DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Mércores, 18 de febreiro de 2009 Páx. 3.353

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

AXENCIA GALEGA DAS INDUSTRIAS CULTURAIS

RESOLUCIÓN do 30 xaneiro de 2009 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais en lingua galega e se convocan para o ano 2009.

A Axencia Galega das Industrias Culturais -Agadic-, no exercicio das súas competencias de fomento e promoción das industrias culturais galegas, é consciente da relevancia do sector audiovisual na sociedade contemporánea pola súa contribución á creación das industrias culturais e ao desenvolvemento económico da comunidade autónoma; de aí que a Lei 6/1999, do 1 de setembro, do audiovisual, considere estratéxico o seu desenvolvemento.

A través das subvencións ao desenvolvemento de proxectos audiovisuais en lingua galega, preténdese fomentar unha das fases esenciais da produción audiovisual, como a selección da historia e posta a punto dos aspectos guionísticos e orzamentarios de calquera proxecto audiovisual. Enténdese por desenvolvemento de proxectos o conxunto de operacións previas á preprodución dunha obra audiovisual: a adquisición de dereitos, os traballos de investigación, escrita e análise do guión, a selección de membros principais do equipo técnico-artístico, preparación do orzamento estimado de produción e plan financeiro, a procura de socios e coprodutores no contorno da industria audiovisual, a planificación da produción, o plano inicial de márketing e explotación da obra, etc.

Para certos tipos de produción, considéranse ademais como parte integrante do desenvolvemento a investigación gráfica e a realización dun teaser ou piloto (para as películas e series de animación) ou a investigación en arquivos (para as producións que poñan en valor o patrimonio audiovisual europeo).

Mediante esta resolución, a Agadic establece as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais en lingua galega, co fin de estimular o crecemento do sector na nosa comunidade autónoma e facelo máis competitivo nos mercados internacionais.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Convocatoria e bases reguladoras.

1. Por esta resolución establécense as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión das subvencións da Agadic para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais en lingua galega, que se inclúen como anexo I.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as devanditas subvencións para o ano 2009.

Artigo 2º.-Financiamento e concorrencia.

1. Para a concesión das subvencións destinarase un crédito global de 500.000 €, orzado na aplicación 12.A1.432B.770.0, dos cales 250.000 € corresponden á anualidade de 2009 e 250.000 € á de 2010, e que poderán ser incrementados como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións, de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte de aplicación dos criterios do artigo 8º das bases reguladoras.

2. A axuda que se concederá asume a forma de subvención a fondo perdido, e o importe das subvencións concedidas non poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas a través doutras administracións públicas, supere o custo total do orzamento do proxecto ou as porcentaxes máximas de financiamento, segundo os tipos de proxectos establecidas nas bases reguladoras.

3. Así mesmo, o importe da subvención non poderá exceder, xunto coas demais axudas amparadas pola cláusula de minimis percibidas polo beneficiario no último período de tres anos fiscais, o límite de 200.000 euros.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

1. Para poder ser beneficiario das subvencións, deberase presentar unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 3º das bases reguladoras.

2. A solicitude de subvención (anexo II) e os anexos que a acompañan (III, IV e V) poderanse obter a través do enderezo da internet www.axenciaaudiovisualgalega.org.

Artigo 4º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse preferentemente no Rexistro da Axencia Galega das Industrias Culturais, no rexistro xeral de Servizos Centrais da Xunta de Galicia ou por calquera dos restantes medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Aquelas empresas que na anualidade de 2008 lle solicitasen estas axudas á Consellería de Cultura e Deporte poderán xuntar unha declaración responsable de que se manteñen invariables as circunstancias a que se refiren os documentos sinalados como a), b), c) e d) do artigo 3.2º.2 das bases reguladoras e de que constan en poder da Consellería de Cultura e Deporte, considerándose así presentada a antedita documentación.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5º.-Prazo de duración do procedemento de concesión.

1. Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras.

2. Para os efectos establecidos no artigo 42.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes aos proxectos recollidos nesta resolución será de seis meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.

Artigo 6º.-Prazo de xustificación das subvencións.

1. O prazo de xustificación para as subvencións de carácter anual rematará o 31 de outubro de 2009.

Artigo 7º.-Información aos interesados.

