DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Mércores, 18 de febreiro de 2009 Páx. 3.376

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

AXENCIA GALEGA DAS INDUSTRIAS CULTURAIS

RESOLUCIÓN do 30 de xaneiro de 2009 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para o desenvolvemento e produción de contidos interactivos en lingua galega e se convocan para o ano 2009.

A Axencia Galega das Industrias Culturais -Agadic-, no exercicio das súas competencias de fomento e promoción no ámbito da innovación tecnolóxica e a cultura en Galicia, é consciente do peso relevante da industria de contidos interactivos para a diversidade cultural, a innovación tecnolóxica e o desenvolvemento económico da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei 6/1999, do 1 de setembro, do audiovisual de Galicia, considera o sector audiovisual como estratéxico, sinalando a necesidade de que se establezan instrumentos para o fomento das actividades profesionais da sociedade da información e os contidos interactivos, como estas subvencións dirixidas ao fomento do desenvolvemento e a produción de proxectos interactivos en lingua galega.

Mediante esta resolución, a Axencia Galega das Industrias Culturais establece as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para o desenvolvemento e produción de contidos interactivos en lingua galega, co fin de fomentar o desenvolvemento das industrias culturais e das novas tecnoloxías da información na nosa comunidade autónoma e de contribuír ao cumprimento das tarefas que a Lei do audiovisual lle atribúe ao sector na normalización da lingua galega.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Convocatoria e bases reguladoras.

1. Por esta resolución establécense as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión das subvencións da Axencia Galega das Industrias Culturais para o desenvolvemento e produción de contidos interactivos en lingua galega, que se inclúen como anexo I.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as devanditas subvencións para o ano 2009.

Artigo 2º.-Financiamento e concorrencia.

1. Para a concesión das subvencións destinarase un crédito global de 350.000 €, orzado na aplicación 12.A1.432B.770.0, dos cales 150.000 € corresponden á anualidade de 2009 e 200.000 € á de 2010, e que poderán ser incrementados como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte de aplicación dos criterios do artigo 8 das bases reguladoras.

2. A axuda que se vai conceder asume a forma de subvención a fondo perdido, e o importe das subvencións concedidas non poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas a través doutras administracións públicas, supere o custo total do orzamento do proxecto ou as porcentaxes máximas de financiamento, segundo o tipo de proxectos establecidos nas bases reguladoras.

3. Así mesmo, o importe da subvención non poderá exceder, xunto coas demais axudas amparadas pola cláusula de minimis percibidas polo beneficiario no último período de tres anos fiscais, o límite de 200.000 euros.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

1. Para poder ser beneficiario das subvencións, deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 3 das bases reguladoras.

2. A solicitude de subvención (anexo II) e os anexos que a acompaña (III, IV e V) poderanse obter a través do enderezo da internet www.axenciaaudiovisualgalega.org.

Artigo 4º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse preferentemente no Rexistro da Axencia Galega das Industrias Culturais, no rexistro xeral de servizos centrais da Xunta de Galicia ou por calquera dos restantes medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Aquelas empresas que na anualidade de 2008 lle solicitasen estas axudas á Consellería de Cultura e Deporte poderán achegar unha declaración responsable de que se manteñen invariables as circunstancias a que se refiren os documentos sinalados como a), b), c) e d) do artigo 3.2º das bases reguladoras que constan en poder da Consellería de Cultura e Deporte, e esta considerarase presentada.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5º.-Prazo de duración do procedemento de concesión.

1. Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras.

2. Para os efectos establecidos no artigo 42.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes aos proxectos recollidos nesta resolución será de tres meses, contados a partir do día seguinte á publicación desta convocatoria.

Artigo 6º.-Prazo de xustificación das subvencións.

1. O prazo de xustificación para as subvencións de carácter anual rematará o 31 de outubro de 2009.

2. Os prazos de xustificación das correspondentes anualidades para as subvencións de carácter plurianual rematarán nas seguintes datas:

Anualidade de 2009: 31 de outubro de 2009.

Anualidade de 2010: 31 de outubro de 2010.

Artigo 7º.-Información aos interesados.

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia Galega das Industrias Culturais da Consellería de Cultura e Deporte, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería (http://culturaedeporte.xunta.es/), na súa epígrafe de axudas e trámites.

b) O teléfono 981 57 50 00.

c) O enderezo electrónico www.axenciaaudiovisualgalega.org.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación para o desenvolvemento.

Facúltase o director da Axencia Galega das Industrias Culturais para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta resolución.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2009.

