DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Mércores, 11 de febreiro de 2009 Páx. 2.774

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

DECRETO 21/2009, do 29 de xaneiro, polo que se crea a Reserva galega de dereitos de plantación de viñedo.

O Regulamento (CE) 479/2008 do Consello, do 29 de abril, polo que se establece a organización común do mercado vitivinícola, se modifican os regulamentos (CE) 1493/1999, (CE) 1782/2003, (CE) 1290/2005 e (CE) 3/2008 e se derrogan os regulamentos (CEE) 2392/86 e (CE) 1493/1999 e o Regulamento (CE) 555/2008, da Comisión, do 27 de xuño, polo que se establecen as normas de desenvolvemento do Regulamento (CE) 479/2008, do Consello, polo que se establece a organización común do mercado vitivinícola, no relativo aos programas de apoio, o comercio con terceiros países, o potencial de produción e os controis no sector vitivinícola, posibilitan a creación polos estados membros de reservas nacionais ou rexionais, de dereitos de plantación de viña.

Os dereitos que pasarán a constituír a reserva, na súa maior parte, aqueles non utilizados polos seus titulares nos prazos establecidos e os xerados nas superficies de viña abandonada, serán repartidos entre os viticultores que o soliciten, segundo uns criterios de prioridade. Deste xeito, conseguirase mellorar a xestión do potencial vitícola e evitar a súa perda nun territorio determinado.

Por outra banda, o Real decreto 1244/2008, do 18 de xullo, polo que se regula o potencial de produción vitícola, establece no capítulo VII a posibilidade de que as comunidades autónomas poidan adquirir dereitos de plantación de viña, aos seus titulares, para incorporalos ás reservas autonómicas.

Por isto, e considerando que a Xunta de Galicia exerce as competencias exclusivas en materia de agricultura, en virtude do establecido no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía, procede crear a reserva de dereitos de plantación de viña en Galicia.

Xa que logo, por proposta do conselleiro do Medio Rural, en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa presidencia, oído o Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e nove de xaneiro de dous mil nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Este decreto ten por obxecto crear a Reserva galega de dereitos de plantación de viñedo coa finalidade de mellorar a xestión do potencial vitícola, evitar a súa perda e fomentar o uso eficaz dos dereitos de plantación.

Artigo 2º.-Xestión.

A Xunta de Galicia xestionará todos os dereitos de plantación que integren a Reserva galega, a través da consellería competente en materia de agricultura, á cal corresponderá a elaboración e aplicación do desenvolvemento normativo correspondente.

Artigo 3º.-Dereitos que integran a Reserva galega.

A Reserva galega de dereitos de plantación estará integrada por:

1. Os dereitos de nova plantación, replantación, e dereitos de plantación procedentes da reserva que non foran utilizados nos prazos establecidos neste decreto e na restante normativa que lle sexa de aplicación.

2. Os dereitos de plantación adquiridos pola consellería competente en materia de agricultura ás persoas titulares deles, conforme as condicións que se determinen mediante orde da consellería competente en materia de agricultura.

3. Os dereitos de replantación xerados polas superficies en que, consonte o previsto no artigo 8.2º da Lei 24/2003, do 10 de xullo, da viña e do viño se demostrase fidedignamente que non foron cultivadas nas tres últimas campañas e en que se acordase e formalizase a arrinca, logo de cursar comunicación ao seu titular.

4. Os dereitos de replantación que se poidan xerar en superficies afectadas por un proceso de concentración parcelaria ou expropiación, no suposto de que a persoa titular non obteña e formalice a correspondente autorización de arrinca.

5. Os dereitos de replantación transferidos desde outra comunidade autónoma que non sexan utilizados nas dúas campañas seguintes á aprobación da transferencia polo ministerio competente en materia de agricultura.

6. Os dereitos de plantación non exercidos dentro do seu período de vixencia por causas non imputables á persoa titular e así recoñecido pola autoridade competente. Neste caso, unha vez finalizada a causa que imposibilitou o exercicio do dereito, este será asignado á persoa titular de orixe, sen contrapartida financeira ningunha.

