DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Xoves, 19 de febreiro de 2009 Páx. 3.493

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

ORDE do 31 de decembro de 2008 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a pequenos comerciantes ou promotores de comercios no rural que se adhiran á Rede de Comercio Rural Galego. (Código de procedemento IN224A).

A Consellería de Innovación e Industria (en diante, a consellería) está a desenvolver o Plan de Renovación e Mellora do Comercio Galego, que inclúe un programa específico de Fomento do comercio rural.

A consellería, consciente da necesidade de recuperar e dinamizar a economía en xeral e o comercio do medio rural en particular, está definindo un modelo comercial axeitado á realidade do territorio, dirixido a promover e potenciar os establecimientos multiservizo. O obxectivo central é frear a tendencia de peche dos establecimientos comerciais no rural, adaptando a oferta ás novas demandas e necesidades do rural e adecuándoos á lexislación vixente.

A Rede de Comercio Rural Galego está dirixida ao mantemento dos establecimientos comerciais, que proporciona:

-Abastecemento de produtos e servicios básicos nas zonas rurales, así como dun punto de socialización da parroquia.

-Dinamización da economía do rural, dotándoa de servicios de calidade.

-Unha canle de distribución dos produtos locais contribuíndo ao desenvolvemento da economía das zonas rurales.

-A inserción das mulleres ao mercado de traballo no rural. O comercio rural supón unha importante fonte de emprego para as mulleres (o 64% dos comerciantes son mulleres).

-Unha mellor atención dos visitantes e turistas no rural.

-Modernización na xestión dos establecimientos.

-Dotación de servicios tecnolóxicos no rural, punto de acceso á internet nos establecementos.

Vaise diversificar a oferta de produtos e servizos e facer unha aposta pola oferta de calidade, como medida para atraer novos clientes aos comercios rurales, como poden ser visitantes e turistas, conseguindo así unha maior clientela potencial que permitirá a viabilidade económica dos establecementos.

A consellería é consciente de que a calidade é un factor chave para a prestación dun servizo eficiente e é de crucial importancia para a supervivencia de calquera empresa, polo que, a través de exhaustivas auditorías aos establecementos adheridos se garanten uns estándares mínimos de calidade e preténdese establecer como garantía de fiabilidade e calidade, a través do selo Comercio Rural Galego nos establecimientos adheridos á rede.

A marca Comercio Rural Galego mantén unha unidade de deseño que permite identificar os establecementos adheridos como multiservizos da rede. Os establecementos adheridos empregan unha imaxe corporativa común. O cliente que entre nun establecemento de comercio rural ten que saber o que vai atopar, o que virá dado polo cumprimento dunhas normas de calidade na rehabilitación do local e referencias comúns na oferta, no servizo, no equipamento e na atención ao cliente que se estableceron nos manuais da rede.

A consellería pretende con isto a dignificación do sector comercial no rural.

A Dirección Xeral de Comercio pon en marcha unhas subvención públicas para a adecuación de novos establecementos comerciais, a rehabilitación e reforma dos existentes e mais a adquisición do equipamento preciso para a mellora nos servizos.

En virtude do exposto, e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Convocatoria e bases reguladoras.

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases polas cales se rexerá a concesión de subvencións da Consellería de Innovación e Industria para fomentar a adhesión ao selo de Comercio Rural Galego de pequenos comerciantes ou promotores de comercios no rural que se adhiran á Rede de Comercio Rural Galego que se inclúen como anexo I.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións para o ano 2009.

3. O gasto que se proxecta tramitarase como expediente anticipado e está condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos do exercicio 2009, de acordo co disposto na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gastos.

Artigo 2º.-Solicitudes.

1. Para poder ser beneficiario da subvención deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta orde, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 5º das bases reguladoras.

2. A través do formulario proporciónanse á Consellería de Innovación e Industria datos de carácter persoal que serán obxecto de tratamento, e para ese efecto procederase a súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei 15/1999, de protección de datos, adoptándose tanto as medidas de seguranza técnicas como organizativas.

A finalidade da recolla e tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que deriven da aplicación da Lei 4/2006 de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros; non entanto, a Consellería de Innovación e Industria revelará ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso.

