DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Luns, 09 de febreiro de 2009 Páx. 2.653

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

ORDE do 14 de xaneiro de 2009 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de bolsas para a formación de expertos turísticos en mercados emisores mediante a realización de prácticas de especialización en oficinas de turismo no estranxeiro durante o ano 2009, e se procede á súa convocatoria.

Debido á grande importancia que o sector turístico ten no desenvolvemento da nosa economía requírese que as administracións públicas destinen recursos para xerar iniciativas con tendencia a mellorar cada día o sector para así manter a demanda existente e incrementala en todo o que sexa posible.

Entre esas iniciativas, a Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Turismo, vén dedicando desde o ano 1999 parte dos seus recursos en materia turística á convocatoria de bolsas para que, a través da realización de prácticas na rede de oficinas españolas de turismo no estranxeiro, se formen expertos en promoción exterior do turismo e se estableza unha base de apoio á captación de demanda turística a Galicia.

Á vista dos frutíferos resultados obtidos en anteriores edicións, esta consellería considera de interese continuar con esta medida. Por iso, con cargo aos créditos asignados a esta finalidade no exercicio do 2009, consonte o establecido sobre medidas de fomento no artigo 54 da Lei 14/2008, do 3 de decembro, de turismo de Galicia en concordancia co sinalado no artigo 56.1º de dita lei e tendo en conta as determinacións establecidas na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas do 27 de novembro de 2000 e 25 de outubro de 2001, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, en uso das facultades que teño atribuídas, dispoño a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, das bolsas enunciadas na epígrafe, de acordo coas seguintes bases:

Primeira.-Número, destino, duración e contido das bolsas.

Convócanse sete bolsas para a realización de prácticas profesionais de especialización de expertos turísticos en mercados emisores, que desenvolverán as súas funcións nas seguintes cidades: Londres, Milán, Copenhague, Francfort, Viena, Nova York e Lisboa. As prácticas comezarán en marzo e terán unha duración de nove meses e medio. Non se preverán períodos de vacacións.

Os bolseiros/as desenvolverán a súa actividade nas oficinas españolas de turismo no país de destino, baixo as ordes e supervisión do director da devandita oficina ou persoa a quen este asigne a titoría do bolseiro, onde se integrará como membro, con suxeición ás normas da oficina sobre xornada laboral e de funcionamento, utilizando os medios dispoñibles no centro de traballo que sexan necesarios para a realización das tarefas que lles encomende o director, e que serán compatibles co Plan de formación aprobado para cada un deles.

A Dirección Xeral de Turismo reserva para si a facultade, se existen circunstancias que o xustifiquen e o órgano competente de Turespaña (Ministerio de Industria, Turismo e Comercio) está conforme, de adscribir os bolseiros/as a outras oficinas temporal ou definitivamente. No caso de que iso implicase desprazamentos, a Dirección Xeral de Turismo faríase cargo deles.

Segunda.-Requisitos dos solicitantes.

Nacionalidade: española ou dun país membro da Unión Europea, ou estranxeiro con permiso de residencia en vigor.

Titulación: licenciado ou diplomado en turismo ou calquera titulado superior. Esa titulación debe estar finalizada nos 5 anos inmediatamente anteriores ao momento de remate do prazo de presentación das solicitudes desta convocatoria.

Idade: ter menos de 35 anos ao remate do prazo da presentación de solicitudes.

Idiomas: dominio oral e escrito da lingua do país de destino. No caso da bolsa en Copenhague bastará o dominio do inglés.

Outras axudas: non ter obtido con anterioridade ningunha bolsa para a formación de expertos turísticos en mercados emisores.

Terceira.-Dotación das bolsas e determinacións orzamentarias.

A concesión das bolsas farase con cargo á aplicación orzamentaria 10.06.761A.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009 tendo en conta que, en todo caso, o gasto proxectado suxeitarase á existencia de crédito axeitado e suficiente para tal fin nos ditos orzamentos xerais e o disposto na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto.

