DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Xoves, 12 de febreiro de 2009 Páx. 2.835

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 4 de febreiro de 2009 pola que se aproba o Regulamento de réxime interior da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp).

A Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), establece no seu artigo 9.2º d) que é competencia do Consello Reitor da Agasp, entre outras funcións, coñecer e aprobar o Regulamento de réxime interior da academia.

Deste xeito, parece propio que despois de dúas leis distintas que afectaron a actividade administrativa e docente das institucións que antecederon á Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), logo da entrada en vigor desta nova Lei 1/2007, de creación desta, se proceda a cambiar o Regulamento de réxime interior, que data do ano 1995, para achegalo á nova realidade da Agasp e ás súas novas funcións, facendo del un instrumento máis áxil e funcional, que lle permita ao alumnado, profesorado colaborador e persoal da academia un mellor coñecemento das normas contidas no regulamento e que lles poidan afectar.

Polo tanto, pasados varios anos de intensa e abundante actividade docente, tanto en réxime de internado como de formación externa e aínda descentralizada, e sendo coñecedores da necesidade de artellar respostas ás distintas situacións que se teñen presentado, logo da aprobación polo Consello Reitor, na súa reunión do día dezanove de xaneiro de dous mil nove,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobación do Regulamento de réxime interior.

Apróbase o Regulamento de réxime interior da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), que figura como anexo.

Disposición derrogatoria

Única.-Queda derrogado o Regulamento de réxime interior da Academia Galega de Seguridade, aprobado pola Orde do 5 de xullo de 1995 da extinta Consellería de Xustiza, Interior e Relación Laborais.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o/a director/a xeral da Academia Galega de Seguridade Pública para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Segunda.-O Regulamento de réxime interior que se aproba por esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2009.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO

Regulamento de réxime interior da Academia Galega

de Seguridade Pública (Agasp)

Capítulo I

Dos fins, funcións e organización

Artigo 1º.-Creación e sede.

A Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), creada pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, é un organismo autónomo de carácter administrativo adscrito organicamente á consellería competente en materia de interior e xustiza.

A sede da Academia Galega de Seguridade Pública radica na localidade pontevedresa da Estrada, sen prexuízo da organización de actividades formativas noutras localidades da Comunidade Autónoma de Galicia, e aínda fóra desta.

Artigo 2º.-Fins.

A Academia Galega de Seguridade Pública orientará a súa actuación ao:

1. Enriquecemento do capital humano dos servizos de seguranza pública mediante a súa capacitación a través da formación, a innovación e a excelencia.

2. Compromiso de xerar e transferir as bases de coñecemento para a mellora das políticas en materia de seguranza pública.

3. Impulso da calidade nos servizos de seguranza pública para unha mellor atención ao cidadán e maior satisfacción das súas persoas xestoras.

Artigo 3º.-Funcións formativas.

As funcións formativas da Academia Galega de Seguridade Pública, previstas no artigo 4 da Lei 1/2007, son as seguintes:

1. No ámbito da formación xudicial e penitenciaría e da seguranza privada:

Organizar e realizar nas materias de seguranza pública, en colaboración co Consello Xeral do Poder Xudicial e cos ministerios competentes en materia de xustiza e interior, así como con outros organismos, universidades ou centros de investigación, actividades dirixidas á formación de persoal das carreiras xudicial e fiscal, das/os funcionarias/os de institucións penitenciarias e do persoal traballador da seguranza privada, a través da sinatura dos oportunos convenios.

2. No ámbito da formación policial:

a) Elaborar os programas formativos e impartir os cursos dirixidos ao ingreso e á promoción interna nas distintas escalas dos corpos da policía de Galicia e das policías locais, así como a súa formación continua, perfeccionamento e especialización.

b) Colaborar coas administracións competentes na selección do persoal dos corpos da policía de Galicia e das policías locais.

c) Facilitarlles aos concellos os medios de coñecemento e información precisos para unha mellor execución dos servizos específicos das policías locais.

3. No ámbito da formación de protección civil, bombeiros/as e axentes forestais:

a) Elaborar os programas formativos e impartir os cursos de formación e perfeccionamento dirixidos aos/ás integrantes dos servizos de protección civil e aos membros dos corpos de bombeiros/as das entidades locais coas que se formalice o correspondente convenio de colaboración.

b) Impartir os cursos dirixidos aos/ás axentes forestais.

c) Colaborar coas entidades locais na selección e formación continua do persoal integrante dos corpos de bombeiros/as e de protección civil.

d) Facilitarlles aos concellos os medios de coñecemento e información precisos para unha mellor execución dos servizos específicos de bombeiros/as e protección civil, establecéndose os convenios oportunos.