7. Calquera outro dereito de plantación asignado á Reserva galega pola Reserva nacional.

8. Calquera outro dereito de plantación non reclamado polas persoas titulares das explotacións vitícolas e que, de acordo coa normativa comunitaria, continúe vixente e forme parte do potencial de produción da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4º.-Criterios básicos de xestión dos dereitos da Reserva galega.

1. Os dereitos de plantación incorporados á Reserva galega deberanse exercer antes de que finalice a terceira campaña seguinte a aquela durante a cal se incorporaron, integrándose na Reserva nacional no caso de que durante esas tres campañas non sexan utilizados, consonte o artigo 38.2º) do Real decreto 1244/2008.

2. As asignacións de dereitos a través da reserva respectarán os principios recollidos no Regulamento (CE) 479/2008 canto ao mantemento do potencial produtivo.

3. Unicamente se asignarán dereitos de plantación de viña procedentes da Reserva galega a aquelas parcelas destinadas á produción de viños cunha denominación de orixe ou unha indicación xeográfica protexidas.

4. Excepcionalmente, os dereitos da Reserva galega asignados á persoa titular de orixe segundo o previsto no artigo 3º.6 deste decreto serán adxudicados sen contrapartida financeira ningunha.

5. Unha vez asignados os dereitos de plantación de viña da Reserva galega, non se autorizará a persoa beneficiaria o uso deles ata que realice o ingreso correspondente ao prezo público na Facenda pública autonómica de Galicia polo importe que estableza a orde de repartición específica.

6. Os dereitos de plantación procedentes da reserva e asignados ás persoas viticultoras non poderán ser obxecto de transferencia.

Artigo 5º.-Procedemento de asignación de dereitos da Reserva galega.

A asignación de dereitos de plantación de viña procedentes da Reserva galega farase mediante convocatoria pública en réxime de concorrencia competitiva e regularase mediante orde específica da consellería competente en materia de agricultura, que establecerá a superficie máxima de dereitos para repartir e o baremo e requisitos específicos para cada convocatoria, ben como o procedemento, prazos e documentación exixidos. En calquera caso, na asignación teranse en conta, entre outros, os seguintes criterios de prioridade:

a) Persoas agricultoras mozas que estean dadas de alta no réxime especial da Seguridade Social dos traballadores por conta propia ou autónomos no momento da presentación da solicitude.

b) Persoas agricultoras titulares de explotacións agrarias prioritarias.

c) Persoas agricultoras a título principal.

d) Ter a condición de muller.

e) Persoas solicitantes que sexan titulares de superficies de viña situadas, en máis dun 50%, en zonas excluídas das primas á arranca de viña contemplada no capítulo III do título V do Regulamento (CE) 479/2008, do Consello, do 29 de abril.

f) Persoas socias de cooperativas agrarias.

g) Viñas que vaian ser inscritas no Rexistro de Produción Integrada.

h) Viñas que vaian ser inscritas en agricultura ecolóxica a través do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia.

i) Existencia de actuacións coordinadas de concentración parcelaria e plans colectivos de reestruturación e reconversión da viña.

j) Existencia de proxectos de produción agrícola en común.

Artigo 6º.-Beneficiarios e exclusións.

1. Poderán solicitar dereitos de plantación de viña procedentes da Reserva galega:

a) As persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares de explotacións vitícolas situadas en Galicia e que teñan regularizada a totalidade da superficie de viña da súa explotación conforme a normativa vixente no momento de presentar a solicitude.

b) As persoas físicas ou xurídicas que vaian incorporarse á viticultura (en denominacións de orixe ou indicación xeográfica protexidas) e que vaian traballar, cando menos, unha superficie de 1 hectárea.