O importe total do crédito destinado a esta convocatoria é de cento setenta e tres mil catrocentos sesenta euros (173.460 €), que se repartirá como segue:

Ver referencia pdf "02700D003P013.PDF"

Na dotación de cada unha das bolsas están incluídos os gastos de desprazamento (ata e desde o lugar de destino). O crédito poderá incrementarse no suposto previsto no derradeiro parágrafo da base primeira.

Cuarta.-Condicións e incompatibilidades.

1. A condición e desfrute dunha bolsa non establece relación laboral ou contractual de calquera tipo coa Xunta de Galicia nin a inclusión na Seguridade Social.

2. A percepción da bolsa non será compatible co desfrute doutras axudas.

Quinta.-Obrigas dos bolseiros.

1. Desenvolver a actividade obxecto da bolsa, que se detalla no seu plan específico de formación, cuns niveis de dedicación e rendemento satisfactorios, presentando informes trimestrais de actividade á Dirección Xeral de Turismo, e calquera outro que determine a Dirección Xeral de Turismo ou o director da oficina na que estivesen destinados.

2. Presentar informes trimestrais sobre as tarefas realizadas e os resultados obtidos e unha memoria final realizada polo bolseiro de acordo co modelo que se lle entregue e visada polo responsable da oficina, con inclusión das propostas de mellora que se consideren oportunas.

3. Comezar o desfrute da bolsa dentro do prazo que se sinale en cada caso e desenvolver o seu labor sen que ningún outro compromiso anterior ou futuro o impida ou dificulte. O bolseiro comprométese a non renunciar á bolsa salvo causa de forza maior.

4. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino da bolsa obxecto desta orde.

Sexta.-Presentación de solicitudes.

1. Os formularios de solicitude de axuda regulada nesta orde deberanse obter, cubrir, validar e imprimir necesariamente polo solicitante a través da aplicación informática Axudas Virtual (procedemento IN981B) establecida na oficina virtual desta consellería, sita no enderezo da internet http://www.conselleriaiei.org. Tamén se pode acceder desde o enderezo http://www.xunta.es/presentacion-electronica da Xunta de Galicia facendo uso do enlace dispoñible co procedemento IN981B.

Para cubrir correctamente os formularios de solicitude, no citado enderezo de internet disporase de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polos solicitantes.

Poderanse cubrir e obter os formularios ata as 24 horas do día anterior á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información, poderán dirixirse ao Servizo de Formación, Cooperación Institucional e Documentación, da Dirección Xeral de Turismo, a través do teléfono 981 54 74 06, do número de fax 981 54 66 47 ou do enderezo de correo electrónico cii.servizoformacion@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación por escrito de solicitudes.

Os anexos desta convocatoria publícanse no DOG exclusivamente para efectos informativos, sendo necesario empregar a aplicación informática indicada para a obtención dos formularios de solicitude.

A presentación de solicitudes farase por vía escrita (en soporte papel) ou en formato electrónico ante o rexistro telemático da Xunta de Galicia, logo de obtención e cumprimentación dos formularios de acordo co previsto neste artigo.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. En concreto, o prazo entenderase que vence o día cuxo ordinal coincide coa data que serviu de partida, que é a da publicación no DOG.

As solicitudes en formato papel presentaranse preferentemente no rexistro da Xunta de Galicia, así como nos de calquera outro órgano da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración local, sempre que neste último caso se teña subscrito o oportuno convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (en diante, Lei 30/1992).

As solicitudes tamén poderán presentarse en formato electrónico, en vez de en papel, ante o Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, mediante sinatura electrónica do/a representante legal do solicitante ou persoa que o/a representa e cando non sexa preciso achegar ningunha documentación en papel, téndose que cumprir os seguintes requisitos:

O presentador deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 recoñecido pola plataforma de validación e sinatura electrónica @firma. Os prestadores recoñecidos son: DNI electrónico, Camerfirma, Izenpe, CATCert (Axencia Catalá de Certificación), ANF AC, SCR (Servizo de Certificación dos Rexistradores), ACA, ACCV (Autoridade de Certificación da Comunidade Valenciana), ANCERT (Axencia Notarial de Certificación), FNMT (Fábrica Nacional de Moeda e Timbre), Firmaprofesional e Banesto CA.