Ánxela Bugallo Rodríguez

Presidenta do Consello de Dirección da Axencia Galega das Industrias Culturais

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para o desenvolvemento e produción de contidos interactivos en lingua galega

Artigo 1º.-Obxecto e réxime das subvencións.

1. Poderán ser obxecto de subvencións desta convocatoria os proxectos de desenvolvemento e produción de contidos dixitais interactivos en lingua galega.

Enténdense por contidos dixitais interactivos as producións constituídas por un conxunto de informacións representadas en múltiples soportes expresivos (texto, son, imaxe estática ou en movemento e codificadas dixitalmente).

Admítense proxectos para a internet, televisión dixital interactiva, consolas de videoxogos e dispositivos móbiles. Non se admitirán proxectos que non sexan en rede agás para os videoxogos, nin se admitirán obras de consulta, ferramentas e servizos de software, proxectos institucionais ou webs corporativas, traducións de produtos existentes ou contidos meramente informativos.

Mediante esta actividade búscanse novos proxectos tractores do uso da sociedade da información entre a cidadanía galega, favorecer o acceso da cidadanía á rede mediante o incremento de contidos relacionados coa lingua e cultura propia, e reforzar a industria galega de produción de contidos dixitais interactivos, innovadores e de calidade, fomentando a creatividade e a innovación das ditas empresas.

2. En ningún caso se subvencionarán proxectos que difundan contidos nocivos. Para os efectos destas bases, enténdese por contidos nocivos aqueles que fan un uso exaxerado e gratuíto da violencia física, psíquica e verbal; os que non respecten o dereito das persoas, a súa propia intimidade e imaxe; e os que inculquen expresións ou testemuñas vexatorias ou lesivas pola condición persoal dos individuos.

Tamén se considerarán contidos nocivos aqueles que presenten as mulleres como inferiores en dignidade humana en función do seu xénero e como meros obxectos sexuais, así como calquera contido que incite ou banalice a violencia de xénero.

3. Serán obxecto de subvencións as seguintes modalidades de proxectos:

3.1. Proxectos de desenvolvemento de contidos interactivos.

Enténdese por desenvolvemento de proxectos de contidos interactivos o conxunto de operacións previas á preprodución dunha obra interactiva: a adquisición de dereitos, os traballos de investigación, o deseño da estrutura, escrita e análise do guión, a selección de membros principais do equipo, identificación das ferramentas tecnolóxicas e software específico, a preparación do orzamento estimado de produción e plan financeiro, a procura de socios e coprodutores, a planificación da produción, o plan inicial de márketing e explotación da obra, etc.

O importe máximo de subvención que poderán acadar este tipo de proxectos será de 15.000 € e, en todo caso, non poderá superar o 50% dos custos do proxecto.

3.2. Proxectos de produción de contidos interactivos.

Enténdese por proxectos de produción de contidos interactivos aqueles que teñan como soporte e medio de realización as novas tecnoloxías, segundo as características enunciadas no número 1 deste artigo. O importe máximo de subvención que poderán acadar será de 90.000 € e, en todo caso, non poderá superar o 40% dos custos do proxecto.

4. En todos os casos, o importe que se vai xustificar será o correspondente ao total dos custos do proxecto.

5. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, e quedará suxeito ao Regulamento (CE) 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do tratado das axudas de minimis.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios destas subvencións todas as persoas físicas ou xurídicas inscritas como empresas de contidos interactivos legalmente constituídas que teñan a sede efectiva da súa actividade ou algún centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia. No caso de proxectos que se realicen en réxime de coprodución, distribuirase proporcionalmente o importe da subvención en función da súa porcentaxe de participación.

2. En calquera caso, a consideración dos proxectos como incentivables estará supeditada ás necesidades de apoio que se desprendan das súas condicións económico-financeiras e do seu impacto na actividade económica da comunidade autónoma.

3. Non poderán acceder ás subvencións os solicitantes que se encontren afectados por algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º e 10.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Así mesmo, quedan excluídos aqueles solicitantes que fosen beneficiarios de axudas nas convocatorias de axudas da Consellería de Cultura e Deporte nos anos 2007 e 2008 e incumprisen as bases ou a finalidade establecida na súa convocatoria, sempre e cando foran sancionados por tales circunstancias.

Artigo 3º.-Solicitudes.

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión das subvencións presentaranse na forma e prazo que se indiquen na convocatoria.