Artigo 4º.-Funcións de investigación, colaboración e intercambio.

Son tamén funcións da Academia Galega de Seguridade Pública nas materias que lle son propias:

1. Investigar, estudar e divulgar contidos, técnicas e documentación, con especial referencia á realidade galega.

2. Promover relacións de intercambio e colaboración coas universidades e institucións de Galicia, así como con outros centros docentes e investigadores de ámbito autonómico, estatal ou internacional.

3. Homologar, cando proceda, os títulos correspondentes aos cursos de formación impartidos por outras academias, escolas ou centros.

4. Calquera outra que lle poida ser atribuída polas normas, de conformidade coa súa natureza.

Artigo 5º.-Organización.

1. Os órganos de goberno e administración da Academia Galega de Seguridade Pública son o consello reitor e o/a director/a xeral. As funcións de cada órgano son as recollidas na Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, de creación da Academia Galega de Seguridade Pública.

2. A estrutura organizativa será a que se determine por decreto da Xunta de Galicia.

3. O órgano asesor en materia de formación continua no campo da seguranza pública será o Consello Autonómico de Formación Continua para os empregados/as públicos/as da seguranza.

Capítulo II

Do profesorado

Artigo 6º.-Condición do profesorado.

1. As/os profesoras/es da Agasp poden formar parte do seu cadro de persoal ou ser colaboradoras/es temporais. Neste último caso, a súa selección correspóndelle ao/á director/a xeral, de acordo co disposto na lexislación de contratos das administracións públicas sobre réxime de contratación para as actividades docentes.

2. Poderán ser profesoras/es colaboradoras/es aquelas/es profesionais que manifesten a súa disposición e acrediten un axeitado nivel de competencia dentro da área ou materia escollida. Poderán pertencer aos corpos de seguranza ou ao eido universitario, xudicial e calquera outro, sempre que o perfil se acomode ao cometido específico na Agasp.

3. Tamén poderán ter a condición de profesoras/es colaboradoras/es aquelas/es profesionais liberais que a dirección considere oportuno, en función das necesidades docentes e tendo en conta o carácter multidisciplinar e profesional da formación que se imparte na academia.

4. Tanto para a formación do seu cadro de persoal como para tarefas de colaboración temporal, introduciranse os elementos correctores que permitan unha progresiva incorporación de mulleres, procurando avanzar nun progresivo equilibrio de xénero no profesorado, sen prexuízo do respecto aos principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade e ás normas de obrigada aplicación en materia de contratación.

Artigo 7º.-Dereitos e deberes do profesorado.

1. Son dereitos do profesorado colaborador temporal:

a) Recibir da xefatura de ensino toda a información previa e a colaboración necesaria para desenvolver máis eficazmente a súa actividade.

b) Ser informado coa antelación suficiente dos cambios de horario ou de data da actividade de que se trate.

c) Percibir a remuneración que estea sinalada para o tipo de colaboración que, en cada momento, efectúe, así como das axudas de custo do desprazamento, se é o caso.

d) Ser tratados polo alumnado co respecto e atención á que veñen obrigados, podendo, no caso contrario, corrixilos de inmediato, dando conta á dirección ou xefatura de ensino para a adopción das medidas disciplinarias correspondentes.

2. O profesorado colaborador terá as obrigas seguintes:

a) Colaborar coa dirección ou coa xefatura de ensino para acadar mellor os obxectivos docentes fixados pola academia.

b) Acudir con puntualidade ás clases que tivesen programadas ou avisar co tempo suficiente da súa imposibilidade de acudir, de xeito que permita facer os cambios necesarios para a súa substitución.

c) Preparar e entregar os materiais para o alumnado que correspondan, procurando sempre que resulten operativos, funcionais e actuais.

d) Manter un trato correcto co alumnado, pero sen esquecer a súa condición de profesor/a, debendo exixir deles en todo momento o respeto, atención e actitude oportunos.

Artigo 8º.-Interrupción ou cesamento da colaboración.

