DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Xoves, 19 de febreiro de 2009 Páx. 3.546

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

RESOLUCIÓN do 12 de febreiro de 2009 pola que se modifica a do 23 de decembro de 2008 pola que se anuncia a convocatoria de once prazas de persoal laboral fixo, pola quenda de acceso libre, para o Instituto Galego da Calidade Alimentaria (Ingacal) e se abre un novo prazo de presentación de solicitudes.

Mediante Resolución do 23 de decembro de 2008, do presidente do Instituto Galego da Calidade Alimentaria (Ingacal), publicada no Diario Oficial de Galicia do 24 de decembro de 2008, abriuse o prazo de presentación de solicitudes para a convocatoria de once prazas de persoal laboral fixo, pola quenda de acceso libre, no devandito instituto.

A citada resolución recolle na base 3.2 os requisitos mínimos de cada categoría, indicando, para a categoría de tecnólogo/a II na especialidade de viticultura, o requisito de posuír as titulacións de enxeñaría agronómica ou licenciatura en enoloxía.

Dentro do prazo legalmente establecido para iso, presentáronse dous recursos de reposición contra a citada resolución coa pretensión de que sexa admitida a titulación de licenciatura en ciencias biolóxicas para optar ao posto anteriormente indicado.

O Consello de Dirección do Ingacal, en sesión do 11 de febreiro de 2009, acordou estimar os citados recursos e modificar, en consecuencia, as bases da convocatoria, polo que se fai necesaria a publicación do citado acordo.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas no artigo 8 do Decreto 259/2006, do 28 de decembro, polo que se aproba o Regulamento do Instituto Galego da Calidade Alimentaria,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta resolución é a modificación da convocatoria de once prazas de persoal laboral fixo, pola quenda de acceso libre, para o Instituto Galego da Calidade Alimentaria (Ingacal).

Artigo 2º

Modificación da Resolución do 23 de decembro de 2008 pola que se anuncia a convocatoria de once prazas de persoal laboral fixo, pola quenda de acceso libre, para o Instituto Galego da Calidade Alimentaria (Ingacal).

A base 3.2 queda redactada como segue:

3.2. Requisitos mínimos para as diferentes prazas.

Os requisitos mínimos particulares que deben reunir os/as aspirantes para seren admitidos/as na convocatoria de cada categoría e praza convocada son os seguintes:

Ver referencia pdf "03500D026P102.PDF"

Artigo 3º.-Apertura dun novo prazo para a presentación de solicitudes.

Ábrese un novo prazo para a presentación de solicitudes de licenciados en ciencias biolóxicas para a categoría de tecnólogo/a II na especialidade de viticultura. O prazo será de vinte días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2009.

Alfredo Suárez Canal

Presidente do Instituto Galego da Calidade Alimentaria