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección da Axencia Galega das Industrias Culturais a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería (www.culturaedeporte.xunta.es/), na súa epígrafe de axudas e trámites.

b) Teléfono: 981 57 50 00.

c) Páxina web: www.axenciaaudiovisualgalega.org.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación para o desenvolvemento.

Facúltase a Dirección da Agadic para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta resolución.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2009.

Ánxela Bugallo Rodríguez

Presidenta do Consello de Dirección da Axencia Galega das Industrias Culturais

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais en lingua galega

Artigo 1º.-Obxecto e réxime das subvencións.

1. Serán obxecto de subvencións da Agadic o desenvolvemento das seguintes modalidades de proxectos:

a) Longametraxes de ficción: proxectos de longametraxe de imaxe real ou de animación cunha duración superior aos 60 minutos.

b) Longametraxes documentais: proxectos de longametraxes documentais cunha duración superior aos 50 minutos.

c) Películas para televisión: telefilmes para TV cunha duración de entre 75 e 90 minutos. No caso de películas de animación para TV, a duración mínima será de 60 minutos.

d) Formatos innovadores para televisión. Combinación única de elementos para crear un programa de televisión orixinal. Comprende o contido do programa ou serie de programas, ademais das indicacións técnicas para producilo, os elementos artísticos, avances orzamentarios (orzamento base) e knowhow dos produtores.

e) Pilotos de series de animación para TV.

2. O importe máximo da subvención non poderá superar o cincuenta por cento do investimento subvencionable e, en todo caso, a cantidade de 30.000 euros.

3. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, e quedará suxeito ao Regulamento (CE) 1998/2006, da Comisión, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do tratado das axudas de minimis.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios destas subvencións tanto persoas físicas naturais ou residentes en Galicia nos dous anos anteriores á data desta convocatoria como produtoras audiovisuais independentes legalmente constituídas como tales, que teñan ou instalen unha sede efectiva da súa actividade ou unha sucursal ou oficina permanente na Comunidade Autónoma de Galicia.

Para estes efectos, a definición de produtor audiovisual independente será a recollida no artigo 4 n) da Lei 55/2007, do 28 de decembro.

2. Os beneficiarios deberán ter un acordo ou contrato, como mínimo, cun autor ou guionista para desenvolver algún proxecto dos tipos sinalados no artigo anterior.

3. Non poderán acceder ás subvencións os solicitantes que se encontren afectados por algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º e 10.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Así mesmo, quedan excluídos aqueles solicitantes que fosen beneficiarios de axudas nas convocatorias de axudas da Consellería de Cultura e Deporte nos anos 2007 e 2008 e incumprisen as bases ou a finalidade establecida na súa convocatoria, sempre e cando fosen sancionados por iso.

Artigo 3º.-Solicitudes.

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión das subvencións presentaranse na forma e prazo que se indiquen na convocatoria.

2. As solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación administrativa:

a) Copia compulsada do DNI do representante ou solicitante.

b) Copia compulsada do documento público do poder notarial, co que actúa o representante, debidamente inscrito no Rexistro Mercantil.

c) Copia compulsada da escritura de constitución da empresa e inscrición no Rexistro Mercantil da comunidade galega.

d) Copia compulsada da tarxeta de identificación fiscal.

e) Copia compulsada do documento acreditativo de estar ao día no pagamento do imposto de actividades económicas ou acreditación da exención do pagamento do citado imposto.

f) Memoria da empresa, conforme o modelo recollido no anexo.

g) Copia compulsada da declaración do imposto de sociedades e da declaración de operacións con terceiras persoas correspondentes aos exercicios 2007 e 2008. No caso da declaración de operacións con terceiras persoas do exercicio 2008, a presentación deberase realizar nos 15 días seguintes á finalización do prazo de presentación ante a Axencia Estatal de Administración Tributaria.

h) Documentación compulsada e acreditativa de que o proxecto é obra orixinal e/ou de posuír os dereitos suficientes do guión, obra literaria ou calquera outro medio que requira a obtención de dereitos ou opción de compra sobre eles.

i) Declaración de solicitudes efectuadas ou subvencións concedidas para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas ou entes públicos ou privados de carácter nacional ou internacional, durante os dous exercicios fiscais anteriores e no actual, de acordo coa normativa reguladora das axudas de minimis establecida no Regulamento 1998/2006, da Comisión, do 15 de decembro.

j) Declaración responsable de ser empresa de produción independente conforme o establecido no artigo 3º desta resolución, así como de ter sede permanente en Galicia.

k) Calendario desagregado de gasto para execución, indicando a parte executable en cada anualidade.

l) Certificación orixinal expedida pola entidade bancaria da titularidade da conta onde se debe realizar o pagamento, na que conste: ordinal bancario, código de banco, código da sucursal e código da conta corrente.

De xeito voluntario, o solicitante poderá facer unha prelación para os proxectos e solicitudes presentados a esta convocatoria.

3. Ademais da documentación anterior, achegaranse seis exemplares encadernados coa seguinte documentación técnica:

a) Memoria explicativa do proxecto cunha extensión mínima de cinco páxinas.

b) Sinopse argumental cunha extensión máxima de dúas páxinas.

c) Tratamento ou argumento do proxecto cunha extensión mínima de vinte páxinas a dobre espazo.

d) Cronograma do proceso de desenvolvemento.

e) Orzamento das actividades de desenvolvemento do proxecto, segundo o modelo reflectido no anexo IV.

f) Acordo ou contrato co/s guionista/s, con especificación da situación dos dereitos de autor correspondentes.

g) Historial profesional do equipo creativo, guionista e empresa produtora.

h) Calquera outra documentación que o solicitante xulgue conveniente para a mellor defensa do proxecto.

4. A documentación técnica dos proxectos que non fosen subvencionados poderá ser retirada por petición dos solicitantes no prazo de seis meses a partir da data de resolución de adxudicación. En todo caso, transcorrido este prazo, esta documentación será destruída co obxecto de garantir a confidencialidade dos datos.

Artigo 4º.-Consentimentos e autorizacións.

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras. De conformidade co artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión da subvención comportará a autorización ao director da Agadic para solicitar as certificacións de non ter débedas coa Administración pública da comunidade autónoma, así como de estar ao corrente no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social. Estes requisitos deberán acreditarse, de ser o caso, antes de efectuar a proposta de resolución, así como da tramitación dos pagamentos, ao abeiro do disposto nos artigos 20.4º e 31.7º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, respectivamente.

Non obstante, se por razóns técnicas ou doutra índole estes certificados non puidesen ser obtidos polo órgano xestor, poderán serlle requiridos ao interesado.

2. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Agadic publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

3. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos.

Artigo 5º.-Órganos competentes.

O director da Agadic será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das subvencións, correspondéndolle ao presidente do Consello de Dirección da Agadic ditar a resolución de concesión da subvención.

Artigo 6º.-Instrución dos procedementos.

1. De conformidade co establecido no artigo 20.5º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderáselle requirir ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na que se indicarán as causas desta.

Artigo 7º.-Comisión de valoración.

1. Para a avaliación dos proxectos presentados constituirase unha comisión de valoración que será nomeada pola Dirección da Agadic e que será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes, de acordo cos criterios fixados no artigo seguinte, así como de propoñer a concesión ou denegación das subvencións aos interesados.

2. A comisión de valoración estará formada por expertos independentes nomeados polo director da Agadic, que será ademais o presidente da comisión, ou persoa en quen delegue. Da comisión formarán parte catro vogais, profesionais de recoñecido prestixio nas diferentes áreas e funcións da industria audiovisual ou do ámbito da cultura, actuando como secretario unha persoa designada polo director da Agadic, pertencente ao cadro de persoal da Agadic con voz e sen voto.

Os membros das comisións de expertos declararán por escrito non ter relación cos solicitantes ou, se é o caso, cos partícipes das persoas xurídicas solicitantes na correspondente convocatoria anual.

3. As decisións do comité de expertos especificarán a avaliación que lles corresponde en aplicación dos criterios de avaliación e asignarán as cantidades específicas para cada proxecto, ata esgotaren o crédito dispoñible, e respectando as porcentaxes máximas de investimento subvencionable en función das súas posibilidades de financiamento e segundo as diferentes modalidades descritas no anexo I, artigo 1.

4. O resto das actuacións subvencionables quedará en reserva para seren atendidas ben co crédito que quedase libre de producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ben co incremento dos créditos orzamentarios destinados a estas subvencións.

Artigo 8º.-Criterios de valoración.

