DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Xoves, 19 de febreiro de 2009 Páx. 3.475

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

ORDE do 19 de decembro de 2008 pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións encamiñadas ao fomento da seguranza e da saúde no ámbito da minaría galega, e se procede á súa convocatoria para o ano 2009. (Código de procedemento IN303A).

Segundo o Decreto 231/2006, do 23 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Innovación e Industria -DOG nº 244, do 21 de decembro- correspóndelle a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas a planificación, coordinación, execución, seguimento e control das competencias e funcións da consellería en materia de minas, onde cómpre destacar as relacionadas coa promoción da seguranza nas explotacións e instalacións mineiras, así coma a prevención dos riscos laborais.

Aínda que nos últimos anos se están levando a cabo esforzos notables para reducir os índices de sinistralidade no sector, o certo é que recentes estudos realizados por esta consellería demostran que o camiño por percorrer tanto na mellora da seguranza das explotacións e establecementos de beneficio coma na procura da eliminación dos accidentes e das enfermidades derivadas do traballo segue a ser un obxectivo por acadar, especialmente en todo o relativo ao po e ao ruído.

Por iso, a mellora continua da seguranza das nosas explotacións e establecementos de beneficio e a prevención da saúde no ámbito do traballo eríxese como un eixe básico da actuación desta Administración, e nesta liña enmárcase esta orde de subvencións a cal, aproveitando a experiencia destes anos, opta por establecer un esquema de subvencións máis concreto, dirixidas a dar resposta a unha serie de necesidades relacionadas coa seguranza e saúde no ámbito mineiro galego, como son: que as explotacións integren sistemas e equipamentos de prevención da seguranza e saúde cada vez máis avanzados, que se substitúa a maquinaria que non cumpra os requisitos esenciais de seguranza, así como que se reforce a formación do persoal dedicado a desempeñar labores mineiros.

O artigo 45 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, insta as administracións públicas a promover o emprego e a aplicación das técnicas e medios electrónicos, informáticos e telemáticos para o desenvolvemento da súa actividade.

Pola súa banda, o Decreto 164/2005, do 16 de xuño, crea o Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, que permite a presentación por vía telemática de solicitudes, escritos e comunicacións que se transmiten por vía telemática mediante sinatura electrónica avanzada. Para tal fin responde a presente Orde, que se incorpora dentro das previsións do mencionado decreto.

O financiamento das axudas previstas nesta orde de convocatoria farase con cargo os créditos do programa 10.03.734.A.770.0 (800.000 €) e o gasto proxectado tramitarase como expediente anticipado segundo o disposto na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001.

Na súa virtude, en uso das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Convocatoria e bases reguladoras.

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das subvencións da Consellería de Innovación e Industria destinadas ás empresas galegas relacionadas coa minaría para o fomento das actividades que se inclúen como anexo I.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións para o ano 2009.

Artigo 2º.-Solicitudes.

1. Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta orde, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 4 das bases reguladoras.

2. Os formularios de solicitude de axuda regulados nesta orde deberaos obter, cubrir, validar e imprimir necesariamente o solicitante a través da aplicación informática Axudas Virtual (procedemento IN303A) establecida na Oficina virtual desta consellería, sita no enderezo da internet http//www.conselleriaiei.org. Tamén se pode acceder desde o enderezo http://www.xunta.es/presentacion-electronica da Xunta de Galicia facendo uso do enlace dispoñible co procedemento IN303A.

3. Para cubrir correctamente os formularios de solicitude, no citado enderezo da internet disporase de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polos/as solicitantes. Poderanse cubrir e obter os formularios ata as 24 horas do día anterior á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

4. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios, poderán dirixirse á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, a través do teléfono 981 95 70 92, do número de fax 981 54 55 15 ou do enderezo de correo electrónico industria.minas@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación por escrito de solicitudes.

5. Os anexos desta convocatoria publícanse no Diario Oficial de Galicia (DOG) exclusivamente para os efectos informativos, sendo necesario empregar a aplicación informática indicada para a obtención dos formularios de solicitude. A presentación de solicitudes que non cumpra o aquí indicado será motivo de inadmisión a trámite da solicitude.

6. A presentación de solicitudes farase por vía escrita (en soporte papel) ou en formato electrónico ante o rexistro telemático da Xunta de Galicia, logo de obtención e formalización dos formularios de acordo co previsto neste artigo.

Artigo 3º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación desta orde no DOG ata o día correspondiente o mesmo ordinal do día da publicación, ambos inclusive.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

2. As solicitudes, en formato papel, presentaranse preferentemente no rexistro da Consellería de Innovación e Industria, así como nos de calquera outro órgano da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración local, sempre que neste último caso se teña subscrito o oportuno convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (en diante, Lei 30/1992).

3. As solicitudes tamén poderán presentarse en formato electrónico, en vez de en papel, ante o Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, mediante sinatura electrónica do representante legal da entidade solicitante e cando non sexa preciso achegar ningunha documentación en papel, téndose que cumprir os seguintes requisitos:

3.1. Será necesario que o presentador da solicitude sexa a persoa física solicitante ou que posúa a representación legal da empresa ou entidade solicitante, e como tal figure identificado nos formularios normalizados de solicitude. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

3.2. O presentador deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 recoñecido pola plataforma de validación e sinatura electrónica @firma. Os prestadores recoñecidos son: DNI electrónico, Camerfirma, Izenpe, CATCert (Axencia Catalá de Certificación), ANF AC, SCR (Servizo de Certificación dos Rexistradores), ACA, ACCV (Autoridade de Certificación da Comunidade Valenciana), Ancert (Axencia Notarial de Certificación), FNMT (Fábrica Nacional de Moeda e Timbre), Firmaprofesional e Banesto CA.

3.3. O solicitante deberá estar exento de presentar a documentación xurídico-administrativa e os certificados acreditativos a que se fai referencia no artigo 4 das bases reguladoras, por atoparse xa esta documentación en poder desta consellería ou non ter obriga de a presentar e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan, para o cal identificará o ano de presentación e código de expediente onde se atopa a documentación orixinal ou, de ser o caso, identificará a copia electrónica de que dispón a consellería. Poderá accederse a esta vía de presentación desde o enderezo http//www.xunta.es da Xunta de Galicia, facendo uso do rexistro telemático e do enlace dispoñible co procedemento IN303A.

4. Xunto cos formularios de solicitude, deberá anexarse en formato electrónico a documentación técnica e económica a que se fai referencia no artigo 4 das bases reguladoras. Para isto, no proceso de formalización telemática permitirase anexar á solicitude os arquivos informáticos necesarios en formato pdf. No caso de presentación telemática, unha vez asinados co certificado dixital do presentador os formularios normalizados, procederase á transferencia telemática da dita documentación ao Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, creado polo Decreto 164/2005, do 16 de xuño. Unha vez completado o proceso de transferencia telemática, efectuarase a anotación correspondente no Rexistro de Entrada, e nese momento expedirase, empregando as características da aplicación telemática, un recibo no cal quedará constancia do feito da presentación.

Artigo 4º.-Prazo de duración do procedemento de concesión.

1. Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras. A resolución ditarase e notificarase no prazo máximo de 6 meses, que se contarán desde a data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

2. Dentro deste prazo, e dado o carácter de concorrencia competitiva da convocatoria, poderanse realizar mediante publicación no Diario Oficial de Galicia os requirimentos de emenda de erros nas solicitudes, así como as notificacións das resolucións correspondentes.

Artigo 5º.-Información aos interesados.

1. Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN 303A, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería (www.conselleriaiei.org), na súa epígrafe de «axudas» e na «oficina virtual».

b) Os teléfonos 981 95 70 92 e 981 95 72 59 da devandita dirección xeral.

c) O enderezo electrónico: industria.minas@xunta.es

d) Presencialmente.

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia que é o 012 (desde todo o Estado 902 12 00 12).

2. A Consellería de Innovación e Industria velará polos datos de carácter persoal que serán obxecto de tratamento, e para eses efectos, procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei 15/1999, de protección de datos, adoptándose tanto as medidas de seguranza técnicas como organizativas.

Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros; no entanto, a Consellería de Innovación e Industria revelará ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso. Decláranse recoñecidos e poderán exercerse os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito e achegando identificación suficiente ao seguinte enderezo: edificios administrativos San Caetano, San Caetano s/n, 15704 Santiago de Compostela, ou ben mediante o procedemento habilitado para o efecto e que poderá atopar na Guía do Cidadán da páxina web da Xunta de Galicia.

Disposición derradeiras

Primeira.-Habilitación para o desenvolvemento.

Facúltase o director xeral de Industria, Enerxía e Minas para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e a aplicación desta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2008.

Fernando Xabier Blanco Álvarez

Conselleiro de Innovación e Industria

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións encamiñadas ao fomento de seguranza e saúde no ámbito da minaría galega

Artigo 1º.-Obxecto e réxime das subvencións.

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto o fomento da seguranza e saúde no ámbito da minaría de Galicia e o fomento da protección das augas minerais.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, e quedará suxeito ao Regulamento (CE) nº 1998/2006, da Comisión, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis (DOCE L 379/5, do 28 de decembro).

3. Consideraranse actuacións subvencionables as indicadas a continuación, sempre que estas sexan realizadas e efectivamente pagadas desde o 1 de xaneiro de 2009 ata a data límite de xustificación establecida no artigo 17, polo que estas subvencións terán unha única anualidade.

Modalidade A): mellora das condicións de seguranza e de saúde laboral nas explotacións mineiras e nos establecementos de beneficio:

A1) Adquisición de medios técnicos de protección colectiva de riscos relacionados coas condicións ambientais no traballo, especialmente á exposición ao po e ao ruído.