1. A condición de profesor/a colaborador/a non será permanente nin implicará vínculo laboral coa academia, podendo contarse ou non coa súa colaboración en función dos intereses formativos ou dos contidos dos plans anuais de actividades.

2. En todo caso, cando un/ha profesor/a incumpra as obrigas do artigo 7º.2 ou calquera outra prevista neste regulamento, e tamén sempre que a avaliación obxectiva do seu rendemento ou da súa actitude docente non aconsellasen a súa continuidade, o/a director/a xeral poderá determinar o cesamento da súa colaboración.

Capítulo III

Do alumnado

Sección primeira

Cursos de formación inicial ou para a promoción interna

Artigo 9º.-Normas de aplicación.

Os cursos de formación inicial ou para a promoción interna desenvolveranse normalmente en réxime de internado. Durante a súa permanencia na Academia Galega de Seguridade Pública, o alumnado someteranse ás disposicións deste regulamento e ás instrucións ditadas pola dirección da Agasp, así como, se é o caso, á lexislación especial dos corpos de seguranza e á xeral dos/as funcionarios/as da Administración da que dependan, e que lle sexan aplicables.

Artigo 10º.-Deberes do alumnado.

Considéranse deberes inescusables do alumnado:

a) Asistir puntualmente ás clases e demais actividades académicas.

b) Acatar con disciplina as normas deste regulamento, as instrucións de orde interna que dite o/a director/a da academia, e as individualizadas que reciban do persoal directivo, titoras/es e profesorado.

c) Observar, en todo momento, unha conduta decorosa.

d) Esforzarse na mellora das súas aptitudes profesionais e da súa capacidade de traballo, así como en obter o maior rendemento posible das ensinanzas recibidas.

e) Fortalecer o sentimento de pertenza a un colectivo no que o compañeirismo constitúe unha actitude fundamental.

f) Colaborar na consecución dos fins do curso.

g) Facer un bo uso do material e das instalacións do centro.

h) Vestir con absoluta corrección e pulcritude o uniforme regulamentario ou a indumentaria que, en cada caso, se estableza, portando sempre os distintivos ou as acreditacións individuais do xeito que lles sexa indicado.

i) Comunicar ás/aos titoras/es ou á xefatura de ensino, con anterioridade ao desenvolvemento das clases ou, mediante escrito, con posterioridade a elas, a imposibilidade de acudir a estas, sen prexuízo da obriga de presentar a xustificación procedente.

j) Respectar a intimidade das/os compañeiras/os, absténdose de entrar nos seus cuartos, agás por causa motivada.

k) Evitar facer ruídos ou actividades, sexa no tempo de clases ou no de lecer, que impidan ou dificulten o estudo ou o descanso dos seus compañeiros/as ou doutra/o alumna/o, tanto na zona de aulas, corredores ou dependencias da academia, como na zona de residencia e nos mesmos cuartos.

l) Non facer uso durante as clases de aparellos de telefonía móbil, reprodución sonora ou visual, debéndoos manter apagados de xeito que non interrompan en ningún momento o desenvolvemento das clases ou distraian o alumnado.

m) En xeral, todos aqueles que se consideren necesarios para o normal funcionamento da academia, ou que se lles puidesen exixir directamente en ocasións determinadas.

Artigo 11º.-Uniformes e saúdo.

As seguintes normas sobre uniformes, saúdo e aspecto externo deberán ser tidas en conta polo alumnado, sancionándose o seu incumprimento:

a) Dentro do horario académico, o alumnado vestirá o uniforme que se determine para cada caso. Cando saian fóra da academia non poderán levar uniforme, agás autorización expresa.

b) Do mesmo xeito, deberán levar sempre a acreditación individual en lugar visible, da maneira que lles indique a dirección, titoras/es ou profesoras/es.

c) Queda prohibido levar co uniforme calquera tipo de complemento que non sexa o regulamentariamente establecido.

d) Deberase coidar con esmero o aspecto externo (pelo, barba, roupa, etc.) dando a sensación en todo momento de aseo e pulcritude, seguindo estritamente as indicacións que lles sexan dadas pola dirección, xefatura de ensino e titoras/es.

e) O saúdo será obrigatorio cos seus mandos naturais e coas autoridades, incluíndose expresamente entre estas o/a director/a xeral da academia, persoal directivo, profesorado e superiores xerárquicos doutros corpos de seguranza.