2. Quedarán excluídas da asignación de dereitos de plantación de viña da Reserva galega:

a) As persoas solicitantes que se atopen incumprindo a normativa vitivinícola vixente no momento de presentar a solicitude.

b) As persoas físicas ou xurídicas que nas últimas 5 campañas vitícolas ou na campaña en curso transferisen dereitos de replantación a outros produtores.

c) As persoas solicitantes que teñan dereitos de replantación vixentes sen utilizar.

d) As persoas solicitantes que fosen beneficiarias das primas á arrinca definitiva de viña establecidas no capítulo III do título V do Regulamento (CE) 479/2008 do Consello, do 29 de abril.

Artigo 7º.-Contrapartida financeira.

1. Como criterio xeral, os dereitos asignaranse a cambio dun prezo público ás persoas produtoras que os utilicen para plantar viñas cuxa produción teña unha saída garantida.

2. O prezo público será determinado en función do valor comercial das producións das ditas viñas calculado a partir dos rendementos medios da viña en cada provincia. A contía do prezo público será fixado na orde a que se fai referencia no número seguinte.

3. Atribuiranse de forma gratuíta nos casos en que os dereitos asignados supoñan aumento da dimensión das parcelas de viña en porcentaxe que se determinará por orde da consellería competente en materia de agricultura, e ás persoas agricultoras mozas que acrediten un mínimo de 3 anos de experiencia en viticultura e se establezan por primeira vez nunha explotación vitícola en calidade de titular ou cotitular de explotación nunha das indicacións xeográficas (denominación de orixe ou indicación xeográfica protexidas).

Artigo 8º.-Límites cuantitativos na asignación de dereitos de plantación.

As novas plantacións ás cales se adxudiquen dereitos de plantación de viña procedentes da Reserva galega deberán reunir os seguintes requisitos:

a) A superficie mínima para plantar será de 0,20 hectáreas, agás nos casos de zonas tradicionais de viña en pendente cando supere o 30%. Excepcionalmente, poderá autorizarse unha superficie menor no caso de fusión de parcelas ou de que co recoñecemento do dereito de plantación procedente da Reserva galega se complete unha parcela agrícola de viña xa existente.

b) No caso de explotacións cuxo titular sexa unha persoa física, a superficie máxima de dereitos de nova plantación que poderá asignarse será de 2 hectáreas.

Para as explotacións cuxa persoa titular sexa unha persoa xurídica, a superficie máxima de dereitos de nova plantación que poderán asignarse por denominación de orixe ou indicación xeográfica protexidas será de 2 ha por socio, cun máximo de 6 ha.

c) As variedades empregadas nas novas plantacións serán das clasificadas como recomendadas para Galicia.

Artigo 9º.-Obrigas das persoas adxudicatarias.

1. As persoas viticultoras que resulten adxudicatarias de dereitos de plantación de viña procedentes da Reserva galega quedan obrigadas a:

a) Exercer o dereito de plantación procedente da Reserva galega nas superficies e nos termos en que fose concedido.

b) Cultivar directamente a viña autorizada e non modificala nun período non inferior aos dez anos seguintes á súa plantación, salvo causa de forza maior.

c) Executar a nova plantación para a cal foron asignados os dereitos antes de que finalice a segunda campaña seguinte a aquela durante a cal se concedesen.

d) Non transferir ou ceder dereitos de replantación da súa explotación durante as dez campañas seguintes á asignación de dereitos procedentes da reserva autonómica, agás no caso de transmisión por causa de morte, quedando os cesionarios igualmente suxeitos ás obrigas previstas neste artigo.

2. En caso de incumprimento das obrigas anteriormente establecidas, os dereitos asignados volverán á Reserva galega sen ningunha contrapartida financeira por parte da Administración, e dará lugar á imposición das sancións administrativas que poidan corresponder, de acordo coa normativa vixente.

3. En caso de liquidación de persoas xurídicas que se tivesen beneficiado de dereitos de plantación procedentes da Reserva galega, estes volverán á reserva en caso de teren transcorrido menos de 10 anos desde a súa asignación.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a persoa titular da Consellería do Medio Rural para, no ámbito das súas competencias, ditar cantas disposicións sexan necesarias para a execución e cumprimento do disposto neste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e nove de xaneiro de dous mil nove.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural