DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Xoves, 19 de febreiro de 2009 Páx. 3.474

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

ORDE do 30 de decembro de 2008 pola que se aproba definitivamente a modificación puntual 14 (cambio de titularidade dunha parcela do sistema xeral asistencial pública) do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Ourense.

O Concello de Ourense, ao abeiro do artigo 85.5º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, (en diante, LOUG), remite o expediente de referencia solicitando a súa aprobación definitiva.

Antecedentes:

I.1. O Concello de Ourense dispón de Plan Xeral de Ordenación Municipal, aprobado definitivamente o 29 de abril de 2003.

I.2. O ámbito de actuación está situado dentro da delimitación da área de planeamento incorporado API-07-E, que se corresponde co antigo sector de solo urbanizable programado A6 do Plan Xeral de Ordenación Urbana de 1986.

A modificación puntual formulada polo concello ten un dobre obxecto:

-Por unha banda, cambiar o actual uso público docente e deportivo e a titularidade pública dunha parcela, para cualificala como asistencial de titularidade privada pero de uso público, co fin de posibilitar a realización dun centro de atención á terceira idade dependente da Xunta de Galicia.

-Por outra banda, corrixir os defectos materiais da área de planeamento incorporado API-07-E detectados nos planos de ordenación 16R, 17R, 16S e 17S, referentes ao deficiente trazado das vías, afectando a unha zona verde de carácter local, e á deficiente rotulación do nome da zona.

I.3. A tramitación da modificación puntual foi a seguinte:

-O Concello Pleno, en sesión ordinaria de data 7 de marzo de 2008, aprobou inicialmente a modificación puntual 14 do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Ourense. A aprobación inicial foi publicada nos xornais La Región e La Voz de Galicia o 18 de marzo de 2008. Tamén foi publicada no DOG nº 88, do 8 de maio de 2008. Segundo certifica o xefe do Servizo de Urbanismo accidental do Concello de Ourense, durante o período de exposición ao público dun mes non se presentaron alegacións.

-O Pleno do Concello, en sesión extraordinaria do día 13 de xuño de 2008, aprobou provisionalmente a modificación puntual 14 (cambio de titularidade dunha parcela do sistema xeral asistencial pública) do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Ourense.

-A Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible, na súa Decisión do 25 de xuño de 2008, resolveu que non é necesario someter a modificación puntual ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica da Lei 9/2006, do 28 da abril.

I.4. Por afectar a zonas verdes previstas polo planeamento vixente, a modificación foi sometida á Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, que o 23 de xullo de 2008 emitiu informe favorable, coa condición de que se compense, no ámbito afectado, a redución da superficie da zona verde que se produce coa alteración das vías.

I.5. En sesión plenaria do 7 de novembro de 2008 o Concello de Ourense aprobou as emendas demandadas polo informe da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia.

II. Consideracións e fundamentación:

II.1. A Dirección Xeral de Urbanismo elevou un informe-proposta con data 30-12-2008, que se subscribe nos seus xustos termos, e no que se fan as seguintes consideracións para os efectos da aprobación definitiva do expediente de referencia:

-A modificación puntual do plan xeral xustifícase principalmente pola necesidade de cambiar o actual uso público docente e deportivo, e a titularidade pública da citada parcela, para cualificala como asistencial de titularidade privada, pero de uso público, xa que a titularidade pública presenta problemas no momento da cesión á Consellería de Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia para poder realizar un centro de atención a terceira idade, debendo pasar o ben demanial a patrimonial. Tamén se xustifica a modificación puntual pola necesidade de corrixir os erros detectados no API-07-E. Estas razóns pódense encadrar entre as que expresa o artigo 94.1 da LOUG.

-Na modificación proposta prodúcese unha diminución da superficie dos espazos libres públicos do sistema local situados ao sur da zona de equipamentos, motivada polo aumento do largo da vía situado ao leste da zona verde, que pasa de 20,00 m a 25,75 m, que recolle o actual trazado da vía Cesáreo González, no seu día executada con maior largo. Conforme o indicado no informe da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia do 23-7-2008, esta redución (1.150 m2 de superficie) queda compensada coa correspondente cualificación como zonas verde local de tres parcelas denominadas EL-1, EL-2 e EL-4 (cunha superficie total de 1.171 m2).

II.2. De conformidade cos artigos 89 e 93.4º da LOUG, e co artigo 1 do Decreto 188/2008, do 28 de agosto, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva das modificacións do planeamento xeral correspóndelle á Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes.

III. Resolución:

Visto canto antecede, de acordo co artigo 85.5 a) da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, aprobase definitivamente a modificación puntual 14 (cambio de titularidade dunha parcela do sistema xeral asistencial pública) do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Ourense, aprobada provisionalmente polo concello o 7 de novembro de 2008.

De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente.

Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2008.

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas

e Transportes