DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Mércores, 18 de febreiro de 2009 Páx. 3.402

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 11 de febreiro de 2009 pola que se convoca o concurso para a provisión de postos de traballo vacantes na Administración especial nas escalas de axentes fotestais e axentes facultativos ambientais da Xunta de Galicia.

Segundo establece o artigo 29 do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia, o concurso constitúe o sistema normal de provisión de postos de traballo vacantes na Administración.

Esta consellería, de conformidade co establecido no citado decreto lexislativo, no Decreto 93/1991, do 20 de marzo, e demais normas concordantes, acorda convocar este concurso de méritos para a provisión dos postos de traballo vacantes na Administración especial nas escalas de axentes forestais, creada pola Lei 12/1992, do 9 de novembro, e axentes facultativos ambientais, creada pola Lei 2/2000, do 21 decembro, da Xunta de Galicia e modificada pola Lei 15/2006, do 27 de decembro, e dotados orzamentariamente que se relacionan no anexo I desta orde de conformidade coas seguintes

Bases

I. Requisitos de participación.

I.1. Só poderán participar neste concurso os funcionarios/as das escalas de axentes forestais e axentes facultativos ambientais da Xunta de Galicia ou análogas doutras administracións públicas, así como aqueloutros funcionarios da Administración especial da Xunta de Galicia sempre que reúnan os requisitos exixidos para desempeñar os postos a que se opta, conforme o especificado en cada caso no anexo I desta convocatoria.

I.2. Non poderán participar aqueles funcionarios/as que leven menos de dous anos desempeñando un posto con carácter definitivo por concurso a non ser por supresión do posto, de conformidade co disposto no artigo 29 do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo.

Aos funcionarios que accedesen a un corpo por promoción interna e permanecesen no posto de traballo que desempeñaban, computaráselles o tempo de servizos prestados neste posto no corpo de procedencia, para os efectos do disposto no parágrafo anterior.

Ademais, tampouco poderán participar aqueles funcionarios en destino provisorio como consecuencia da resolución dos procesos selectivos convocados.

I.3. Están obrigados a participar neste concurso os/as funcionarios/as das escalas de axentes forestais e axentes facultativos ambientais da Xunta de Galicia que estean en situación de destino provisorio nela, como consecuencia do reingreso ao servizo activo, e reúnan os requisitos exixidos nesta convocatoria e anexos correspondentes, todo isto de conformidade e cos efectos previstos no artigo 61 do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia.

Os/as funcionarios/as que cesaron nun posto de traballo obtido por libre designación ou ben por supresión do seu posto ou removidos dos obtidos por concurso, adscritos provisionalmente a un posto de traballo, teñen a obriga de participar neste concurso, segundo o establecido no artigo 20 do Decreto 93/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna.

I.4. Poderanse solicitar por orde de preferencia as vacantes que se inclúen no anexo I desta orde, sempre que se reúnan as condicións exixidas nel.

I.5. Así mesmo, os/as funcionarios/as das escalas de axentes forestais e axentes facultativos ambientais da Xunta de Galicia que o desexen poderán solicitar os postos que resulten vacantes como consecuencia da resolución deste concurso, especificando a súa preferencia de acordo cos seguintes datos:

-Localidade (só se poderán solicitar tres localidades e a adxudicación do posto farase polo código que teña na relación de postos de traballo que estea en vigor no momento da publicación desta orde).

-Nivel do posto de traballo a que opte (especificando o nivel mínimo que se solicita).

Os postos resultantes adxudicaranse de acordo coas puntuacións obtidas de conformidade co baremo que rexe neste concurso.

I.6. Unha vez transcorrido o período de presentación de instancias, as solicitudes formuladas serán vinculantes para o peticionario e os destinos adxudicados serán irrenunciables, salvo que se obtivese outro destino mediante convocatoria pública antes de rematar o prazo de toma de posesión.

II. Valoración de méritos:

A valoración dos méritos para a adxudicación dos postos de traballo efectuarase conforme o seguinte baremo:

II.1. Antigüidade:

Servizos prestados nas administracións públicas:

Por cada ano ou fracción superior a 6 meses de servizos como funcionario/a de carreira: 0,15 puntos.