2. As solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación administrativa:

a) Copia compulsada do DNI do representante ou solicitante.

b) Copia compulsada do documento público do poder notarial, co que actúa o representante, debidamente inscrito no Rexistro Mercantil.

c) Copia compulsada do documento público da constitución legal da empresa e inscrición no Rexistro Mercantil na Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Copia compulsada da tarxeta de identificación fiscal.

e) Copia compulsada do documento acreditativo de estar ao día no pagamento do imposto de actividades económicas ou acreditación da exención do pagamento do citado imposto.

f) Memoria da empresa, conforme o modelo recollido no anexo.

g) Copia compulsada da declaración do imposto de sociedades e da declaración de operacións con terceiras persoas correspondentes aos exercicios 2007 e 2008. No caso da declaración de operacións con terceiras persoas do exercicio 2008, a presentación deberase realizar nos 15 días seguintes á finalización do prazo de presentación ante a Axencia Estatal de Administración Tributaria.

h) Documentación compulsada e acreditativa de que o proxecto é obra orixinal e/ou de posuír os dereitos suficientes do guión, obra literaria ou calquera outro medio que requira a obtención de dereitos ou opción de compra sobre eles.

i) Declaración de solicitudes efectuadas ou subvencións concedidas para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas ou entes públicos ou privados de carácter nacional ou internacional, durante os dous exercicios fiscais anteriores e no actual, de acordo coa normativa reguladora das axudas de minimis establecida no Regulamento 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro.

j) Certificación orixinal expedida pola entidade bancaria da titularidade da conta onde se debe realizar o pagamento, na que conste: ordinal bancario, código de banco, código da sucursal e código da conta corrente.

De xeito voluntario, o solicitante poderá facer unha prelación para os proxectos e solicitudes presentados a esta convocatoria.

3. Ademais da documentación anterior, achegaranse seis exemplares encadernados coa seguinte documentación técnica:

3.1. Nos proxectos de desenvolvemento:

a) Nome do proxecto.

b) Tipo de proxecto: internet, televisión dixital interactiva, videoxogos e dispositivos móbiles.

c) Memoria explicativa do proxecto, cunha extensión mínima de dez páxinas (aproximadamente 25.000 caracteres).

d) Historial creativo, profesional e financeiro da empresa produtora.

e) Relación dos membros do equipo técnico-artístico, con cartas de interese que acrediten a súa participación no proxecto.

f) Cronograma do proceso de desenvolvemento do proxecto.

g) Orzamento desagregado do proxecto de desenvolvemento.

h) Calquera outra documentación que o solicitante considere pertinente para a mellor defensa do proxecto.

3.2. Nos proxectos de produción:

a) Nome do proxecto.

b) Tipo de proxecto: internet, televisión dixital interactiva, videoxogos e dispositivos móbiles.

c) Memoria explicativa do proxecto, cunha extensión mínima de dez páxinas (aproximadamente 25.000 caracteres).

d) Historial creativo, profesional e financeiro da empresa produtora.

e) Relación dos membros do equipo técnico-artístico, con cartas de interese que acrediten a súa participación no proxecto.

f) Cronograma de produción: calendario de produción, mantemento e seguimento.

g) Orzamento desagregado do proxecto de produción.

h) Calquera outra documentación que o solicitante considere pertinente para a mellor defensa do proxecto.

i) Documentación técnica do proxecto:

-Sinopse.

-Aspectos gráficos e estilísticos.

-Tratamento.

-Interface.

-Controis do xogo (só para os xogos).

-Identificación dos procesos de transcoding (para móbiles).

-Personaxes (só para aqueles proxectos de animación non convencional ou xogos).

-Obxectos (só para os xogos).

-Diagrama de navegación do proxecto.

-Estrutura do proxecto.

-Fases e pantallas do proxecto.

-Linguaxe de programación e estándares utilizados.

-Licenzas utilizadas e licenzas dos produtos finais.

-Nivel de accesibilidade W3C-WAI (proxectos da internet).

j) Plan de financiamento, con expresión das contribucións doutras entidades, organismos ou institucións e documentalmente acreditado: acordos de coprodución, prevendas ou cartas de compromiso, no seu defecto, que inclúan a porcentaxe e o importe das súas participacións.

k) Calquera outra documentación gráfica ou interactiva que o solicitante considere pertinente para a mellor defensa do proxecto.

Artigo 4º.-Consentimentos e autorizacións.

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras. De conformidade co artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión da subvención comportará a autorización ao director da Agadic para solicitar as certificacións de non ter débedas coa Administración pública da comunidade autónoma, así como de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social. Estes requisitos deberán acreditarse, de ser o caso, antes de efectuar a proposta de resolución, así como da tramitación dos pagamentos, ao abeiro do disposto nos artigos 20.4º e 31.7º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, respectivamente.

