DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Luns, 09 de febreiro de 2009 Páx. 2.662

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

AXENCIA PARA A CALIDADE DO SISTEMA UNIVERSITARIO DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 22 de xaneiro de 2009 pola que se aproba a convocatoria ordinaria para a avaliación previa á asignación das retribucións adicionais relativas ao complemento de recoñecemento ao labor docente e o complemento de recoñecemento ao labor investigador e se abre o prazo para a presentación de solicitudes.

O Decreto 55/2004, do 4 de marzo, polo que se establecen as retribucións adicionais vinculadas a méritos adicionais docentes, investigadores e de xestión do profesorado universitario, establece no seu articulado a necesidade da aprobación dun Protocolo de avaliación por parte da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), como órgano encargado de realizar a valoración previa da actividade docente e investigadora, necesaria para a asignación das retribucións adicionais reguladas polo mencionado decreto.

Coa aprobación da Orde do 16 de abril de 2004 pola que se publica o protocolo de avaliación elaborado pola Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA), relativo aos criterios e méritos de valoración, e ao procedemento para solicitar os complementos de recoñecemento ao labor docente e ao labor investigador, segundo a redacción dada pola Orde do 11 de abril de 2006 (DOG do 8 de maio) complétase o sistema para avaliar ou informar das actividades docentes e investigadoras, previas á asignación das retribucións adicionais vinculadas ao recoñecemento do labor docente e investigador dos profesores pertencentes ao sistema universitario de Galicia.

Nesta orde disponse que, a través do Consello de Dirección da ACSUG, se poderán realizar ata dúas convocatorias de valoración previa á asignación dos complementos retributivos. Do mesmo xeito, establécese que en cada convocatoria se establecerá a data concreta en que os solicitantes deberán ter cumprido o requisito establecido no artigo 6, números 1º. 3 e 2º.3 do Decreto 55/2004, do 4 de marzo.

Por Resolución do 21 de setembro de 2006 (DOG do 3 de outubro) publícanse os acordos do Consello de Dirección da ACSUG, de delegación de competencias no seu presidente e no director da axencia.

De conformidade co exposto,

RESOLVO:

Primeira.-Obxecto.

Aprobar a convocatoria ordinaria e abrir o prazo de presentación de instancias, para solicitar a valoración previa á asignación das retribucións individuais relativas ao complemento de recoñecemento ao labor docente, e o complemento de recoñecemento ao labor investigador, establecidos, respectivamente, no artigo 2.1º e 2.2º, do Decreto 55/2004, do 4 de marzo, polo que se establecen as retribucións adicionais vinculadas a méritos adicionais docentes, investigadores e de xestión do profesorado universitario.

Segunda.-Destinatarios.

1. De conformidade co disposto no artigo 1 do Decreto 55/2004, do 4 de marzo, polo que se establecen as retribucións adicionais vinculadas a méritos individuais docentes, investigadores e de xestión do profesorado universitario, poderá solicitar esta valoración previa á asignación das retribucións adicionais sinaladas na base anterior, o persoal docente e investigador funcionario e contratado doutor das universidades públicas que compoñen o sistema universitario de Galicia (SUG).

2. Tendo en conta o carácter individual e consolidable destes complementos non se admitirán a trámite as solicitudes dos solicitantes que xa fosen valoradas favorablemente en convocatorias anteriores.

Terceira.-Requisitos.

De conformidade co citado artigo 1 do Decreto 55/2004, do 4 de marzo, os artigos 6.1º e 6.2º da mesma disposición, así como co disposto polos artigos 2 e 3 da Orde do 16 de abril de 2004 pola que se publica o Protocolo de avaliación elaborado pola Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA), relativo aos criterios e méritos de valoración, e ao procedemento para solicitar os complementos de recoñecemento ao labor docente e ao labor investigador, segundo a redacción dada pola Orde do 11 de abril de 2006 (DOG do 8 de maio), para obter a valoración positiva, será necesario:

a) Para o complemento de recoñecemento ao labor docente:

1. Estar integrado no cadro do persoal docente, como funcionario ou como contratado doutor, de calquera das universidades públicas de Galicia.

2. Que a súa praza sexa fixa e estable, tendo superado o correspondente proceso de concurso-oposición establecido na lei.

3. Acreditar, polo menos, un ano de servizo na súa praza, cumprido o 31 de decembro de 2008.

4. Ter dedicación a tempo completo no exercicio da docencia.

5. Valoración positiva dos méritos en que se sustente a solicitude, pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), de acordo co protocolo de avaliación aprobado para o efecto pola Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación na Orde do 16 de abril de 2004, relativo aos criterios e méritos de valoración, e ao procedemento para solicitar os complementos de recoñecemento ao labor docente e ao labor investigador, segundo a redacción dada pola Orde do 11 de abril de 2006 (DOG do 8 de maio).

b) Para o complemento de recoñecemento ao labor investigador:

1. Estar integrado no cadro do persoal docente, como funcionario ou contratado doutor, de calquera das universidades públicas de Galicia.

2. Que a súa praza sexa fixa e estable, con carácter permanente, tendo superado o correspondente proceso de concurso-oposición establecido na lei.

3. Acreditar polo menos un ano de servizo na súa praza, cumprido o 31 de decembro de 2008.

4. Ter presentado na universidade un traballo de investigación que, sendo xulgado por un tribunal avaliador, lle teña outorgado o grao de doutor.

5. Valoración positiva dos méritos en que se sustente a solicitude, pola ACSUG, de acordo co Protocolo de avaliación aprobado para o efecto pola Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación na Orde do 16 de abril de 2004, relativo aos criterios e méritos de valoración, e ao procedemento para solicitar os complementos de recoñecemento ao labor docente e ao labor investigador, segundo a redacción dada pola Orde do 11 de abril de 2006 (DOG do 8 de maio).

Cuarta.-Solicitudes.

1. As solicitudes dirixiranse ao presidente do Consello de Dirección da ACSUG e presentaranse ante esta no modelo normalizado que se publica para o efecto como anexo I a esta resolución.

Estas solicitudes poderán presentarse en calquera dos rexistros relacionados no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, así como nos rexistros de calquera das universidades integrantes do sistema universitario de Galicia.

2. As solicitudes que se presenten deberán indicar cun aspa para cal ou cales das retribucións adicionais se solicita a valoración. No caso de que se solicite a valoración previa das dúas retribucións farase na mesma instancia.

Quinta.-Documentación.

1. Os interesados deberán presentar xunto coa súa solicitude unha fotocopia do DNI ou documento equivalente acreditativo da identidade do solicitante.

2. Ademais, en función do complemento retributivo para o que se solicite a valoración, os interesados deberán presentar a seguinte documentación:

a) Para o complemento de recoñecemento ao labor docente:

-Breve memoria de autoavaliación do labor docente que se presentará de acordo co modelo normalizado que se publica para o efecto como anexo II.A.

b) Para o complemento de recoñecemento ao labor investigador:

-Xustificante de grao de doutor (este requisito non será preciso para os solicitantes que sexan profesores de corpos docentes nos que se exixa o título de doutor, circunstancia esta última que se deberá facer constar na solicitude).

-Breve memoria de autoavaliación do labor investigador que se presentará de acordo co modelo normalizado que se publica para o efecto como anexo II.B.

3. Para a comprobación do cumprimento dos demais requisitos exixidos na base terceira e non especificados nos dous puntos anteriores, a ACSUG solicitará ás universidades do SUG unha listaxe oficial en que se certifique se os solicitantes están integrados no cadro de persoal docente e investigador da universidade que lle corresponda, nos termos exixidos nesa base.

4. Tanto o modelo normalizado de instancia (anexo I), común para ambos os dous complementos, como as memorias de autoavaliación (anexo II.A e II.B) poderán cubrirse no formato electrónico que estará á disposición dos interesados na web www.acsug.es. Unha vez cubertos estes documentos en formato dixital, o modelo normalizado de instancia (anexo I) deberase imprimir e asinar debidamente, e presentar ante a axencia, do xeito que se establece na base cuarta. Este requisito será imprescindible para considerar a solicitude presentada polos interesados. Os restantes documentos poderán xuntarse telematicamente a través da aplicación que se atopa na web da ACSUG, á que se fai referencia neste parágrafo.

5. No caso de que se solicite a valoración previa á asignación das dúas retribucións adicionais, os documentos que acrediten os mesmos extremos das respectivas retribucións, non será necesario repetilos.

Sexta.-Prazo.

O prazo para presentar instancias será de 30 días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Sétima.-Emenda e mellora da solicitude.

Cando as solicitudes presentadas en prazo polos interesados non reúnan os requisitos exixidos pola normativa que lle resulta de aplicación ou non se xuntasen os documentos exixidos nestas bases, a ACSUG requirirá o interesado para que, no prazo de 10 días hábiles contados desde o día seguinte ao da recepción do requirimento, se emende a carencia, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, téndoselle por desistido da súa petición no caso de non contestar ao requirimento, logo da resolución ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992.

Oitava.-Procedemento.

1. O procedemento para a tramitación das solicitudes farase de conformidade co regulado na Orde do 16 de abril de 2004, pola que se publica o Protocolo de avaliación elaborado pola Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación, relativo aos criterios e méritos de valoración, e ao procedemento para solicitar os complementos de recoñecemento ao labor docente e ao labor investigador, segundo a redacción dada pola Orde do 11 de abril de 2006 (DOG do 8 de maio).

2. Os acordos de valoración adoptados polo Consello de Dirección da ACSUG, previos á asignación singular e individual dos referidos complementos polos consellos sociais das universidades, que serán notificados a cada solicitante persoal e directamente, esgotan a vía administrativa, e poderán ser obxecto de recurso en reposición ante o mesmo órgano que os ditou ou seren impugnados directamente ante a xurisdición contencioso-administrativa.

3. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, os acordos de valoración adoptados polo Consello de Dirección da ACSUG, cando resulten positivos, serán notificados directamente pola ACSUG ás correspondentes universidades, para que se proceda, se é o caso, por parte dos seus consellos sociais, á asignación singular e individual dos referidos complementos.

Novena.-Protección de datos de carácter persoal.

Nesta convocatoria cúmprese co indicado na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal (BOE nº 298, do 14 de decembro), poñendo en coñecemento dos interesados o dereito de acceso, rectificación, cancelación e oposición ao tratamento dos seus datos persoais, que poderán exercer mediante escrito dirixido á Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, Lamas de Abade, s/n, edif. C.I.F.P Compostela 5º andar, 15702 Santiago de Compostela (A Coruña).

Décima.-Entrada en vigor.

Esta resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2009.

Guillermo Rojo Sánchez

Presidente do Consello de Dirección da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario

de Galicia

Ver referencia pdf "02700D008P022.PDF"