DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Mércores, 18 de febreiro de 2009 Páx. 3.330

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 11 de febreiro de 2009 pola que se convoca unha xornada sobre a utilización do can en determinadas tarefas de seguranza pública.

Dentro das actividades programadas para o ano 2009, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, de creación da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a realización dunha xornada sobre a utilización do can en determinadas tarefas de seguranza pública, que deberán desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

-Saber cales son as necesidades de usar cans especializados para a solución de determinadas problemáticas relacionadas coa seguranza pública.

-Coñecer os aspectos máis salientables das intervencións: rescate de persoas, explosivos, drogas, etc.

-Darse conta da inestimable axuda ao traballo dos especialistas que pode proporcionar o uso do can en tarefas concretas.

Destinatarios/as.

Persoal das forzas e corpos de seguranza, protección civil, bombeiros e outros colectivos interesados pertencentes á Comunidade Autónoma de Galicia.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas.

O número de prazas que se ofertan nesta xornada é de 80.

Solicitudes.

1. As persoas que desexen participar nesta actividade formalizarán a súa solicitude de participación a través da páxina web da AGASP http://agasp.xunta.es, na epígrafe Actividades formativas, cursos con inscrición aberta, non sendo admisibles outros modelos de solicitude, sen necesidade de remitir a documentalmente unha vez que teñan completado o correspondente formulario. A aplicación comunicaralle ao/á usuario/a a efectividade de ter cursada a solicitude.

2. O prazo para a presentación de solicitudes de participación rematará o día 4 de marzo, ás 14.00 horas.

Datas e horario.

A xornada desenvolverase o día 10 de marzo en horario das 9.30 ás 14.00 e das 15.30 ás 19.00 horas.

Contido.

1. Referencia histórica e características

2. Elementos básicos para o adestramento

2.1. O guía.

2.2. O can.

2.3. Os instrumentos.

3. O adestramento.

3.1. Comunicación guía-can.

3.2. Premios e castigos.

3.3. Adestramento específico en explosivos e drogas.

4. Operatividade.

4.1. Requisas de explosivos.

4.2. Buscas de substancias estupefacientes.

4.3. Rescate de persoas.

4.4. Colaboración con outras unidades.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos farase pública o día 6 de marzo a partir das 14.00 horas, no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade Pública e na páxina web http://agasp.xunta.es, ou ben poden coñecer e confirmar a súa asistencia chamando aos teléfonos 886 20 61 17/118.

Lugar.

A xornada desenvolverase na sala de conferencias da Academia Galega de Seguridade Pública, sita na avda. da Cultura, s/n no Concello da Estrada.

Certificado de asistencia.

Ao final da xornada entregaráselle un certificado de asistencia a aquelas persoas que demostren a súa participación continuada nela.

Baremación da actividade.

Para os efectos do previsto nos anexos II e III da Orde do 28 de xaneiro de 2009 da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, publicada no DOG do 2 de febreiro, esta actividade terá unha baremación de 0,120 puntos.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento da xornada para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 11 de febreiro de 2009.

P.S. (Disp. 1ª Orde 31-1-2009;

DOG nº 23, do 1 de febreiro)

María Isabel Durántez Gil

Directora xeral de Interior