DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Xoves, 19 de febreiro de 2009 Páx. 3.564

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE CULTURA E DEPORTE

RESOLUCIÓN do 12 de xaneiro de 2009, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se incoa expediente para a inclusión no Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia de diversas obras pictóricas que forman parte da herdanza de Mercedes Ruibal Argibay.

Á vista da solicitude formulada por Graciela Baquero Ruibal, mediante a que se insta a inclusión no Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia das obras de arte integrantes da herdanza causada por Mercedes Ruibal Argibay, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural acordou solicitar do Museo de Belas Artes da Coruña a emisión dun informe técnico que valorase a oportunidade de incoar o procedemento previsto polo Decreto 232/2008, do 2 de outubro, sobre o Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia.

Segundo o informe emitido polo citado organismo, o conxunto de pezas que integran a herdanza de Mercedes Ruibal Argibay componse dunha serie de obras artísticas, realizadas con distintas técnicas e por diversos autores: 35 obras de Agustín Pérez Bellas, 79 de Mercedes Ruibal, unha de Topor, catro de Rafael Alberti, unha de Cahaneo, dous de Albers Martins, un prato de Catrucci, tres obras de Yoya e dúas de autor descoñecido.

Respecto das obras correspondentes a Agustín Pérez Bellas, a maior parte delas foron realizadas na década comprendida entre 1968 e 1978. Trátase dunha serie de debuxos a rotulador e augadas efectuadas en tintas negras e saturadas de sombras, coas cales recrea ambientes desolados e habitados por miserables clases desherdadas e espidas. Así, cun ton de denuncia e unha linguaxe expresionista e barroquizante, de indubidable inspiración valleinclanesca, realiza unha incisiva crítica social sobre multitude de temas que lle preocupan, como a fame, a emigración, a inxustiza social ou a pobreza.

Xunto a este obsesionante mundo sombrío, pechado e opresivo, poboado de seres monstruosos e deformes, atópase tamén algún exemplo de escenas familiares, como na obra Os Kennedy, referenciados en modos tradicionais da fotografía, e onde as figuras presentan rostros estúpidos, sorrisos forzados e de aparente felicidade.

Polo que se refire á obra de Mercedes Ruibal, a pesar de que a maior parte dela pertence aos anos 90, atópase unha significativa representación das súas distintas etapas, que pode axudar a realizar un breve percorrido ao longo de catro décadas da súa produción artística. Desde os anos 50, onde se percibe mellor a influencia do seu mestre Laxeiro, pasando polas figuras de rostros deformes e miradas inquedantes que reflicten o mundo irónico dos anos 60, ou pola persoal visión que realiza na década seguinte sobre as atrocidades acaecidas durante a guerra de Vietnam, a caída de Salvador Allende en Chile ou, xa na súa última época, durante a guerra de Bosnia, onde desenvolve unha obra expresionista e case por completo informal, cara á máis pura abstracción.

A finais dos anos 80 recorre a personaxes da mitoloxía clásica (Ulises, Zeus, Atenea, A Deusa Noite ou Penélope), sobre os que realiza intimistas interpretacións, cada vez máis estilizadas, e que terminarán por desembocar, na década dos 90, nun grafismo minucioso e un esquematismo exaxeradamente plano e frontal, nos seus Megateiros ou Vidreiras, ou no conxunto de debuxos de pequeno formato que integran a súa última etapa, rostros de inspiración andina, de ollos resgados, pómulos prominentes e labios grosos, coloreados caprichosamente, con tintas planas de vermellos, verdes, azuis e amarelos.

En canto ao conxunto de pequenos debuxos doutros autores como Rafael Alberti, Catrucci, o abstracto Albers Martins, Topor e Cahaneo, así como os tres acrílicos de estética naïf e desbordante colorismo asinados por Yoya, posúen un interese máis anecdótico e sentimental que artístico.

En consecuencia, e tendo en consideración o citado informe do Museo de Belas Artes da Coruña, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, no exercicio das competencias atribuídas polo Decreto 232/2005, do 11 de agosto, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia e, en virtude do disposto polo título I da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, así como polo Decreto 232/2008, do 2 de outubro, sobre o Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia,

RESOLVE:

Primeiro.-Incoar o procedemento para a inclusión no Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia de diversas obras pictóricas que forman parte da herdanza de Mercedes Ruibal Argibay, e que se relacionan no anexo a esta resolución.

Segundo.-Notificarlles esta resolución aos interesados no procedemento e outorgarlles o oportuno trámite de audiencia polo prazo de quince (15) días, co fin de que poidan alegar e presentar os documentos e xustificacións que xulguen pertinentes.

Terceiro.-De conformidade co establecido no artigo 10.4º do Decreto 232/2008, do 2 de outubro, sobre o Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia, os bens a que se refire esta resolución serán obxecto de anotación preventiva no Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia.

Cuarto.-Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2009.

Felipe Arias Vilas

Director xeral de Patrimonio Cultural

ANEXO I

I.I. Obras de Agustín Pérez Bellas

1. Os Kennedy, 1971.

2. Bispos, 1969.

3. Encontro co futuro, 1969.

4. Aparición, 1977.

5. Festa na praia, 1979.

6. Todo se aprende.

7. Manifesto, 1968.

8. Reunión plenaria, 1979.

9. A tormenta, 1974.

10. Encontros na praia, 1977.

11. O camiñante.

12. O porco, 1979.

I.II. Obras de Mercedes Ruibal.

1. Serie Bosnia, 1993: Bosnia II, Bosnia IV, Bosnia A, Bosnia X e Bosnia Z.

2. Serie dos Megateiros, 1992: Megateiro IX, Megateiro XIII, Megateiro XXI, Megateiro XXIV, Megateiro XXV, Megateiro A, Megateiro C e Megateiro D.

3. Serie das personaxes mitolóxicas, 1989: Penélope, Atenea, Hermes, Caronte, Hécuba e Cleopatra.

4. Mulleres orientais I, 1996.

5. Nena comendo, 1963.

6. A tía Eulalia, 1969.

7. A morte de Allende, 1975.

8. Con Chile no corazón, 1970.

9. Formas IV, 1958.

10. Vidreira II, 1991.

11. Vietnam III, 1971.

12. Soldados mutilados, 1960.

13. Vietnam A, 1968.

14. Nena esperando a Godot.

15. Chile II.