f) O saúdo realizarase, cando estean vestidos de uniforme e cubertos, levando a man dereita estendida ao extremo da peza de roupa da cabeza, e xunto á tempa dereita en posición de firmes, indicando «bos días» ou «boas tardes», segundo o caso. Cando non vistan de uniforme ou se atopen descubertos, o saúdo será «bos días» ou «boas tardes», poñéndose en pé no caso de atoparse sentados, agás cando estean na cafetaría ou comedor do centro.

g) Mentres o alumnado se atope nas aulas ou cafetaría deberán permanecer descubertos, estando cubertos en todas as demais dependencias, incluídos corredores e anexos.

h) Obrigatoriamente o tratamento, con todas as persoas mencionadas na epígrafe e), será de «vostede», aínda que deberán utilizar sempre este mesmo tratamento por cortesía e profesionalidade con calquera outra persoa.

i) Cando entre o/a profesor/a na aula, ou as persoas mencionadas na epígrafe e), as/os alumnas/os deberá poñerse en pé, e non abandonarán esa postura en canto non se lles indique. O mesmo farán cando estas persoas abandonen a aula.

Artigo 12º.-Dereitos do alumnado.

Son dereitos do alumnado:

a) O desenvolvemento normal do curso e o logro dos obxectivos que nel se fixen.

b) Expoñer á dirección, individualmente e por escrito, calquera queixa, reclamación ou suxestión que considere oportuna, así como solicitar entrevistas persoais con este fin.

c) Recibir as ensinanzas teóricas e prácticas das distintas materias na forma e tempo previstos no programa do curso, sen cambios que perturben ou alteren substancialmente os contidos destas.

d) Dispor de dependencias adecuadas, medios técnicos e instalacións que faciliten tanto o aproveitamento das ensinanzas teóricas e prácticas, como as actividades propias do tempo de lecer e de estudo.

e) E, en xeral, todos aqueles que recoñeza a lexislación vixente.

Artigo 13º.-Delegadas/os de curso.

En cada curso ou promoción existirá, por cada grupo ou clase, unha/un delegada/o que exercerá a representación do alumnado ante os órganos directivos. Esta/e delegada/o será elixido polo alumnado de cada clase entre os seus compañeiros/as ou, no seu defecto, será nomeado pola dirección da academia. Tamén se nomearán ata dúas/dous subdelegadas/os que substituirán no caso de ausencia a/o delegada/o. Son funcións das/os delegadas/os:

1. Colaborar coa dirección e demais órganos reitores nas actividades propias do curso.

2. Facer chegar á dirección as suxestións ou queixas que interesen ao colectivo do alumnado.

3. Manter a disciplina na aula en ausencia do/a profesor/a.

4. Atender todas as indicacións puntuais que reciba da dirección, do profesorado e das/os titoras/es, encamiñadas a mellorar a calidade do ensino, e transmitirllas ás/aos súas/seus compañeiras/os.

5. Controlar as faltas de asistencia, reflectíndoas nos partes de clase e dando conta inmediata ás/aos titoras/es ou á xefatura de ensino.

6. Procurar que o material didáctico e os medios contidos na súa aula estean sempre en bo estado de funcionamento, dando parte oportuno no caso contrario.

Artigo 14º.-Área docente e área de actitudes: criterios xerais de avaliación.

Para poder superar estes cursos de formación, polo seu carácter selectivo, será necesario que o alumnado acade a cualificación de apto, entendendo por tal a obtención dunha nota de cinco sobre dez en cada unha das materias que se determinen como obrigatorias na guía do curso de que se trate, dispoñendo de dúas convocatorias de exame, unha ordinaria e unha extraordinaria.

Non entanto, a/o alumna/o que non supere catro ou máis das materias do curso, deberá repetir este, se o claustro ou xunta de profesorado así o considera, contando sempre co prace da dirección.

Do mesmo xeito, na área de actitudes e comportamento a/o alumna/o deberá superar sempre a cualificación de cinco sobre dez. A avaliación actitudinal final será determinada pola dirección, tendo en conta os informes do profesorado, titoras/es e xefatura de ensino, así como as sancións disciplinarias que tivese a/o alumna/o. A exclusión dunha/dun alumna/o e a súa expulsión precisará dun expediente motivado que acredite a gravidade do seu comportamento e a necesidade desta decisión.