Xunto cos formularios de solicitude, deberá anexarse en formato electrónico a documentación a que se fai referencia na base VI.2 desta orde. Para isto, no proceso de formalización telemática permitirase anexar á solicitude os arquivos informáticos necesarios. No caso de presentación telemática unha vez asinados co certificado dixital do presentador os formularios normalizados, procederase á transferencia telemática da dita documentación ao rexistro telemático da Xunta de Galicia, creado polo Decreto 164/2005, do 16 de xuño. Unha vez completado o proceso de transferencia telemática, efectuarase a anotación correspondente no rexistro de entrada, e nese momento expedirase, empregando as características da aplicación telemática, un recibo no cal quedará constancia do feito da presentación.

2. Coa solicitude achegarase a seguinte documentación:

-Unha fotocopia (por ambas as dúas caras) do DNI ou documento análogo.

-Certificación académica completa ou fotocopia compulsa dela, que inclúa as cualificacións obtidas na licenciatura, na diplomatura ou nos estudos de empresas e actividades turísticas. No caso de que o expediente académico non sexa español será preciso que este estea debidamente validado pola administración educativa española.

-Curriculum vitae, cos documentos acreditativos correspondentes. Valorarase con carácter preferente o coñecemento de idiomas estranxeiros, o coñecemento de informática, así como as actividades de formación, investigación e experiencia laboral no ámbito turístico. A documentación que se atope en idioma distinto ao castelán ou galego deberá presentarse traducida debidamente por un tradutor xurado.

-Declaración sobre bolsas das que estean beneficiándose ou solicitasen.

3. Os interesados poderán presentar dúas solicitudes como máximo. Nese suposto sinalarán o destino preferente.

Sétima.-Proceso de selección e resolución.

1. A selección das solicitudes realizaraa por unha comisión que se constituirá para o efecto e que se axustará ao disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Esta comisión estará composta polos seguintes membros:

Presidente: o subdirector xeral de Ordenación do Turismo.

Secretario: o xefe do Servizo de Formación, Cooperación Institucional e Documentación da Dirección Xeral de Turismo.

Vogais: un funcionario/a da Dirección Xeral de Turismo do servizo de formación e un xefe/a de área de Turgalicia designados polo presidente da comisión, co visto e prace do director xeral de Turismo.

Para as probas de idioma, o conselleiro, por proposta da comisión, poderá designar asesores especialistas, que terán voz pero non voto nas sesións que teñan lugar.

2. A valoración dos méritos alegados polos candidatos se realizará conforme o seguinte baremo:

2.1. Curriculum vitae.

Formación: ata 5 puntos.

Informática: por cursos relacionados coa informática e/ou internet, cun mínimo de 20 horas: 0,10 puntos e ata un máximo de 0,50.

Idiomas: por coñecemento dun idioma distinto daquel do país para o que se solicita a bolsa: 0,50 puntos e ata un máximo de 1,50.

Cursos: por cada curso relacionado con turismo cun mínimo de 12 horas: 0,10 e ata un máximo de 1. Por cursos de posgrao ou máster relacionados: 1 punto.

Investigación: por traballos de investigación en materia turística avalado por un organismo oficial: ata un máximo de 1 punto.

Experiencia: ata 2 puntos.

Por cada 3 meses de prácticas ou traballo no sector turístico: 0,50 puntos.

2.2. Probas.

Test ( sobre temas do anexo II): ata 4 puntos.

Idioma (proba oral): ata 4 puntos.

