DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Mércores, 18 de febreiro de 2009 Páx. 3.304

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR

ORDE do 6 de febreiro de 2009 pola que se establecen as bases que rexen as axudas para programas de actividades realizadas por escolas de tempo libre e se procede á súa convocatoria.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 27.22º que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva nas materias do deporte e a axeitada utilización do lecer, así como a promoción do desenvolvemento comunitario.

Así mesmo, polo Decreto 285/1989, do 16 de decembro, asúmense as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de promoción sociocultural, no ámbito da mocidade e desenvolvemento comunitario.

Coa aprobación do Decreto 211/2005, do 3 de agosto, polo que se estableceu a estrutura orgánica da Xunta de Galicia e co Decreto 232/2005, do 11 de agosto, a dos seus departamentos, establecendo no seu artigo 1 a estrutura básica da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, que conta coa Secretaria Xeral do Benestar, á que lle corresponde o exercicio das competencias e funcións en materia de mocidade, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, desenvolvido polo Decreto 517/2005, do 6 de outubro.

Ante a importancia que hoxe adquire a organización de actividades de tempo libre e de utilización do lecer polos mozos e mozas, así como a axeitada formación dos responsables e técnicos de actividades de animación sociocultural, debe apoiarse o traballo que realizan as escolas de tempo libre existentes na nosa comunidade autónoma, en tanto que son centros recoñecidos oficialmente pola Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar para impartir esa formación específica.

A realización de cursos ordinarios para a obtención dos títulos establecidos oficialmente en materia de tempo libre e animación sociocultural, como aqueloutros máis específicos de perfeccionamento e actualización para as persoas xa tituladas, así como outras actividades formativas nesa materia, é cometido das escolas de tempo libre, entidades que a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, pretende promocionar coa convocatoria destas axudas.

Esta convocatoria axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en concreto, no relativo aos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión das axudas e subvencións e no establecido na Lei 16/2008, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009, así como ás disposicións aplicables da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, a Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega e o Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos de axudas, subvencións e convenios e de sancións.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Esta disposición ten por obxecto establecer as bases que rexen as axudas para actividades realizadas, desde o 1 de xaneiro de 2009 por escolas de tempo libre, sen ánimo de lucro. Para efectos de xustificación os gastos subvencionables serán os realizados ata o 15 de outubro, data límite de xustificación da axuda.

2. Poderá ser obxecto de subvención as seguintes actividades do programa académico anual da escola:

a) Cursos de monitores e directores de actividades de tempo libre e directores de campos de traballo.

b) Cursos monográficos de formación sobre educación e tempo libre, oferta complementaria dos cursos regrados.

c) Cursos de formación sobre promoción da participación social e o asociacionismo da mocidade.

d) Organización de conferencias, xornadas, congresos e calquera outro tipo de actividade formativa no campo da mocidade e a educación no tempo libre, dirixida ás persoas responsables de actividades, ben de tempo libre educativo e/ou de actividades de carácter xuvenil.

e) Publicacións periódicas, investigacións e edición de recursos educativos para o tempo libre.

f) Actividades de formación permanente dirixidas ao persoal responsable e docente da escola, participación en congresos, xornadas e calquera outro tipo de actividade formativa.

g) Participación en redes organizadas, intercambios técnicos con outras escolas de tempo libre, ou entidades similares, en calquera ámbito, autonómico, estatal ou internacional.

3. Quedan excluídos, para os efectos de subvención, os programas docentes e deportivos previstos nos plans regulados de ensino e deporte escolar e federativo. Tamén estarán excluídos os gastos derivados do normal funcionamento da escola. Igualmente, en concordancia coa aplicación orzamentaria que financia estas axudas, os posibles gastos das escolas que se consideren investimento ou sexan destinados á merca de material inventariable.

4. En todo caso, canto aos gastos subvencionables, observarase o disposto no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 2º.-Orzamento.

Para o financiamento destas axudas, existe crédito suficiente e adecuado na Lei 16/2008, de orzamentos da comunidade autónoma para o ano 2009, consignado na aplicación orzamentaria 05.42.313A.481.1, cunha contía de 75.000 euros.

