouco aproveitadas, subprodutos e residuos;

f) a produción ou comercialización de novos produtos, a aplicación de novas tecnoloxías ou o desenvolvemento de métodos innovadores de produción ou comercialización;

g) a comercialización de produtos procedentes esencialmente dos desembarques locais e da acuicultura.

2. En función dos resultados acadados e doutras circunstancias que así o aconsellen, para as seguintes convocatorias poderanse excluír algunha das categorías incluídas no punto anterior.

Artigo 7º.-Gastos subvencionables.

a) Construción, adquisición, ampliación, modernización ou acondicionamento de bens inmobles, sempre e cando estea xustificada a súa necesidade para a explotación de que se trate. Estes bens non deberán ter recibido nos últimos 10 anos ningunha subvención nacional ou comunitaria que poida comportar duplicidade da axuda.

b) Maquinaria, instalacións e equipamentos de primeiro uso.

c) Os gastos de proxecto técnico e dirección de obra ata un límite do 12 por cento do custo indicado no proxecto, sempre que a actuación á que se refira resulte seleccionada.

d) Instalacións telefónicas e fax, equipos e programas informáticos relacionados coas actividades de produción e de comercialización da empresa. Exclúense os equipos informáticos portátiles.

e) Elementos de transporte interno, sempre que formen parte integrante do proxecto que se presente.

No caso de investimentos consistentes en obras ou subministracións, será requisito imprescindible para a concesión da axuda que os servizos da consellería certifiquen o non inicio dos investimentos con anterioridade ao comezo da execución.

Artigo 8º.-Gastos non subvencionables.

Non se consideran subvencionables:

a) O imposto sobre o valor engadido (IVE) ou calquera outro imposto recuperable polo beneficiario, agás nos casos en que se achegue certificado expreso do Ministerio de Facenda na porcentaxe non recuperable del.

b) A transferencia da propiedade dunha empresa.

c) Os investimentos relacionados con produtos da pesca, do marisqueo e da acuicultura destinados a ser utilizados e transformados para fins distintos do consumo humano, excepto os investimentos destinados exclusivamente ao tratamento, transformación e comercialización de desfeitos de produtos da pesca, o marisqueo e a acuicultura. Os investimentos dedicados á extracción da dioxina ou outras substancias nocivas para a saúde humana da fariña de peixe ou do aceite de peixe, poderán ser financiados polo Fondo Europeo da Pesca (FEP), incluso cando os produtos finais sexan destinados a seren utilizados e transformados para fins distintos do consumo humano.

d) Investimentos relativos ao comercio polo miúdo.

e) Os gastos de constitución e primeiro establecemento dunha sociedade.

f) Obras de ornamentación e equipos de recreo.

g) Mobiliario de oficina, salas de conferencias e catas.

h) A vivenda.

i) Palets e semellantes.

j) Contedores, gaiolas, cubetas, carros, bandexas, contedores de depuración. Estes investimentos serán subvencionables, a condición de que se trate dunha instalación nova, ou dunha ampliación das instalacións existentes, de que sexan proporcionais ás instalacións, e de que non sexan vendidos coa mercadoría.

k) Os gastos de reparacións, conservación, funcionamento e mantemento dos bens e equipamentos. As substitucións de equipamentos e máquinas, salvo que a nova adquisición corresponda a equipos ou maquinaria distintos dos anteriores, ben pola súa tecnoloxía utilizada ou polo seu rendemento.

l) Os gastos de alugueiro de equipos e os investimentos financiados mediante arrendamento financeiro (leasing). Os investimentos financiados mediante leasing poderán ser auxiliables se existise un compromiso de adquisición do ben no prazo e normas establecidos pola autoridade de xestión e sempre antes de que remate o período establecido para a percepción das axudas. Outros custos relacionados ao contrato de arrendamento financeiro, tales como impostos, marxe do arrendador, custos de refinanciamento, gastos xerais ou seguros, non serán subvencionables. Os investimentos aprobados inicialmente como compra non poderán ser imputados como gastos de leasing ou viceversa, salvo que o dito cambio sexa solicitado e aprobado polo órgano concedinte.

m) Adquisicións de bens e equipos de segundo uso.

n) Adquisición de elementos e todo tipo de bens pagados en efectivo.

o) Calquera gasto que, de acordo coa normativa aplicable, resulte ser non subvencionable.