A2) Substitución de máquinas por outras novas que, realizando funcións similares, cumpran os requisitos esenciais de seguranza e saúde e as especificacións contidas no Real decreto 1435/1992, do 27 de novembro, dispoñendo en consecuencia da marcación CE.

-Deberase acreditar que a maquinaria substituída pertence á empresa. Este suposto poderá ser xustificado, entre outros, mediante certificación da Consellería de Innovación e Industria, de inscrición no Rexistro de Establecementos Industriais de Galicia (Decreto 115/2000, do 11 de maio) ou da súa inclusión no plan de labores do último ano.

-A maquinaria substituída deberá ser achatarrada e non poderá ser reutilizada en ningún proceso tanto na propia empresa como en calquera outra. O beneficiario da subvención deberá achegar como acreditación do achatarramento no momento da xustificación o certificado de destrución emitido.

Modalidade B): actuacións formativas sobre a prevención de riscos laborais e a seguranza mineira:

Contratación con terceiros da realización de actuacións formativas relacionadas coa prevención de riscos laborais e a seguranza mineira en xeral e, en particular, sobre o po, o ruído e o manexo de maquinaria móbil, dirixidos aos traballadores das empresas mineiras.

Serán excluídas as accións formativas que sexan exixidas pola normativa de prevención de riscos laborais, as accións que leven aparellada a expedición de un título-certificado legalmente exixido para o exercicio da actividade profesional ou forme parte doutras titulacións, así coma títulos de grao, posgrao, master ou outros de natureza análoga.

Modalidade C): investimentos encamiñados á protección das augas minerais a través da mellora das captacións ou ben de estudos técnicos dirixidos á caracterización e conservación dos acuíferos.

Modalidade D): calquera outro investimento que supoña a mellora preventiva das condicións de traballo e cuxa necesidade veña recollida no documento de seguranza e saúde e na planificación da acción preventiva.

4. Consideraranse gastos subvencionables, para os efectos previstos nesta convocatoria, aqueles que de xeito indubitado respondan á natureza da actividade subvencionada e se realicen no prazo establecido na correspondente convocatoria.

En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado. Así mesmo, a comisión de valoración poderá considerar como non subvencionables ou limitar a súa porcentaxe en relación ao investimento subvencionable total do proxecto, á vista das solicitudes presentadas, aqueles conceptos que se consideren menos críticos para o normal desenvolvemento da actuación obxecto de axuda ou elementos que se consideren reiterativos doutros acometidos e subvencionados en exercicios anteriores.

Os provedores dos bens ou servizos están suxeitos ás condicións legais sobre a subcontratación de actividades subvencionadas citadas no artigo 16º destas bases reguladoras e, en todo caso, non poderán estar vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores. De concorrer esta circunstancia os investimentos non resultarán subvencionables.

Os gastos financeiros, os gastos de asesoría xurídica ou financeira, os gastos notariais e rexistrais e os gastos periciais para a realización do proxecto subvencionado e os de administración específicos son subvencionables se están directamente relacionados coa actividade subvencionada e son indispensables para a adecuada preparación ou execución desta.

En ningún caso serán gastos subvencionables: os xuros debedores das contas bancarias, xuros, recargas e sancións administrativas e penais e os gastos de procedementos xudiciais.

Os tributos son gastos subvencionables cando o beneficiario da subvención os aboa efectivamente.

No caso de substitución da maquinaria, en ningún serán gastos subvencionables os alugueres nin os arrendamentos financieiros tipo leasing ou similar.

Exclúense, así mesmo, como gastos subvencionables os equipamentos de protección individual.

Artigo 2º.-Financiamento e concorrencia.

1. As axudas outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva ata esgotar as dispoñibilidades orzamentarias aprobadas e financiaranse con cargo á partida orzamentaria 10.03.734.A.770.0, Fomento da minaría Seguranza. Empresas, cun crédito de 800.000 € consignados nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

A concesión das subvencións queda sometida á condición suspensiva da existencia de crédito axeitado e suficiente, consorte o preceptuado no artigo 1.1º da Orde do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expediente de gasto.

2. Estas cantidades poderanse incrementar en función das solicitudes presentadas e de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte de aplicación dos criterios do artigo 9.

3. A contía máxima da subvención, poderá alcanzar o 30 % do investimento sobre a totalidade dos gastos subvencionables acreditados. No caso de Pemes, a contía máxima da subvención poderá alcanzar o 40% do investimento sobre a totalidade dos gastos subvencionables acreditados.