Artigo 15º.-Exames e avaliación do alumnado.

O profesorado procederá á avaliación do alumnado mediante a realización dos exames ou probas que consideren ou que lles sexan indicados pola dirección, tendo en conta os obxectivos docentes e a calidade de curso selectivo. Procurarán que as cualificacións reflictan coa maior obxectividade posible o rendemento e aproveitamento individual de cada alumna/o.

O claustro ou xunta de profesorado proporá á dirección da academia, ao remate de cada curso, a relación do alumnado considerado apto. De igual xeito, determinarase cales son as/os alumnas/os que deben facer exames extraordinarios ou repetir curso.

Artigo 16º.-Faltas de asistencia.

1. A asistencia ás clases e actividades comprendidas no programa do curso é obrigatoria. As faltas que as/os alumnas/os acumulen deberán xustificarse debidamente, penalizándose disciplinariamente, en caso contrario.

2. A/o alumna/o que, por enfermidade ou algunha outra causa xustificada, perda máis do 10% das clases do curso de formación será declarado non apto, e poderá incorporarse ao curso seguinte ou cando a causa determinante llo permita.

De ser necesario, e só nos casos en que a inasistencia ás clases estivese motivada por accidente ou lesión sufridos con ocasión da actividade académica, o/a director/a xeral poderá considerar a conveniencia ou a oportunidade de permitirlle ao/á alumno/a poder recuperar ata un determinado número de horas e participar posteriormente nun exame extraordinario para poder superar o curso sen ter que repetilo.

3. No entanto, aínda que as ausencias acumuladas non chegasen á porcentaxe sinalada, a/o alumna/o poderá verse obrigado a recuperar todas ou parte das horas perdidas ao longo do curso. Neste caso a xefatura de ensino proporá ao/á director/a xeral o número de horas que se van recuperar, tendo en conta, en cada caso concreto, o tipo de xustificación presentada para cada ausencia, así como o número total destas e o comportamento e actitude da/o alumna/o ao longo do curso.

Sección segunda

Cursos, xornadas, seminarios e outras actividades

de formación continua para a actualización ou especialización

Estes cursos poden desenvolverse na academia, cando así se recolla ou sexa preciso facer uso das súas infraestruturas e medios, pero tamén de forma descentralizada noutras sedes, e aínda a través da internet.

Artigo 17º.-Normas de aplicación.

O mesmo que nos cursos selectivos, o alumnado someterase ás disposicións deste regulamento e ás instrucións ditadas pola dirección da Agasp, así como, se é o caso, á lexislación especial dos corpos de seguranza ou a xeral das/dos funcionarias/os da administración da que dependan, e que lle sexan aplicables.

Artigo 18º.-Deberes do alumnado.

Son deberes do alumnado:

a) Solicitar en tempo e forma a súa participación na actividade, utilizando, en cada caso, o sistema previsto na correspondente convocatoria, agás no caso de ser designado directamente polo corpo ou colectivo ao que pertenza.

b) Comunicar á academia, o máis axiña posible, a súa renuncia ou imposibilidade de asistir, unha vez que coñecese ter sido seleccionado para o curso ou actividade, de xeito que a súa baixa ou renuncia poida ser cuberta por outra/o alumna/o.

c) Presentarse cos medios de dotación individual exixidos para a actividade na que vai participar, de ser o caso.

d) Asistir puntualmente ás clases ou actividades de que se trate.

e) Acatar as normas deste regulamento e as que reciban do persoal da academia ou do profesorado.

f) Observar en todo momento a conduta exixida por estar ao servizo público.

g) Esforzarse na mellora das súas aptitudes profesionais e da súa capacidade de traballo, así como en obter o maior rendemento posible das ensinanzas recibidas.

h) Facer un bo uso do material e das instalacións que, en cada caso, sexan utilizadas.

i) E, en xeral, todos aqueles que se consideren necesarios para o normal desenvolvemento da actividade.

Artigo 19º.-Dereitos do alumnado.

