DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Mércores, 18 de febreiro de 2009 Páx. 3.388

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

FONDO GALEGO DE GARANTÍA AGRARIA

RESOLUCIÓN do 11 de febreiro de 2009 pola que se regula o procedemento para a concesión das axudas para a subministración aos alumnos de centros escolares de leite e determinados produtos lácteos e se convocan para o ano 2009.

O Regulamento (CE) nº 1234/2007, do Consello, do 22 de outubro, crea unha organización común de mercados agrícolas e establece disposicións específicas para determinados produtos agrícolas (Regulamento único para as OCM), no seu artigo 102.3º prevé unha axuda comunitaria para a subministración aos alumnos de centros escolares de determinados produtos lácteos transformados.

O Regulamento (CE) nº 657/2008, da Comisión, do 10 de xullo, establece as disposicións de aplicación do antedito regulamento, no que atinxe á concesión dunha axuda comunitaria para a subministración de leite e de determinados produtos lácteos aos alumnos de centros escolares.

As modalidades de aplicación da axuda á subministración de leite e produtos lácteos aos alumnos de centros escolares establécense no Real decreto 194/2002, do 15 de febreiro.

Esta resolución regula na súa sección I as bases reguladoras para a tramitación e concesión das axudas para a subministración aos alumnos de centros escolares de leite e determinados produtos lácteos e na súa sección II, a convocatoria das axudas para o ano 2009.

Ademais, ten en conta o procedemento para a tramitación e concesión de axudas nesta comunidade autónoma, de conformidade co previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño (DOG nº 121, do 25 de xuño) de subvencións de Galicia, así como no que resulta da aplicación, a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o Decreto 132/2006, do 27 de xullo, que regula os rexistros públicos de axudas, subvencións e convenios e de sancións administrativas, creados en virtude dos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da comunidade autónoma de Galicia para o ano 2006.

Segundo a Lei 7/1994, do 29 de decembro, de creación do Fondo Galego de Garantía Agraria -Fogga- (denominado así en virtude da disposición adicional quinta da Lei 7/2002, do 27 de decembro, de medidas fiscais e de réxime administrativo -DOG nº 251, do 30 de decembro-), o Decreto 128/1996, do 14 de marzo, que a desenvolve, e o Decreto 562/2005, do 1 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Fondo Galego de Garantía Agraria, correspóndelle ao dito organismo, entre outras funcións, a execución da política da consellería en relación coas accións derivadas da aplicación da Política Agrícola Común (PAC) e a concesión de axudas para o funcionamento das distintas organizacións comúns de mercados na Comunidade Autónoma de Galicia.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, en aplicación da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no uso das facultades previstas no artigo 2 da devandita Lei 7/1994,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta resolución establece na súa sección I o procedemento para a concesión na Comunidade Autónoma de Galicia das axudas para a subministración aos alumnos de centros escolares de leite e de produtos lácteos transformados recollidos no anexo I desta resolución, de conformidade co previsto no artigo 102.3º do Regulamento (CE) nº 1234/2007, do Consello, do 22 de outubro, e no Regulamento (CE) nº 657/2008, da Comisión, do 10 de xullo, así como no Real decreto 194/2002, do 15 de febreiro; e na súa sección II a convocatoria das ditas axudas para o ano 2009.

Sección primeira

Bases reguladoras

Artigo 2º.-Beneficiarios.

1. Serán beneficiarios da axuda os alumnos que asistan regularmente aos centros ou establecementos escolares, recoñecidos polas autoridades competentes, que pertenzan aos niveis de ensino:

a) Educación infantil, incluídas gardarías e outros establecementos de educación preescolar.

b) Educación primaria.

c) Educación secundaria, que comprenderá a educación secundaria obrigatoria, o bacharelato e a formación profesional de grao medio.

2. Os beneficiarios gozarán da axuda unicamente durante os días lectivos de desenvolvemento do curso escolar. O número de días lectivos, sen engadir os días de vacacións, será o establecido na comunidade autónoma pola autoridade competente e no caso de centros de educación infantil poderá facerse extensiva aos días lectivos notificados polo centro escolar dos meses estivais.

Os alumnos non se poderán beneficiar da axuda durante a súa estadía en colonias de vacacións organizadas polo centro escolar ou pola autoridade competente.

3. A axuda concederáselle a un solicitante autorizado conforme as disposicións do artigo 7º, para a subministración dos produtos lácteos previstos no anexo I.

Artigo 3º.-Produtos lácteos que se subvencionan e restricións.

1. A axuda concederase, exclusivamente, para os produtos lácteos a que se refire o anexo I, cando se consuman nas dependencias do establecemento escolar.

A concesión da axuda estará supeditada a que a vantaxe que representa repercuta directamente nos alumnos dos establecementos escolares.

2. Para tal efecto, non se poderán utilizar os produtos obxecto de subvención na confección de comidas.

Ademais, prohíbese a utilización dos produtos obxecto de subvención no servizo de cafetaría dos centros escolares, así como a subministración nos devanditos centros a través de catering, cociñas centrais, comedores colectivos, residencias de estudantes ou outros establecementos e sistemas semellantes.

3. Os produtos recollidos na lista do anexo I terán que cumprir os requisitos do Regulamento (CE) nº 852/2004 e do Regulamento (CE) nº 853/2004 e, en particular, os relativos á preparación nun establecemento autorizado así como os de marcación de identificación especificados na sección I do anexo II do Regulamento (CE) nº 853/2004.

Artigo 4º.-Contía da axuda.

1. Os importes das axudas por cada 100 quilos de produto de cada categoría serán os especificados no anexo VI.

2. Non obstante o anterior, no suposto de que a axuda sexa superior ao prezo de venda aplicado polo provedor con anterioridade á dedución da axuda, esta minorarase, de xeito que se garanta que non supere o prezo do produto en cuestión.

3. No caso de que as cantidades de produtos subministrados se expresen en litros, a súa conversión en quilogramos efectuarase mediante a aplicación dun coeficiente de 1,03.

4. Coa finalidade de que a axuda repercuta directamente nos alumnos dos establecementos escolares, a respectiva resolución de convocatoria das axudas fixará no caso de que varíe nese curso escolar, o prezo máximo que deberá pagar o alumno para os diferentes produtos que se subvencionan, de acordo co custo medio da materia prima e as modificacións que, se é o caso, se produzan na contía da axuda.

Artigo 5º.-Cantidade máxima que se subvenciona.

1. A axuda concederase pola cantidade máxima global de 0,25 litros de equivalente de leite por alumno e día lectivo.

Para a aplicación da cantidade máxima indicada no parágrafo anterior teranse en conta o número de días lectivos e o número de alumnos que asisten regularmente ao centro durante o período comprendido por unha solicitude de pagamento, e tendo en conta o coeficiente mencionado no número 3 do artigo 4º desta resolución.

2. No caso dos produtos das categorías II, III e V previstas no anexo I, o cálculo sinalado no número anterior efectuarase con base nas seguintes equivalencias:

a) 100 kg de produto da categoría II equivalen a 90 kg de leite.

b) 100 kg de produto da categoría III equivalen a 300 kg de leite.

c) 100 kg de produto da categoría V equivalen a 765 kg de leite.

Artigo 6º.-Solicitantes da axuda.

Poderán solicitar a axuda:

a) O centro escolar.

b) Unha autoridade educativa para os alumnos que teña baixo a súa xurisdición.

c) O provedor dos produtos.

d) Unha organización que actúe en nome dun ou máis centros escolares e que estea constituída especificamente para tal fin.

Artigo 7º.-Autorización como solicitante de axuda de leite para escolares.

1. Os solicitantes de axudas que pretendan subministrar produtos lácteos por primeira vez a centros escolares situados na Comunidade Autónoma de Galicia, deberán de ser autorizados polo director do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga). Os que xa obtivesen a autorización en anos anteriores deberán solicitar a validación. En ambos os casos presentarán o anexo II desta resolución antes do 31 de xullo de cada ano, asumindo os compromisos que figuran no dito anexo.