4. Ao estar este réxime de axudas suxeito ao Regulamento (CE) 1998/2006 relativo ás axudas de minimis (DOUE 28-12-2006), deberase garantir que, no caso de recibir o beneficiario outras axudas baixo este réxime de minimis, non se supera o límite de 200.000 € nun período de tres exercicios fiscais. Estes límites aplicaranse independentemente da forma da axuda de minimis ou do obxectivo perseguido. O período determinarase tomando como referencia os dous exercicios fiscais anteriores e o exercicio fiscal en curso, de acordo co establecido no artigo 2 do citado regulamento.

5. As subvencións previstas nesta orde son incompatibles, para un mesmo proxecto, con calquera outra das reguladas por esta consellería.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán acollerse a estas axudas as empresas vinculadas á minaría que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ser titulares ou explotadores de dereitos mineiros ou de establecementos de beneficio regulados na Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas.

b) Que materialicen o proxecto obxecto da axuda no ámbito territorial de Galicia.

c) Que posúan personalidade xurídica propia e suficiente capacidade para obrar e que non estean inhabilitadas para a obtención de subvencións públicas ou para contratar co Estado, comunidades autónomas e outros entes públicos.

d) Que non teñan pendentes de pagamento débedas coa comunidade autónoma e que se atopen ao día das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.

e) As empresas incluídas no ámbito de aplicación do Decreto 115/2000, do 11 de maio, polo que se aproba a regulación dos rexistros de establecementos industriais de Galicia, deberán atoparse inscritas e cos datos actualizados, de acordo cos prazos establecidos no dito rexistro.

f) Non estar incursas nas circunstancias recollidas nos números 2º e 3º do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) Calquera que poida ser exixible en virtude de normas de dereito necesario.

Artigo 4º.-Solicitudes.

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión das subvencións presentaranse na forma e prazo que se indiquen na convocatoria.

2. As solicitudes deberán estar compostas da seguinte documentación e, no caso da súa presentación en formato papel, presentaranse por duplicado, incluíndo orixinal ou copia compulsada e unha copia.

A) Formularios normalizados de solicitude obtidos a través da aplicación informática sinalada no artigo 2º da convocatoria, debidamente asinados polo/s representante/s legal/is da entidade correspondente.

B) Documentación xurídico-administrativa.

B1) No caso de que o solicitante sexa unha persoa xurídica:

a) Copia compulsada da escritura de constitución e dos seus estatutos.

b) Documento acreditativo da inscrición da entidade no rexistro correspondente.

c) Documento nacional de identidade e documentos públicos acreditativos de poder suficiente para actuar ante a Administración pública en nome e representación dunha persoa xurídica. Estes documentos deberán ser os de outorgamento do poder ou, de ser o caso, o do nomeamento do representante.

d) Tarxeta de identificación CIF.

B2) No caso de que o solicitante sexa unha persoa física, fotocopia compulsada do documento de identidade do solicitante, agás para a súa presentación telemática.

Esta documentación, que deberá estar en vigor na data de presentación da solicitude, ten que presentarse íntegra.

C) Memoria técnico-económica explicativa do proxecto. Para a súa redacción utilizarase o formulario que figura como anexo III e deberá conter:

C1) Antecedentes e xustificación do proxecto. Obxectivos que se acadarán.

C2) Alcance polo miúdo das diferentes actuacións que o integran. A súa necesidade, cuantificación económica. Contratacións que se deberán realizar con outras empresas.

a) Nos casos de substitución de maquinaria detallaranse as características da máquina que se vaia substituír (marca, modelo, fabricante, data de adquisición...).

b) No caso das actuacións de formación para cada unha das accións formativas, incluirase a natureza da acción formativa, os destinatarios, o lugar de celebración, horarios e a entidade que vai impartir a formación.

C3) Planificación dos traballos no tempo con referencia a cada unha das actuacións que configuran o proxecto (mes de inicio/mes finalización).

C4) Relación entre as actuacións e o actual proceso produtivo.

C5) Efectos esperados sobre a mellora das condicións de seguranza e saúde dos centros produtivos ou explotacións ou sobre a protección das augas minerais.

C6) Orzamento do investimento, separando os prezos unitarios dos principais elementos da actuación (anexo da convocatoria) e co correspondente desagregamento do IVE.

D) Copia da oferta desagregada do provedor dos bens, obras ou servizos que se vaian adquirir. Non se considerarán subvencionables os gastos determinados mediante estimacións efectuadas polo solicitante e que carezan de soporte da oferta do provedor ou tarifa oficial do gasto. Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 12.000 euros, no suposto de subministracións de bens de equipamento ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica ou 30.000 euros no suposto de custo por execución de obra, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contracción de compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención (circunstancia que se acreditará mediante

factura co seu correspondente pagamento). A elección entre as ofertas presentadas, que deberá achegarse xunto coa solicitude de subvención, realizarase conforme os criterios de eficiencia e economía, debendo xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

E) Declaracións responsables segundo o anexo IV.