Son dereitos do alumnado:

a) Obter información clara sobre os cursos ou actividades, os requisitos das/os aspirantes e do sistema de selección destas/es, de acordo co previsto no artigo seguinte.

b) Gozar do normal desenvolvemento dos cursos ou actividades e do logro dos obxectivos que neles se fixen.

c) Recibir as ensinanzas teóricas e prácticas previstas nos programas dos cursos, de xeito que se acomoden ao seu desempeño profesional.

d) Dispor de dependencias adecuadas, medios técnicos e materiais didácticos que faciliten o aproveitamento dos contidos das actividades formativas.

e) E, en xeral, todos aqueles que recoñeza a lexislación vixente.

Artigo 20º.-Convocatoria e procedemento de selección.

1. Cada curso ou actividade será obxecto da correspondente convocatoria pública, que se pode levar a cabo mediante a súa publicación no DOG ou mediante circular xeral a todos os colectivos aos que se dirixa, agás no caso dunha actividade de tipo sectorial ou específica para un só corpo ou colectivo.

2. Na convocatoria terase en conta o disposto polo artigo 37.bis da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, reservándose o 50% das prazas para solicitantes mulleres que reúnan os requisitos exixidos na convocatoria. De non existir suficientes solicitudes de participación de mulleres, as prazas sobrantes acrecentarán as da quenda xeral. Ademais especificarase a respecto das diferentes quendas o procedemento de selección que, por defecto, será o seguinte por orde de preferencia:

a) Ter participado nun menor número de cursos, segundo consten nas bases de datos da Agasp, e non ter feito con anterioridade o curso que se convoca.

b) A igual número de cursos terá preferencia a/o alumna/o que leve máis tempo sen participar en actividades do centro.

c) Antigüidade no corpo.

3. Á listaxe de admitidas/os engadirase unha relación de suplentes, cando así se considere, para cubrir posibles baixas.

Artigo 21º.-Obrigatoriedade da asistencia e penalización desta.

1. Unha vez que resultase seleccionado/a, o/a alumno/a ten a obriga de asistir ao curso, agás que comunicase a súa imposibilidade de acudir con cando menos 48 horas de antelación ao comezo deste, como se recolle na epígrafe b) do artigo 18º. Noutro caso será excluído/a automaticamente da selección para as dez seguintes actividades que solicitase.

2. Comezado o curso, ao alumnado só se lle permitirá a falta de asistencia a un 10% como máximo das horas totais, e sempre xustificadamente. De sobrepasar esta porcentaxe non terá dereito ao diploma ou certificado. Excepcionalmente non se incluirán nesta porcentaxe as ausencias derivadas das situacións do embarazo e lactación que sexan estritamente necesarias e xustificadas por certificación facultativa oficial; e preverase para estes casos a realización das actividades compensatorias que corresponda, sen prexuízo do suposto regulado na liña 3 deste artigo.

3. Nos demais casos, valorando a xustificación da inasistencia, poderase permitir ao/á alumno/a completar as horas necesarias noutra edición do mesmo curso, no módulo ou materia aos que antes non puidese asistir.

Artigo 22º.-Coordinadoras/es ou delegadas/os.

As actividades desenvolvidas na sede da academia serán controladas polos correspondentes servizos desta. Para as actividades descentralizadas poderase nomear un/ha coordinador/a, que actuará como delegado/a ou representante da academia, e con funcións semellantes ás descritas no artigo 13º para os/as delegados/as dos cursos selectivos.

Capítulo IV

Réxime disciplinario

A infracción das normas deste regulamento será corrixida de acordo coas prescricións que se recollen nos artigos seguintes.

Artigo 23º.-Faltas disciplinarias.

1. Terán a consideración de faltas disciplinarias todas aquelas accións ou omisións recollidas expresamente nos artigos seguintes.

2. Os/as responsables da academia, titores/as e profesorado estarán obrigados a comunicar de inmediato ao/á director/a xeral os feitos dos/as alumnas/os que poidan constituír unha falta tipificada neste regulamento.

3. Nos casos de faltas consideradas moi graves ou graves, o/a director/a xeral suspenderá a participación do/a infractor/a nas actividades académicas ou acordará a expulsión deste/a da academia.

Artigo 24º.-Clasificación das faltas.

As faltas clasifícanse en tres graos: moi graves, graves e leves, en función da súa natureza, intencionalidade, perturbación do funcionamento da academia, da imaxe desta ou dos seus membros e reincidencia do infractor/a.

Artigo 25º.-Faltas moi graves.

