DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Xoves, 19 de febreiro de 2009 Páx. 3.506

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

ORDE do 4 de febreiro de 2009 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria, para o ano 2009, de subvencións a pequenos comerciantes individuais autónomos que abandonen a actividade comercial, en desenvolvemento do Plan de renovación e mellora do comercio galego. (Código de procedemento IN216A).

Unha das debilidades do sector do comercio retallista de Galicia é, sen dúbida, a elevada idade media dos titulares de establecementos comerciais tradicionais, así como as dificultades que existen para o cambio xeracional, unido a unha crecente perda da capacidade competitiva de determinadas formas comerciais tradicionais.

Establécese a necesidade de acadar un axeitado nivel de equipamento comercial coa finalidade de acomodar as estruturas comerciais ás exixencias sociais, finalidade que se conseguiría cun incremento do mercado inmobiliario, favorecendo o cesamento da actividade comercial naqueles comercios sen viabilidade empresarial que asuman o compromiso de arrendar, traspasar, ceder ou vender o establecemento comercial, favorecendo a introdución de innovacións na oferta comercial.

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Innovación e Industria, ten como obxectivo prioritario o establecemento das estratexias axeitadas para abordar esta problemática e, en consecuencia, o Plan de renovación e mellora do comercio galego prevé entre as súas medidas a consecución da rexeneración do tecido empresarial mediante a aparición de novos comerciantes e actividades comerciais, así como o incremento no mercado inmobiliario da dispoñibilidade dos locais comerciais, situados moitos deles en centros urbanos, núcleos históricos e lugares estratéxicos desde o punto de vista económico e social para a vida das cidades galegas. Para iso, o Plan de renovación e mellora do comercio galego recolle a conveniencia de establecer unhas liñas de actuación mediante as cales se aproben axudas e incentivos orientados á consecución destes obxectivos.

De acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, esta orde tramítase na modalidade de concorrencia non competitiva, de modo que as solicitudes de subvención serán atendidas respectando a súa orde de entrada e sen comparación con outras solicitudes, ata o esgotamento do crédito dispoñible. A elección deste procedemento de concesión de axudas vén xustificado pola propia natureza destas e a súa concesión vén determinada polo cumprimento por parte dos comerciantes dos requisitos establecidos na propia orde.

En virtude do exposto e en uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Convocatoria e bases reguladoras.

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases polas cales se rexerá a concesión de subvencións da Consellería de Innovación e Industria para fomentar o cambio xeracional dos empresarios individuais próximos a acadar a idade de xubilación na actividade comercial e a rexeneración do tecido empresarial comercial coa dispoñibilidade no mercado de novos locais comerciais, que se inclúen como anexo I.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócase as devanditaa subvencióna para o ano 2009.

Artigo 2º.-Solicitudes.

1. Para poder ser beneficiario da subvención deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta orde, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 4º das bases reguladoras.

2. A través da solicitude proporciónanselle á Consellería de Innovación e Industria datos de carácter persoal, que serán obxecto de tratamento, e para ese efecto procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei 15/1999, de protección de datos, para o que se adoptarán tanto as medidas de seguridade técnicas como organizativas.

A finalidade da recollida e tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que deriven da aplicación da Lei 4/2006, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros; non obstante, a Consellería de Innovación e Industria revelará ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso.

Decláranse recoñecidos e poderán exercerse os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito e achegando identificación suficiente ao seguinte enderezo: edificios administrativos San Caetano -San Caetano, s/n, 15704 Santiago de Compostela, ou ben mediante o procedemento habilitado para o efecto e que poderá atopar na Guía do cidadán da páxina web da Xunta de Galicia.

Artigo 3º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1.As solicitudes presentaranse preferentemente nos rexistros da Xunta de Galicia, así como nos de calquera outro órgano da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración local, sempre que neste último caso se teña subscrito o oportuno convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte da publicación desta orde no DOG ata o día 23 de marzo de 2009, ambos os dous inclusive.

Artigo 4º.-Prazo de duración do procedemento de concesión.

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a seis meses.

Artigo 5º.-Información aos interesados.

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN216A, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Comercio, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería (www.conselleriaiei.org), na súa epígrafe de axudas e na oficina virtual.

b) O teléfono 981 54 59 15 e o fax 981 54 55 41.

c) O enderezo electrónico dxcomercio@xunta.es

d) Presencialmente.

