DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Mércores, 18 de febreiro de 2009 Páx. 3.412

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 12 de febreiro de 2009, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se aproban e se fan públicas as listaxes definitivas de admitidos e excluídos do proceso selectivo de consolidación de emprego para o ingreso na agrupación profesional de persoal subalterno da Xunta de Galicia.

En virtude da Resolución do 27 de novembro de 2008, da Dirección Xeral da Función Pública, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 236, do 4 de decembro, aprobáronse as listaxes provisiorias de admitidos e excluídos do proceso selectivo de consolidación de emprego para o ingreso na agrupación profesional de persoal subalterno da Xunta de Galicia.

Unha vez transcorrido o prazo regulamentario para a presentación de emendas sobre as ditas relacións de admitidos e excluídos, de conformidade co artigo 12 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e na base I.4.2. das que rexen o proceso selectivo convocado pola Orde do 4 de xullo de 2009, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 130, do 7 de xullo, esta dirección xeral

RESOLVE:

Aprobar as listaxes definitivas de admitidos e excluídos do proceso selectivo de consolidación de emprego para o ingreso na agrupación profesional de persoal subalterno da Xunta de Galicia.

A listaxe definitiva de aspirantes excluídos figura publicada como anexo a esta resolución.

A listaxe definitiva de aspirantes admitidos estará exposta nos taboleiros de anuncios da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, nos das súas delegacións provinciais, no Servizo de Información Administrativa e Atención ao Cidadán en Santiago de Compostela, no Servizo de Información dos edificios administrativos da Xunta de Galicia en Vigo e Ferrol, nas oficinas comarcais da Xunta de Galicia en Vigo e Ferrol e tamén poderá consultarse a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia (www.xunta.es).

A Administración devolverá de oficio o importe ingresado en concepto de dereitos de exame a aqueles/as aspirantes definitivamente excluídos que, de acordo coa base I.3, realizaron o pagamento con certificado dixital ou DNI electrónico ou ben fixeron constar na súa solicitude o número de conta para estes efectos. Para a devolución do importe ingresado por aqueles/as outros/as aspirantes que non fixeron constar eses datos e figuren nesta resolución como excluídos/as será necesaria a presentación dun escrito en que o/a interesado/a faga constar o número de conta, a entidade bancaria e a localidade desta ou dun certificado expedido pola entidade en que figuren eses datos. Esta documentación deberá ser presentada no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta resolución poderarse interpoñer recurso potestativo de reposición ante a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, ou poderase interpoñer directamente recurso contencioso administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, de conformidade co disposto no artigo 8.2º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, en relación co artigo 10.1º do mesmo texto legal.

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2009.

Mª Mar Rodríguez Fernández

Directora xeral da Función Pública

Ver referencia pdf "03400D029P128.PDF"