Decláranse recoñecidos e poderán exercerse os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito e achegando identificación suficiente ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano-San Caetano, s/n, 15704 Santiago de Compostela, ou ben mediante o procedemento habilitado para o efecto e que poderá atopar na Guía do Cidadán da páxina web da Xunta de Galicia.

Artigo 3º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse preferentemente no rexistro da Xunta de Galicia, así como nos de calquera outro órgano da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración local, sempre que neste último caso se teña subscrito o oportuno convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo para a presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 31 de marzo de 2009, ambos inclusive.

Artigo 4º.-Prazo de duración do procedemento de concesión.

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a seis meses.

Artigo 5º.-Información aos interesados.

1. Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN-224A, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Comercio, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería (www.conselleriaiei.org), a súa epígrafe de axudas e na oficina virtual.

b) O teléfono 981 54 55 92 e o fax 981 54 55 41 da devandita dirección xeral.

c) O teléfono gratuíto da Rede de Comercio Rural Galego 900 10 20 94.

d) O enderezo electrónico dxcomercio@xunta.es.

e) Presencialmente.

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia: 012 (desde o resto do Estado: 902 12 00 12).

2. O funcionamento da Rede de Comercio Rural Galego recóllese nos manuais da rede que se poden consultar na páxina web: www.comercioruralgalego.eu

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación para o desenvolvemento.

Facúltase a directora xeral de Comercio para ditar as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de decembro de 2008.

Fernando Xabier Blanco Álvarez

Conselleiro de Innovación e Industria

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva para fomentar a adhesión ao selo de Comercio Rural Galego de pequenos comerciantes ou promotores de comercios no rural que se adhiran á Rede de Comercio Rural Galego

Artigo 1º.-Obxecto e réxime da subvención.

1. A subvención regulada por estas bases ten por obxecto fomentar a adecuada dotación comercial no medio rural (oferta de produtos de primeira necesidade e servizo de hostalaría), así como promover a modernización dos establecementos situados en zonas rurais e a adhesión ao selo de Comercio Rural Galego.

Para os efectos desta orde considéranse comercios rurales os situados en :

a) Concellos de menos de 5.000 habitantes de acordo co establecido no Real decreto 2124/2008, do 26 de decembro, polo que se declaran oficiais as cifras de poboación resultantes da revisión do padrón municipal referidas ao 1 de xaneiro de 2008.

b) Núcleos de poboación que non superen os 1.500 habitantes, situados en concellos de máis de 5.000 habitantes, con ou sen planeamento municipal vixente.

2. O procedemento de concesión desta subvención tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e quedará suxeito ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderá exceder os límites cuantitativos (200.000 euros nun período de tres anos) establecidos no Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión da Unión Europea, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis (DOUE nº L379/5, do 28-12-2006). Non se poderán conceder subvencións ás empresas dos sectores excluídos do dito regulamento.

3. Con carácter xeral e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubitable respondan á natureza da actividade subvencionable.

En concreto, considéranse actuacións subvencionables, sempre que sexan levadas a cabo desde o 1 de xaneiro de 2009 ata o límite de xustificación do prazo que consta no artigo 17º.1 destas bases, as seguintes:

a) A adecuación de novos locais comerciais ou reforma e/ou ampliación dos existentes, nos cales a sala de vendas de comercio en réxime de autoservizo deberá ocupar como mínimo o 30% do espazo destinado ao público sempre que a superficie resultante non supere os 150 metros cadrados e teña unha superficie mínima de 30 metros cadrados de sala de vendas.

b) A reforma da fachada da edificación onde se ache o establecemento.

c) A adquisición do mobiliario do local comercial.

d) O rótulo da Rede de Comercio Rural Galego.

e) A adquisición do equipamento preciso para o desenvolvemento da actividade.

4. Quedan expresamente excluídas do ámbito de aplicación desta orde as seguintes actuacións:

a) A reforma ou a rehabilitación de dependencias non relacionadas coa actividade.

b) A adquisición de locais e, en xeral, de bens inmobles.

c) Os gastos de funcionamento da actividade.