Non obstante, se por razóns técnicas ou doutra índole estes certificados non puidesen ser obtidos polo órgano xestor, poderánselle requirir ao interesado.

2. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Agadic publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

3. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos.

Artigo 5º.-Órganos competentes.

A Dirección da Agadic será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das subvencións, correspondéndolle á Presidencia do Consello de Dirección da Agadic ditar a resolución de concesión da subvención.

Artigo 6º.-Instrución dos procedementos.

1. De conformidade co establecido no artigo 20.5º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requiriráselle ao interesado que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderáselle requirir ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na que se indicarán as causas desta.

Artigo 7º.-Comisión de valoración.

1. Para a avaliación dos proxectos presentados constituirase unha comisión de valoración que será nomeada polo director da Agadic, e que será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, así como de propoñer a concesión ou denegación das subvencións aos interesados.

2. A comisión de valoración estará formada por expertos independentes nomeados pola Dirección da Agadic e será presidida polo seu director ou persoa en quen delegue. Da comisión formarán parte catro vogais, profesionais de recoñecido prestixio nas diferentes áreas e funcións dos contidos interactivos, actuando como secretario unha persoa designada polo director da Agadic, pertencente ao cadro de persoal da Agadic con voz e sen voto.

Os membros das comisións de expertos declararán por escrito non ter relación cos solicitantes ou, se é o caso, cos partícipes das persoas xurídicas solicitantes na correspondente convocatoria anual.

3. As decisións do comité de expertos especificarán a avaliación que lles corresponde en aplicación dos criterios de avaliación e asignarán as cantidades específicas para cada proxecto, ata esgotar o crédito dispoñible, e respectando as porcentaxes máximas de investimento subvencionable en función das diferentes modalidades e posibilidades de financiamento.

4. O resto das actuacións subvencionables quedará en reserva para seren atendidas ben co crédito que quedase libre de producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ben co incremento dos créditos orzamentarios destinados a estas subvencións.

Artigo 8º.-Criterios de valoración.

Na valoración realizada pola comisión de valoración teranse en conta os seguintes criterios (máximo 100 puntos):

a) A calidade, creatividade e orixinalidade do proxecto: ata 20 puntos.

b) O grao de innovación tecnolóxica e singularidade do proxecto: ata 10 puntos.

c) A contribución ao desenvolvemento de contidos dixitais relacionados coa lingua e cultura galega: ata 10 puntos.

d) O relativo á accesibilidade, á interoperabilidade, a utilización de estándares abertos e o compromiso de liberar a totalidade ou parte dos contidos mediante licenzas tipo creative commons ou copy left que garantan o acceso público a eles: ata 10 puntos.

e) A viabilidade do proxecto (cobertura acreditada do financiamento, distribución, plan de comercialización e amortización, etc): ata 15 puntos.

f) A participación de responsables de equipos técnico-artísticos ou empresas de servizos galegas e a contribución ao fomento do emprego nos sectores audiovisual e TIC en Galicia: ata 15 puntos.

g) Historial creativo e potencial da empresa para levar adiante o proxecto: ata 10 puntos.

h) Historial do equipo técnico-artístico principal: ata 10 puntos.

Artigo 9º.-Resolución e notificación.

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, a comisión de valoración formulará a proposta de resolución, que se enviará, a través do órgano instrutor, á presidencia do Consello de Direción da Agadic.

2. A Presidencia do Consello de Dirección da Agadic, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada, e expresará, cando menos, o proxecto que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía, ou, se é o caso, a causa da denegación.

3. O prazo máximo para resolver e notificarlle a resolución ao interesado será de seis meses contados a partir do seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que se ditase resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59.6º b) da indicada lei, no caso das subvencións concedidas poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web www.axenciaaudiovisualgalega.org.

Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada. As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas da desestimación.

Artigo 10º.-Réxime de recursos.

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente resolución de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderanse interpoñer os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Presidencia do Consello de Dirección da Axencia Galega das Industrias Culturais, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

Artigo 11º.-Modificación da resolución.

A alteración substancial das condicións definitorias do proxecto consideradas para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, que non estivesen recollidas no plan de financiamento presentado en cumprimento do artigo 3º destas bases reguladoras poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 12º.-Aceptación e renuncia.