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia: 012 (desde todo o estado: 902 12 00 12).

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación para o desenvolvemento.

Facúltase a directora xeral de Comercio para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2009.

Fernando Xabier Blanco Álvarez

Conselleiro de Innovación e Industria

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión de subvencións

a pequenos comerciantes individuais autónomos

que abandonen a actividade comercial, en desenvolvemento do Plan de renovación e mellora do comercio galego

Artigo 1º.-Obxecto e réxime da subvención.

1. A subvención regulada por estas bases ten por obxecto fomentar o cambio xeracional dos empresarios individuais próximos a acadar a idade de xubilación na actividade comercial e a rexeneración do tecido empresarial comercial coa dispoñibilidade no mercado de novos locais comerciais.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, que no seu artigo 19.2º establece que as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán excepcionar do requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e a finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario coas garantías previstas no artigo 31º.4 desta lei.

A concesión destas axudas estará en todo caso condicionada á existencia de crédito orzamentario e, no caso de esgotamento do crédito, a Administración publicará a indicada circunstancia, o que levará consigo a non admisión das solicitudes posteriores, sen prexuízo de que a Administración poida optar por incrementar o crédito orzamentario nos seguintes supostos:

a) Unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) A existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

3. O procedemento de concesión desta subvención quedará suxeito ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder os límites cuantitativos (200.000 euros nun período de tres anos) establecidos no Regulamento (CE) nº 1998/2006, da Comisión da Unión Europea, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis (DOUE nº L379/5, do 28-12-2006). De acordo co establecido neste regulamento comunitario, non se poderán conceder as axudas recollidas nesta orde de convocatoria ás empresas en crise e ás empresas de sectores concretos como os de pesca e acuicultura, produción primaria, produtos agrícolas e o sector do carbón.

Artigo 2º.-Financiamento e concorrencia.

1. As subvencións que se establezan para as actuacións obxecto desta orde serán con cargo á aplicación orzamentaria 10.05.751A.770.2. Rexeneración do tecido empresarial comercial, cun importe máximo de 1.000.000 de euros para o ano 2009 e de 5.000.000 de euros para dar cobertura ás anualidades futuras que se xeren, logo da autorización do Consello da Xunta de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 58 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado mediante Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións, e de acordo coa seguinte distribución:

Aplicación orzamentaria: 10.05.751A.770.2.

Ano 2009: 1.000.000 euros.

Ano 2010: 1.000.000 euros.

Ano 2011: 1.000.000 euros.

Ano 2012: 1.000.000 euros.

Ano 2013: 1.000.000 euros.

Ano 2014: 1.000.000 euros.

2. Os cedentes percibirán ata acadar a xubilación definitiva e como máximo ata o día en que cumpran os sesenta e cinco anos de idade:

a) Un pagamento anual, con independencia do número de establecementos comerciais que se posúan e a variedade de actividades comerciais que se viñesen desenvolvendo, con importe que inclúe as cotas correspondentes á Seguridade Social do beneficiario que se fixa na cantidade de dez mil (10.000) euros ata cumprir os sesenta e cinco anos como máximo, rateándose a correspondente ao último ano por meses completos, en función daquel en que se acade aquela idade.

O primeiro ano percibirase o devandito pagamento na súa totalidade, sen rateo, en concepto de indemnización.

b) O cónxuxe do cedente que cumpra os requisitos establecidos no artigo 3º.2 terá dereito a percibir un 50% do importe fixado para o titular. No caso de se producir a xubilación ou falecemento do cedente, o seu cónxuxe conservará o dereito á axuda que viñese percibindo e durante o período de tempo que lle falte para causar dereito á súa prestación por xubilación.

3. O importe da axuda regulada nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illada ou en concorrencia con outras axudas das distintas administracións ou calquera dos seus entes públicos e privados, nacionais ou internacionais, supere o 70% do investimento subvencionable.

4. Durante o período de percepción das axudas reguladas nesta orde, os beneficiarios quedarán coa obriga de cotizar no correspondente réxime da Seguridade Social, no caso de que deba seguir cotizando para cubrir o período mínimo de cotización de quince anos, e deberán ser os propios beneficiarios os que fagan o pagamento das devanditas cotas de cotización á Seguridade Social, e a subscrición, de ser o caso, do correspondente convenio, ou documentación acreditativa de causar baixa no réxime de autónomos, se non se subscribe.