Puntuación máxima desta epígrafe: 4,5 puntos.

Para estes efectos computaranse os recoñecidos polo órgano competente que se prestasen con anterioridade á condición de funcionario.

II.2. Grao persoal consolidado.

Polo nivel 12 de grao consolidado: 1,40 puntos.

Por cada unidade de nivel que exceda os 12: 0,20 puntos.

Puntuación máxima desta epígrafe: 4 puntos.

No suposto en que os funcionarios non teñan consolidado ningún grao persoal ou este sexa inferior a 12 computarase, para os efectos de puntuación nesta epígrafe, o nivel mínimo correspondente ao intervalo de niveis do grupo do corpo ou da escala a que pertenza o funcionario. No caso dos funcionarios excedentes, computáraselles como grao persoal consolidado aquel que tivese consolidado no grupo desde o que concurse.

II.3. Valoración do traballo desenvolvido, permanencia e medidas de conciliación e de igualdade de xénero:

1. A valoración do traballo desenvolvido efectuarase de acordo cos seguintes criterios:

Só se computarán os traballos desenvolvidos nos últimos cinco anos como funcionario/a de carreira nos distintos grupos.

A valoración efectuarase da seguinte forma:

a) Por cada ano ou fracción superior a 6 meses de traballo desenvolvido, sempre que o posto solicitado sexa inferior ao posto desempeñado en máis de dous niveis: 0,60 puntos.

b) Por cada ano ou fracción superior a 6 meses de traballo desenvolvido, cando o posto desempeñado e o solicitado teñan igual nivel ou o posto solicitado sexa inferior ao posto desempeñado ata dous niveis: 0,50 puntos.

c) Por cada ano ou fracción superior a 6 meses de traballo desenvolvido, sempre que o posto solicitado sexa de nivel superior ao desempeñado: 0,40 puntos.

2. Permanencia (no posto desde o que se participa, como funcionario/a de carreira):

Por permanecer no mesmo posto: 0,15 puntos por cada ano ou fracción superior a seis meses.

Exclúense desta puntuación, de ser o caso, aqueles anos que correspondan aos dous de permanencia obrigatoria tras obter a praza de que se trate por concurso.

Os que se atopen na situación de adscrición provisoria e os que participen desde un posto obtido polo sistema de libre designación terán o mesmo tratamento que os que o fagan desde un posto obtido por concurso.

Para os efectos anteriores (valoración do traballo desenvolvido e permanencia), os servizos prestados na situación de comisión de servizos puntuaranse como realizados no posto de orixe do funcionario/a.

3. Medidas de conciliación e de igualdade de xénero:

3.1. Coa finalidade de conciliar a vida laboral e familiar dos funcionarios públicos, outorgaranse 0,5 puntos aos/ás funcionarios/as participantes para os postos solicitados situados na localidade onde teña o seu destino definitivo como funcionario/a público o seu cónxuxe ou parella de feito, sempre que o solicitante teña destino nunha localidade distinta á que pretenda acceder. Esta circunstancia acreditarase do seguinte xeito:

a) Certificado de matrimonio ou acreditación de ser parella de feito.

b) Certificado expedido polo xefe de servizo de persoal do centro directivo onde o cónxuxe ou parella de feito preste servizos, acreditando que este/a é funcionario/a de carreira con indicación do posto e a localidade onde teña o seu destino con carácter definitivo segundo o anexo II.

3.2. Valorarase con 0,01 puntos por mes ou fracción de mes para os/as participantes no concurso que, sexan mulleres ou sexan homes, estean utilizando ou utilizasen, nos cinco anos anteriores ao remate do prazo de presentación de solicitudes, unha excedencia para o coidado de familiares, ata o máximo de 0,6 puntos totais. Esta circunstancia, de ser funcionario/a da Xunta de Galicia apreciarase de oficio.

Puntuación máxima desta epígrafe: 5,5 puntos.