1. Os beneficiarios deberán enviar unha ficha do proxecto debidamente cuberta para a súa publicación na páxina web da Agadic, segundo o modelo do anexo IV.

2. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución de concesión, transcorridos dez días hábiles desde a notificación ou publicación desta sen que o interesado comunicase expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario.

A renuncia á subvención poderá facerse axustándose ao modelo que se inclúe como anexo III, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

No caso de que se comunicase a renuncia, a dirección da Agadic ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1º da devandita lei.

Artigo 13º.-Obrigas dos beneficiarios.

1. Sen prexuízo das obrigas dispostas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os beneficiarios das subvencións quedarán obrigados a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o que foron concedidos. As producións subvencionadas deberán axustarse fielmente ao proxecto presentado. Calquera alteración relevante do proxecto, cambio de título, modificación substancial de contidos ou trocos nos responsables do equipo técnico deberalle ser notificada con anterioridade á Axencia Galega das Industrias Culturais, que adoptará as medidas que considere procedentes.

2. Os beneficiarios deberanlle comunicar á Axencia Galega das Industrias Culturais a data de inicio e finalización da produción subvencionada, que deberán estar comprendidas dentro do período subvencionable, así como da súa estrea, nun prazo non inferior aos quince días anteriores ou posteriores ás datas de referencia.

3. Na futura documentación do proxecto (materiais de promoción e distribución) e nos títulos de crédito da produción resultante, páxina web... farase constar que recibiu unha subvención ao desenvolvemento ou produción por parte da Axencia Galega das Industrias Culturais, seguindo a normativa de imaxe corporativa da Xunta de Galicia.

4. Os beneficiarios danlle autorización expresa á Axencia Galega das Industrias Culturais para a utilización da produción subvencionada nas súas actividades de promoción e difusión.

Artigo 14º.-Xustificación da subvención.

1. O beneficiario deberá presentar no Rexistro da Axencia Galega das Industrias Culturais, tendo de prazo ata a data indicada na correspondente convocatoria, a conta xustificativa da realización do proxecto subvencionado, que conterá:

1.1. Para os proxectos de desenvolvemento: memoria final.

a) Dúas copias do proxecto cos contidos en galego.

b) Unha demo interactiva co borrador do proxecto desenvolvido.

c) O contrato definitivo co guionista ou guionistas.

d) Xustificante de inscrición do proxecto no Rexistro de Propiedade Intelectual.

e) Memoria explicativa dos contactos realizados durante a fase de desenvolvemento, situación actual e evolución do proxecto, cunha extensión mínima de cinco páxinas.

f) Dous exemplares do plano de produción.

g) Dous exemplares do plan de financiamento coas diferentes entradas comprometidas ou en negociación, debidamente xustificadas.

1.2. Para os proxectos de produción:

a) Dúas copias da produción resultante en galego (DVD-ROM).

b) O enderezo web do proxecto.

1.3. Tanto para desenvolvemento como para produción:

Memoria económica xustificativa do custo das actividades realizadas, que conterá por duplicado:

a) Relación numerada e ordenada por capítulos de gastos que inclúan o número de documento, identificación do acredor, o importe, a data de emisión, a suma parcial (folla por folla) e a suma do total da relación de gastos, excluído o IVE.

b) Facturas ou documentos, orixinais ou compulsados, de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil e con eficacia administrativa, e documentos xustificativos do seu pagamento, orixinais ou compulsados, incorporados na mesma orde que na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior.

2. Así mesmo, antes do derradeiro pagamento, o solicitante presentará unha declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas para un mesmo proxecto, tanto as aprobadas como as pendentes de resolución, das diferentes administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, de acordo coa resolución do Consello de Contas do 30 de novembro de 1999, no que se establece o mecanismo de seguimento e control de concorrencia e acumulación de axudas públicas.

3. O beneficiario poderá xustificar ata un máximo do 35% do gasto executado en concepto de capitalización polo traballo. Para estes efectos, terán a consideración de capitalización polo traballo as achegas que non sexan en diñeiro realizadas, en forma de prestación laboral, artística ou profesional, a cambio de dereitos de propiedade ou explotación sobre o ben ou servizo obxecto da actividade realizada. O contrato de capitalización polo traballo deberá ser acreditado por calquera medio válido en dereito, debendo ser acreditado igualmente o pagamento dos impostos e taxas correspondentes á transacción realizada.