E1) Declaración responsable que conteña a relación doutras axudas solicitadas, obtidas ou que se prevé solicitar para este investimento en calquera outra Administración, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

E2) Declaración responsable se procede, das axudas de minimis concedidas por calquera proxecto á empresa durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso, con indicación do importe, organismo, data de concesión e réxime de axudas en que se ampara ou, de ser o caso, declaración de non ter recibido ningunha.

E3) Declaración responsable de non estar incurso nas circunstancias recollidas nos números 2º e 3º do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

E4) Declaración responsable de estar ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega, e de estar dado de alta ou ao día do imposto de actividades económicas, segundo o modelo que figurará na convocatoria.

E5) Declaración responsable de inscrición no Rexistro de Establecementos Industriais, se é o caso.

F) De forma voluntaria poderá achegar compromiso de utilización da lingua galega en todas as relacións que o interesado manteña coa Administración autonómica, de acordo co establecido no artigo 6.3º da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística. Este compromiso acreditarase mediante a presentación, debidamente asinado, do modelo que se inclúa como anexo V.

G) No caso de que o solicitante o considere oportuno, poderase presentar calquera outro documento que contribúa a aclarar o contido e o alcance das actuacións que se realizarán, sen que isto exima da presentación de toda a documentación anteriormente indicada.

H) De acordo co disposto no artigo 35 f) da Lei 30/1992, non será necesario presentar a documentación xurídico-administrativa que xa se atope en poder desta consellería, sempre que se manteña vixente e se identifique nos formularios de solicitude o ano de presentación e o código de procedemento administrativo para o que foi presentada. No caso de documentación da que exista copia electrónica en poder da consellería, e esta copia cumpra co disposto no artigo 30 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, tamén se poderá identificar univocamente esta copia electrónica en vez de presentar a documentación. No suposto de imposibilidade material de obter a documentación conforme o punto anterior ou se se constatase a súa non validez, o órgano competente poderá requirir do solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de

resolución.

Artigo 5º.-Consentimentos e autorizacións.

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras. De conformidade co artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión da subvención comportará a autorización do solicitante ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia. Porén, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo presentar daquela as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

2. Igualmente, de conformidade co mesmo artigo, se o solicitante indica que certa documentación que se deba usar neste procedemento xa consta no poder da Administración, a presentación da solicitude implica a autorización ao órgano instrutor para acceder a ela. Para estes efectos, a documentación debe manterse vixente e identificarse no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o que foi presentada.

3. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos.

4. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración Pública galega, esta consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas no artigo 15.2º d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 6º.-Órganos competentes.

A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, correspondéndo ao conselleiro de Innovación e Industria ditar a resolución de concesión.

Artigo 7º.-Instrución dos procedementos.

1. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se considerará que desiste na súa petición, logo da correspondente resolución.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 5.1º resulta que o solicitante non se atopa ao día de pagamento das súas obrigas tributarias e sociais co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Segurirdade Social, ou no suposto de que sexa necesario achegar documentación, logo de aplicarse o disposto no artigo 35 f) da Lei 30/1992.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirírselle ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de arquivo, en que se indicarán as causas desta.

Artigo 8º.-Comisión de valoración.

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, así como de propoñer a concesión ou denegación das subvencións aos interesados.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

Presidente: o director xeral de Industria, Enerxía e Minas ou a persoa en quen delegue.

Vogais:

-Subdirector xeral de Recursos Minerais ou a persoa en quen delegue.

-Delegado provincial da Consellería de Innovación e Industria da Coruña ou a persoa en quen delegue.

-Delegado provincial da Consellería de Innovación e Industria de Lugo ou a persoa en quen delegue

-Delegado provincial da Consellería de Innovación e Industria de Ourense ou a persoa en quen delegue.

-Delegado provincial da Consellería de Innovación e Industria de Pontevedra ou a persoa en quen delegue.

-Secretaria: a xefa de Servizo de Xestión Mineira ou a persoa en quen delegue.

3. Na proposta de concesión que formule a comisión figurarán de xeito individualizado os solicitantes propostos para obter a subvención, especificándose a avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos no artigo seguinte. Así mesmo, indicarase o importe da subvención para cada un deles, ata esgotar o crédito dispoñible.

4. No suposto de que o importe total das subvencions solicitadas sexa menor que o crédito consignado nesta orde, non será necesario convocar a comisión de valoración prevista neste artigo e otorgarase a contía máxima da subvención, por proposta do órgano xestor.

5. O resto das actuacións subvencionables quedará en reserva para seren atendidos, ben co crédito que quedase libre de producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ben co incremento do crédito orzamentario destinado a estas subvencións. Para estes efectos poderán realizarse sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado neste artigo.

6. A comisión de valoración, con carácter xeral para todos os proxectos presentados, poderá establecer límites máximos de investimento subvencionable naqueles conceptos en que xustificadamente se coide necesario, segundo criterios de máxima eficiencia na asignación de recursos.

Artigo 9º.-Criterios de valoración.