Artigo 9º.-Certificación de non inicio.

1. Como norma xeral, os investimentos ou gastos para os que se solicita axuda non se poderán iniciar antes da data de presentación da solicitude de axuda, nin antes da realización da acta de comprobación previa por parte dos servizos da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, en caso de investimentos materiais. A non realización de investimentos inmateriais, demostrarase mediante a data da factura correspondente.

2. O non inicio acreditarase mediante certificación dos servizos da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

3. Se for necesario realizar os investimentos antes da apertura de presentación de solicitudes da convocatoria anual correspondente e sempre que se xustifique debidamente, de forma excepcional poderá facerse unha certificación de non inicio, inmediatamente antes de que comece a realización dos investimentos. Esta certificación solicitarase acompañada do proxecto, memoria descritiva dos aspectos técnicos e económicos do investimento, facturas pro forma ou catálogos que permitan facer unha valoración do investimento que se vai realizar e relación destas, planos, proxecto visado, se é o caso, e terá efectos na convocatoria inmediatamente seguinte. No caso de que a solicitude non fose seleccionada, a acta de comprobación poderá ter efecto tamén nas seguintes convocatorias, sempre que o solicitante confirmase a súa solicitude de axuda.

4. A realización da certificación de non inicio, en ningún caso, implica dereito nin mérito para a concesión da axuda.

Artigo 10º.-Tipo e contía das axudas.

1. As axudas reguladas nesta orde teñen carácter de subvencións de capital.

2. A porcentaxe máxima de contribución pública das axudas será, de acordo co establecido no anexo II do Regulamento do Fondo Europeo da Pesca (FEP), igual ou menor ao 60% do total dos gastos subvencionables.

3. Respecto ás empresas que non teñan a consideración de microempresas, pequenas ou medianas, segundo definición da Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003, e que teñan menos de 750 empregados ou un volume de negocios inferior a 200 millóns de euros, a contribución pública reducirase nun 30%.

Artigo 11º.-Compatibilidade das axudas.

1. As axudas establecidas nestas bases reguladoras serán compatibles con calquera outra concedida por outras administracións públicas ou por entidades públicas ou privadas, sempre que non teñan financiamento parcial ou total de fondos procedentes doutro instrumento financeiro comunitario e a suma total das axudas non supere a porcentaxe máxima fixada no regulamento do Fondo Europeo da Pesca (FEP) para a contribución pública.

2. No suposto que a suma de todas as axudas supere os ditos límites, procederase por resolución do órgano concedinte á minoración da axuda concedida.

3. De acordo co previsto nos artigos 5.2º f) e 21.3º h) destas bases reguladoras, o beneficiario deberá comunicar por escrito ao órgano concedinte a obtención de calquera outra subvención ou axuda e deberá achegar a resolución de concesión desta, se é o caso.

Artigo 12º.-Prazos de solicitude e resolución.

1. Anualmente publicaranse os períodos de presentación de solicitudes para cada unha das anualidades 2010 a 2013. Para a anualidade 2009, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde. Entenderase como último día do prazo, o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

2. Aquelas solicitudes que non puideran ser atendidas no período correspondente, exclusivamente por falta de dispoñibilidades orzamentarias, poderán ser tomadas en consideración no período seguinte, logo de confirmación polo solicitante e sen que isto supoña preferencia ningunha como criterio de selección.

3. A resolución emitirase e notificaráselles aos interesados no prazo máximo de seis meses desde a publicación no Diario Oficial de Galicia da correspondente convocatoria anual. O vencemento do prazo máximo indicado sen que se notifique a resolución posibilitará que os interesados poidan entender desestimada a súa pretensión por silencio administrativo, de conformidade co disposto no artigo 44 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 13º.-Forma de presentación de solicitudes e documentación necesaria.

1. A solicitude incluirá un exemplar orixinal ou copia debidamente compulsada, e tres copias simples da seguinte documentación:

-Anexo A1, de solicitude da axuda.

-Anexo A2, de declaracións do solicitante.

-Anexo A3, de relación de ofertas solicitadas e elixidas.

-Datos relacionados no anexo A4, así como documentación relacionada no punto «Outra documentación» deste anexo. A documentación correspondente a proxectos e planos, deberá de presentarse tamén en soporte informático.

2. Cubrir o anexo A1, ademais da descrición detallada das actuacións a realizar co proxecto cos obxectivos, a xustificación razoada dos investimentos e de cada unha das partidas, e do resumo do orzamento relacionando todos os investimentos que se van realizar co seu correspondente importe sen IVE, considerarase mínimo imprescindible para a tramitación das solicitudes, de xeito que non serán admitidas aquelas nas que se aprecie a ausencia desta información.

3. O lugar de presentación será, o rexistro único e de información do complexo administrativo de San Caetano en Santiago de Compostela ou no de calquera das delegacións territoriais e comarcais da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. A solicitude e os seus anexos en formato electrónico poderanse descargar na páxina web da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos http://webpesca.xunta.es.

Artigo 14º.-Tramitación das solicitudes.

1. As delegacións territoriais da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos analizarán os expedientes, requirirán a documentación necesaria, se é o caso, e emitirán un informe relativo ao cumprimento dos requisitos da convocatoria.

2. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 5.2º g) resulta que o solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social.

3. A documentación requirida para emenda da solicitude deberá ser presentada no rexistro da delegación territorial da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos a quen corresponda a tramitación do expediente, salvo que no escrito de requirimento se sinale outra cousa. A documentación presentada nun rexistro distinto poderá ser inadmitida se ten entrada no rexistro indicado no requirimento fóra do prazo inicial de 10 días conferido para a súa entrega.

4. Sen prexuízo do disposto no punto 2 deste artigo, poderá requirirse ao solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

5. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas que, se é o caso, se produzan, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria, serán remitidos á comisión encargada da súa avaliación, de acordo co establecido no artigo seguinte. Para estes efectos, as delegacións territoriais da Consellería de Pesca elaborarán un informe á vista do cal o Servizo de Desenvolvemento e Modernización do Tecido Produtivo da Dirección Xeral de Estruturas e Mercados da Pesca, analizará e clasificará os proxectos de acordo cos criterios fixados nas bases.

6. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de non admisión, na que se indicarán as causas que a motivan.

7. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, o solicitante non poderá modificar a súa solicitude de axuda aumentando o importe total do investimento nin incluíndo novos conceptos para os cales solicita axuda.

Artigo 15º.-Comisión de avaliación.

1. Os expedientes serán avaliados por unha comisión de avaliación constituída na Dirección Xeral de Estruturas e Mercados da Pesca que, de non considerar necesaria máis documentación, emitirá un informe co resultado da selección das solicitudes propostas, que será incorporado ao expediente.

2. A composición da comisión avaliadora, estará formada polos seguintes membros:

a) Presidente: director/a xeral de Estruturas e Mercados da Pesca.

b) Vogais: subdirector/a xeral de Estruturas Pesqueiras, un funcionario adscrito á Dirección Xeral de Estruturas e Mercados da Pesca designado polo presidente e os xefes do Servizo de Estruturas e Mercados da Pesca de cada unha das delegacións territoriais da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos. Un dos vogais actuará como secretario.

3. En caso de imposibilidade de asistir a algunha das sesións, os membros do órgano colexiado poderán ser substituídos pola persoa que designe o presidente.

4. A comisión avaliadora poderá traballar asistida dos asesores que estime conveniente así como solicitar informes a expertos técnicos en la materia.

5. No informe que formule a comisión figurarán de xeito individualizado os solicitantes propostos para obter a subvención, indicándose a avaliación que lles corresponde, segundo os criterios fixados no artigo 16º desta orde. Así mesmo, indicarase a proposta do importe da subvención para cada un deles.

6. No caso de que a suma dos investimentos subvencionables dos expedientes propostos non supere o crédito existente para as axudas, non será necesario que figure a avaliación individualizada de cada expediente.

