DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Xoves, 19 de febreiro de 2009 Páx. 3.539

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 13 de febreiro de 2009 pola que se convocan as xornadas Avaliación de políticas públicas: procedementos, métodos, prácticas e normas.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2009 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse, en colaboración co Instituto Europeo de Administración Pública-Centro Europeo de Rexións (IEAP-CER), as xornadas Avaliación de políticas públicas: procedementos, métodos, prácticas e normas, conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos:

O obxectivo principal destas xornadas é presentar unha ampla introdución ao tema das políticas públicas desde unha perspectiva práctica.

As sesións de dous días dividiranse de acordo co seguinte esquema. O primeiro día, as sesións centraranse nos procedementos, instrumentos e métodos, e en cando e como usar a avaliación de políticas dentro do marco dunha xestión pública moderna e eficaz. O obxectivo deste día é pois que os participantes se familiaricen cos conceptos e marcos clave necesarios para comprender, xestionar e practicar a avaliación.

O segundo día dedicarase a presentar unha serie de experiencias a nivel nacional e local, presentándose casos específicos de avaliación das políticas públicas xunto con casos de como organizar internamente a avaliación a nivel gobernamental. O obxectivo deste día é ofrecerlles aos participantes experiencias que poidan servirlles como referencia para desenvolver as súas propias opcións e modelos específicos.

2. Contidos:

Serán tratados, entre outros, os seguintes temas:

-A avaliación no ciclo de formulación de políticas.

-A institucionalización dun sistema de avaliación e de integración da avaliación nos procedementos orzamentarios. O exemplo da Comisión Europea.

-Desenvolvemento e estratexias da Axencia Estatal de Avaliación e Calidade en España.

-A xestión das avaliacións como un procedemento de negociación.

-O Plan Mellora: a política de calidade de xestión na Xunta de Galicia.

-Retos teóricos e prácticos na avaliación de políticas públicas.

-Métodos e ferramentas de avaliación: técnicas cualitativas.

-Avaliación dun programa de desenvolvemento rural. Unha experiencia práctica no País Vasco.

-O manual da xestión de avaliacións: un caso práctico.

3. Destinatarios:

Persoal ao servizo das administracións públicas de Galicia e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento:

Lugar: Escola Galega de Administración Pública (EGAP), rúa de Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

Datas: 26 e 27 de marzo de 2009.

Duración: 10 horas lectivas.

Horario:

-Día 26 de marzo, das 9.30 ás 14.00 horas e das 16.00 ás 18.30 horas.

-Día 27 de marzo, das 9.30 ás 14.00 horas.

5. Número de prazas:

Limitado pola capacidade do local.

6. Solicitudes.

- Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ao director da Escola Galega de Administración Pública (Polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, CP 15707, Santiago de Compostela), segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e serán presentadas no rexistro xeral da EGAP, ou ben de calquera das formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Serán admitidas inscricións por medio de fax enviado ao número 981 54 63 30 ou por correo electrónico dirixido ao enderezo novas.egap@xunta.es.

-Inscricións fóra de prazo: só serán admitidas, de quedar prazas libres, coa condición de que cumpran os requisitos xerais antes indicados.

As persoas solicitantes poderán obter a confirmación da súa admisión se chaman por teléfono, das 8.30 ás 14.30 horas, aos seguintes números: 981 54 62 41-881 99 70 14.

7. Prazo.

O prazo de presentación de solicitudes finalizará o martes 24 de marzo de 2009.

8. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento das xornadas, así como a facultade de cancelalas se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

9. Certificado de asistencia.

Será entregado un certificado de asistencia, ao final das xornadas, a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente, e sempre que a súa asistencia sexa igual ou superior ao 85% das horas lectivas programadas. Neste documento aparecerán de forma expresa a natureza da actividade e a data de realización.

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2009.

Carlos Suárez-Mira Rodríguez

Director da Escola Galega de Administración

Pública

Ver referencia pdf "03500D021P097.PDF"