4. O beneficiario poderá xustificar ata un máximo do 15% do gasto executado en concepto de gastos de amortización de instalacións, equipos e maquinaria directamente relacionados coa realización do proxecto obxecto da subvención, de duración superior a un exercicio anual, de acordo coas seguintes normas:

-Amortización de material informático e audiovisual: poderá realizarse durante os tres anos sucesivos á súa adquisición. Para o cálculo do importe que se amortizará dividirase o custo do ben entre 36 meses e o resultado multiplicarase polo número de meses que dure a produción. Para que se poidan aboar os gastos, será imprescindible a posesión da correspondente factura orixinal de compra dos bens que se pretendan amortizar.

-Amortización de instalacións: enténdese por instalación o lugar onde se realiza a produción. Período de amortización: 20 anos. Non deben transcorrer máis de 20 anos desde a construción ou adquisición do elemento que se vai amortizar. Deberán acompañar a amortización a copia do título de propiedade ou escritura de compra, o certificado do responsable da entidade de que a obra non se realizou con subvención ningunha de calquera Administración. Só será amortizable a parte proporcional, en metros cadrados, utilizada na produción. Fórmula: porcentaxe utilizada do importe da compra ou do importe da obra/240 meses = custo mensual. (custo mensual) × (número de meses de produción) = importe amortización. Non se amortizarán en ningún caso instalacións construídas ou adquiridas con anterioridade a 20 anos, contados desde a resolución de concesión da subvención.

Artigo 15º.-Pagamento.

1. Subvencións anuais.

1.1. Tras solicitude previa á Dirección da Agadic, poderase autorizar un anticipo de ata o 50% da subvención. Para recibir o anticipo deberase presentar:

a) Petición do libramento con indicación dos motivos que esixen o pagamento anticipado.

b) Declaración asinada do conxunto de subvencións obtidas e/ou solicitadas para o mesmo proxecto en calquera outra Administración, organismo ou ente público ou privado.

1.2. O importe total ou o restante, en caso de ter recibido o anticipo, tras cumprir os requisitos enumerados no artigo 14º destas bases.

2. Subvencións plurianuais.

2.1. Tras solicitude previa á Dirección da Agadic, poderase autorizar un anticipo de ata o 50% da subvención. Para recibir o anticipo deberase presentar:

a) Petición do libramento con indicación dos motivos que exixen o pagamento anticipado.

b) Declaración asinada do conxunto de subvencións obtidas e/ou solicitadas para o mesmo proxecto en calquera outra Administración, organismo ou ente público ou privado.

2.2. O importe correspondente ás anualidades distintas da derradeira farase efectivo logo da presentación da memoria económica xustificativa do custo das actividades realizadas e correspondentes á anualidade, por un importe como mínimo igual á parte da subvención fixada para esa anualidade, que conterá por duplicado:

a) Relación numerada e ordenada por capítulos de gastos que inclúan o número de documento, identificación do acredor, o importe e a data de emisión, a suma parcial (folla por folla) e a suma total da relación de gastos, excluído o IVE.

b) Facturas ou documentos, orixinais ou compulsados, de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil e con eficacia administrativa, e documentos xustificativos do seu pagamento, orixinais ou compulsados, incorporados na mesma orde que na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior.

2.3. O importe da derradeira anualidade farase efectivo no momento de finalizar a obra audiovisual e tras cumprir os requisitos enumerados no artigo 15º destas bases.

3. En todo caso, poderán efectuarse pagamentos parciais nos termos previstos no artigo 16 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, tras a presentación dos contratos asinados do equipo técnico-artístico principal e da presentación de convenios ou contratos en prácticas de tres alumnos de centros de formación audiovisual galegos, con especificación do centro de procedencia e das tarefas que realizarán durante a produción.

Artigo 16º.-Incumprimento, reintegros e sancións.

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes, nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17º.-Control.

1. Os solicitantes e beneficiarios quedan sometidos ás actuacións de comprobación e control efectuadas polo órgano competente para resolver, así como ás de control financeiro desenvolvidas pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no título III da Lei 9/2007, ou polo Consello de Contas ou Tribunal de Contas, segundo a súa normativa.

2. Ademais, deberanlle facilitar ao director da Axencia Galega das Industrias Culturais toda a información e documentación complementaria que esta considere precisa para a concesión ou aboamento do importe da subvención.

Artigo 18º.-Remisión normativa.

Para todo o non previsto nestas bases, haberá que aterse ao previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; no Regulamento (CE) 1998/2006 da comisión, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do tratado das axudas de minimis, e na restante normativa que resulte de aplicación.

Ver referencia pdf "03400D025P092.PDF"

Ver referencia pdf "03400D026P104.PDF"