2.3. Entrevista persoal.

Valorarase ata un máximo de 4 puntos. Coa entrevista preténdese profundizar sobre os coñecementos dos candidatos acerca do país para o que soliciten a bolsa e sobre comercialización e promoción turística, así como valorar as súas actitudes e aquelas outras circunstancias que se consideren de interese para o seu futuro traballo.

3. Proceso de selección.

3.1. A comisión, unha vez examinadas as solicitudes presentadas, elaborará unha lista cos aspirantes admitidos e excluídos, detallando neste caso a causa de exclusión, e convocará os primeiros á realización de dúas probas: unha tipo test sobre o temario que se inclúe como anexo II desta orde, e outra oral de idioma. A entrevista realizarase xunto coa proba de idioma.

3.2. A comisión valorará os méritos alegados polos candidatos conforme o baremo arriba indicado e propoñeralle ao conselleiro a adxudicación das bolsas aos candidatos de maior puntuación.

3.3. As listas de aspirantes admitidos e excluídos, as datas e o lugar da realización das probas e a puntuación obtida polos solicitantes para cada oficina faranse públicas nos taboleiros de anuncios da Dirección Xeral de Turismo e na páxina web da Consellería de Innovación e Industria. Entre a exposición da lista de aspirantes admitidos e excluídos e a realización da primeira proba debe mediar, polo menos, un período de dez días.

4. Resolución.

O prazo máximo para a resolución do expediente é de tres meses. A resolución do conselleiro pon fin á vía administrativa e contra ela poderá o interesado interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza da Comunidade Autónoma de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde a recepción da notificación da resolución ou ben interpoñer, no prazo dun mes desde a recepción da resolución, recurso de reposición ante o conselleiro de Innovación e Industria.

Aos adxudicatarios notificaráselles persoalmente a concesión da bolsa aos domicilios sinalados nas solicitudes. Nun prazo de cinco días naturais están obrigados a comunicar á Dirección Xeral de Turismo a súa aceptación ou renuncia. Se transcorridos os sinalados 5 días non se fixese manifestación en ningún sentido, entenderase como renuncia á bolsa, e esta concederase ao seguinte candidato con mellor puntuación de entre os que solicitaron ese destino e non fose beneficiario doutra das bolsas convocadas.

No suposto de que non existise suplente porque non houbese máis candidatos ou estes tamén renunciasen, poderá ofertarse aos seguintes aspirantes por orde de puntuación sexa cal for o destino solicitado, sempre que acreditasen suficiente coñecemento do idioma do país de destino ou, se é o caso, polo menos de inglés.

5. Xunto co escrito de aceptación da bolsa, no que debe constar expresamente que o beneficiario coñece e se compromete a cumprir as bases da convocatoria, o adxudicatario deberá remitir a seguinte documentación:

-Unha declaración de renuncia expresa a calquera outra bolsa ou axuda similar da que for beneficiario ou que solicitase.

-A certificación bancaria da conta onde se aboará a bolsa.

-Unha declaración da súa situación familiar para os efectos do cálculo das retencións fiscais.

Oitava.-Aboamento das axudas.

1. Realizaranse catro aboamentos, unha vez recibidos de conformidade os documentos que se especifican a continuación. O primeiro pagamento equivalerá ao 30 por 100 do importe total da bolsa, e realizarase durante os dous primeiros meses; os dous pagamentos seguintes equivalerán ao 25 por 100 cada un; e o cuarto pagamento, que será do 20 por 100 da bolsa, unha vez finalizadas as prácticas.

En todos os pagamentos efectuarase a correspondente retención á conta do imposto sobre a renda das persoas físicas.

2. Primeiro pagamento: para o seu aboamento será requisito ter enviada a seguinte documentación:

-Escrito de aceptación da bolsa, onde conste o compromiso de cumprimento das normas e obrigas derivadas das bases desta convocatoria.

-Fotocopias compulsadas das pólizas de seguro de asistencia sanitaria e accidentes, válidas no país onde se realicen as prácticas e que cubran a totalidade do período de duración da bolsa.