As obras e mais a compra de material deben ser executadas segundo o proxecto de obra elaborado pola Rede de Comercio Rural Galego. Para o cálculo do investimento subvencionable, o orzamento de execución material non será superior a 1.000 €/m2.

Artigo 2º.-Financiamento e concorrencia.

1. As subvencións que se establecen para as actuacións obxecto desta orde serán con cargo á aplicación orzamentaria 10.05.751A.770.4 Rede de Comercio Rural Galego, cun importe máximo de 1.600.000 € para o ano 2009, e isto sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios do artigo 10º.

2. As subvencións consistirán nunha disposición en diñeiro a fondo perdido de ata o 70% do investimento en activo fixo, cun máximo de 90.000 €, IVE excluído.

3. O importe da subvención regulada nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illada ou en concorrencia con outras axudas das distintas administracións ou calquera dos seus entes públicos e privados, nacionais ou internacionais, supere o 70% do investimento subvencionable.

4. As subvencións previstas nesta orde serán incompatibles con calquera outra das reguladas por esta consellería para os mesmos conceptos subvencionables.

Artigo 3º.-Persoas beneficiarias.

1. Poderán ser beneficiarios/as da subvención, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, os/as comerciantes ou futuros/as comerciantes retallistas, xa sexan persoas físicas ou xurídicas, sociedades civís e comunidades de bens, que teñan capacidade legal para exercer o comercio e se dediquen a el de xeito habitual, de acordo coa definición establecida no artigo 1 do Código de Comercio. No caso de sociedades, polo menos un das/os socias/os debe dedicarse de forma habitual á actividade comercial.

2. As persoas beneficiarias deben ser propietarias do local en que desenvolven ou pretenden desenvolver a súa actividade ou ter unha disposición sobre el, por calquera medio válido en dereito, que permita realizar o investimento proxectado. Se dispoñen de contrato de aluguer, deben achegar o compromiso do/a propietario/a de que o establecemento se manterá na Rede de Comercio Rural Galego 10 anos.

3. Os/as beneficiarios/as deben cumprir, ademais, os seguintes requisitos:

a) Que desenvolvan ou vaian a desenvolver a súa actividade comercial na Comunidade Autónoma galega, de acordo co establecido no artigo 1 destas bases, e que o seu domicilio social radique igualmente en Galicia.

b) Que se dediquen como mínimo a algunha das seguintes agrupacións ou epígrafes correspondentes á clasificación do imposto de actividades económicas:

No caso da actividade comercial:

-647. Comercio polo miúdo de produtos alimenticios e de bebidas en xeral.

No caso da actividade de hostalaría deberán acollerse a algunha das epígrafes incluídas en:

-672. Servizos en cafetarías.

-673. Servizos en bares e cafetarías con e sen comida.

En calquera caso as actividades poderán complementarse coas relatadas no anexo III desta orde.

c) Que non superen os/as dez traballadores/as.

d) Que a sala de vendas do comercio estea en réxime de autoservizo e teña como mínimo 30 metros cadrados. Asímesmo, deberá ocupar, como mínimo, un 30 % do espazo destinado ao público, sempre que a superficie resultante non supere os 150 metros cadrados.

e) Emprego de, polo menos, a lingua galega.

Os/as solicitantes non poderán estar incursos en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4º.-Compromisos dos/as solicitantes.

Os/as solicitantes da subvención para a adhesión da Rede de Comercio Rural Galego adquiren os seguintes compromisos:

1. Adherirse á Rede de Comercio Rural Galego, unha vez rematadas as obras e superada a auditoría de comprobación do organismo xestor da rede.

2. Realizar a rehabilitación seguindo o manual de adecuación do local e segundo o proxecto elaborado pola rede.

3. Presentar a xustificación do investimento ata o 30 de novembro de 2009.

4. Manter o establecemento aberto e en funcionamento durante 10 anos seguindo os requisitos de xestión recollidos nos manuais da rede publicados na páxina web www.comercioruralgalego.eu. (manual de rede, manual administrativo, manual de xestión, manual de márketing, manual de procedemento de adhesión, manual de atención ao cliente, manual de adecuación do local e manual de imaxe corporativa).

5. Ofrecer os produtos e servizos exixidos pola rede.

6. Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe a entidade responsable das auditorías da Rede de Comercio Rural Galego.

7. Empregar, polo menos, a lingua galega.

Artigo 5º.-Solicitudes.

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión da subvención presentaranse na forma e prazo que se indican nos artigos 2º e 3º da orde de convocatoria.

2. Xunto coa solicitude de subvención, segundo modelo normalizadao do anexo II deberá xuntarse a documentación que a seguir se relaciona, en orixinal ou copia compulsada:

a) Documentación que acredite a personalidade ou a identidade solicitante, xa que pode ser necesaria para dala de alta no ficheiro de terceiros da Xunta de Galicia se resulta beneficiaria da subvención solicitada.

a.1) Se é unha persoa física, copia compulsada do documento nacional de identidade.

Alternativamente, de acordo co disposto no artigo 2º.2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, a persoa solicitante poderá dar o seu consentimento para que o órgano instrutor comprobe os seus datos de carácter persoal, unha vez que estea dispoñible o mecanismo, por medio de conexión telemática co servizo horizontal de acceso ao sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Administracións Públicas. Para estes efectos, a persoa solicitante poderá efectuar a declaración que figura no modelo normalizado de solicitude.

No caso de non prestar o seu consentimento, a persoa solicitante deberá presentar fotocopia compulsada do documento mencionado no primeiro parágrafo

Se a persoa solicitante actúa por medio de representante, documento acreditativo da súa identidade, de acordo co establecido nos dous parágrafos anteriores, así como poder bastante en dereito para actuar en nome e representación dela.

a.2) No caso de persoa xurídica, acta, escritura ou documento de constitución, estatutos e, se é o caso, modificación deles, debidamente legalizados, así como o código de identificación fiscal. A referida documentación deberá acreditar que o seu obxecto social abrangue a actividade para a cal se solicita a subvención.

Así mesmo, achegarase a documentación acreditativa da identidade da persoa que asina a solicitude na súa representación, nos termos establecidos no punto anterior, e poder en dereito bastante para actuar como representante dela.

b) Copia da escritura de constitución e modificacións posteriores, no caso de ser unha sociedade.

c) Último recibo de cotización no réxime da Seguridade Social correspondente, no caso de estar de alta no momento da solicitude.

d) Certificación expedida pola Axencia Tributaria en que consten as epígrafes do IAE en que está de alta.

e) No caso de apertura de novo establecemento, e de non ter no momento da solicitude o determinado no parágrafo anterior, presentarase o compromiso de alta nalgún dos IAE expostos no artigo 3º segundo o modelo do anexo VIII.

f) Copia da declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas ou do imposto de sociedades do último exercicio ou certficado da Axencia Tributaria de estar exento de presentar o imposto sobre a renda no último exercicio.

g) Declaración de ter coñecemento do sistema de concesión da licenza de uso da marca de garantía Comercio Rural Galego e someterse ás actividades de auditoría e xestión da entidade xestora do selo segundo o anexo IV.

h) Declaración que conteña o compromiso do/a peticionario/a, para o caso de que se lle outorgue a axuda, de adherirse á Rede de Comercio Rural Galego e cumprir cos requisitos de xestión dos manuais da Rede de Comercio Rural Galego, segundo o anexo IV.

i) Declaración que conteña o compromiso do/a peticionario/a, para que no caso de que se lle outorgue a axuda, se permanecer adherido á rede por 10 anos, mediante a explotación propia ou a cesión a un prezo acordado coa Dirección Xeral de Comercio. No caso de que se peche o establecemento ou de non superarse as auditorías de seguimento da rede antes dos 10 anos, devolverase a porcentaxe correspondente da axuda recibida.

j) Compromiso de realizar a reforma segundo consta no proxecto de obra, que será elaborado pola Rede de Comercio Rural Galego. Neste deberán recollerse e manterse as características arquitectónicas do edificio (anexo IV).