Artigo 3º.-Destinatarios.

1. Poderán solicitar subvención as escolas de tempo libre sen ánimo de lucro inscritas, ao remate do prazo de presentación de solicitudes, no rexistro oficial dependente organicamente da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, regulado no Decreto 50/2000, do 20 de xaneiro, polo que se refunde e actualiza a normativa vixente en materia de xuventude (Diario Oficial de Galicia nº 49, do 10 de marzo) e que non estean incursas en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Será requisito imprescindible para poder solicitar a subvención ter xustificado debidamente as axudas recibidas no último ano.

3. As escolas de tempo libre que sexan promovidas por persoas físicas ou xurídicas con ánimo de lucro non poderán ser beneficiarias destas axudas.

Artigo 4º.-Documentación.

1. As solicitudes, co formato do impreso de solicitude (anexo), serán dirixidas ao director xeral de Xuventude e Solidariedade, podendo presentarse no rexistro xeral da Xunta de Galicia, nos rexistros das súas delegacións provinciais ou por calquera dos procedementos previstos no artigo 38.4º da vixente Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro. Se o expediente se remite por correo, presentarase en sobre aberto para que a solicitude sexa datada e selada pola funcionaria de correos antes de proceder á súa certificación.

2. As solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación:

a) Fotocopia do DNI da persoa que subscribe a solicitude e acreditación da súa lexitimación como representante da entidade, mediante certificación do secretario da entidade ou fotocopia compulsada da acta en que se recolla a composición do órgano de dirección.

b) Memoria explicativa dos programas de actividades que se pretende realizar, segundo o exposto no artigo 1º punto 2.

c) Orzamento de ingresos e gastos de cada programa de actividades.

d) Declaración do conxunto de todas as solicitudes de axuda efectuadas ou concedidas, para calquera dos programas de actividades, ante as administracións públicas competentes.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto no artigo 50 da Lei 16/2008, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009.

4. Se na solicitude se apreciasen defectos ou falta de documentación, a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade requirirá o solicitante para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se considerará que desiste da súa petición, de acordo co previsto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, logo de resolución que será ditada nos termos do artigo 42 da referida lei.

5. A Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade poderá demandar do solicitante a modificación ou mellora voluntaria dos termos contidos na solicitude. Deles levantarase acta sucinta, que se incorporará ao procedemento.

Artigo 5º.-Contía máxima de subvención.

1. A contía da axuda concedida non poderá superar o 75% do orzamento total das actividades subvencionadas.

2. O importe da subvención en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas, ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do gasto subvencionable que legalmente se estableza.

Artigo 6º.-Criterios de avaliación.

A avaliación dos proxectos presentados farase tendo en conta os seguintes criterios:

1. Criterios cualitativos:

a) Coherencia do programa en si e cos obxectivos e o proxecto educativo da escola: ata 10 puntos.

b) Viabilidade do programa de acordo coas capacidades e cos recursos da escola: ata 10 puntos.

c) Ámbito xeográfico, valorándose especialmente a realización de actividades formativas no rural e en zonas onde non exista oferta formativa permanente e habitual: ata 10 puntos.

d) Destinatarios das actividades formativas, valorándose especialmente as actividades dirixidas ao movemento asociativo xuvenil e de colectivos con especial dificultade para a participación social: ata 10 puntos.

e) Galeguización do tempo libre realizada a través de toda a súa intervención educativa: ata 10 puntos.

f) A colaboración e o traballo en rede con outras entidades e escolas de tempo libre: ata 5 puntos.

g) Calidade e coherencia do plan formativo dirixido ao persoal docente da escola: ata 5 puntos.

h) Calidade, coherencia e difusión do material educativo publicado: ata 5 puntos.