7. Establecerase unha lista de reserva con aquelas solicitudes que, reunindo os requisitos establecidos na orde de convocatoria, non acadasen a puntuación necesaria para ser seleccionados por falta de crédito.

8. O presidente da comisión de avaliación elevará proposta de resolución ao órgano concedinte, quen ditará a correspondente resolución de concesión, logo da preceptiva fiscalización do gasto.

Artigo 16º.-Criterios de avaliación.

Os proxectos que se presenten deberán ser técnica, económica e financeiramente viables. A comisión de avaliación poderá considerar como non viables proxectos ou actuacións presentados e, consecuentemente, propor a non concesión da subvención. Así mesmo, á vista das solicitudes presentadas, poderá establecer límites máximos de investimento subvencionable, tanto por beneficiario como por actuación ou concepto elixible.

Os criterios de avaliación das solicitudes fixados nesta orde servirán de base para a determinación da prelación das solicitudes e serán os que se relacionan a continuación.

1. Co fin da baremación das solicitudes, os expedientes que reúnan os requisitos da convocatoria agruparanse en dous grupos:

a) No grupo I incluiranse os proxectos que se van seleccionar en primeiro lugar, e serán aqueles presentados por micro e pequenas empresas.

b) No grupo II incluiranse os proxectos a seleccionar en segundo lugar, e corresponderán a aqueles presentados por medianas empresas e resto de empresas ata 750 empregados ou cun volume de negocios inferior a 200 millóns de euros.

2. Dentro de cada grupo iranse sumando ata un total de 100 puntos en función dos seguintes criterios:

1) Proxectos que teñan en conta a orixe da materia prima dos produtos transformados ou comercializados, como por exemplo:

a) Procedencia da materia prima de produtos amparados por certificacións independentes legalmente regulamentadas.

b) Produtos procedentes de capturas locais.

c) Produtos procedentes do marisqueo ou da acuicultura.

d) Emprego de especies infrautilizadas.

Ata un máximo de 14 puntos.

2) Proxectos nos que se recollen a valorización da produción, a diversificación dos produtos ou a mellora da calidade, como por exemplo:

a) Produción ou comercialización de produtos de gama alta.

b) Produción ou comercialización de produtos de conveniencia, produtos que contribúan á conservación dos recursos ou do ambiente dunha forma especial, produtos clasificados como saudables e produtos destinados a fragmentos específicos de poboación.

c) Mellora da hixiene dos produtos, da transparencia do mercado ou da rastrexabilidade.

Ata un máximo de 17 puntos.

3) Grao de innovación na proposta, tanto no referente á produción e/ou comercialización dun produto novo, como a utilización dun método de produción e/ou comercialización novo.

Ata un máximo de 16 puntos.

4) Emprego, tanto mantemento dos niveis de emprego actual a medio prazo, como creación de emprego.

Ata un máximo de 18 puntos.

Como norma xeral aqueles proxectos que destrúan emprego, non serán obxecto de axuda. Estes proxectos, que serán obxecto de estudo específico, serán valorados pola comisión avaliadora sinalada no artigo 15º desta orde, podendo dar lugar á redución ou á non concesión da axuda, de acordo coa valoración que se estime.

5) Localización do investimento en función das zonas do Plan de reequilibrio territorial.

Ata un máximo de 6 puntos.

6) Redución do impacto negativo sobre o ambiente, como por exemplo:

a) Cambios de emprazamento dunha empresa a un polígono industrial.

b) Aproveitamento e valorización de subprodutos e/ou residuos.

c) Aforro enerxético ou o uso das enerxías renovables.

Ata un máximo de 22 puntos.

7) Outros que terá en conta a comisión de avaliación, como, por exemplo, a calidade técnica dos proxectos, a existencia dun Plan de igualdade na empresa solicitante, de acordo coa Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia (publicada no Diario Oficial de Galicia o 13 de abril de 2007) ou outros criterios similares.

Ata un máximo de 7 puntos.

3. Independentemente desta clasificación terase en conta o seguinte, pola orde indicada:

1) Os proxectos para creación de novas empresas, serán considerados en último lugar, excepto que se demostre de forma adecuada que o proxecto é innovador e que ten viabilidade económica suficiente.