2. Para o caso de que a subministración se realice por primeira vez, xunto coa presentación do dito anexo II, o provedor dos produtos achegará a seguinte documentación:

a) Certificación acreditativa de estar ao día no cumprimento das súas obrigas fiscais, coa Seguridade Social e de non ter débedas contraídas coa Xunta de Galicia.

b) Memoria técnica de todas as instalacións de produción e distribución, se é o caso, e/ou almacenamento.

c) Certificado da inscrición no Rexistro Xeral Sanitario de Alimentos.

d) Certificación de inscrición no Rexistro de Industrias Agrarias.

e) Copia compulsada da escritura de constitución da sociedade e das súas modificacións.

f) Documento oficial que acredite suficientemente a representación do solicitante.

g) Certificado do rexistro oficial correspondente de todos os asentos.

h) Fotocopia do DNI do solicitante e do NIF do provedor.

No caso de que o solicitante da axuda non sexa un provedor, só deberá presentar a memoria das instalacións para a conservación e almacenaxe do leite e dos produtos lácteos que se van subministrar.

3. De producirse cambios na documentación referida no número anterior, o solicitante terá a obriga de comunicalo no prazo dun mes desde que estes se producisen.

4. Á vista da solicitude e documentación presentadas, o director do Fogga resolverá no prazo de tres meses desde a súa presentación, entendéndose estimadas por silencio positivo aquelas que non sexan resoltas e notificadas no devandito prazo.

5. A autorización poderá ser suspendida, por un período de un a doce meses, ou retirada, polo director do Fogga, en calquera momento, atendendo á gravidade da infracción, polo incumprimento dalgún dos compromisos asumidos polo solicitante autorizado ou pola existencia das irregularidades previstas no artigo 11º desta resolución, logo de ponderar as circunstancias que concorran en cada caso. No suposto de retirada, transcorrido un período mínimo de, polo menos, doce meses, poderá concederse unha nova autorización, por instancia do interesado, logo de valorar os antecedentes que motivaron a retirada da anterior.

Artigo 8º.-Inicio da subministración a centros escolares.

1. Os solicitantes autorizados de acordo co establecido no artigo 7º comunicarán no servizo provincial do Fogga onde radiquen os centros escolares correspondentes, o inicio da subministración segundo o modelo de anexo III, xunto cunha relación na que figuren os datos correspondentes ao/os centro/s escolar/es, axustada ao modelo de anexo III-C, acompañada da aceptación de compromisos e da certificación de datos de cada centro, de acordo cos anexos III-A e III-B.

2. No prazo de quince días desde a dita comunicación, o servizo provincial correspondente do Fogga, á vista da documentación achegada, validará expresamente o inicio da subministración con efectos do día seguinte ao da comunicación do seu inicio.

No caso de non validarse expresamente entenderase que se incumpren os requisitos exixidos, polo que o solicitante autorizado perderá o dereito ao pagamento da axuda.

3. Os datos relativos á matrícula e número de alumnos que figuran no certificado de datos do centro poderanse incorporar posteriormente, pero en todo caso antes da solicitude do primeiro pagamento.

Artigo 9º.-Condicións xerais para o pagamento da axuda.

1. Os solicitantes autorizados solicitarán o pagamento da axuda conforme os modelos previstos nos anexos IV e V desta resolución, ante os servizos provinciais do Fogga, ou por calquera dos modos previstos no artigo 38º.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

2. A periodicidade da solicitude de pagamento será mensual e abranguerá o período de subministración dun mes.

3. O prazo de presentación das solicitudes rematará o último día do terceiro mes seguinte ao da subministración dos produtos. Non obstante, admitiranse as solicitudes presentadas no cuarto e quinto mes seguinte, reducíndose o seu importe nun 5% se o atraso é igual ou inferior a un mes, e nun 10% se é superior a un mes pero inferior a dous.

4. Coas solicitudes de pagamento da axuda achegaranse:

-As correspondentes facturas (orixinal ou copia compulsada), que reflectirán, por separado, o custo total de cada produto subvencionado (base impoñible máis IVE) e o importe da axuda, así como unha proba do seu pagamento.

-O certificado ou recibo do centro escolar das cantidades efectivamente subministradas.

-O certificado do centro escolar do número de alumnos matriculados por nivel de ensino, número de alumnos participantes na liña de axuda e días lectivos referidos ao período da solicitude de pagamento.