5. A Dirección Xeral de Comercio poderá solicitar dos beneficiarios o cumprimento do indicado nos preceptos anteriores, así como realizar cantas xestións sexan precisas para a súa comprobación.

6. Os solicitantes ou beneficiarios deberán comunicar, coa maior brevidade, toda variación, no referente á súa situación respecto á Seguridade Social, que se produza, e en todo caso nun prazo non superior aos dez días seguintes ao da recepción da documentación acreditativa de tales circunstancias. Así mesmo, no caso de falecemento dalgún solicitante ou beneficiario, este feito deberá ser comunicado polos seus herdeiros inmediatamente, xuntando a correspondente certificación de defunción.

7. A percepción das axudas reguladas nesta orde será incompatible coa percepción por parte do beneficiario da pensión de xubilación, en calquera réxime da Seguridade Social ou sistema de previsión que se financie en todo ou en parte con recursos públicos, ou de invalidez permanente no réxime especial de traballadores autónomos, e dedúcense do importe das axudas ás prestacións derivadas das situacións de maternidade e IT (incapacidade temporal), ou invalidez permanente en réximes compatibles, ou outras prestacións de carácter periódico da Seguridade Social. Esta dedución non afectará respecto das prestacións periódicas da Seguridade Social por fillo a cargo.

O beneficiario deberalle comunicar á Dirección Xeral de Comercio calquera destas situacións nun prazo non superior aos dez días seguintes ao da recepción da documentación acreditativa de tales circunstancias.

8. Tamén é incompatible esta axuda con calquera outra axuda concedida por outra Administración pública, os seus organismos ou sociedades ou entes públicos, nacionais ou internacionais co mesmo obxectivo.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios da subvención, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, os comerciantes retallistas que teñan capacidade legal para exercer o comercio e se dediquen a el de xeito habitual, de acordo coa definición establecida no artigo 1 do Código de comercio, dedicándose a algunha das actividades que teñan como obxecto exclusivo ou principal a realización de actos de comercio, e que estean incluídos dentro das agrupacións ou epígrafes correspondentes á clasificación do imposto de actividades económicas relacionadas no anexo III desta orde, nun ou varios establecementos comerciais, que cesen definitivamente en toda actividade do comercio retallista.

No caso de que a empresa estea dada de alta en dúas ou máis epígrafes do IAE, será considerada beneficiaria sempre que a actividade principal estea incluída dentro das agrupacións citadas. Considerarase actividade principal aquela que resulte de conxugar os elementos de facturación e superficie de venda destinada á actividade, que deberá acreditarse, de ser o caso.

Con carácter accesorio, tamén poderá ser beneficiario das axudas o cónxuxe do empresario que cesa na actividade comercial, colaborador deste no seu establecemento comercial e autónomo, que reúna os mesmos requisitos que o titular do comercio, no momento da solicitude da axuda polo devandito titular.

2. Requisitos do titular.

a) Posuír a condición de comerciante segundo a lexislación mercantil.

b) Exercer, como titular do comercio, unha ou varias das actividades comerciais, de forma ininterrompida durante os últimos dez anos.

Non obstante, considerarase cumprido este requisito polo comerciante que sucedese ou substituíse no exercicio da actividade comercial que viña desenvolvendo o seu cónxuxe, tras o falecemento deste ou tras o abandono deste de toda actividade comercial, antes da entrada en vigor desta orde, sempre que entre ambos os dous sumen os dez anos exixidos.

c) Estar en posesión dos correspondentes permisos e licenzas municipais expedidos polos concellos respectivos e, de ser o caso, das autorizacións da Consellería de Innovación e Industria.

d) Ter entre sesenta e sesenta e catro anos de idade no momento da solicitude. Non se outorgará ningunha axuda a quen durante o ano 2009 cumpra os sesenta e cinco anos.

e) Estar dado de alta no réxime de traballadores autónomos da Seguridade Social nos dez últimos anos de forma ininterrompida, agás no suposto previsto no parágrafo segundo da alínea b) do artigo 3º, e ter cotizado á Seguridade Social un período previo tal que lle permita completar o período de carencia exixido para causar dereito á pensión de xubilación polo menos ao chegar aos sesenta e cinco anos de idade.

f) Comprometerse a abandonar o exercicio profesional da actividade comercial retallista no seu nome, como autónomo, coa obriga de devolver as axudas obtidas e os correspondentes xuros de mora desde o seu pagamento, no caso de reiniciar calquera actividade comercial.

g) Comprometerse a ceder a un terceiro a actividade comercial de todos os establecementos ou locais de negocio nos cales viña desenvolvendo a dita actividade. Entenderase que se cumpre o requisito de cesión coa presentación dos correspondentes contratos ou escrituras de doazón, venda, arrendamento, traspaso ou rescisión, nos cales figurará o compromiso do cesionario de abrir o local no prazo máximo de seis meses, para desenvolver unha actividade comercial retallista, ou ben, logo de informe favorable da Dirección Xeral de Comercio, calquera outra actividade económica ou profesional que complemente a oferta existente na zona. En defecto do anterior deberá presentar un certificado expedido por un axente da propiedade inmobiliaria (API), acreditativo da posta á disposición para o mercado inmobiliario do devandito local e de darlle publicidade durante o prazo dun ano. O dito certificado deberá ser renovado por períodos anuais mentres non se formalice o correspondente contrato ou

escritura pública; de non facelo deixará de percibir a subvención.

A Dirección Xeral de Comercio poderalles solicitar aos axentes da propiedade inmobiliaria (API) correspondentes toda a información que considere necesaria sobre o cumprimento do disposto na alínea g).

A cesión do establecemento comercial ou do local en que se viña exercendo a actividade será como mínimo de tres anos ou, en todo caso, polo tempo igual ao que falte para que o beneficiario cedente cumpra os sesenta e cinco anos de idade.

h) Que o resto de rendementos netos regulares da unidade familiar, sen os ingresos da actividade empresarial en que cesa, non supere os 15.000 euros no último exercicio.

i) No caso en que o solicitante non sexa propietario do local onde exerce a actividade comercial, deberá ter a autorización do propietario en documento público para poñer o local á disposición do mercado.

3. Requisitos do cónxuxe.

a) Deberá cumprir os mesmos requisitos que o titular no momento do cesamento.

b) En ningún caso o cónxuxe colaborador que reúna os requisitos para solicitar a axuda poderá seguir exercendo a actividade comercial xunto ao novo titular dela.

4. Os solicitantes non poderán estar incursos en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Requisitos dos cesionarios.

Os cesionarios do establecemento comercial ou local de negocio deberán cumprir os requisitos seguintes:

a) Ser persoa física que non cumprise os 45 anos, nin os cumpra no ano en que se presenta a solicitude, con capacidade legal para exercer o comercio.

En ningún caso pode un cónxuxe ser cesionario do outro cónxuxe que cesa na actividade comercial.

b) Ser persoa xurídica. Neste caso os administradores ou xerentes deberán cumprir o requisito da idade establecido na alínea anterior. Así mesmo, non poderán ser titulares das súas accións ou participacións nin o empresario que cesa, beneficiario da axuda, nin o seu cónxuxe, nunha porcentaxe superior ao dez por cento, un só ou conxuntamente, nin tampouco das accións ou participacións, na mesma porcentaxe, das sociedades titulares de máis do vinte por cento do capital daquela.

Artigo 4º.-Solicitudes.

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión da subvención presentaranse na forma e prazo que se indican no artigo 3º da orde de convocatoria.

2. Xunto coa solicitude deberá achegarse a seguinte documentación:

a) Copia compulsada do documento que acredite a identidade da persoa solicitante, xa que é necesario para comprobar o cumprimento do requisito de idade exixido no artigo 3º.2.d).

Alternativamente, de acordo co disposto no artigo 2.2º do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, a persoa solicitante poderá dar o seu consentimento para que o órgano instrutor comprobe os seus datos de carácter persoal, unha vez que estea dispoñible o mecanismo, por medio de conexión telemática co servizo horizontal e acceso ao sistema de verificación e datos e identidade do Ministerio de Administracións Públicas. Para estes efectos, a persoa solicitante poderá cubrir a declaración que figura no modelo normalizado de solicitude.

No caso de non prestar o seu consentimento, a persoa solicitante deberá presentar fotocopia compulsada do documento nacional de identidade.

b) Documentos acreditativos de estar dado de alta durante 10 anos ininterrompidos nalgunha epígrafe do IAE (certificación emitida pola Axencia Tributaria, polo concello, cámara de comercio ou calquera entidade ou organismo público con capacidade para acreditalo), se é o caso, deberá acreditarse a circunstancia prevista no segundo parágrafo do artigo 3º.2 b).

c) Copia compulsada das licenzas municipais de actividade dos establecementos comerciais de que é titular o/a solicitante, ou certificado expedido polo concello da autorización correspondente para o exercicio da actividade comercial.

d) Certificado ou informe laboral que acredite estar dado de alta no réxime de traballadores autónomos da Seguridade Social durante os últimos dez anos continuados, así como dos períodos realmente cotizados aos distintos réximes da Seguridade Social. No suposto recollido no segundo parágrafo do artigo 3º.2 b) unicamente deberá presentarse certificado de cotización á Seguridade Social.

e) Declaración xurada que conteña o compromiso do peticionario, para o caso de que se lle outorgue a axuda, de ceder todos os establecementos comerciais dos cales é titular e de causar baixa no IAE por todos eles. No caso de que o/a solicitante non sexa propietario do local comercial, deberá presentar autorización do propietario en documento público, para que o solicitante realice todas as xestións necesarias para traspasar ou alugar o local para unha actividade comercial durante polo menos tres anos ou mentres o beneficiario perciba a subvención.

f) Declaración xurada que conteña o compromiso do peticionario, no caso de que se lle outorgue a axuda, de causar baixa no réxime de autónomos e de subscribir convenio coa Seguridade Social, no caso de non reunir o período mínimo de carencia exixido para causar dereito á prestación por xubilación ao alcanzar os 65 anos de idade.

g) Declaración xurada do solicitante, para o caso de que se lle outorgue a axuda, de non reiniciar ningunha actividade comercial.

h) Declaración expresa sobre a concesión ou solicitude doutras axudas ou subvencións para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, así como declaración expresa de non estar incurso en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e declaración de axudas en réxime de minimis, segundo anexo IV desta orde.

i) Certificado de matrimonio ou acreditación da relación de afectividade análoga á conxugal, no caso de solicitude accesoria de axuda do cónxuxe colaborador.

j) Declaración xurada do conxunto de actividades económicas ou profesionais que desenvolven.

k) Copia da declaración da renda do último exercicio.

l) Certificados acreditativos de estar ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega, no caso de que o solicitante denegue expresamente a autorización ao órgano xestor para que solicite de oficio estas certificacións.

De acordo co disposto no artigo 35 f) da Lei 30/1992, non será necesario presentar a documentación xurídico-administrativa que xa se atope en poder desta consellería, sempre que se manteña vixente e se identifique xunto coa solicitude o ano de presentación e o código de procedemento administrativo para o que foi presentada.

No suposto de imposibilidade material de obter a documentación conforme o punto anterior ou se se constatase a súa invalidez, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Artigo 5º.-Consentimentos e autorizacións.

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

De conformidade co disposto no artigo 20.3º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión da subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deben emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesourería Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia.

Non obstante, o solicitante poderá denegar o consentimento, facéndoo constar expresamente coa solicitude, e deberá presentar entón as certificacións a que fai referencia este punto.

2. Igualmente, de conformidade co mesmo artigo 20.3º da Lei 9/2007, se o solicitante indica que certa documentación que se deba usar neste procedemento xa consta en poder da consellería, a presentación da solicitude implica a autorización ao órgano instrutor para acceder a esa documentación.

3. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos.

4. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, esta consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas salvidades previstas no artigo 15.2º d) da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 6º.-Órganos competentes.

A Dirección Xeral de Comercio será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, e correspóndelle ao conselleiro de Innovación e Industria ditar a resolución de concesión.

Artigo 7º.-Instrución dos procedementos.

1. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 5º.1 destas bases reguladoras resulta que non pode acreditarse que o solicitante se atopa ao día no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, ou no suposto de que sexa necesario achegar documentación, logo de aplicarse o disposto no artigo 35 f) da Lei 30/1992.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de non admisión, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 8º.-Audiencia.

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que coiden pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o número anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 9º.-Resolución e notificación.

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, a Dirección Xeral de Comercio, como órgano instrutor, formulará a proposta de resolución, que se elevará ao conselleiro.

2. O conselleiro, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida, a súa contía e o seu carácter de minimis ou, se é o caso, a causa de denegación.

En ningún caso o importe da subvención concedida poderá superar o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable legalmente establecida.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de seis meses contados a partir do seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que se ditase resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59.6º.b da indicada lei, no caso das subvencións concedidas poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Innovación e Industria. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada.

As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas da desestimación.

Artigo 10º.-Réxime de recursos.

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Innovación e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 11º.-Modificación da resolución.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo conselleiro de Innovación e Industria logo da instrución do correspondente expediente no cal se lle dará audiencia ao interesado nos termos previstos no artigo 8º.

Artigo 12º.-Aceptación e renuncia.

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución de concesión, transcorridos quince días naturais desde a notificación ou publicación desta sen que o interesado comunicase expresamente a súa renuncia á subvención entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario.

A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo VI, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, o conselleiro ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1º da mesma lei.

Artigo 13º.-Obrigas dos beneficiarios.

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

b) Xustificar ante o órgano concedente ou a entidade colaboradora, se é o caso, o cumprimento dos requisitos e condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o gozo da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente ou a entidade colaboradora, se é o caso, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuación anteriores.

d) Comunicarlle ao órgano concedente ou á entidade colaboradora a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

Esta comunicación deberá efectuarse no momento no que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Acreditar con anterioridade a que se dite a proposta de resolución de concesión que se encontra ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, na forma que se determine regulamentariamente, e sen prexuízo do establecido na disposición adicional décimo oitava da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

f) Adoptar as medidas de difusión contidas no número 3º do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 14º.-Xustificación da subvención.

1. Para cobrar a subvención concedida, o beneficiario deberá presentar a seguinte documentación nos lugares sinalados no artigo 3º da convocatoria, en orixinal ou copia compulsada, e terá de prazo para presentala ata o 31 de outubro de 2009:

a) Declaración responsable pola que se comprometa ao abandono definitivo da actividade de comercio retallista en calidade de empresario.

b) Contrato de doazón, cesión, arrendamento, traspaso ou venda do establecemento comercial así como DNI do cesionario, xa que é necesario para comprobar o cumprimento do requisito da idade exixido no artigo 3º.2 d).

c) Baixa no imposto de actividades económicas.

d) Baixa no réxime de autónomos e copia do convenio subscrito coa Seguridade Social, no caso de non reunir o período de carencia exixido para causar dereito á prestación por xubilación ao alcanzar os 65 anos de idade ou cando o subscriba voluntariamente.

e) Certificación expedida pola entidade bancaria da titularidade da conta onde se debe realizar o pagamento en que conste o nome e o NIF do beneficiario así como o ordinal bancario, o código do banco, código da sucursal e código de conta corrente.

f) Certificacións acreditativas de estar ao día nas obrigas fiscais e da Seguridade Social e de non ter débedas por ningún concepto coa Xunta de Galicia emitidas polos organismos correspondentes, no caso de que o solicitante denegue expresamente a autorización ao órgano xestor para que solicite de oficio estas certificacións.

g) Xustificante de axudas obtidas ou declaración das solicitadas ou que se prevé obter para a mesma finalidade en calquera outra administración, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, indicando a súa contía (anexo IV).

2. Transcorrido o prazo indicado sen que o beneficiario presentase a documentación xustificativa entenderase que renuncia á subvención. Neste caso, o conselleiro ditará a oportuna resolución, nos termos do artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Entre o día un e o trinta de xaneiro de cada ano posterior ao da concesión da axuda, e ata o remate desta, o beneficiario deberá presentar a seguinte documentación:

a) Certificado ou informe de vida laboral, acreditativo da súa situación na Seguridade Social, expedido no mes inmediato anterior á súa presentación.

b) Certificacións acreditativas de estar ao día nas obrigas fiscais e da Seguridade Social e de non ter débedas por ningún concepto coa Xunta de Galicia emitidas polos organismos correspondentes, no caso de que o solicitante denegue expresamente a autorización ao órgano xestor para que solicite de oficio estas certificacións.

4. Unha vez acreditado o cumprimento dos requisitos establecidos no punto 1 deste artigo, a Dirección Xeral de Comercio expediralles aos beneficiarios unha certificación na cal constará o importe das axudas e os períodos a que corresponde a súa percepción.