2) En caso de coincidencia na baremación, terán prioridade as empresas que nunca recibiran axudas á transformación e comercialización dos produtos da pesca.

4. Na concesión das axudas terase en conta o grao de cumprimento das obrigas derivadas das axudas recibidas, se é o caso, en anteriores convocatorias, para os mesmos fins.

Artigo 17º.-Resolución e aceptación.

1. A resolución dos expedientes correspóndelle á Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, quen poderá delegar a dita competencia no director xeral de Estruturas e Mercados da Pesca. No caso de concesións que superen a contía de 3.000.000 euros por beneficiario, será necesaria a autorización do Consello da Xunta; esta autorización non implicará a aprobación do gasto, que lle corresponderá, en todo caso, ao órgano competente para ditar a resolución de concesión da subvención.

2. As resolucións serán notificadas ao solicitante que terá un prazo de dez días hábiles a partir do seguinte ao da súa notificación para a súa aceptación. Transcorrido este prazo sen producirse manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a axuda.

3. A resolución indicará os investimentos considerados como subvencionables, así como as condicións xerais e particulares que se deben cumprir para poder percibir a axuda concedida. Así mesmo, indicará a anualización aprobada para a execución dos investimentos. O número máximo de anualidades non será superior a tres. Ningunha anualidade poderá ser posterior ao 2013.

Artigo 18º.-Recursos.

Contra a resolución que se dite, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor, con carácter potestativo, recurso de reposición perante a conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, no prazo dun (1) mes a partir do día seguinte ao da súa notificación ou de tres (3) meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo sexa o caso, ou recurso contencioso-administrativo perante a sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación ou de seis (6) meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo o caso.

Todo isto sen prexuízo de que o interesado poida interpor calquera outro que considere pertinente.

Artigo 19º.-Modificación da resolución.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, se é o caso, a obtención concorrente doutras subvencións e axudas concedidas por calquera outra entidade pública ou privada, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión da subvención ou á súa revogación, no caso de considerarse que a modificación afecta un aspecto substancial da concesión.

2. Calquera modificación que supoña un cambio do beneficiario, dos investimentos inicialmente previstos, tanto no referente ao orzamento como ás distintas partidas que os compoñen, así como ao prazo de execución, requirirá resolución expresa por parte da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, e deberá ser comunicada por escrito con anterioridade á súa realización e coa suficiente antelación antes da data límite de xustificación dos investimentos establecida na resolución de concesión. No escrito deixarase constancia debidamente motivada das razóns que aconsellan a modificación proposta.

3. A autorización para a modificación dos termos nos que foi concedida a axuda quedará condicionada aos seguintes requisitos:

a) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade destas bases reguladoras e da convocatoria oportuna.

b) Que a modificación non cause prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da subvención.

d) Que o proxecto modificado, en caso de que fose presentado co resto das solicitudes, resultase seleccionado na concesión inicial, seguindo os criterios de selección fixados.

4. O acto polo que se acorde a modificación da resolución de concesión ou, se é o caso, a súa denegación, será ditado polo órgano concedinte, unha vez instruído o correspondente expediente no que se dará audiencia ao interesado. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento, nin se teñan en conta na resolución, outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

5. Como norma xeral non se admitirá a subrogación dun novo propietario na condición de solicitante ou beneficiario das axudas, excepto nos casos de sucesión mortis causa, adquisición da propiedade como consecuencia de procesos de disolución e liquidación de persoas xurídicas, operacións de fusión ou escisión parcial ou total de sociedades ou naqueloutros casos nos que, a xuízo do órgano competente para a concesión das axudas, a transmisión da propiedade e a subrogación do novo propietario na posición de solicitante ou beneficiario non desvirtúe a finalidade das axudas e se cumpran todos os requisitos do punto 3 deste artigo.

En calquera caso, o novo beneficiario deberá cumprir os requisitos desta orde e asumir as obrigas derivadas da concesión.