k) Entrega da ficha de recolla de información referente ao negocio ou futuro negocio segundo o modelo do anexo V: idea (produtos e servicios ofrecidos no establecemento), experiencia da promotora ou promotor, gastos e previsión de ingresos, que demostre a viabilidade do proxecto.

l) Documentos gráficos do local que se vai reformar. Fotos interiores e exteriores das instalacións, equipamento e detalle do local. As fotografías daquelas actuacións subvencionables consistentes en reformas de locais e/ou equipamentos comerciais cuxo importe, considerado tanto illada como conxuntamente, supere os 30.000 €, irán acompañadas da correspondente acta notarial que dea fe do estado en que se achaba o local e/ou os seus equipamentos con posterioridade á data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, debendo achegar, así mesmo, a factura da dita acta.

m) Documentos que acrediten que a persoa solicitante é propietaria do local comercial ou, se é o caso, copia do contrato de aluguer, traspaso, cesión, etc., en que se indique expresamente a posibilidade de realizar reformas no local ou ben autorización expresa do/a propietario/a para realizar reformas no local. Neste caso exixirase tamén compromiso de cesión por 10 anos para que se poida manter adherido ese establecemento o mínimo tempo exixido pola rede.

n) Declaración expresa sobre a concesión ou solicitude doutras axudas ou subvencións para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, así como declaración expresa de non estar incurso/a en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e declaración de axudas en réxime de minimis, segundo o anexo VI desta orde.

o) Certificacións expedidas polos organismos competentes acreditativas de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda, no caso de que o/a solicitante denegue expresamente a autorización ao órgano xestor para que solicite de oficio estas certificacións.

Como caso xeral, estas certificacións non teñen que ser presentadas, xa que a solicitude da axuda leva consigo a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deben emitir os organismos citados no parágrafo anterior.

Se o certificado dispón de código electrónico de verificación coa administración pública correspondente, poderá presentarse o dito documento sen compulsar.

No caso de que a persoa solicitante deba presentar estes certificados na fase de emenda, logo de que a consulta polo órgano xestor non obtivese resultado favorable, a data de expedición dos certificados pola administración correspondente deberá ser posterior á data de consulta polo órgano xestor, o que se comunicará no requirimento de emenda da documentación.

p) Memoria a tanto global onde se detallen os custos previsibles de acondicionamento e adecuación do local aos requisitos da Rede de Comercio Rural Galego. Estes gastos deberán estar validados por un/ha técnico/a da rede.

q) Declaración de compromiso de uso e posterior utilización ao menos da lingua galega nas relacións coa Administración autonómica, así como en campañas publicitarias, elementos promocionais e na sinalización interior e exterior do establecemento comercial segundo anexo VII.

r) Documentación acreditativa do número total de traballadores/as da empresa (TC2) do mes anterior á presentación da solicitude ou, se for o caso, certificación da Seguridade Social da non inexistencia de traballadores/as.

Artigo 6º.-Consentimento e autorizacións.

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e aceptación destas bases reguladoras. De conformidade co disposto no artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión da subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deben emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia.

Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar o consentimento, facéndoo constar expresamente no formulario de solicitude, e debe presentar entón as certificacións a que fai referencia este punto.

2. Igualmente, de conformidade co mesmo artigo 20.3º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, se o solicitante indica que certa documentación que se deba usar neste procedemento xa está en poder da consellería, a presentación da solicitude implica a autorización ao órgano instrutor para acceder a esa documentación.

3. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como as sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos.

4. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, esta consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos/as beneficiarios/as e o importe das subvencións concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos/as beneficiarios/as e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas no artigo 15.2º d) da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 7º.-Órganos competentes.

A Dirección Xeral de Comercio será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, correspondéndolle ao conselleiro de Innovación e Industria ditar a resolución que proceda.

Artigo 8º.-Instrución dos procedementos.

1. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou presente os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 6º.1 resulta que non pode acreditarse que a persoa solicitante se encontra ao día do pagamento das súas obrigas tributarias e sociais co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social, ou no suposto de que sexa necesario presentar documentación, logo de aplicarse o disposto no artigo 35 f) da devandita lei.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse a persoa solicitante para que forneza cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán ao dispor do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 9º.-Comisión de valoración.

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, así como de propoñer a concesión ou denegación da subvención aos interesados.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

a) Un/a xefe/a de servizo.

b) Un/a xefe/a de sección.

c) Un/a técnico/a de Galicia Calidade.

d) Subdirector xeral de Comercio.

e) Xerente de Galicia Calidade.

3. Na proposta de concesión que formule a comisión figurarán de xeito individualizado as persoas solicitantes propostas para obteren a subvención, especificándose a avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos no artigo seguinte. Así mesmo, indicarase a contía da subvención para cada un/unha deles, ata esgotar o crédito dispoñible.

4. Farase unha lista de solicitantes que quedarán en reserva para ser atendidos ben co crédito que quede libre, se se producir algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionables (o que non cumpran cos manuais de rede), ben co incremento de créditos orzamentarios destinados a estas subvencións. Para estes efectos poderanse realizar sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado neste artigo.

Artigo 10º.-Criterios de valoración.

Os proxectos ou actuacións que se presenten deberán ser técnica, comercial e financeiramente viables, e os criterios de avaliación que servirán de base para a determinación da preferencia na concesión da subvención, relacionados por orde decrecente de importancia serán os seguintes:

a) Viabilidade económica do establecemento, demostrada no informe técnico de viabilidade que proporciona Galicia Calidade. Puntuación de 1 a 10, sendo necesario un mínimo de 5 puntos.

b) A menor idade da/o posible comerciante solicitante da axuda:

-Menor 30 anos: 4.

-Menor de 40 anos: 3.

-Menor de 50 anos: 2.

-Menor de 60 anos: 1.

c) Que a solicitante sexa muller (valoración muller 1, home 0).

d) A necesidade do establecemento comercial para o mantemento de servizos nese lugar. Emprégase como indicador o número de habitantes da parroquia, establecementos existentes, distancia aos máis próximos (máximo 4 puntos).

e) Valoración dos/as promotores/as. Elaborarase un indicador coa formación, dinamismo e aceptación das ideas da rede. De 1 a 4.

-Valoración moi alta: 4.

-Valoración alta: 3

-Valoración media: 2.

-Valoración baixa: 1.

Artigo 11º.-Audiencia.

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que coiden pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o número anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo/a interesado/a.

Artigo 12º.-Resolución e notificación.

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, a comisión de valoración formulará a proposta de resolución, que se elevará, a través do órgano instrutor, ao conselleiro.

2. O conselleiro, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía ou, se for o caso, a causa de denegación.

En ningún caso o importe da subvención concedida poderá superar o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario ou, se for o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable legalmente establecida.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de seis meses contados a partir do seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrer o prazo máximo para resolver sen se ditar resolución expresa, os/as interesados/as poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59.6º b) da indicada lei, no caso das subvencións concedidas poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Innovación e Industria. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o/a beneficiario/a, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada.

As resolucións de inadmisión ou desestimación de solicitudes notificaranse individualmente, con indicación das súas causas.

Artigo 13º.-Réxime de recursos.

As resolucións ditadas ao abeiro desta orde de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de as persoas interesadas poderen exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Innovación e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso- administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 14º.-Modificación da resolución.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo conselleiro de Innovación e Industria despois da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia á persoa interesada nos termos previstos no artigo 11º.

Artigo 15º.-Aceptación e renuncia.

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución de concesión, transcorridos quince días naturais desde a notificación ou publicación desta sen que o/a interesado/a comunicase expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario/a.

A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo IX, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, o conselleiro ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1º da mesma lei.

Artigo 16º.-Obrigas dos/as beneficiarios/as.

Son obrigas das persoas beneficiarias:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto no prazo, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

b) Xustificar ante o órgano concedente ou a entidade colaboradora, se é o caso, o cumprimento dos requisitos e condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o gozo da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación semestrais, que efectuará o órgano concedente, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o cal fornecerá canta información lle sexa requirida no exercicio das actuación anteriores.

d) Facilitar datos de forma periódica á Rede de Comercio Rural Galego para facilitar o control da evolución dos establecementos adheridos ao selo de calidade e tomar as medidas oportunas no caso de non acadar o obxectivo de ingresos de beneficios nos establecementos multiservizo adheridos.

e) Comunicar ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

f) Acreditar con anterioridade a se ditar a proposta de resolución de concesión que se encontra ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma, na forma que se determine regulamentariamente, e sen prexuízo do establecido na disposición adicional décimo oitava da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

g) Adoptar as medidas de difusión contidas no número 3º do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17º.-Xustificación da subvención.

1. Para cobrar a subvención concedida, o/a beneficiario/a deberá presentar a seguinte documentación nos lugares sinalados no artigo 3º da convocatoria, en orixinal ou copia compulsada, tendo de prazo para presentala ata o 30 de novembro de 2009:

a) Alta na Seguridade Social.

b) Certificación expedida pola Axencia Estatal Tributaria en que se indiquen as epígrafes do imposto de actividades económicas en que figura dado de alta a/o solicitante, debendo estar de alta como mínimo nas epígrafes sinaladas no artigo 3.3º b) desta orde.

c) Facturas xustificativas da materialización do proxecto de obra, indicando nelas o concepto, importe sen IVE e importe total, así como documentos xustificativos do pagamento do investimento realizado, con comprobante de pagamento a través de entidade bancaria. Nestas facturas constarán as medicións da obra con detalle de calidade de materiais, marca e modelo e deberán estar certificadas polo organismo xestor do selo Comercio Rural Galego.

Cando a subvención supere os 30.000 € en obra e 12.000 € en equipamento deberá presentar tres orzamentos e presentar facturas polo menor importe dos tres.

Segundo o artigo 29.3º da Lei 9/2007, cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 30.000 euros no suposto de custo por execución de obra, ou de 12.000 euros no suposto de subministración de bens de equipamento, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contracción do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o fornezan.

A escolla entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse coa solicitude da subvención, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a escolla cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. Considerando o anterior, deberá achegarse a documentación disposta nos parágrafos seguintes:

1) Copia ordenada de todos e cada un dos orzamentos e ofertas detalladas dos investimentos sobre os cales se solicita a subvención, obtidos dos/as provedores seleccionados polo solicitante, con independencia da contía dos investimentos.

2) Copia ordenada de todos e cada un dos orzamentos e ofertas que non foron seleccionadas polo solicitante para a realización do proxecto.

3) Memoria económica xustificativa da escolla dos provedores, cando a escolla do provedor non recaia na oferta económica máis vantaxosa das tres que, como mínimo, obtivo o solicitante, ou cando polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten.

Non existe a obriga de presentar esta memoria xustificativa cando a escolla do/a provedor/a recaia na oferta económica máis vantaxosa das tres que, como mínimo, obtivo o solicitante.

As ofertas presentadas e os/as provedores elixidos/as supoñen unha documentación vinculante para o desenvolvemento do proxecto no caso de ser beneficiario/a da axuda. Non se considerarán subvencionables, parcial ou totalmente, aqueles investimentos dos cales non se presente documentación económica completa conforme o aquí recollido.

d) Proxecto de obra suficientemente detallado coa memoria de execución material.

e) Informe positivo de auditoría de Galicia Calidade e adhesión ao selo Comercio Rural Galego de cumprimento de manuais e adecuación aos requisitos da rede.

f) Certificación expedida pola entidade bancaria da titularidade da conta onde se debe realizar o pagamento en que conste o nome e o NIF do beneficiario, así como o ordinal bancario, o código de banco, código da sucursal e código de conta corrente.

g) Certificacións acreditativas de estar ao día nas obrigas fiscais e da Seguridade Social e de non ter débedas por ningún concepto coa Xunta de Galicia emitidas polos organismos correspondentes, no caso de que o solicitante denegue expresamente a autorización ao órgano xestor para que solicite de oficio estas certificacións.

h) Xustificante de axudas obtidas ou declaración das solicitadas ou que se prevén obter para a mesma finalidade en calquera outra Administración, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, indicando a súa contía (anexo VI).

2. Transcorrido o prazo indicado sen que o beneficiario presentase a documentación xustificativa entenderase que renuncia á subvención. Neste caso, o conselleiro ditará a oportuna resolución, nos termos do artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 18º.-Pagamento.