Artigo 10º.-Controis e sancións.

O Fogga establecerá un plan de controis por período comprendido entre o 1 de agosto e o 31 de xullo co obxecto de garantir o cumprimento da normativa aplicable a esta liña de axuda, de acordo co establecido no artigo 15 do Regulamento (CE) nº 657/2008.

Para tal efecto realizaranse dous tipos de controis:

a) Control administrativo.

b) Control sobre o terreo.

O control administrativo será de aplicación a todas as solicitudes de axuda, e comprobará:

1. Que a cantidade pola que solicita a axuda é acorde co número de alumnos e os días lectivos.

2. Que os prezos non superan o máximo autorizado.

3. Que as facturas conteñen a información requirida, e están canceladas ou acompañadas de proba de pagamento.

4. Que a axuda solicitada está correctamente calculada.

5. Que os produtos subvencionados son os incluídos no anexo I.

Os controis sobre o terreo realizaranse nas instalacións do solicitante da axuda, así como nos centros escolares co obxecto de comprobar:

1. Que a repercusión da axuda recae no beneficiario.

2. Que os produtos subvencionados son os previstos no anexo I.

3. As condicións que debe reunir o solicitante da axuda.

4. Rexistros específicos de subministración detallados por produto e centro.

5. Rexistros de contabilidade financeira.

6. No caso de centro escolar:

a) Comprobar a colocación do cartel sobre distribución europea de leite en centros escolares.

b) Datos referidos ao centro (matrícula, comedor, procedemento de distribución).

Estes controis abranguerán polo menos un 5% dos solicitantes. Cando o número de solicitantes é inferior a 100 o control realizarase nas instalacións de cinco solicitantes, se o número é inferior a 5 someterase ao control o 100% de solicitantes.

Nos casos en que o solicitante non sexa un centro escolar o control sobre o terreo verase complementado por controis sobre o terreo realizados nas instalacións do 1% dos centros escolares mencionados na lista do solicitante cun mínimo de 2.

Os controis levaranse a cabo ao longo do período comprendido entre o 1 de agosto e o 31 de xullo e abranguerán un período correspondente polo menos aos 12 meses anteriores.

Os controis serán realizados por persoal do Fogga debidamente autorizado que elaborará de cada control un informe en que se precisarán os distintos elementos controlados.

Sen prexuízo do disposto no artigo 7º, en caso de fraude o solicitante ademais da devolución dos importes pagados indebidamente, de conformidade co artigo 14º pagará un importe equivalente á diferenza entre o importe pagado inicialmente e o importe ao que o solicitante ten dereito.

Artigo 11º.-Irregularidades.

1. A existencia de irregularidades na calidade dos produtos subministrados, se é o caso, ou distribución incorrecta a todos os alumnos participantes (lugar, horario, forma, distribuidor e produto); ou a utilización dos produtos durante a estadía dos alumnos en colonias de vacacións, o incumprimento dos prezos máximos vixentes, a superación das cantidades máximas de consumo por alumno e día lectivo, os erros cometidos na facturación e/ou na contabilidade, a falsidade de datos, a desviación dos produtos do seu destino e, en xeral, calquera impedimento, total ou parcial, para que a axuda repercuta directamente en beneficio dos alumnos, poderá implicar a suspensión ou retirada da autorización ou, se é o caso, a proposta de suspensión ou retirada, de acordo co previsto no número 5 do artigo 7º desta resolución, sen prexuízo das responsabilidades de calquera tipo en que puidesen incorrer os responsables do centro escolar, APA e o provedor.

2. Sen prexuízo do anterior, a existencia de calquera irregularidade na execución na liña de axuda de leite escolar prevista nesta resolución poderá dar lugar á denegación ou minoración da axuda solicitada.

3. As medidas previstas nos dous números anteriores non se aplicarán nos supostos de forza maior, así como nos casos en que se determine que as irregularidades non se cometeron deliberadamente ou por neglixencia, sen prexuízo dos apercibimentos e inspeccións que correspondan.

Artigo 12º.-Tramitación e resolución das solicitudes de axuda.

1. Efectuados os controis pertinentes, os servizos provinciais do Fogga elevarán a oportuna proposta, a través da delegación provincial, ao director do Fogga, sobre as solicitudes presentadas, para que este dite a correspondente resolución.

2. O prazo máximo de resolución e pagamento das axudas será de tres meses desde que a solicitude de axuda entrou no servizo provincial do Fogga.

3. A falta de resolución expresa no prazo anterior, as solicitudes presentadas entenderanse desestimadas por silencio administrativo.

Artigo 13º.-Modificación da resolución de concesión.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas previstas nesta resolución e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O importe da axuda concedida non poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas, supere o custo dos produtos obxecto de subvención.

Artigo 14º.-Reintegro da axuda.

Procederá reintegro, total ou parcial, do importe da axuda e máis os xuros de mora producidos desde o seu pagamento, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en todo caso, nos supostos previstos na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 15º.-Recursos administrativos.

1. Contra as resolucións ditadas en aplicación desta resolución polo director do Fogga poderase interpoñer un recurso de alzada ante o presidente do dito organismo, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co disposto nos artigos 107, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Se a resolución non fose expresa, o prazo será de tres meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio administrativo.

Artigo 16º.-Obriga de facilitar información.

Ademais da documentación complementaria que, durante a tramitación do procedemento, lle poidan exixir os órganos correspondentes do Fogga, os beneficiarios da liña de axuda de leite escolar teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida polos órganos dependentes do organismo pagador, pola Intervención Xeral da comunidade autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lle sexa solicitada por calquera órgano comunitario de inspección ou control.

Artigo 17º.-Publicidade sobre a distribución de leite e produtos lácteos nos centros escolares.

Os centros escolares que distribúan leite e produtos lácteos de acordo con esta resolución elaborarán un cartel que se axuste aos requisitos mínimos establecidos no Regulamento (CE) nº 657/2008 e que se reflicten no anexo VIII desta resolución e que estará exposto permanentemente na entrada principal dos centros nun lugar onde se poida ver e ler claramente.

Sección segunda

Convocatoria para o ano 2009 das axudas para a subministración de leite e produtos lácteos aos alumnos de centros escolares

Artigo 18º.-Condicións e finalidade.

As axudas que, por esta resolución se convocan para o ano 2009, concederanse pola subministración, a través dun solicitante autorizado, dos produtos lácteos transformados sinalados no anexo I desta resolución, aos alumnos que asistan regularmente aos centros escolares, de conformidade co previsto nos artigos 2º e 3º da sección I da antedita resolución pola que se establecen as bases reguladoras desta axuda.

Artigo 19º.-Autorización como subministrador de produtos subvencionados.

1. Os solicitantes que queiran participar na liña de axuda de leite escolar deberán solicitalo ao Fondo Galego de Garantía Agraria, segundo o modelo que figura no anexo II desta resolución, antes do 31 de xullo de 2009, ao abeiro do disposto no artigo 7º da devandita resolución.

2. Para o caso de que a subministración se realice por primeira vez, xunto coa presentación do devandito anexo II, os solicitantes deberán xuntar a documentación referida no artigo 7º desta resolución.

Artigo 20º.-Inicio da subministración.

Os solicitantes autorizados comunicarán o inicio da subministración de produtos lácteos a centros escolares e asumirán os correspondentes compromisos, segundo o disposto no artigo 8º desta resolución.

Artigo 21º.-Solicitudes de pagamento.

As solicitudes de pagamento presentaranse na forma e prazo dispostos no artigo 9º desta resolución, e nos servizos provinciais do Fogga, ou por calquera dos modos previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 22º.-Prezos máximos.

De conformidade co establecido no artigo 4º.4 desta resolución, o prezo máximo que deberá pagar o alumno para os diferentes produtos que se subvencionan será o indicado no anexo VII desta resolución.

Artigo 23º.-Financiamento.

1. Esta convocatoria financiase con cargo á aplicación orzamentaria 11.90.713F.779.0 do orzamento de gastos do Fogga para 2009, por importe de 300.000 euros.

2. En todo caso, a concesión das axudas condicionarase á existencia de crédito axeitado e suficiente e limitarase ás dispoñibilidades orzamentarias, debendo procederse á tramitación do oportuno expediente de xeración e ampliación de crédito, no caso de que a cantidade inicialmente consignada no resulte suficiente.