6. Non se admitirán nin aprobarán modificacións que supoñan unha execución total inferior ao 60% do investimento inicialmente aprobado, nin aquelas que, no caso de axudas plurianuais, impliquen unha execución inferior ao 10% nalgunha das anualidades fixadas na resolución de concesión.

7. Non se admitirán modificacións que supoñan cambio de localización dos investimentos aprobados.

Non obstante o indicado nos parágrafos anteriores, poderanse autorizar modificacións que se orixinen por causas de forza maior que, en todo caso, deberán ser apreciadas polo órgano concedinte.

Artigo 20º.-Prazos de execución.

1. Con carácter xeral e excepto que a resolución individual de concesión de axuda dispoña un prazo distinto, o prazo para a xustificación material e documental da finalización dos investimentos será ata o 31 de outubro do ano correspondente ao exercicio económico de que se trate.

2. Transcorrido o prazo indicado sen que o beneficiario presentase a documentación xustificativa, entenderase que renuncia á subvención. Neste caso a persoa titular da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos ditará a oportuna resolución, nos termos do artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 21º.-Xustificación dos investimentos.

1. A xustificación do cumprimento das condicións impostas e da consecución dos obxectivos previstos no acto de concesión da subvención realizarase de acordo coas bases da convocatoria de axudas e a resolución de concesión. Os formularios en formato electrónico poderanse descargar na páxina web da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos http://webpesca.xunta.es. Considerase gasto realizado aquel efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación fixado na resolución de concesión da axuda ou a súa modificación, se é o caso.

2. A xustificación dos investimentos presentaranse no rexistro único e de información do complexo administrativo de San Caetano en Santiago de Compostela ou no de calquera das delegacións territoriais da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

3. As solicitudes de pagamento presentaranse acompañadas da seguinte documentación, da que se achegará un exemplar orixinal ou copia compulsada e tres copias simples, excepto para os documentos da letra b):

a) Relación de xustificantes, seguindo o modelo incluído no anexo B1, no que virán relacionados e clasificados os gastos e investimentos da actividade, con identificación do provedor, número da factura, o seu importe, data de emisión e data de pagamento.

b) Xustificantes dos investimentos efectuados, que consistirán de forma xeral nas facturas orixinais detalladas o máximo posible. Destes documentos deberá achegarse orixinal, copia compulsada e dúas copias simples. As facturas orixinais que, se é o caso, se entreguen ao beneficiario serán marcadas cun carimbo no que se indique a financiamento do FEP.

c) As facturas deberán estar acompañadas das certificacións bancarias correspondentes aos pagamentos efectuados. Os certificados bancarios indicarán a factura ou facturas que soportan. Non se admitirán pagamentos en efectivo.

d) En caso de construcións de edificacións e obras en xeral: certificación do facultativo que interveña na execución do proxecto que acredite as características e valor dos distintos conceptos comprendidos neste e que se realizarán e xustificarán durante o exercicio económico de que se trate, cos seus xustificantes de pagamento.

e) Adquisición de bens inmobles: certificado de taxador independente debidamente acreditado e inscrito no correspondente rexistro oficial, acompañado do xustificante da operación de compra-venda e de forma separada os xustificantes de pagamento, así como a peritación da obra civil independente da parte correspondente ao terreo.

f) Anexo B2 onde de indicará a relación das diferenzas existentes entre os traballos solicitados e os realizados.

g) Informe do organismo laboral competente, documento coa relación nominal dos traballadores segundo o modelo do anexo B3 e/ou documentos TC segundo se estableza na resolución de concesión.

h) Declaración responsable doutras axudas solicitadas ou concedidas, ou que se pretendan solicitar a calquera outra Administración pública, destinadas a subvencionar total ou parcialmente o proxecto para o que se solicita a subvención. Deberá achegarse a resolución da axuda, se é o caso, segundo modelo do anexo A2 c).

i) Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 30.000 euros no suposto de custo de execución de obra, ou de 12.000 euros no suposto de subministración de bens de equipamento, ou prestación de servizos, o beneficiario deberá presentar como mínimo as ofertas mencionadas no punto 3 do punto de «Outra documentación» do anexo A4.

j) Certificado bancario acreditativo da titularidade e identificación da conta para o pagamento da axuda, se é distinta á achegada no momento da solicitude.

k) Certificación de estar ao corrente no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e de non ter débedas por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega.

l) Calquera outra que se indique na resolución de concesión.