Os proxectos ou actuacións que se presenten deberán ser técnica, económica e financeiramente viables. Para a concesión das axudas valóranse en sentido decrecente os criterios que a continuación se relacionan, tendo en conta o peso relativo indicado para cada unha das actuacións subvencionables.

Modalidade A) Mellora da seguranza e saúde laboral nas explotacións mineiras e nos establecementos de beneficio (40%):

-A gravidade dos riscos que se pretenden corrixir coas actuacións proxectadas (0-20 pntos).

-A eficacia da protección contra o risco laboral na actividade mineira (0-20 puntos).

-Proxectos de mellora da seguranza que afecten o maior número de traballadores en relación co conxunto total de persoal da empresa solicitante (0-20 puntos).

-Desenvolvemento do proxecto no marco dun sistema de xestión da prevención de riscos laborais (0-15 puntos).

-Calidade técnica do proxecto (0-10 puntos).

-Antigüidade da máquina que se vaia substituír (0-10 puntos).

-Xustificación razoada da necesidade e conveniencia de realizar a actuación (0-5 puntos).

Modalidade B) Actuacións formativas sobre a prevención de riscos laborais e a seguranza mineira (30%):

-Experiencia, capacidade, solvencia técnica da entidade subcontratada que realiza o proxecto ou actuación, valorando o cadro docente dispoñible, capacitación e experiencia do persoal e cantidade dos medios empregados (0-20 puntos.)

-Primarase a formación específica sobre formación xenérica (0-40 puntos).

-Primarase a impartición no lugar de traballo fronte ás aulas (0-40 puntos).

Modalidade C) Protección das augas minerais (20%):

-Grao de adecuación ao obxecto da convocatoria (0-50 puntos.)

-Calidade e viabilidade técnica do proxecto (0-50 puntos).

Modalidade D) Calquera outro investimento que supoña a mellora preventiva das condicións de traballo (10%):

Aplicaranse os mesmos criterios que na modalidade A).

Valoraranse as solicitudes presentadas correctamente, sen que sexa necesaria a súa rectificación nin petición de documentación complementaria.

Artigo 10º.-Audiencia.

1. Instruído o procedemento e, inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, poráselles de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que coiden pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 11º.-Resolución e notificación.

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, a comisión de valoración formulará a proposta de resolución, que se elevará, a través do órgano instrutor, ao conselleiro.

2. O conselleiro, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía ou, de ser o caso, a causa de denegación.

En ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá superar o custo da actividade que desenvolve o beneficiario ou, de ser o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable legalmente establecida.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de seis meses que contarán a partir do seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Segundo dispón o artigo 24 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido no artigo 58 da Lei 30/1992, do 26 de novembro. Porén e, de conformidade co establecido no artigo 59.6º b) da devandita lei, poderase substituír a notificación individual de concesión de axuda pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Innovación e Industria, con indicación neste caso da data da convocatoria, do beneficiario, da cantidade concedida e da finalidade da subvención outorgada. As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente con indicación das causas da desestimación.

Artigo 12º.-Réxime de recursos.

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Innovación e Industria, no prazo dun mes que se contará a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses que se contarán desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa ou de seis meses que se contarán a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 13º.-Modificación da resolución.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O órgano competente para a concesión da axuda poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario. Os requisitos que deberán cumprirse para isto son os seguintes:

a) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade desta orde.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ocorrer na concesión inicial, non supuxesen a denegación total ou parcial da axuda ou subvención.

3. O beneficiario deberá solicitar a dita modificación mediante instancia dirixida ao órgano concedente, acompañada da documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos expresados no punto dous deste artigo, no prazo de 20 días hábiles antes da data límite de xustificación do investimento da correspondente anualidade.

4. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo conselleiro de Innovación e Industria logo da instrución do correspondente expediente, en que se lle dará audiencia ao interesado nos termos previstos no artigo 10º.

Artigo 14º.-Aceptación e renuncia.

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución, transcorridos quince días naturais desde a notificación ou publicación desta sen que o interesado comunicase expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario.

2. A renuncia á subvención farase axustándose ao modelo que se inclúe como anexo VI destas bases, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 9.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, o conselleiro ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1º da mesma lei.

Artigo 15º.-Obrigas dos beneficiarios.