Disposicións adicionais

Primeira.-Sen prexuízo do previsto no artigo 11º desta resolución, seralles de aplicación aos beneficiarios das axudas reguladas nesta resolución o réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións previsto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Segunda.-As solicitudes formuladas ao abeiro da Resolución do 20 de decembro de 2007 que aínda estean pendentes de resolución, poderán terse en conta na convocatoria para o ano 2009; e a tramitación dos expedientes continuará no trámite en que se encontraban á finalización do exercicio 2008.

A concesión e pagamento das axudas á subministración de leite e produtos lácteos prevista nesta resolución que se teñan que efectuar no exercicio seguinte realizaranse con cargo ao orzamento de gastos do Fogga dese exercicio na aplicación orzamentaria sinalada no artigo 23º desta resolución.

Terceira.-A esta resolución resultaralle de aplicación o Regulamento (CE) nº 1234/2007, do Consello, do 22 de outubro, polo que se establece a organización común de mercados agrícolas, o Regulamento (CE) nº 657/2008, da Comisión, do 10 de xullo, que establece as modalidades de aplicación do antedito Regulamento (CE), o Real decreto 194/2002, do 15 de febreiro, polo que se fixan as modalidades de aplicación da axuda á subministración de leite e de determinados produtos lácteos, a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Cuarta.-Nos termos establecidos no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Fogga publicará no DOG as axudas concedidas agás no suposto previsto no artigo 15.2º c) en que poderá utilizarse outros procedementos para darlle publicidade. En calquera caso, de conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería do Medio Rural publicará na súa páxina web oficial as concesións das axudas reguladas nesta resolución, polo que a presentación da solicitude de axuda leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Quinta.-De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como as sancións impostas, de ser o caso.

Disposición derrogatoria única

Queda derrogada a Resolución do 20 de decembro de 2007 pola que se regulaba o procedemento para a concesión das axudas para a subministración aos alumnos de centros escolares de leite e determinados produtos lácteos.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e será de aplicación desde o 1 de xaneiro de 2009.

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2009.

Edelmiro López Iglesias

Director do Fondo Galego de Garantía Agraria

ANEXO I

Lista de produtos que poden beneficiarse da axuda comunitaria

Categoría I.

a) Leite tratado termicamente.

b) Leite tratado termicamente con chocolate, zume de froitas ou aromatizado, que conteña polo menos un 90% en peso do leite indicado na letra a) e cun máximo dun 7% de azucre engadido ou mel.

c) Produtos lácteos fermentados con ou sen zume de froitas, aromatizados ou non, que conteñan polo menos un 90% en peso do leite indicado na letra a) e cun máximo dun 7% de azucre engadido ou mel.

Categoría II.

Produtos lácteos fermentados, aromatizados ou non, con froitas, que conteñan polo menos un 80% en peso do leite indicado na categoría I, letra a), e cun máximo dun 7% de azucre engadido ou mel.

Categoría III.

Queixos frescos e transformados, aromatizados ou non, que conteñan polo menos un 90% en peso de queixo.

Categoría V.

Queixos, aromatizados ou non, que conteñan polo menos un 90% en peso de queixo e que non entren na categoría III.

Ver referencia pdf "03400D026P104.PDF"

Ver referencia pdf "03400D027P118.PDF"

ANEXO VIII

Requisitos mínimos que debe de cumprir o cartel sobre distribución europea de leite nos centros escolares

Tamaño do cartel: A3 ou maior.

Tamaño das letras: 1 centímetro ou maiores.

Título: distribución europea de leite nos centros escolares.

Contido: deberá figurar, polo menos, a seguinte frase, tendo en conta a categoría do centro escolar:

«O/A noso/a [categoría de centro escolar (por exemplo, gardaría/centro de preescolar/colexio)] subministra produtos lácteos subvencionados pola Unión Europea dentro do réxime europeo de distribución de leite nos centros escolares».

Recoméndase resaltar as vantaxes nutritivas e dar directrices nutricionais para os/as nenos/as.

Colocación: nun lugar claramente visible e que sexa lexible na entrada principal do centro escolar.