Na valoración realizada pola comisión de valoración teranse en conta os seguintes criterios (máximo 70 puntos):

a) A calidade, creatividade e orixinalidade do proxecto (ata 20 puntos).

b) A contribución ao desenvolvemento de contidos específicos da cultura galega ou á sinerxía entre as industrias culturais da nosa comunidade autónoma (ata 10 puntos).

c) Viabilidade e potencial de produción do proxecto (ata 10 puntos).

d) As posibilidades do proxecto para o fomento do emprego no sector audiovisual galego -persoal artístico, técnico e de servizos- e a aplicación de recursos de Galicia na execución do desenvolvemento (ata 10 puntos).

e) Adecuación do orzamento de desenvolvemento, segundo o modelo que figura no anexo IV (ata 5 puntos).

f) Historial da produtora (ata 5 puntos).

g) Historial do(s) guionista(s) e do resto do equipo creativo (ata 5 puntos).

h) O grao de execución e, de ser o caso, o de cumprimento das axudas ou subvencións concedidas pola Consellería de Cultura e Deporte en exercicios anteriores en materia de audiovisual (ata 5 puntos).

Artigo 9º.-Resolución e notificación.

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, a comisión de valoración emitirá o informe no que se concrete o resultado da avaliación efectuada. O órgano instrutor enviaralle o informe da comisión de valoración, xunto coa proposta de resolución, á Presidencia do Consello de Dirección da Agadic.

2. A Presidencia do Consello de Dirección da Agadic, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, o proxecto que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía, ou, se é o caso, a causa de denegación.

3. O prazo máximo para resolver e notificarlle a resolución ao interesado será de seis meses, contados a partir do seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que se ditase resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59.5º b) da indicada lei, no caso das subvencións concedidas poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Agadic. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada. As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas da desestimación.

Artigo 10º.-Réxime de recursos.

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente resolución de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Presidencia do Consello de Dirección da Axencia Galega das Industrias Culturais, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

Artigo 11º.-Modificación da resolución.

A alteración substancial das condicións definitorias do proxecto consideradas para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais que non estivesen recollidas no plano de financiamento presentado en cumprimento do artigo 3º destas bases reguladoras poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 12º.-Aceptación e renuncia.

1. Os beneficiarios deberán enviar unha ficha do proxecto debidamente cuberta para a súa publicación na páxina web da Agadic, segundo o modelo do anexo IV.

2. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución de concesión, transcorridos dez días hábiles desde a notificación ou publicación desta sen que o interesado comunicase expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario. A renuncia á subvención poderá facerse axustándose ao modelo que se inclúe como anexo III, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

No caso de que se comunicase a renuncia, a Dirección da Agadic ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1º da mesma lei.

Artigo 13º.-Obrigas dos beneficiarios.

1. Sen prexuízo das obrigas dispostas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os beneficiarios das subvencións quedarán obrigados a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o que foron concedidos. As producións subvencionadas deberán axustarse fielmente ao proxecto presentado. Calquera alteración relevante do proxecto, cambio de título, modificación substancial de contidos ou trocos nos responsables do equipo técnico deberalle ser notificada con anterioridade á Agadic, que adoptará as medidas que considere procedentes.

2. Na futura documentación do proxecto (materiais de promoción e distribución) e nos títulos de crédito da produción resultante, páxina web... farase constar que recibiu unha subvención ao desenvolvemento ou produción por parte da Agadic coa súa imaxe corporativa.

Artigo 14º.-Xustificación da subvención.

O beneficiario deberá presentar no Rexistro da Agadic, tendo de prazo ata a data indicada na correspondente convocatoria anual, a conta xustificativa da realización do desenvolvemento do proxecto subvencionado, que conterá:

1. Memoria final.

a) Unha copia do guión en galego.

b) O contrato definitivo co guionista.

c) Xustificante de inscrición do proxecto no Rexistro de Propiedade Intelectual.

d) Memoria explicativa dos contactos realizados durante a fase de desenvolvemento, situación actual e evolución do proxecto, cunha extensión mínima de cinco páxinas.

e) Un exemplar do plan de produción.

f) Un exemplar do plan de financiamento coas diferentes entradas comprometidas ou en negociación, debidamente xustificadas.

g) A proposta de equipo técnico-artístico, que incluirá, como mínimo, a identidade do director e o produtor executivo e tamén a listaxe dos xefes do equipo técnico e unha proposta do elenco.

h) Achegaranse, sempre que sexa posible, cartas de aceptación/interese por parte dos profesionais incluídos nestas listaxes.

i) Na modalidade de pilotos de series de animación, copia en DVD da produción final.

