DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Mércores, 18 de febreiro de 2009 Páx. 3.314

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 31/2009, do 21 de xaneiro, polo que se acepta a cesión a título gratuíto do dereito de uso dun inmoble realizada pola Cooperativa de Vilaboa de Consumidores y Usuarios-Sociedad Cooperativa Gallega de Vilaboa-Valdoviño (A Coruña) á Comunidade Autónoma de Galicia para que sexa usado como instalación da base e punto de reunión dunha cuadrilla do Distrito Forestal I (Ferrol).

Con data do 10 de maio de 2007 o Consello Reitor da Cooperativa de Vilaboa de Consumidores y Usuarios-Sociedad Cooperativa Gallega de Vilaboa-Valdoviño (A Coruña) acordou ceder a título gratuíto á Comunidade Autónoma de Galicia un inmoble, por un período de vinte anos, para que sexa usado como instalación da base e punto de reunión dunha cuadrilla do Distrito Forestal I (Ferrol), dependente da Consellería do Medio Rural que ten conferida a competencia en materia de prevención e defensa contra incendios forestais.

A Secretaría Xeral e do Patrimonio tramitou o correspondente expediente de aceptación de cesión, de conformidade co disposto nos artigos 16, 17 e 23 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e 33, 34 e 38 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o Regulamento para a execución da dita lei.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e un de xaneiro de dous mil nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acéptase nos termos establecidos pola Cooperativa de Vilaboa de Consumidores y Usuarios-Sociedad Cooperativa Gallega de Vilaboa-Valdoviño (A Coruña) a cesión a título gratuíto do dereito de uso durante vinte anos dun local, cunha superficie de 25 m2. O dito local radica dentro do recinto deportivo do Lameiro en Vilaboa-Valdoviño; o dito recinto, de forma trapezoidal, cunha pequena franxa, (a modo de mango de martelo), no seu ángulo sueste, por onde ten o acceso desde a estrada, ten unha superficie de 11.019 m2. Linda o conxunto: norte, María Villadóniga Paz e Bautista Pita Díaz; sur, herdeiros de Manuel Muíño, Benedicto Pérez Suárez, herdeiros de José Vilela, Vicente Bustabad Amado e, en pequena parte, e no anaco destinado a acceso, estrada; leste, camiño serventío, e, na franxa de acceso, con Vicente Bustabad Amado; e oeste, Piedad Díaz e, no citado acceso, con José Santalla Vilela.

Artigo 2º

O local destinarase á instalación da base e punto de reunión dunha cuadrilla do Distrito Forestal I (Ferrol).

Artigo 3º

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, procederá á formalización da cesión no correspondente documento público.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo todos os trámites necesarios para a efectividade deste decreto.

Santiago de Compostela, vinte e un de xaneiro de dos mil nove.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Ramón Fernández Antonio

Conselleiro de Economía e Facenda