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da consellería, antes de procederen ao seu pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada e das condicións establecidas para a súa concesión.

2. O importe anual das subvencións aboarase nun único pagamento, mediante transferencia bancaria á entidade financeira e número de conta designado pola persoa beneficiaria.

Artigo 19º.-Incumprimento, reintegros e sancións.

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se for o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II Do reintegro de subvencións da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da devandita Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20º.-Control.

1. A Consellería de Innovación e Industria poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, se for o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 21º.-Publicidade.

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario/a, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, podendo substituírse esta pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería de Innovación e Industria.

Artigo 22º.-Remisión normativa.

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, en canto non se opoña ao disposto na devandita lei, e no resto de normativa que resulte de aplicación.

Ver referencia pdf "03500D007P049.PDF"

ANEXO III

Relación de epígrafes do IAE compatibles

641. Comercio polo miúdo de froitas, verduras, hortalizas e tubérculos.

642. Comercio polo miúdo de carnes e miúdos; de produtos derivados cárnicos elaborados: de ovos, aves, coellos de granxa, caza; e de produtos derivados deles.

643. Comercio polo miúdo de peixes e doutros produtos da pesca e da acuicultura e caracois.

644. Comercio polo miúdo de pan, pastelaría, confeitaría e similares, e de leite e produtos lácteos.

645. Comercio polo miúdo de viños e bebidas de todas as clases.

647.1. Comercio polo miúdo de produtos alimenticios e de bebidas en establecementos con vendedor.

647.2. Comercio polo miúdo de produtos alimenticios e de bebidas en réxime de autoservizo ou mixto en establecimientos cuxa sala de vendas teña unha superficie inferior a 120 metros cadrados.

647.3. Comercio polo miúdo de calquera clase de produtos alimenticios e de bebidas en réxime de autoservizo ou mixto en supermercados, denominados así cando a superficie da súa sala de vendas se ache comprendida entre 120 y 399 metros cadrados.

651. Comercio polo miúdo de produtos téxtiles, confección, calzado, peles e artigos de coiro.

652.2. Comercio polo miúdo de produtos de drogaría, perfumaría e cosmética, limpeza, pinturas, vernices, disolventes, papeis e outros produtos para a decoración e de produtos químicos.

652.3. Comercio polo miúdo de produtos de perfumaría e cosmética, e de artigos para hixiene e aseo persoal.

652.4. Comercio polo miúdo de plantas e herbas en herbolarios.

653. Comercio polo miúdo de artigos para o equipamento do fogar e a construcción.

654.2. Comercio polo miúdo de accesorios e pezas de recambio para vehículos terrestres.

654.5. Comercio polo miúdo de toda clase de maquinaria.

657. Comercio polo miúdo de instrumentos musicais en xeral, así como dos seus accesorios.

659.2. Comercio polo miúdo de mobles de oficina e máquinas e equipamentos de oficina.

659.3. Comercio polo miúdo de aparellos e instrumentos médicos, ortopédicos, ópticos e fotográficos.

659.4. Comercio polo miúdo de libros, xornais, artigos de papelaría e escritorio e artigos de debuxo e belas artes.

659.5. Comercio polo miúdo de artigos de xoiaría, reloxaría, prataría e bixutaría.

659.6. Comercio polo miúdo de xoguetes, artigos de deporte, roupa deportiva, de vestido, calzado e lacaxe, armas, cartucharía e artigos de pirotecnia.

659.7. Comercio polo miúdo de sementes, fertilizantes, flores e plantas e pequenos animais.

661.3. Comercio polo miúdo en almacéns populares, entendendo por tales aqueles establecementos que ofrecen en seccións múltiples e venden en autoservizo ou en preselección un surtido relativamente amplo e pouco profundo de bens de consumo, cunha gama de prezos baixa e un servizo reducido.

662.2. Comercio polo miúdo de toda clase de artigos, incluíndo alimentación e bebidas, en establecementos distintos dos especificados no grupo 661 e na epígrafe 662.1.

Ver referencia pdf "03500D007P049.PDF"