4. No suposto de falla de xustificación documental ou material, o beneficiario perderá o dereito ao cobramento total ou parcial da subvención.

5. Excepcionalmente, por causas xustificadas e debidamente motivadas, e sempre que non se prexudique a terceiros, poderá concederse unha prórroga de oficio ou por instancia do beneficiario por resolución do órgano concedinte, para que a xustificación tanto documental como material dos investimentos, se poida realizar con posterioridade ao prazo de xustificación. No caso de que o prazo se prorrogue ao ano inmediatamente seguinte a aquel no que debería ter xustificados os investimentos, será imprescindible que o solicitante garanta o bo fin do investimento mediante aval polo importe total da axuda pendente de percibir máis os xuros calculados ao tipo de xuro legal do diñeiro vixente no momento da concesión. O aval deberá ter unha vixencia mínima que comprenda os dous meses seguintes á data de xustificación final do investimento establecido na resolución da prórroga.

A prórroga deberá solicitarse por escrito coa suficiente antelación antes da data límite de xustificación dos investimentos establecida na resolución de concesión. Cando a prórroga solicitada implique ampliación ou modificación das anualidades da subvención concedida, o seu outorgamento requirirá a correspondente fiscalización previa.

6. Sen necesidade de instar procedemento de incumprimento ou modificación da subvención, o órgano concedinte poderá aceptar variacións nos diversos capítulos de gastos aprobados, coa dobre condición de que a oscilación, en máis ou menos, non supere o 20% de cada capítulo e que, no seu conxunto, non varíe o importe total de gasto aprobado nin da axuda concedida, nin desvirtúe as características do proxecto e condicións que fosen tidas en conta para resolver a concesión.

7. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao seu valor de mercado.

8. No caso de actuacións plurianuais, se a materialización e o pagamento do investimento se anticipase ao calendario establecido na resolución de concesión e non fose posible o reaxuste das anualidades de subvención, o pagamento adiantado poderá servir de xustificación para o libramento das anualidades posteriores sempre que se obtivese a conformidade do órgano competente para a concesión da axuda.

9. En caso de que o investimento fose xustificado por menor contía que o considerado como subvencionable inicialmente, poderase minorar a axuda na mesma proporción, sempre que esta minoración non afecte aspectos fundamentais do proxecto, e que non supoña unha realización deficiente deste.

Artigo 22º.-Pagamento da subvención.

1. O pagamento dos proxectos e investimentos concedidos conforme a resolución e a estas bases efectuarase unha vez xustificada de forma documental e material a realización do obxecto da subvención.

2. Será requisito imprescindible a comprobación material do investimento por parte da Administración, quedando constancia no expediente mediante acta de conformidade.

3. No caso de axudas plurianuais, o pagamento das primeiras anualidades terá carácter de ingreso a conta, e a súa consolidación estará condicionada á finalización das actuacións obxecto da axuda, de acordo coa solicitude formulada e logo de conformidade da Dirección Xeral de Estruturas e Mercados da Pesca.

4. No caso de axudas con varias anualidades, será necesario para o cobramento de cada unha das anualidades, excepto a última, a presentación dunha garantía en forma de aval bancario por un importe igual á cantidade que se vai pagar, máis os xuros de demora calculados ao tipo de xuro legal do diñeiro vixente no momento da concesión, e ata dous meses despois da data de xustificación final do investimento establecido na resolución.

5. No caso de que o solicitante non cumprise cos requisitos exixidos ou os requirimentos recibidos, e no prazo conferido para iso, estará obrigado a proceder ao reintegro da axuda nos termos regulamentariamente establecidos.

Artigo 23º.-Garantías.

Os avais previstos nos artigos 21.5º e 22.4º desta orde, serán depositados na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Economía e Facenda.

Unha vez comprobada a realización da actividade ou proxecto para o que se concedeu a subvención, as garantías serán liberadas.

Artigo 24º.-Cesión ou transmisión das axudas.