Artigo 15º.-Pagamento.

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da consellería, antes de proceder ao seu pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada e das condicións establecidas para a súa concesión.

2. O importe anual das axudas aboarase nun único pagamento, mediante transferencia bancaria á entidade financeira e número de conta designado polo beneficiario.

Artigo 16º.-Incumprimento, reintegros e sancións.

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de mora correspondentes.

No caso de incumprimento das condicións impostas con motivo da concesión da axuda, procederá o reintegro e a perda da subvención para os exercicios pendentes de pagamento, desde o momento en que se teña coñecemento dese incumprimento.

Con independencia do establecido no punto anterior, o incumprimento dos requisitos ou das condicións impostas co motivo da concesión polo beneficiario dará lugar tamén á revogación ou modificación da axuda accesoria concedida ao seu cónxuxe.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II Do reintegro de subvencións da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da devandita Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 17º.-Control.

1. A Consellería de Innovación e Industria poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da comunidade autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, se é o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 18º.-Publicidade.

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, e poderá substituírse esta pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería de Innovación e Industria.

Artigo 19º.-Remisión normativa.

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, en canto non se opoña ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no resto de normativa que resulte de aplicación.

Ver referencia pdf "03500D008P062.PDF"

ANEXO III

Relación de epígrafes do IAE subvencionables

641. Comercio retallista de froitas, verduras, hortalizas e tubérculos.

642. Comercio retallista de carnes e miúdos; de produtos derivados cárnicos elaborados: de ovos, aves, coellos de granxa, caza e de produtos derivados deles.

643. Comercio retallista de peixe e doutros produtos da pesca e da acuicultura e caracois.

644. Comercio retallista de pan, pastelaría, confeitaría e similares, e de leite e produtos lácteos.

645. Comercio retallista de viños e bebidas de todas as clases.

647.1. Comercio retallista de produtos alimenticios e de bebidas en establecementos con vendedor.

647.2. Comercio retallista de produtos alimenticios e de bebidas en réxime de autoservicio ou mixto en establecementos cuxa sala de vendas teña unha superficie inferior a 120 metros cadrados.

647.3. Comercio retallista de calquera clase de produtos alimenticios e de bebidas en réxime de autoservicio ou mixto en supermercados, denominados así cando a superficie da súa sala de vendas se atope comprendida entre 120 y 399 metros cadrados.

651. Comercio retallista de produtos téxtiles, confección, calzado, peles e artigos de coiro.

652.2. Comercio retallista de produtos de drogaría, perfumaría e cosmética, limpeza, pinturas, vernices, disolventes, papeis e outros produtos para a decoración e de produtos químicos.

652.3. Comercio retallista de produtos de perfumaría e cosmética, e de artigos para hixiene e aseo persoal.

652.4. Comercio retallista de plantas e herbas en herbolarios.

653. Comercio retallista de artigos para o equipamento do fogar e a construción.

654.2. Comercio retallista de accesorios e pezas de recambio para vehículos terrestres.

654.5. Comercio retallista de toda clase de maquinaria.

657. Comercio retallista de instrumentos musicais en xeral, así como dos seus accesorios.

659.2. Comercio retallista de mobles de oficina e máquinas e equipamentos de oficina.

659.3. Comercio retallista de aparellos e instrumentos médicos, ortopédicos, ópticos e fotográficos.

659.4. Comercio retallista de libros, xornais, artigos de papelaría e escritorio e artigos de debuxo e belas artes.

659.5. Comercio retallista de artigos de xoiaría, reloxaría, prataría e bixutería.

659.6. Comercio retallista de xoguetes, artigos de deporte, roupa deportiva, de vestido, calzado e lacado, armas, cartucharía e artigos de pirotecnia.

659.7. Comercio retallista de sementes, fertilizantes, flores e plantas e pequenos animais.

661.3. Comercio retallista en almacéns populares, entendendo por tales aqueles establecementos que ofrecen en seccións múltiples e venden en autoservizo ou en preselección unha variedade relativamente ampla e pouco profunda de bens de consumo, cunha gama de prezos baixa e un servizo reducido.

662.2. Comercio retallista de toda clase de artigos, incluíndo alimentación e bebidas, en establecementos distintos dos especificados no grupo 661 e na epígrafe 662.1.

Ver referencia pdf "03500D008P062.PDF"