DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Mércores, 18 de febreiro de 2009 Páx. 3.315

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 32/2009, do 29 de xaneiro, polo que se acepta a cesión a título gratuíto do dereito de uso dun inmoble realizada polo Concello de Negreira á Comunidade Autónoma de Galicia para a utilización como punto de encontro das cuadrillas e motobombistas integrados no operativo de prevención e extinción de incendios do Distrito Forestal IV-Barbanza.

Con data do 10 de xullo de 2008 o Pleno do Concello de Negreira acordou ceder a título gratuíto á Comunidade Autónoma de Galicia un inmoble, por un período de vinte anos, para que sexa usado como punto de encontro das cuadrillas e motobombistas integrados no operativo de prevención e extinción de incendios do Distrito Forestal IV-Barbanza, dependente da Consellería do Medio Rural que ten conferida a competencia en materia de prevención e defensa contra incendios forestais.

A Secretaría Xeral e do Patrimonio tramitou o correspondente expediente de aceptación de cesión, de conformidade co disposto nos artigos 16, 17 e 23 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e 33, 34 e 38 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o Regulamento para a execución da dita lei.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e nove de xaneiro do dous mil nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acéptase nos termos establecidos polo Concello de Negreira a cesión a título gratuíto do dereito de uso durante vinte anos dun local, cunha superficie de 56 m2, que linda: norte, corredor, sur, parque do Coto, leste, local da Sociedade de Caza Corzán, e oeste, aseos. O dito local radica dentro do predio urbano denominado edificio de servizos múltiples e parque do Coto, situado na rúa Castelao do concello de Negreira, que linda: fronte, rúa Castelao; dereita entrando, carballeira do Carme e piscinas municipais; esquerda entrando, centro de saúde e infantario municipal; e fondo, instalacións deportivas do Coto. O dito predio ten unha superficie de 3.964 m2 segundo os datos do inventario municipal, e está inscrito no Rexistro da Propiedade de Negreira no tomo 548, libro 88, folio 245, predio 10074. Referencia catastral: 1811919NH2511S0001OQ.

Artigo 2º

O local destinarase a punto de encontro das cuadrillas e motobombistas integrados no operativo de prevención e extinción de incendios do Distrito Forestal IV-Barbanza.

Artigo 3º

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, procederá á formalización da cesión no correspondente documento público.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo todos os trámites necesarios para a efectividade deste decreto.

Santiago de Compostela, vinte e nove de xaneiro de dous mil nove.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Ramón Fernández Antonio

Conselleiro de Economía e Facenda