II.4. Cursos de formación e perfeccionamento e titulación académica.

II.4.1.Por cursos organizados e impartidos directamente pola Escola Galega de Administración Pública, Fegas, Academia Galega de Seguridade, INAP, escolas oficiais de formación das restantes comunidades autónomas, universidades, INEM, Dirección Xeral de Formación Ocupacional da Consellería de Traballo e os cursos de formación continua do AFCAP (Acordo de Formación Continua das Administracións Públicas), que a seguir se sinalan:

-Cursos de procedemento administrativo e de seguranza e saúde laboral para todos os postos.

-Cursos de informática: internet, correo electrónico, aplicacións ofimáticas: office, word, power point, excel, access, así como aplicación técnicas sobre manexo de GPS e sistemas de información xeográfica: Arcview, OziExplorer ou similares.

-Cursos que traten de lexislación ambiental, sensibilización ambiental, conservación da natureza, espazos protexidos, tomas de mostras, aproveitamento dos recursos naturais, forestais, cinexéticos e piscícolas de augas continentais, montes, pragas forestais e os relacionados cos incendios forestais.

Así mesmo, puntuaranse os cursos dos idiomas oficiais da Unión Europea, organizados e impartidos directamente polos organismos anteriormente indicados.

A valoración dos cursos farase de acordo cos seguintes criterios:

-Por cada curso igual ou superior a 15 horas lectivas e ata 40 horas lectivas: 0,30 puntos por curso.

-Por cada curso superior a 40 horas lectivas e igual ou inferior a 75: 0,50 puntos por curso.

-Por cada curso superior a 75 horas lectivas: 1 punto por curso.

Non se valorarán tanto os cursos que non acrediten as horas de duración como os inferiores a quince horas lectivas.

Valoraranse os cursos dos idiomas oficiais da Unión Europea, organizados e impartidos directamente polas escolas oficiais de idiomas (enténdese por curso ano superado), puntuándose 1 punto por curso.

Non se valorarán os diplomas relativos á realización de xornadas, seminarios, simposios e similares.

Puntuación máxima da epígrafe II.4.1.: 3 puntos.

II.4.2. Titulación académica:

-Graduado en ESO ou equivalente: 0,20 puntos.

-Bacharel ou equivalente: 0,40 puntos.

-Enxeñeiro técnico, diplomado universitario, arquitecto técnico ou equivalente: 0,60 puntos.

-Licenciado universitario, arquitecto, enxeñeiro ou equivalente: 0,80 puntos.

-Título de doutor: 1 punto.

Puntuación máxima da epígrafe II.4.2: 1 punto.

Valorarase unha soa titulación académica, sempre que sexa distinta á requirida para o ingreso ao corpo desde o que se concurse, e sexa de igual ou superior nivel académico.

Para os efectos de equivalencia de titulación só se admitirán as establecidas polo Ministerio de Educación e Ciencia con carácter xeral e válidas a todos os efectos (debendo citar a continuación a disposición en que se establece a equivalencia e o BOE en que se publica).

Puntuación máxima da epígrafe II.4: 4 puntos.

II.5. Grao de coñecemento do idioma galego.

Curso de Celga 3 ou iniciación ao galego: 1 punto.

Curso de Celga 4 ou perfeccionamento de galego: 2 puntos.

Linguaxe administrativa, nivel medio de linguaxe administrativa local galega ou de linguaxe xurídica galega, os ciclos elemental e superior dos estudos de galego das escolas oficiais de idiomas: 3 puntos.

En caso de acreditar máis dun grao de coñecemento de galego, só se computará o superior.

O coñecemento do idioma galego só será obxecto de valoración nesta epígrafe.

Só se lles concederá validez, no que se refire á acreditación do coñecemento do galego, aos cursos, estudos ou titulacións homologadas polo órgano competente en materia de política lingüística.

Puntuación máxima da epígrafe II.5: 3 puntos.

II.6. Polo grupo a que pertence o funcionario e desde o que participa no concurso outorgaranse os seguintes puntos:

Por pertencer ao grupo C1 (antigo grupo C): 3 puntos.