Considéranse faltas moi graves:

a) Calquera acto tipificado como delito doloso no Código penal.

b) A subtracción ou apropiación indebida de material ou medios técnicos da academia, así como os danos intencionados que se causen nestes.

c) A insubordinación individual ou manifestación colectiva contra os órganos reitores do curso e outras autoridades, así como o incumprimento das ordes ou disposicións que sexan ditados pola dirección ou polos/as superiores.

d) Calquera outro acto susceptible de provocar noutras/os alumnas/os o relaxamento da disciplina académica en forma grave, ou que lesionen gravemente o prestixio da academia.

e) Emborracharse ou consumir drogas tóxicas, estupefacientes ou calquera outra substancia psicotrópica, dentro ou fóra do centro, durante a súa estadía na academia.

f) A reincidencia na falta grave. Haberá reincidencia cando a/o alumna/o fose sancionada/o ao longo do curso por dúas faltas de tal natureza.

Artigo 26º.-Faltas graves.

Son faltas graves:

a) Utilizar a condición de policía para obter vantaxes de forma ilexítima, aínda que este feito non constitúa delito.

b) A desobediencia grave aos superiores.

c) Participar en alteracións que perturben o normal desenvolvemento do ensino ou dificulten a boa marcha do curso.

d) A desconsideración grave cos membros da dirección e co persoal da academia, profesorado, titoras/es e superiores.

e) Ausentarse ou faltar, de maneira inxustificada e sen autorización, ás clases ou a calquera outra actividade obrigatoria, considerándose falta independente a inasistencia a cada unha das clases ou actos en días diferentes.

f) O emprego de métodos ou procedementos que teñan como finalidade falsear os resultados das probas, exames ou avaliacións que se fagan ao alumnado, así como a inexactitude maliciosa nos escritos e informes que se emitan para os superiores ou profesoras/es en calquera asunto relacionado co curso.

g) Promover ou participar nas rifas entre compañeiras/os.

h) Contraer débedas por motivos que menoscaben o prestixio da academia.

i) Causar danos no material e instalacións maliciosamente ou por neglixencia inescusable.

j) As condutas ou actitudes que amosen unha falta de coidado no manexo das armas de fogo, tanto no seu porte e uso, como nas prácticas de tiro e limpeza destas.

k) Calquera conduta tipificada como falta no Código penal e que se cometa de xeito doloso.

l) A reincidencia en falta leve. Haberá reincidencia cando a/o alumna/o fose sancionada/o ao longo do curso por tres faltas de tal natureza.

Artigo 27º.-Faltas leves.

Son faltas leves:

a) A falta de puntualidade inxustificada ou o retraso a calquera actividade obrigatoria, incumprindo os horarios establecidos.

b) Tratar as/os superiores ou profesoras/es sen a debida cortesía ou deferencia.

c) A descortesía coas/cos funcionarias/os da academia, co persoal empregado nela ou nas institucións que estean colaborando na actividade formativa concreta.

d) A infracción das normas sobre saúdo e uniformes contidas no artigo 11º deste regulamento ou ditadas pola dirección.

e) A falta de aseo persoal e o descoido no vestir ou na conservación do equipamento, así como o uso de vestimenta inadecuada.

f) A neglixencia ou pouco interese no cumprimento dos seus deberes académicos, en especial nos que se citan no artigo 10º deste regulamento.

g) O uso durante as clases de aparellos de telefonía móbil, reprodución sonora ou visual, que interrompan o desenvolvemento das clases ou distraian ao alumnado.

h) Ausentarse con calquera escusa durante as clases, agás nos casos de causa grave ou forza maior, permanecendo nos corredores, cafetaría ou nas inmediacións.

i) O incumprimento leve das normas que se comuniquen desde a dirección ou a xefatura de ensino da academia.

Artigo 28º.-Sancións.

A autoridade competente para impoñer as sancións será o/a director/a xeral da Academia Galega de Seguridade Pública.

1. Sancións que se imporán nos cursos selectivos de ingreso ou para a promoción interna:

a) As faltas moi graves sancionaranse coa expulsión da academia ou perda de 4 a 5 puntos na área de actitude.

b) As faltas graves sancionaranse coa perda de 2 a 4 puntos na área de actitude.

c) As faltas leves sancionaranse con apercibimento ou perda de ata 2 puntos na área de actitude.