2. Criterios cuantitativos:

a) Número de cursos de monitores e directores de actividades de tempo libre e directores de campos de traballo que se van realizar: ata 10 puntos.

b) Número de cursos monográficos de formación sobre educación e tempo libre, oferta complementaria dos cursos regrados, organizados pola escola e non como servizos a terceiros: ata 5 puntos.

c) Número de actividades e cursos formativos que promovan a participación social, especialmente da mocidade: ata 5 puntos.

d) Número de conferencias, xornadas, congresos e calquera outro tipo de actividade formativa no campo da mocidade e a educación no tempo libre, dirixida ás persoas responsables de actividades, ben de tempo libre educativo e/ou de actividades de carácter xuvenil: ata 5 puntos.

e) Número de actividades coorganizadas con outras escolas, intercambios técnicos: ata 5 puntos.

f) Número de materiais didácticos sobre a educación no tempo libre e a promoción da participación xuvenil publicados: ata 5 puntos.

Artigo 7º.-Comisión de avaliación.

As solicitudes admitidas a trámite serán avaliadas pola comisión de avaliación, que terá a seguinte composición:

Presidenta: a subdirectora xeral de Programas ou persoa en quen delegue.

Secretaria: a xefa da Sección de Asociacións e Escolas de Tempo Libre.

Vogal: a xefa do Servizo de Asociacionismo.

Vogal: un/ha técnico/a da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade.

Vogal: un/ha funcionario/a da Sección de Asociacións e Escolas de Tempo Libre da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade.

Se por calquera causa, no momento en que a comisión de avaliación teña que examinar as solicitudes algún dos compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto se nomee.

Artigo 8º.-Tramitación e resolución.

1. O procedemento de concesión tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

2. Unha vez avaliadas todas as solicitudes admitidas a trámite, a comisión elaborará unha proposta de resolución en virtude da puntuación alcanzada pola aplicación do baremo.

3. A proposta será elevada pola comisión de avaliación ao director xeral de Xuventude e Solidariedade, que resolverá por delegación do vicepresidente da Igualdade e do Benestar.

4. A resolución da solicitude de subvención seralles notificada a todos os solicitantes, no prazo máximo de nove meses (artigo 23.4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño), contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que recaia resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente. A dita resolución esgota a vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se o acto for expreso, ou no prazo de tres meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou ser impugnados directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza, órgano contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses, se o acto for expreso, e de seis meses, se for presunto, a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, de

conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

5. A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar reserva para si o dereito de orientar tecnicamente o proxecto de actividades e de comprobar a súa execución, cando o considere conveniente, así como de divulgar e dar a coñecer publicamente as actividades subvencionadas.

6. Os solicitantes aos que non lles fose concedida subvención disporán dun prazo dun mes, contado a partir da recepción da notificación, para retirar a documentación presentada. Transcorrido este prazo, arquivarase.

Artigo 9º.-Xustificación da subvención.

1. O período que se establece para xustificar as axudas será ata o 15 de outubro de 2009, inclusive.

2. As escolas de tempo libre presentarán para xustificar a axuda:

a) Facturas orixinais referentes a todos os gastos subvencionables realizados para o desenvolvemento dos programas que a entidade levou a cabo. Non se admitirán facturas que xustifiquen gastos en investimentos, material inventariable ou gastos de administración e funcionamento da entidade.

As facturas deberán ser relacionadas, agás que sexa só unha. Na relación figurarán os seguintes datos:

-Nome do que emite a factura, que deberá ser persoa allea á entidade receptora do servizo, e NIF.

-Actividade e programa subvencionado a que corresponde.

-Importe, impostos incluídos.

b) Breve memoria, asinada polo representante da entidade, en que se deixará constancia do resultado dos programas de actividades realizados e que foron obxecto de subvención.

3. Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para os mesmos programas de actividades, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, das administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Artigo 10º.-Pagamento.

1. Unha vez recibida e comprobada a documentación poderase proceder ao pagamento da axuda concedida. No caso de que o gasto certificado, mediante facturas ou documento equivalente, sexa inferior ao orzamento do proxecto valorado, a contía da axuda será minorada na mesma porcentaxe.

2. A aquelas escolas que non superen no importe concedido os 6.010,12 euros, poderáselles realizar un anticipo de pagamento do 50%, e librarase o importe restante no momento da completa xustificación.

3. Para aquelas escolas que superen os 6.010,12 euros, poderá acordarse un pagamento parcial ata o 50%, cando a escola xustifique a realización da actividade e o gasto realizado segundo se recolle no artigo 9º.2 e librarase o importe restante no momento da completa xustificación.

Artigo 11º.-Obrigas dos beneficiarios.

Os beneficiarios das subvencións estarán obrigados a:

a) Realizar o programa de actividades que fundamenta a concesión da subvención.

b) Acreditar ante a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade a realización do programa de actividades, así como o cumprimento dos requisitos ou das condicións que determinan a concesión ou o gozo da axuda. O cumprimento desta obriga de xustificación realizarase nos termos previstos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, na normativa regulamentaria de desenvolvemento e do disposto nas bases reguladoras desta orde.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, así como calquera outra comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto nacionais coma comunitarios, e fornecer canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicarlle á Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

f) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

g) Adoptar as medidas de difusión contidas no punto 3º do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) Incluír en todo o material de divulgación das actividades obxecto desta axuda, a referencia de que está subvencionada pola Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar a través da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, mediante a inclusión da súa imaxe corporativa, así como realizar todo este material (folletos, carteis, cartas, circulares, etc.), en galego.

i) Figurar ao día do cumprimento das súas obrigas tributarias -estatais e autonómicas- e da Seguridade Social, non ser debedor en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro e non ter algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da comunidade autónoma. En caso contrario, non se fará o pagamento da subvención.

Artigo 12º.-Control e reintegro da subvención.

1. Procederá o reintegro nos termos e supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en concreto, nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos termos establecidos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no establecido nesta orde.

b) Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedirían.

c) Incumprimento das condicións impostas con motivo da concesión da subvención ou da axuda pública, así como dos compromisos por estes asumidos, sempre que afecten ou se refiran ao modo en que se deben acadar os obxectivos, realizar a actividade, executar o proxecto ou adoptar o comportamento que fundamente a concesión da subvención, ou daqueles distintos dos anteriores, cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera administración ou ente público ou privado, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

d) Incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas no artigo anterior.

e) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas nos artigos 11 e 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o incumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera administración ou ente público ou privado, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

2. Con independencia das causas de reintegro enumeradas neste artigo, a declaración xudicial ou administrativa de nulidade ou anulabilidade da resolución de concesión por concorrer as causas previstas nos artigos 62 e 63 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, cando concorra algunha das causas de reintegro antes referidas, levará á obriga de devolver as cantidades percibidas. Non procederá a revisión de oficio do acto de concesión cando concorra causa de reintegro.

3. As cantidades que deban reintegrarse terán a consideración de ingresos de dereito público, resultando de aplicación para o seu cobramento o previsto nos artigos 19 ao 23 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 13º.-Modificación da subvención.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da subvención, de conformidade co disposto no artigo 17.4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira.-No caso de que unha vez ditada a resolución de concesión de axudas amparadas nesta orde quedase crédito sen adxudicar, poderase publicar unha segunda orde de convocatoria de axudas. En todo caso, a concesión de axudas terá como límite a cantidade consignada na correspondente aplicación económica dos orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2009.

Segunda.-Apróbase a delegación de atribucións do vicepresidente da Igualdade e do Benestar no director xeral de Xuventude e Solidariedade, para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das axudas previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer os gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamento, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Terceira.-Os beneficiarios destas axudas quedan suxeitos ao réxime de infraccións e sancións previstas para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Cuarta.-De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude autoriza expresamente para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web. Así mesmo, coa presentación da solicitude o beneficiario autoriza a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar a incluír e facer público nos rexistros regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de axudas, subvencións e sancións, os datos relevantes referidos ás axudas concedidas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-Facúltase o director xeral de Xuventude e Solidariedade para ditar cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento desta orde.

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2009.

Anxo Manuel Quintana González

Vicepresidente da Igualdade e do Benestar

Ver referencia pdf "03400D004P020.PDF"