-Fotocopia do billete ata o lugar de destino.

3. Pagamentos intermedios (segundo e terceiro): para o aboamento destes será requisito ter presentado:

-Certificación, expedida polo director ou responsable da oficina onde se realicen as prácticas, de levar a cabo a súa actividade cun nivel de rendemento satisfactorio.

-Informe trimestral ao que alude a base quinta desta orde.

4. Pagamento final: para o aboamento do derradeiro pagamento será requisito ter presentado a seguinte documentación:

-Certificación expedida polo director ou responsable da oficina onde se realicen as prácticas no mesmo sentido do punto anterior.

-Memoria realizada polo bolseiro e visada polo director ou responsable da oficina, segundo o modelo normalizado que se lles facilitará, acerca das funcións desempeñadas e a situación do mercado emisor.

Novena.-Cancelación da bolsa.

En calquera momento, o director/a da oficina correspondente poderá propoñer ao organismo competente de Turespaña -quen decidirá- a cancelación da adscrición do bolseiro a esta por razóns de insuficiencia no seu rendemento, incumprimento do plan de actuación aprobado ou inadaptación ás normas de funcionamento da oficina. Á vista diso, a Consellería de Innovación e Industria, logo do trámite de audiencia, poderá revogar a concesión ou suspender o desfrute da bolsa por incumprimento das obrigas contraídas polos adxudicatarios.

No suposto de renuncia durante o desfrute da bolsa, o conselleiro, tendo en conta o que manifeste o interesado e unha vez estudadas as circunstancias concorrentes no caso, resolverá se procede a devolución total ou parcial das cantidades percibidas ou soamente a anulación dos aboamentos pendentes, e se se cobre a praza polo tempo restante.

Décima.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición transitoria

Todos os actos ditados nos expedientes de gasto regulados ao abeiro desta orde entenderanse condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que se produciron aqueles. A concesión das axudas reguladas nesta orde quedarán sometidas á condición suspensiva de existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución.

Disposicións derradeiras

Primeira.-En todo o non recollido nesta orde aplicarase o disposto, para esta materia, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado pola Lei 5/2000, do 28 de decembro, a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia vixente na anualidade correspondente.

Segunda.-Facúltase o director xeral de Turismo para ditar cantas disposicións considere oportunas no desenvolvemento e interpretación desta orde.

Santiago de Compostela, 14 de xaneiro de 2009.

Fernando X. Blanco Álvarez

Conselleiro de Innovación e Industria

Ver referencia pdf "02700D003P013.PDF"

ANEXO II

Temario

Tema 1.-Principais recursos do patrimonio arquitectónico en Galicia.

Tema 2.-Principais recursos do patrimonio cultural inmaterial galego, en especial o folclore.

Tema 3.-A gastronomía galega.

Tema 4.-Historia de Galicia. Principais feitos históricos.

Tema 5.-Elementos principais da rede de museos e centros de interpretación de Galicia.

Tema 6.-Os tramos galegos dos Camiños de Santiago.

Tema 7.-Áreas naturais no litoral: rías, illas e praias, zonas húmidas e areais, acantilados.

Tema 8.-Áreas naturais do interior: as montañas, os vales fluviais, os bosques e as lagoas.

Tema 9.-As cidades e vilas galegas como focos de atracción turística.

Tema 10.-Os novos produtos turísticos de Galicia (turismo termal, rural, de congresos e convencións, náutico, golf, turismo activo e de natureza, etc).

Tema 11.-Competencias da Administración do Estado e da Xunta en materia turística.

Tema 12.-A administración turística en Galicia. Órganos e funcións.

Tema 13.-Nocións básicas sobre planeamento de destinos turísticos.

Tema 14.-Ferramentas de promoción e comercialización de produtos e paquetes turísticos.

Tema 15.-Estratexias de promoción e comercialización de Galicia como destino turístico.