2. Sancións que se poderán impoñer nos cursos, xornadas, seminarios e outras actividades de formación continua para a actualización ou especialización:

d) As faltas moi graves coa expulsión indefinida de todas as actividades da academia, ás que só se podería volver tendo canceladas estas.

e) As faltas graves coa expulsión do curso e a inhabilitación para poder participar noutras actividades formativas por período de 6 meses aos 2 anos.

f) As faltas leves:

Con apercibimento para os casos nos que sexa a primeira vez, durante o desenvolvemento da actividade, que o/a alumno/a observa unha conduta das tipificadas no artigo 27º que describe as faltas leves.

Coa perda de dereito ao diploma ou certificado, ou a expulsión do curso no caso de reincidencia en calquera das condutas anteriores, e tamén coa posibilidade da súa exclusión das actividades da academia por un período de ata 6 meses, tendo en conta o tipo de conduta e a actitude do/a alumno/a.

Independentemente da sanción, a dirección da academia poderá dar conta ás autoridades das que dependa o/a alumno/a infractor/a, ou mesmo facer uso da vía xurisdicional, de consideralo oportuno.

Artigo 29º.-Procedemento sancionador.

1. O procedemento sancionador axustarase aos principios de sumariedade, celeridade, información da acusación á persoa interesada e audiencia a esta.

2. Para resolver, no caso das faltas leves, será dabondo coa notificación e audiencia á persoa interesada, á que se dará audiencia, e a posterior e inmediata comunicación da sanción.

3. No caso de faltas graves e moi graves será preceptiva a instrución do oportuno expediente disciplinario.

4. Contra as resolucións que impoñan a sanción correspondente, cabe recurso de alzada ante a persoa titular da consellería competente en materia de interior, previo ao contencioso administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 30º.-Prescrición das faltas e das sancións.

1. As faltas moi graves prescribirán, agás no caso de delito doloso, aos seis meses; as graves aos tres meses e as leves ao mes. O prazo de prescrición comezará a contarse desde que se cometeu a falta.

2. As sancións impostas por faltas moi graves prescribirán aos nove meses, as impostas por faltas graves aos cinco meses e as impostas por faltas leves aos dous meses.

3. O prazo de prescrición das sancións comezará a contarse desde o día seguinte ao que sexa firme a resolución pola que se impón a sanción, ou desde que se quebrantou o cumprimento da sanción, se xa comezou.

4. A prescrición interromperase polo comezo do procedemento: para este efecto, a resolución de incoación do expediente disciplinario deberá ser debidamente rexistrada e volverá contar o prazo se o expediente permanece paralizado durante máis de seis meses por causa non imputable ao/á alumno/a suxeito/a ao procedemento.

Artigo 31º.-Anotación no expediente da/o alumna/o.

As sancións que se impoñan ao alumnado anotaranse nos seus respectivos expedientes académicos, con indicación das faltas que os motivaron, podendo dar conta aos corpos ou xefaturas policiais de procedencia destes para o seu coñecemento.

Artigo 32º.-Cancelación.

A cancelación das anotacións das sancións producirase do xeito seguinte:

1. As anotacións das sancións impostas aos/ás alumnos/as dos cursos selectivos de ingreso e promoción interna, cancelaranse de oficio transcorrido un ano desde o remate dos cursos nos que aqueles/as participasen.

2. As anotacións das sancións impostas aos/ás alumnos/as dos cursos ou actividades de formación continua, cancelaranse nos prazos seguintes:

As sancións impostas por faltas leves, cancelaranse de oficio aos seis meses do cumprimento destas.

As sancións impostas por faltas graves, cancelaranse de oficio ao ano do cumprimento destas.

As sancións impostas por faltas moi graves cancelaranse a partir dos catro anos desde que se impuxese a sanción, sempre por solicitude previa da persoa interesada.

Disposicións derradeiras

Primeira.-No non previsto neste regulamento aplicarase con carácter supletorio o establecido na Lei orgánica 2/1986, do 13 de marzo, de forzas e corpos de seguranza, na Lei 4/ 2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais de Galicia, na Lei 8/2007, do 13 de xuño, de policía de Galicia, e demais normas de aplicación específica e, de ser o caso, con carácter subsidiario, no Regulamento de réxime disciplinario das/os funcionarias/os da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado por Decreto 94/1991, do 20 de marzo.

Segunda.-Aplicarase, tamén con carácter supletorio, o establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e normas que a desenvolvan.