Por pertencer ao grupo C2 (antigo grupo D): 2 puntos.

II.7. A orde de prioridade para a adxudicación das prazas determinarase pola puntuación obtida de acordo co baremo anterior.

Todos os méritos recollidos na base II computaranse ata a data de finalización do prazo de presentación de instancias.

En caso de empate nas puntuacións acudirase para dirimilo á outorgada polos méritos alegados seguindo a orde establecida nas diferentes epígrafes desta base.

De persistir o empate, resolverase pola orde alfabética do primeiro apelido, e de ser igual polo segundo, a partir da letra resultante no sorteo que tivo lugar o día 29 de xaneiro de 2009 (DOG nº 24, do 4 de febreiro). En último lugar resolveríase por sorteo entre os implicados.

II.8. A puntuación mínima para poder adxudicar os postos que se ofertan nesta convocatoria é a que para cada un deles se especifica no anexo I.

III. Solicitudes.

III.1. As solicitudes para tomar parte neste concurso dirixiranse á directora xeral da Función Pública da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. O modelo de solicitude estará á disposición de todos/as os/as que desexen participar no concurso na páxina web da Xunta de Galicia (www.xunta.es). Despois de premer a modalidade de solicitude elixida, os/as aspirantes deberán cubrir todos os datos que aparecen en pantalla e posteriormente validalos e confirmalos. A solicitude deberá presentarse no prazo de quince días contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, nos rexistros xerais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, nas súas delegacións provinciais e oficinas comarcais da Xunta de Galicia, así como nos lugares previstos no artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

III.2. Os funcionarios con algunha discapacidade poderán instar, no caso de que lles fora adxudicado algún dos postos solicitados, a adaptación de medios materiais para o desempeño do dito posto, e a comisión de valoración poderá reclamarlle ao interesado, mediante entrevista, a información que considere precisa para a adaptación aducida, e igualmente, se é o caso, de consideralo oportuno, o ditame correspondente.

III.3. No suposto de estar interesados nas vacantes que se anuncian neste concurso para a mesma localidade dous funcionarios que reúnan os requisitos exixidos, poderán condicionar a súa petición, por razóns de convivencia familiar, aínda que pertenzan a distintos corpos ou escalas, ao feito de que ambos os dous obteñan destino na mesma localidade, entendéndose en caso contrario anulada a petición efectuada por ambos os dous. Os funcionarios que se acollan a esta petición condicional deberán concretalo na súa instancia e achegar unha fotocopia da petición doutro funcionario.

III.4. Unha vez transcorrido o período de presentación de instancias non poderá renunciarse ás solicitudes formuladas e estas serán vinculantes para o peticionario e os destinos adxudicados serán irrenunciables, tanto no que se refire á base I.4 como á I.5, salvo que se obteña outro destino mediante convocatoria pública antes de rematar o prazo de toma de posesión.

III.5. Todo o proceso correspondente a este concurso poderá consultarse a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia (http://www.xunta.es/).

III.6. En relación á base II.3.3.1 terá que achegarse xunto coa solicitude de participación no concurso, a xustificación documental correspondente que naquela base se sinala segundo se establece no anexo II.

IV. Documentación/xustificación de méritos e demais circunstancias:

Os méritos e demais circunstancias persoais valoraranse con referencia á data do peche de presentación da solicitude de participación e achegaranse á Administración a través dos rexistros sinalados na base III.1 segundo o establecido nas seguintes epígrafes:

IV.1. Funcionarios con destino definitivo na Xunta de Galicia:

A Dirección Xeral da Función Pública remitiralles aos participantes no concurso de traslados unha clave para consultar os datos relativos ao seu expediente persoal do Rexistro Central de Persoal (RCP). Este envío efectuarase mediante SMS ou correo electrónico sinalado polo/a interesado/a na solicitude de participación no concurso.

No suposto de que chegado o día 16 de marzo de 2009 algún/ha interesado/a non teña recibido esta clave, a partir do día seguinte poderá dirixirse á Dirección Xeral da Función Pública mediante fax solicitando que a clave lle sexa enviada do xeito sinalado no parágrafo anterior.

Do 25 de marzo ao 8 de abril de 2009 os participantes no concurso de traslados deberán actuar do seguinte xeito:

1.1. No suposto de estar conforme cos datos consultados o interesado validará este documento asinándoo e remitíndoo á Dirección Xeral da Función Pública. Estes datos serán os que se teñan en conta pola comisión de valoración do concurso para a adxudicación dos postos de traballo solicitados.

1.2. No suposto de desconformidade con algún dos datos por que se considere que poidan ser erróneos ou incompletos, o interesado deberá formalizar o impreso de emenda que aparece na páxina web sinalada. Este documento unha vez impreso deberá ser certificado, de ser o caso, polas unidades que a seguir se relacionan:

-Servizos periféricos: secretario/a ou, se é o caso, funcionario responsable da área de persoal das delegacións provinciais/territoriais da consellería respectiva, ou dos seus organismos autónomos.

Para tal efecto o interesado acompañará a documentación xustificativa das modificacións que propón para que pola unidade sinalada se emita certificación, de ser o caso, validando as correccións oportunas segundo o modelo que estableza a Dirección Xeral da Función Pública.

O participante no concurso deberá remitir á Dirección Xeral da Función Pública ata o 17 de abril de 2009 o orixinal do certificado unha vez asinado pola unidade de persoal correspondente. Os datos reflectidos na certificación serán os que teña en conta a comisión de valoración do concurso para a adxudicación dos postos de traballo solicitados.

Calquera certificación ou validación que non reúna os requisitos establecidos no parágrafo anterior ou enviada polo interesado fóra do prazo establecido, terase por non presentada.

IV.2. Funcionarios doutras administracións públicas:

A Dirección Xeral da Función Pública remitiralles aos participantes no concurso de traslados mediante SMS ou correo electrónico unha clave para poder ter acceso á xeración do seu impreso de certificación.

No suposto de que chegado o día 16 de marzo de 2009 algún interesado/a non teña recibido esta clave, a partir do día seguinte poderá dirixirse á Dirección Xeral da Función Pública mediante fax solicitando que a clave lle sexa enviada do xeito sinalado no parágrafo anterior.

Do 25 de marzo ao 8 de abril de 2009 os solicitantes actuarán do seguinte xeito:

O participante no concurso deberá acceder á páxina web xunta.es coa súa clave persoal e cubrir o impreso de certificación cos datos relativos á súa vida administrativa.

Unha vez impreso este documento, remitirase aos servizos de persoal competentes para certificar, xunto coa documentación acreditativa debidamente cotexada de todos os datos sinalados nel.

As unidades de persoal asinaran este impreso sempre e cando os datos reflectiados polo interesado estean debidamente acreditados, en caso contrario devolveraselle o impreso sen asinar e o interesado deberá xerar un novo impreso de certificación coas modificacións pertinentes que deberá presentar novamente ás unidades de persoal para a súa sinatura.

O participante no concurso deberá remitir á Dirección Xeral da Función Pública ata o 17 de abril de 2009 o orixinal do certificado unha vez asinado pola unidade de persoal correspondente, e así mesmo, toda a documentación debidamente cotexada acreditativa dos datos que no certificado se recollen. Os datos reflectidos na certificación serán unicamente os que teña en conta a comisión de valoración do concurso para a adxudicación dos postos de traballo solicitados.

Calquera certificación que non reúna os requisitos establecidos no parágrafo anterior ou enviada polo interesado fóra do prazo establecido, terase por non presentada.

V. Listaxe de admitidos e excluídos.

V.1. Expirado o prazo de presentación de instancias, a Dirección Xeral de Función Pública ditará resolución que se publicará no Diario Oficial de Galicia en que se declarará aprobada a lista de admitidos e excluídos con indicación do lugar en que se atopan expostas.