1. A cesión ou transmisión das axudas outorgadas ao abeiro desta orde non terán validez cando non sexan previamente autorizadas polo órgano que as ditou, tal e como se di no artigo 5.2º c).

2. A transmisión dos bens obxecto das accións subvencionadas, dentro dos cinco anos seguintes á data de resolución de pagamento da axuda deberá ser previamente posto en coñecemento da autoridade que a outorgou para a súa autorización. No documento público da transmisión deberá o novo propietario subrogarse en todas as obrigas contraídas polo transmitente e, en particular, deixar constancia do importe da axuda concedida, así como a de non efectuar ningunha modificación fundamental das establecidas no artigo 56 do Regulamento (CE) 1198/2006.

Dentro dos tres meses seguintes á data da transmisión, o transmitente remitirá á Dirección Xeral de Estruturas e Mercados da Pesca, unha copia do documento público de transmisión.

3. O incumprimento das obrigas establecidas neste artigo será causa de reintegro da axuda.

Artigo 25º.-Verificación posterior ao pagamento da axuda.

Os servizos da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos realizarán os controis oportunos para verificar que a acción subvencionada non teña, nos cinco anos seguintes á data de resolución de pago da axuda, unha modificación fundamental das establecidas no artigo 56º do Regulamento (CE) 1198/2006.

Artigo 26º.-Incumprimento e reintegro das axudas.

1. Se o beneficiario incumprise calquera dos requisitos establecidos nestas bases e demais normas aplicables, así como as condicións que, no seu caso, se establezan na resolución de concesión da axuda, poderanse anular os beneficios concedidos coa obriga de reintegro da axuda ou subvención.

2. Procederá o reintegro total ou parcial da subvención concedida e dos intereses de demora correspondentes desde o momento do pagamento da subvención e ata a data na que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos previstos no artigo 33º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Serán causa de reintegro, de acordo coas directrices comunitarias para o exame das axudas estatais no sector da pesca e da acuicultura (2008/C 84/06), a comisión de infracción polo beneficiario ao dereito comunitario e, en especial, ás normas da Política Pesqueira Común, durante o período cuberto pola subvención. O reembolsamento das axudas será proporcional á gravedade da infracción cometida.

Artigo 27º.-Infraccións e sancións.

Sen prexuízo do establecido nos parágrafos anteriores, aos beneficiarios das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 19 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 28º.-Autorizacións do beneficiario.

1. A presentación da solicitude de concesión de axuda ou subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para incluír e facer público nos rexistros de axudas, subvencións, convenios e sancións os datos relevantes referidos ás axudas recibidas así como as sancións impostas consonte o regulado no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44º e 45º da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

2. De acordo co establecido no artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión de subvención, comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, co fin de acreditar que o solicitante está ao corrente nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega. Non obstante, se por razóns técnicas ou doutra índole estes certificados non puidesen ser obtidos polo órgano xestor, poderán serlles requiridos ao interesado.

Artigo 29º.-Publicidade.

1. En aplicación do establecido no artigo 15º da Lei de subvencións de Galicia, serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia as axudas concedidas, expresando a convocatoria, programa e crédito orzamentario ao que se imputen, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención.

2. De conformidade co establecido no artigo 13º, punto 4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos publicará na súa páxina web oficial a relación de beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Disposición adicional

Primeira.-En todo o non previsto nesta orde observarase o disposto na normativa mencionada no artigo 2º (marco normativo), así como nas prescricións da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segunda.-Delégase no director xeral de Estruturas e Mercados da Pesca a resolución destas axudas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Dirección Xeral de Estruturas e Mercados da Pesca para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Terceira.-Quedan sen efecto as bases reguladoras das axudas aos investimentos en transformación e comercialización de produtos procedentes da pesca, do marisqueo e da acuicultura aprobadas por orde da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos do 24 de abril de 2008. Non obstante, seranlle aplicables as súas disposicións aos procedementos derivados de solicitudes presentadas ao abeiro da citada orde.

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2009.

Carmen Gallego Calvar

Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos

Ver referencia pdf "03600D001P006.PDF"