DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Xoves, 19 de febreiro de 2009 Páx. 3.544

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 2 de febreiro de 2009, da Dirección Xeral de Administración Local, sobre a modificación da forma de provisión dun posto de traballo reservado a funcionarios/as con habilitación de carácter estatal no Concello de Ourense.

O Concello de Ourense formula solicitude conforme a relación de postos de traballo da corporación, relativa á modificación do sistema de provisión actual do posto de traballo de oficial maior, reservado a funcionarios con habilitación de carácter estatal, pertencentes á subescala de secretaría, categoría superior, cuxa provisión se establecía polo sistema de concurso. Na relación de postos de traballo do Concello de Ourense figura como forma de provisión do posto de traballo de oficial maior a libre designación.

A Lei 5/2004, do 28 de xuño, considera de aplicación ao Concello de Ourense o réxime de organización dos municipios de gran poboación recollido no título X da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local.

De conformidade co establecido na disposición adicional segunda da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, en conexión co artigo 30 do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia, excepcionalmente, para os municipios de gran poboación previstos no artigo 121 da Lei 7/1985, así como as deputacións provinciais, cabidos e consellos insulares, poderán cubrirse polo sistema de libre designación, entre funcionarios con habilitación de carácter estatal da subescala e categoría correspondentes, os postos para eles reservados que se determinen nas relacións de postos de traballo nos termos previstos na lexislación básica sobre función pública.

No artigo 126.4º da Lei 7/1985 establécese que existirá un órgano de apoio á Xunta de Goberno local e ao seu concelleiro-secretario cuxo titular será nomeado entre funcionarios con habilitación de carácter estatal, prevéndose no seu artigo 130 o carácter directivo do titular do órgano de apoio á Xunta de Goberno local e ao concelleiro-secretario da mesma.

O Regulamento orgánico de goberno, organización, do Pleno e a Comisión Especial de Suxestións e Reclamacións do Concello de Ourense, no seu artigo 114 dispón que o oficial maior é o titular do órgano de apoio á Xunta de Goberno local e ao seu concelleiro-secretario ao cal lle corresponden as funcións establecidas no punto 4 do artigo 126 da Lei reguladora de bases do réxime local. O dito órgano será nomeado entre funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional pertencentes á subescala de secretaría, categoría superior, polo sistema de libre designación.

En virtude do exposto, esta dirección xeral, de acordo co establecido na disposición adicional segunda e disposición transitoria sétima do Estatuto básico do empregado público, nos artigos 9 e 27 do Real decreto 1732/1994, artigo 30 do Decreto lexislativo 1/2008 e demais normativa de aplicación, e no uso das facultades que lle confire o artigo 15.1º do Decreto lexislativo 1/2008, en relación co artigo 241 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e a Orde do 12 de setembro de 2005, sobre delegación de competencias,

DISPÓN:

O posto de traballo de oficial maior do Concello de Ourense, reservado a funcionarios/as con habilitación de carácter estatal pertencentes á subescala de secretaría, categoría superior, clasifícase como de provisión polo sistema de libre designación.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, ou poderá impugnarse directamente perante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, segundo o disposto no artigo 46 en relación co 14 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2009.

P.D. (Orde 12-9-2005)

Matilde Begoña Rodríguez Rumbo

Directora xeral de Administración Local