O beneficiario da subvención queda obrigado a:

a) Realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamente a concesión da subvención.

b) Acreditar ante a entidade concedente a realización da actividade ou a adopción do comportamento, así como o cumprimento dos requisitos ou condicións que determinan a concesión da subvención. O cumprimento desta obriga de xustificación realizarase nos termos previstos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Acreditar con anterioridade a que se dite a proposta de resolución de concesión que se atopa ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguranza Social, así como que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por concepto algún, coa Administración pública da comunidade autónoma.

d) Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará o órgano concedente, así como calquera outra comprobación e control financeiro que poida realizar a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Consello de Contas e do Tribunal de Contas e, se é o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

e) Comunicar ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas así como calquera alteración producida nas xa comunicadas coa solicitude. Esta comunicación efectuarase tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

f) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, co fin de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

h) Dar a axeitada publicidade do carácter público do financiamento dos programas, actividades, investimentos ou actuacións de calquera tipo que sexan obxecto de subvención.

i) Proceder ao reintegro, total ou parcial, da subvención percibida e á exixencia do xuro de demora devengados desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia de tal reintegro, nos casos previstos no número 1 do artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

j) Así mesmo, procederá ao reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos procedentes de calquera Administración pública ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario ou, de ser o caso, a porcentaxe máxima sobre o investimento subvencionable que se estableza.

k) O procedemento de reintegro tramitarase de acordo co establecido no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

l) Non superar as porcentaxes máximas de acumulación de axudas establecidas na normativa comunitaria europea.

m) Manter os investimentos subvencionados e conservar toda a documentación relacionada coa axuda outorgada e a aplicación dos fondos recibidos durante un período de cinco anos desde a súa concesión. Esta condición non impedirá a substitución de instalacións ou equipamentos que queden obsoletos, dentro dese prazo de cinco anos, debido á rápida evolución da tecnoloxía, sempre e cando a actividade económica se manteña en Galicia durante este período mínimo.

n) Ter presentado, na delegación da Consellería de Innovación e Industria correspondente, o documento de seguranza e saúde.

Artigo 16º.-Subcontratación.

1. Os beneficiarios poderán subcontratar con terceiros a execución total ou parcial da actividade que constitúe o obxecto da subvención. Queda fóra deste concepto a contratación daqueles gastos en que teña que incorrer o beneficiario para a realización por si mesmo da actividade subvencionada.

2. A porcentaxe de subcontratación poderá chegar ao 100% do importe da actividade subvencionada.

En ningún caso poderán subcontratarse actividades que, aumentando o custo da actividade subvencionada, non acheguen valor engadido ao contido desta.

3. Cando a actividade concertada con terceiros exceda o 20 por cento do importe da subvención e o dito importe sexa superior a 60.000 euros, a subcontratación estará sometida ao cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Que o contrato se celebre por escrito.

b) Que a celebración deste a autorice previamente a entidade concedente da subvención.

4. Non poderá fraccionarse un contrato co obxecto de diminuír a contía deste e eludir o cumprimento dos requisitos exixidos no punto anterior.

5. Os contratistas quedarán obrigados só ante o beneficiario, que asumirá a total responsabilidade da execución da actividade subvencionada fronte á Administración.

6. Para os efectos do previsto no punto anterior, os beneficiarios serán responsables de que na execución da actividade subvencionada concertada con terceiros se respecten os límites que se establezan na normativa reguladora da subvención en canto á natureza e contía de gastos subvencionables e os contratistas estarán suxeitos ao deber de colaboración previsto no artigo 45 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para permitir a axeitada verificación do cumprimento dos devanditos límites.

7. En ningún caso poderá concertar o beneficiario a execución total ou parcial das actividades subvencionadas con:

a) Persoas ou entidades incursas nalgunha das prohibicións do artigo 10 da citada Lei 9/2007.

b) Persoas ou entidades que percibiron outras subvencións para a realización da actividade obxecto de contratación.

c) Intermediarios ou asesores nos cales os pagamentos se definan como unha porcentaxe do custo total da operación, a menos que o dito pagamento estea xustificado con referencia ao valor de mercado do traballo realizado ou os servizos prestados.

d) Persoas ou entidades vinculadas co beneficiario, salvo que concorran as seguintes circunstancias:

1ª. Que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado.

2ª. Que se obteña a previa autorización do órgano concedente.

e) Persoas ou entidades solicitantes da subvención nesta mesma convocatoria, que non obtiveran subvención por non reunir os requisitos ou non alcanzar a valoración suficiente.

8. Non se considerará subcontratación, para os efectos deste artigo, a adquisición de equipamentos ou instalacións chave en man.

Artigo 17º.-Justificación da subvención.

1. Para cobrar a subvención concedida, o beneficiario deberá presentar a seguinte documentación nos lugares sinalados no artigo 3º da convocatoria, tendo de prazo para presentala ata o 15 de novembro de 2009.

a) Informe técnico en que se describa a realización do proxecto ou actuación e os datos e incidencias máis significativos habidos na súa execución. Deberá incluír un resumo da execución do orzamento subvencionado segundo o modelo indicado no anexo VII, en que figuren os distintos conceptos e o importe do investimento subvencionado, o investimento realizado coa relación das facturas que a xustifican e os pagamentos realizados como consecuencia das ditas facturas.

b) Para o caso das actuacións formativas, certificación en que figure a desagregación detallada dos gastos contraídos polas actividades obxecto de subvención, expedida pola persoa responsable da entidade contratada, con poder suficiente para o efecto, o que deberá acreditarse documentalmente.