2. Memoria económica xustificativa do custo das actividades realizadas, que conterá por duplicado:

a) Relación numerada e ordenada por capítulos de gastos que inclúan o número de documento, identificación do acredor, o importe, a data de emisión, a suma parcial (folla por folla) e a suma do total da relación de gastos, excluído o IVE.

b) Facturas ou documentos, orixinais ou compulsados, de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil e con eficacia administrativa, e documentos xustificativos do seu pagamento, orixinais ou compulsados, incorporados na mesma orde que na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior.

3. Así mesmo, antes do derradeiro pagamento, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas para un mesmo proxecto, tanto as aprobadas como as pendentes de resolución, das diferentes administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, de acordo coa resolución do Consello de Contas do 30 de novembro de 1999, no que se establece o mecanismo de seguimento e control de concorrencia e acumulación de axudas públicas.

4. O beneficiario poderá xustificar ata un máximo do 35% do gasto executado en concepto de capitalización polo traballo. Para estes efectos, terán a consideración de capitalización polo traballo as achegas que non sexan en diñeiro realizadas, en forma de prestación laboral, artística ou profesional, a cambio de dereitos de propiedade ou explotación sobre o ben ou servizo obxecto da actividade realizada. O contrato de capitalización polo traballo deberá ser acreditado por calquera medio válido en dereito, debendo ser acreditado igualmente o pagamento dos impostos e taxas correspondentes á transacción realizada.

Artigo 15º.-Pagamento.

1. Subvencións anuais.

1.1. Tras solicitude previa á Dirección da Agadic, poderase autorizar un anticipo de ata o 50% da subvención. Para recibir o anticipo deberase presentar:

a) Petición do libramento con indicación dos motivos que exixen o pagamento anticipado.

b) Declaración asinada do conxunto de subvencións obtidas e/ou solicitadas para o mesmo proxecto en calquera outra Administración, organismo ou ente público ou privado.

1.2. O importe total ou o restante, en caso de ter recibido o anticipo, tras cumprir os requisitos enumerados no artigo 14º destas bases.

2. Subvencións plurianuais.

2.1. Tras solicitude previa á Dirección da Agadic, poderase autorizar un anticipo de ata o 50% da subvención. Para recibir o anticipo deberase presentar:

a) Petición do libramento con indicación dos motivos que exixen o pagamento anticipado.

b) Declaración asinada do conxunto de subvencións obtidas e/ou solicitadas para o mesmo proxecto en calquera outra Administración, organismo ou ente público ou privado.

2.2. O importe correspondente ás anualidades distintas da derradeira farase efectivo logo da presentación da memoria económica xustificativa do custo das actividades realizadas e correspondentes á anualidade, por un importe como mínimo igual á parte da subvención fixada para esa anualidade, que conterá por duplicado:

a) Relación numerada e ordenada por capítulos de gastos que inclúan o número de documento, identificación do acredor, o importe e a data de emisión, a suma parcial (folla por folla) e a suma total da relación de gastos, excluído o IVE.

b) Facturas ou documentos, orixinais ou compulsados, de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil e con eficacia administrativa, e documentos xustificativos do seu pagamento, orixinais ou compulsados, incorporados na mesma orde que na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior.

2.3. O importe da derradeira anualidade farase efectivo no momento de finalizar a obra audiovisual e tras cumprir os requisitos enumerados no artigo 15º destas bases.

Artigo 16º.-Incumprimento, reintegros e sancións.

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria, ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes, nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17º.-Control.

1. Os solicitantes e beneficiarios quedan sometidos ás actuacións de comprobación e control efectuadas polo órgano competente para resolver, así como ás de control financeiro desenvolvidas pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, segundo o establecido título III da Lei 9/2007, ou polo Consello de Contas ou Tribunal de Contas, segundo a súa normativa.

2. Ademais, deberanlle facilitar á Agadic toda a información e documentación complementaria que esta considere precisa para a concesión ou aboamento do importe da subvención.

Artigo 18º.-Remisión normativa.

Para todo o non previsto nestas bases haberá que aterse ao previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; no Regulamento (CE) 1998/2006, da comisión, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do tratado das axudas de minimis, e na restante normativa que resulte de aplicación.

Ver referencia pdf "03400D023P069.PDF"

Ver referencia pdf "03400D024P081.PDF"