V.2. Os excluídos disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da resolución, para poder emendar, de ser o caso, o defecto que motivase a exclusión. O formulario de reclamación estará á disposición dos interesados na páxina web da Xunta de Galicia (www.xunta.es), e deberá presentarse no rexistro xeral da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, nas delegacións provinciais e oficinas comarcais da dita consellería, ou nos lugares previstos no artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Para tal efecto a estimación ou desestimación das ditas peticións de emendas entenderanse implícitas na resolución pola que se publique a listaxe definitiva.

Unha vez transcorrido o dito prazo, a Dirección Xeral da Función Pública ditará resolución definitiva, contra a que se poderá interpoñer recurso potestativo de reposición ante a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou poderase interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo perante o xulgado do contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

VI. Comisión de valoración.

VI.1. A valoración dos méritos alegados polos concursantes para a adxudicación dos postos de traballo vacantes será efectuada pola comisión de valoración que prevé o artigo 12 do Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna coa composición establecida nel. Esta comisión terá a categoría primeira das previstas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, e será nomeada polo órgano convocante. Os acordos da comisión adoptaranse por maioría dos seus membros.

VI.2. Poderá nomearse máis dunha comisión de valoración cando iso fose necesario polo número de solicitantes.

Neste suposto corresponderalle á comisión de valoración número un resolver cantas consultas, interpretacións, criterios de valoración e de unificación poidan presentarse nas comisións sobre as normas que rexen o concurso, así como a coordinación das restantes comisións e recibir os expedientes destas relativos ás correspondentes valoracións do concurso, e elevar a proposta para a adxudicación da totalidade das prazas.

VI.3. A/s comisión/s poderán dispoñer a incorporación aos seus traballos de asesores, para aquelas tarefas que o requirisen. A proposta de designación destes faraa a comisión número un, procedendo o órgano convocante ao seu nomeamento.

VI.4. A proposta de adxudicación dos postos de traballo ofertados recaerá en todo caso sobre o concursante que obtivese maior puntuación, conforme o baremo establecido na base II, así como, se é o caso, conforme os criterios de desempate fixados na base II.7.

VI.5. Unha vez efectuada a proposta provisional da comisión de valoración para a adxudicación dos destinos farase pública no Diario Oficial de Galicia mediante unha resolución da Dirección Xeral da Función Pública da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Os concursantes poderán formular as oportunas reclamacións, se é o caso, contra a dita resolución ante esta dirección xeral no prazo de dez días hábiles a partir do seguinte ao da publicación, que se presentarán no rexistro xeral da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, nas delegacións provinciais e oficinas comarcais da dita consellería, ou nos lugares previstos no artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. O formulario de reclamación estará á disposición dos interesados na páxina web da Xunta de Galicia (www.xunta.es).

VI.6 Examinadas e resoltas pola/s comisión/s as reclamacións, se é o caso presentadas, procederase a elevar proposta definitiva de resolución do concurso, que será resolta por unha orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, que se publicará no Diario Oficial de Galicia e na que figurarán os destinos adxudicados a cada un dos participantes.

Para tal efecto a estimación ou desestimación das reclamacións entenderanse implícitas na citada orde.

VII. Adxudicación de destinos.

VII.1. Os destinos adxudicados serán irrenunciables, salvo que con anterioridade á finalización do prazo posesorio se obteña outro destino mediante convocatoria pública, ben polo procedemento de libre designación ou por concurso, en que poderán optar por un dos dous, estando obrigados a lle comunicar por escrito nos tres días seguintes a opción realizada á Dirección Xeral da Función Pública.

VII.2. Os traslados que se deriven da resolución deste concurso terán a consideración de voluntarios; en consecuencia non xerarán dereito á indemnización.

VIII. Toma de posesión.

A toma de posesión en todos os postos adxudicados como consecuencia da realización deste concurso efectuarase a partir da data que se faga constar na orde de resolución deste, desde a que se iniciará o cómputo dos prazos posesorios establecidos no artigo 14 do Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna.

IX. Recursos.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante esta mesma consellería, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou poderase interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2009.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

Ver referencia pdf "03400D027P118.PDF"

Ver referencia pdf "03400D029P128.PDF"