c) Documentos acreditativos do investimento ou actuación consistentes en facturas dos provedores ou documentos de valor probatorio equivalente en relación cos gastos subvencionables emitidas dentro do período comprendido entre a data de inicio do proxecto e a data límite de xustificación do proxecto. En tales facturas deberán aparecer diferenciados e desagregados os distintos conceptos subvencionables.

d) Documentos acreditativos dos pagamentos, transferencia bancaria, certificación bancaria orixinal ou extracto do pagamento comprendido entre a data de inicio do proxecto e a data límite de xustificación. Nestes documentos deberá quedar debidamente identificado o receptor e o emisor do pagamento. Non se admitirán pagamentos en efectivo, nin obrigas de pagamento cuxos cobros sexan posteriores á data límite para presentar a documentación xustificativa dos investimentos realizados.

e) As facturas en moeda estranxeira deben acompañarse de fotocopias dos documentos bancarios de cargo en que conste o troco utilizado.

f) No caso de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto, a xustificación do pagamento realizarase sempre mediante a achega do extracto bancario acompañado dun dos seguintes documentos:

I. Relación emitida polo banco dos pagamentos realizados.

II. Orde de pagamento da empresa selada polo banco.

III. Xustificante de recepción do provedor.

g) Nos gastos de persoal deberan achegarse os seguintes documentos xustificativos:

I. Contrato, nóminas, acreditación do pagamento da nómina, xustificantes do pagamento á Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TC-1 e TC-2).

II. Custo-hora de cada empregado ou bolseiro participante no proxecto e número de horas dedicadas ao proxecto por cada un deles.

III. Xustificación da obtención do custo-horario.

IV. Credenciais do bolseiro e acreditación do pagamentos dos honorarios.

h) Para todos aqueles investimentos intanxibles deberá presentarse, así mesmo, unha copia de cada un dos estudos, diagnósticos, manuais, plans, etc. que se realizasen ou desenvolvesen, así como unha copia dos certificados que se obtivesen.

i) Xustificante de axudas obtidas ou declaración das solicitadas ou que se prevé obter para o mesmo investimento en calquera outra administración, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, indicando a súa contía.

j) Certificación expedida pola entidade bancaria de titularidade da conta onde se deba realizar o pagamento, en que conste: razón social e o CIF da empresa así como o ordinal bancario, código de banco, código de sucursal e código de conta corrente.

k) Certificados acreditativos de estar ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de non ter pendente ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma e de estar ao día no imposto sobre actividades económicas.

l) Certificado de destrución emitido por centro autorizado.

2. Transcorrido o prazo indicado sen que o beneficiario presentase a documentación solicitada, poderase entender que renuncia á subvención. Neste caso, o conselleiro ditará a oportuna resolución, nos termos do artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 18º.-Pagamento.

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da consellería, antes de proceder ao seu pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

2. A percepción da axuda terá lugar unha vez que os servizos técnicos da Consellería de Innovación e Industria verifiquen a documentación xustificativa de cumprimento da realización do proxecto subvencionado e dos requisitos e condicións establecidos para a súa concesión. Así mesmo, para as subvencións de capital superiores aos 60.000 euros, destinadas a investimentos en activos tanxibles, o órgano xestor correspondente emitirá informe de comprobación material do investimento. Esta comprobación material poderá encomendárselle a outro órgano distinto do que conceda a subvención.

3. Excepcionalmente, esta comprobación material poderase substituír por unha xustificación documental que constate de forma razoable e suficiente a realización da actividade subvencionada, tal e como recolle o artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. O lugar ou lugares de impartición dos cursos de formación subvencionados, a data e o horario, deberán ser notificados á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, con polo menos quince días de antelación, co obxecto de poder realizar un seguimento adecuado da execución destes.

5. No caso de que o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto e sempre que isto non supoña unha realización deficiente do proxecto, a axuda reducirase proporcionalmente mantendo constante a porcentaxe de subvención respecto ao investimento.

6. Non poderá realizarse o pagamento da subvención mentres o beneficiario non se atope ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguranza Social ou sexa debedor por resolución de procedencia de reintegro.

Artigo 19º.-Incumprimento, reintegros e sancións.

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20º.-Control.

1. A Consellería de Innovación e Industria poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 21º.-Publicidade.

No prazo máximo de tres meses, que se contarán desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Porén o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 €, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería de Innovación e Industria.

Artigo 22º.-Remisión normativa.

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, sen prexuízo do disposto na disposición derrogatoria única da devandita Lei 9/2007. Así mesmo, observarase o disposto na normativa básica da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento. Ademais, o disposto no Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis (DOCE L 379/5, do 28 de decembro) e no resto de normativa que resulte de aplicación.

Ver referencia pdf "03500D006P031.PDF"