DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Mércores, 18 de febreiro de 2009 Páx. 3.311

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 27 de xaneiro de 2009 pola que se clasifica como de interese tecnolóxico a Fundación Centro Tecnolóxico de Eficiencia e Sostenibilidade Enerxética.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Centro Tecnolóxico de Eficiencia e Sostenibilidade Enerxética, con domicilio en Vigo.

Supostos de feito.

1. Alberto Gago Rodríguez, na súa condición de presidente da fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Vigo, o doce de setembro de dous mil oito, ante o notario José María Rueda Pérez, co número de protocolo mil seiscentos oitenta e oito, pola Xunta de Galicia, representada por Fernando Xabier Blanco Álvarez, conselleiro de Innovación e Industria; o Instituto Enerxético de Galicia (Inega), representado por Juan José Álvarez Carril; Industria de Diseño Textil, S.A. (Inditex), representada por Antonio Gerardo Abril Abadín; Fundación Galega para a Sociedade do Coñecemento, representada por José María Martín Moreno; Universidade de Vigo, representada por Alberto Gago Rodríguez; Universidade da Coruña, representada por Luis Fernando Barral Losada; Universidade de Santiago de Compostela, representanda por Senén Barro Ameneiro; Philips Ibérica, S.A., representada por Juan Carlos Aguilera Vela; Unión Fenosa Distribución, S.A., representada por Honorato López Isla; Schneider Electric España, S.A., representada por José Enrique

Valer Munilla; GOC, S.A., representada por Serafín Ocaña Eiroa; Indra Sistemas, S.A., representada por Santiago Roura Lama e Financiera Maderera, S.A., representada por José Carballo García.

3. Segundo consta no artigo sete dos estatutos, son fins da fundación contribuír á potenciación, crecemento e mellora dos coñecementos en materia de aforro, eficiencia enerxética e sustentabilidade, centrándose nas actividades de valor engadido como: análise de mercados (tecnoloxía, demanda, oferta, regulación, normalización, diagnósticos, certificación, deseño de solucións (tecnolóxicas e non tecnolóxicas), proxectos de I+D+I xunto coa transferencia de tecnoloxía asociada, divulgación, elaboración de recomendacións para a totalidade de segmentos do mercado. De maneira prioritaria, este obxecto concretarase na construción, dotación de recursos, posta en marcha e xestión do Centro Tecnolóxico de Sostenibilidade e Eficiencia Enerxética.

Outros fins específicos da fundación serán:

a) Produción, promoción e divulgación do coñecemento, en eficiencia enerxética e sustentabilidade, así como a formación de persoal técnico e científico experto en tales tecnoloxías.

b) Fomento de colaboracións académicas e científicas con universidades e grandes centros de investigación estatais e estranxeiros especializados en eficiencia e aforro enerxético.

c) Sensibilizar e crear conciencia social.

d) Identificación e impulso de novos produtos e servizos con solucións adaptadas ás necesidades dos distintos segmentos do mercado.

e) Establecemento de colaboracións e outros mecanismos de cooperación na forma que legalmente proceda, coas administracións públicas e o sector privado nas materias propias da súa actividade, para a mellora da súa capacidade tecnolóxica.

f) Acercamento, confluencia e coordinación das investigacións tecnolóxicas básica e aplicada, operando como centro de transferencia e de referencia de tecnoloxía.

g) Organización de encontros e reunións científico-tecnolóxicos de ámbito autonómico, nacional e internacional.

h) Definir índices de eficiencia enerxética e sustentabilidade por segmento e áreas xeográficas.

i) Calquera outra finalidade que o padroado considere de interese para o desenvolvemento do obxecto fundacional.

4. O padroado da fundación estará integrado por Fernado Xabier Blanco Álvarez, Salustiano Mato de la Iglesia e Anxo Ramón Calvo Silvosa, en representación da Xunta de Galicia; Juan José Álvarez Carril, en representación do Instituto Enerxético de Galicia; Antonio Gerardo Abril Abadín e Antonio Álvarez Sánchez, en representación de Industria de Diseño Textil, S.A.; José María Martín Moreno, en representación da Fundación Galega para a Sociedade do Coñecemento; Alberto Gago Rodríguez, en representación da Universidade de Vigo; Luis Fernando Barral Losada, en representación da Universidade da Coruña; Senén Barro Ameneiro, en representación da Universidade de Santiago de Compostela; Juan Carlos Aguilera Vela, en representación de Philips Ibérica, S.A.; Honorato López Isla, en representación de Unión Fenosa Distribución, S.A.; José Enrique Valer Munilla, en representación de Schneider Electric España, S.A.; Serafín Ocaña Eiroa, en representación de GOC, S.A.; Santiago Roura Lama, en

representación de Indra Sistemas, S.A. e José Carballo García, en representación de Financiera Maderera, S.A.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese tecnolóxico da Fundación Centro Tecnolóxico de Eficiencia e Sostenibilidade Enerxética, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpridos os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese tecnolóxico e a súa adscrición á Consellería de Innovación e Industria.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía de Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, corresponde a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. A documentación presentada reúne os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, entre outros os establecidos nos artigos 11 e 12 referidos ao contido da escritura de constitución e dos estatutos.

4. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día vinte e seis de xaneiro de dous mil nove.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar de interese tecnolóxico a Fundación Centro Tecnolóxico de Eficiencia e Sostenibilidade Enerxética e adscribila á Consellería de Innovación e Industria, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2009.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza