DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 26 Venres, 06 de febreiro de 2009 Páx. 2.559

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 19/2009, do 5 de febreiro, polo que se aproba a constitución do Consorcio Provincial de Lugo para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento.

A entrada en vigor da Lei 5/2007, de emerxencias de Galicia, supón o mandato do Parlamento de Galicia para que se acaden importantes obxectivos no ámbito da protección civil e a xestión de emerxencias, sendo un dos máis destacables a necesidade de acadar a maior homoxeneidade posible da prestación do servizo de extinción de incendios e salvamento en toda Galicia do xeito máis eficaz.

A citada lei recolle no seu artigo 26 d) a competencia das deputacións provinciais para garantir o servizo de extinción de incendios e salvamento naqueles concellos que non teñan servizos propios.

A necesidade de dar unha resposta eficaz deste servizo fai necesaria unha organización axeitada del en todo o territorio galego. Así, a Xunta de Galicia e a Deputación Provincial de Lugo consideran que a forma máis eficaz e eficiente de xestionar os distintos parques comarcais é a través dun único consorcio que centralice e coordine as actuacións dos distintos parques que formarán parte del, permitindo un aforro nos recursos que se utilicen na prestación dos servizos que se van executar. Polo tanto, considerouse a fórmula do consorcio como a organización idónea para facilitar a posta en marcha dos distintos parques comarcais contra incendios e de salvamento da provincia de Lugo, onde se integrarán os distintos parques que se constitúan e equipen ao abeiro dos estatutos que rexerán este consorcio.

Esta consideración vén recollida na disposición adicional terceira da Lei 5/2007, de emerxencias de Galicia, que impón á Xunta de Galicia a obriga de impulsar a creación dos consorcios provinciais para a prestación do servizo contra incendios e salvamento xunto coas deputacións provinciais, como o xeito máis apropiado para que se acaden os obxectivos previstos.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do trinta de abril de dous mil oito, acordou participar no Consorcio Provincial de Lugo para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento, segundo o disposto no punto 3º do artigo 196 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

A elaboración e aprobación dos estatutos do consorcio fíxose segundo as normas de procedemento establecidas nos artigos 137 e seguintes da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Polo exposto, e en aplicación do artigo 196 da Lei 5/1997, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do cinco de febreiro de dous mil nove,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobación dos estatutos do Consorcio Provincial de Lugo para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento.

Apróbanse os estatutos do Consorcio Provincial de Lugo para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento, sendo o seu texto o que se recolle como anexo deste decreto.

Disposición derradeira

Entrada en vigor.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, cinco de febreiro de dous mil nove.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO

Estatutos do Consorcio Provincial de Lugo para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento

A Lei 5/2007, de emerxencias de Galicia, establece na súa disposición adicional terceira a necesidade de homoxeneizar as prestacións do servizo de extinción de incendios e salvamento en todo o territorio de Galicia.

A inexistencia destes servizos profesionais na maior parte da provincia de Lugo fai especialmente urxente a actuación neste sentido nesa parte do territorio da comunidade.

Así, a mesma Lei de emerxencias obriga á creación dos consorcios provinciais para a prestación deste servizo, como fórmula máis axeitada para conseguir esta homoxeneidade na prestación deste servizo esencial.

Con este obxectivo, o Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do trinta de abril de dous mil oito, acordou a participación no Consorcio Provincial de Lugo para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento.

A comisión xestora establecida pola Xunta de Galicia e a Deputación Provincial de Lugo redactou este estatuto.

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Entidades consorciadas.

Ao abeiro do establecido na Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, artigos 196 e concordantes, así como na demais lexislación vixente, e para dar cumprimento ao disposto nas disposicións adicional terceira e transitoria terceira da Lei 5/2007, de emerxencias de Galicia, constitúese o Consorcio Provincial de Lugo para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento como unha entidade de dereito público, integrado pola Xunta de Galicia e a Deputación Provincial de Lugo.

Artigo 2º.-Constitución do consorcio.

Para a constitución do consorcio requírese o acordo previo correspondente e a aprobación definitiva dos seus estatutos por parte do Pleno da Deputación Provincial de Lugo, así como o acordo do Consello da Xunta de Galicia.

Os estatutos apróbanse mediante decreto da Xunta de Galicia que se publicará no Diario Oficial de Galicia xunto co seu texto íntegro.

Unha vez publicados os estatutos, convocaranse todos os representantes das entidades que o integran co fin de elixir os órganos reitores e iniciar o seu funcionamento.

Artigo 3º.-Carácter.

O consorcio constitúese voluntariamente e por un período de tempo indefinido. Ten carácter administrativo e personalidade xurídica propia e independente das entidades que o integran, así como capacidade xurídica para o cumprimento dos fins estatutarios. O consorcio contará con patrimonio propio e desenvolverá a súa actividade conforme un orzamento independente.

Artigo 4º.-Sede.

1. O pleno do consorcio decidirá a localización da sede deste.

2. Por acordo do pleno do consorcio poderá modificarse o domicilio fixado no punto anterior ou realizarse reunións en lugar distinto ao do seu domicilio.

Artigo 5º.-Denominación e obxecto.

A denominación deste consorcio será a de Consorcio Provincial de Lugo para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento.

Constitúe obxecto do consorcio a execución das competencias do servizo público de prevención, extinción de incendios e salvamento, que se lles atribúen na lexislación vixente aos entes consorciados, mediante o sistema de xestión directa con persoal laboral do propio consorcio, mediante a creación dunha rede de parques que garanta a prestación homoxénea do servizo.

Entre os fins do consorcio estará a colaboración cos servizos municipais de protección civil dos concellos para o salvamento de persoas e bens, a prevención e extinción de incendios, a prevención e actuación ante calquera tipo de sinistro ou situación de risco e o asesoramento e asistencia, formación e información en materia de seguranza, que afecten persoas, edificacións e instalacións, así como o fomento da autoprotección.

Artigo 6º.-Ámbito de actuación.

O ámbito de actuación deste consorcio será toda a provincia de Lugo, coas seguintes precisións:

a) Con independencia do ámbito provincial do consorcio, este poderá establecer as áreas de actuación preferente de cada parque de bombeiros, atendendo basicamente aos tempos de resposta en función das comunicacións por estrada do parque.

b) Excepcionalmente, a Axencia Galega de Emerxencias, a través do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia (en diante CAE112 Galicia), poderá solicitar, de acordo co protocolo que se estableza para o efecto, a actuación do consorcio fóra da provincia de Lugo, cando as circunstancias o requiran. Neste caso, o titular da presidencia ou persoa en quen delegue deberá autorizar esta actuación, agás en casos de risco inminente, valorado pola Axencia Galega de Emerxencias, nos cales non será imprescindible a dita autorización. Neste caso, estableceranse as compensacións económicas a que houber lugar.

c) No caso de activación de plans de emerxencia da comunidade autónoma, tanto territoriais como especiais, o ámbito de actuación será o fixado mediante as directrices do director do plan activado.

d) O consorcio asume o exercicio das competencias das entidades consorciadas cando a lexislación vixente obrigue a estas ao cumprimento dos fins expresados nestes estatutos.

e) Quedan excluídos do ámbito de actuación deste consorcio aqueles concellos de máis de 20.000 habitantes en que se preste o servizo de extinción de incendios e salvamento con persoal propio e teñan parque de bombeiros de seu.

f) Quedan excluídos do ámbito de actuación deste consorcio aqueles concellos de 20.000 ou menos habitantes en que se preste o servizo de extinción de incendios e salvamento con persoal propio mentres se manteña esta circunstancia.

Artigo 7º.-Réxime xurídico.

1. Sen prexuízo do establecido nestes estatutos, entenderase tamén de aplicación, cando así proceda, o disposto tanto na normativa básica de réxime local como na Lei de Administración local de Galicia, Lei de emerxencias de Galicia e demais normativa que, se é o caso, se dite no seu desenvolvemento.

2. O consorcio regulará o réxime interno e de funcionamento dos seus propios servizos, de acordo coa lexislación do réxime local, do réxime xurídico das administracións públicas e destes estatutos e aqueloutra que lles sexa de aplicación.

Capítulo II

Órganos de goberno

Artigo 8º.-Órganos.

Os órganos de goberno e de xestión do consorcio son os seguintes:

-Pleno.

-Comisión executiva.

-Presidencia.

-Vicepresidencia.

-Consello asesor.

Artigo 9º.-Pleno.

O pleno do consorcio, máximo órgano colexiado deste, estará integrado por:

-A persoa titular da presidencia da Deputación provincial de Lugo ou deputado/a en quen delegue, que exercerá as funcións da presidencia do pleno.

-A persoa titular da consellería con competencias en materia de protección civil e xestión de emerxencias ou persoa en quen delegue, que exercerá as funcións da vicepresidencia do pleno.

-Dous deputados/as da deputación provincial designados pola presidencia da deputación.

-Dous representantes da Xunta de Galicia designados pola consellería con competencias en materia de atención ás emerxencias.

-Os alcaldes dos concellos onde se estableza un parque de bombeiros.

-Con voz, pero sen voto, asistirán:

* O/a funcionario/a que desempeñe as funcións de secretario e interventor do consorcio.

* A xerencia do consorcio.

Na designación dos membros deste órgano atenderase, na medida do posible, ao principio de paridade, procurando unha representación equilibrada de homes e mulleres, segundo o previsto na Lei 7/2004, para a igualdade de mulleres e homes na Comunidade Autónoma de Galicia, e na Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.

Por petición da maioría dos membros con voto do pleno do consorcio, poderá convocarse, con voz pero sen voto e coa única finalidade de obter información e asesoramento para casos concretos, os responsables técnicos e membros de administración ou de entidades públicas ou privadas que se xulguen oportunas.

O sistema de votación no pleno será ponderado, correspondéndolle a cada unha das administracións consorciadas unha porcentaxe de votos igual á sinalada na alínea a) do artigo 25º, con independencia do número de asistentes á reunión en representación delas.

Os acordos tomaranse por maioría simple de votos, sen prexuízo do establecido no artigo 22º.1.

Artigo 10º.-Presidencia e vicepresidencia.

A presidencia do consorcio recaerá sobre a persoa titular da presidencia da Deputación Provincial de Lugo ou deputado en quen delegue. A vicepresidencia recaerá sobre a persoa titular da consellería con competencias en materia de protección civil e xestión de emerxencias ou no representante da Xunta en quen delegue.

Os cargos da presidencia e vicepresidencia renovaranse cada vez que se renoven os cargos dalgunha das administracións consorciadas como consecuencia da realización de eleccións ou outros cambios que se produzan nelas e que así o fagan necesario. A presidencia exercerá as competencias que se lle atribúen nestes estatutos.

A persoa titular da vicepresidencia substituirá a da presidencia nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade e nos demais que regulamentariamente proceda. Exercerá as mesmas competencias que o titular da presidencia durante o tempo que dure a substitución.

Artigo 11º.-Atribucións do pleno.

1. As atribucións do pleno serán as seguintes:

1. A organización do consorcio.

2. A iniciativa e aprobación da integración de entidades no consorcio.

3. A aprobación das ordenanzas.

4. A aprobación e modificación dos orzamentos, a disposición de gastos dentro dos límites da súa competencia e a aprobación provisoria das contas; todo iso de acordo co disposto na normativa reguladora das facendas locais.

5. A aprobación do programa anual de actividades.

6. A aprobación da memoria anual de actividades xunto co seu seguimento, control e valoración.

7. A aprobación de convenios, concertos e acordos de cooperación, colaboración ou calquera outro que se estableza coas administracións públicas ou entidades privadas.

8. A adquisición de bens e dereitos, a transacción sobre estes e a concesión de quitación e espera, agás que as competencias estean atribuídas expresamente por lei a outros órganos.

9. O control e fiscalización dos órganos de goberno.

10. A aprobación do cadro de persoal, a relación dos postos de traballo, a fixación da contía das retribucións complementarias fixas e periódicas dos empregados públicos, e o número e réxime do persoal eventual.

11. A administración do patrimonio.

12. A alteración da cualificación xurídica dos bens de dominio público.

13. O exercicio de accións xudiciais e administrativas e a defensa do consorcio no referente á competencia plenaria.

14. A concertación das operacións de crédito cuxa contía acumulada no exercicio económico exceda o 10 por 100 dos recursos ordinarios, agás as de tesouraría, que lle corresponderán cando o importe acumulado das operacións vivas en cada momento supere o 15 por 100 dos ingresos correntes liquidados no exercicio anterior, todo iso de conformidade co disposto na normativa reguladora de facendas locais.

15. As contratacións e concesións de todo tipo, cando o seu importe supere o 10 por 100 dos recursos ordinarios do orzamento, e, en todo caso, os de importe superior a 6.010.121,04 €, así como os contratos e concesións plurianuais cando a súa duración sexa maior de catro anos en todo caso, e os plurianuais de duración menor cando o seu importe acumulado supere a porcentaxe indicada, referida aos recursos ordinarios do orzamento do primeiro exercicio e, en todo caso, cando sexa maior que a contía sinalada neste número.

16. A aprobación dos proxectos de obra e de servizos cando sexa competente para a súa contratación ou concesión e cando aínda non estea previsto nos orzamentos.

17. A aprobación de pregos de cláusulas administrativas e prescricións técnicas para a execución de proxectos de obras, servizos e subministracións que sexan da súa competencia.

18. A adquisición de bens e dereitos cando o seu valor supere o 10 por 100 dos recursos ordinarios do orzamento, así como os alleamentos patrimoniais nos seguintes supostos:

-Cando se trate de bens inmobles ou de bens mobles que estean declarados de valor histórico ou artístico e non estean previstos no orzamento.

-Cando, estando previstos no orzamento, superen a porcentaxe e a contía que se indican para as adquisicións de bens.

19. Aquelas atribucións que deban corresponder ao pleno por exixir a súa aprobación unha maioría especial e que non estean atribuídas á comisión executiva.

20. A alteración da sede do consorcio e o cambio de nome deste.

21. A aprobación dos seus regulamentos e ordenanzas.

22. As demais que expresamente lle atribúan as leis.

2. O pleno poderá delegar as súas competencias nos órganos de goberno do consorcio que considere oportunos, sendo de aplicación o disposto pola normativa de réxime local respecto das competencias susceptibles de delegación.

Artigo 12º.-A comisión executiva.

A comisión executiva estará formada por un representante da consellería con competencias en materia de protección civil e xestión de emerxencias da Xunta de Galicia, un representante da Deputación Provincial de Lugo e a persoa titular da xerencia, esta última con voz pero sen voto.

A presidencia da comisión executiva recaerá sobre o representante da Deputación de Lugo. O secretario, que non terá nin voz nin voto, será o secretario do pleno.

Na designación dos membros deste órgano atenderase, na medida do posible, ao principio de paridade, procurando unha representación equilibrada de homes e mulleres, segundo o previsto na Lei 7/2004, para a igualdade de mulleres e homes na Comunidade Autónoma de Galicia, e na Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.

O sistema de votación na comisión executiva será ponderado, e corresponderá a cada unha das administracións consorciadas unha porcentaxe de votos igual á sinalada na alínea a) do artigo 25º, con independencia do número de asistentes a reunión en representación delas.

Artigo 13º.-Competencias da comisión executiva.

Serán competencias da comisión executiva:

1. A aprobación do proxecto de orzamentos que se presentará para a súa aprobación ao pleno.

2. A aprobación do proxecto de cadro de persoal, da relación dos postos de traballo e a proposta de fixación da contía das retribucións complementarias fixas e periódicas dos empregados públicos, así como a proposta do número e réxime do persoal eventual, para a súa aprobación definitiva no pleno.

3. Aprobar a oferta de emprego público de acordo co orzamento e o cadro de persoal aprobados polo pleno, aprobar as bases das probas para a selección do persoal e para os concursos de provisión de postos de traballo e distribuír as retribucións complementarias que non sexan fixas e periódicas, segundo o regulamento do pleno.

4. A aprobación dos proxectos de obras e de servizos cando sexa competente para a súa contratación ou concesión e estean previstos nos orzamentos.

Artigo 14º.-Competencias da presidencia do consorcio.

Serán funcións propias da presidencia as seguintes:

1. Dirixir o goberno e a administración do consorcio.

2. Representar o consorcio.

3. Convocar e presidir as sesións do pleno e calquera outro órgano do consorcio, e decidir os empates co voto de calidade.

4. Supervisar o funcionamento administrativo e técnico do consorcio, en especial a actuación do xerente como xefe directo deste, dando conta ao pleno.

5. Autorizar e ordenar gastos e pagamentos con cargo aos orzamentos do consorcio, de acordo coa lexislación vixente.

6. Dirixir, inspeccionar e impulsar os servizos e obras cuxa titularidade e exercicio corresponda ao consorcio.

7. O desenvolvemento da xestión económica de acordo co orzamento aprobado, dispoñer gastos dentro dos límites da súa competencia, concertar operacións de crédito, excluíndo as recollidas no artigo 158.5º da Lei 39/1988, do 28 de decembro, reguladora das facendas locais, sempre que aquelas estean previstas no orzamento e o seu importe acumulado dentro de cada exercicio económico non supere o 10 por 100 dos recursos ordinarios, agás os de tesouraría, que lle corresponderán cando o importe acumulado das operacións vivas en cada momento non supere o 15 por 100 dos ingresos correntes liquidados no exercicio anterior, ordenar pagamentos e render contas; todo isto de conformidade co disposto na normativa reguladora das facendas locais.

8. Desempeñar a xefatura superior de todo o persoal, a acordar o seu nomeamento e sancións, incluída a separación do servizo dos funcionarios do consorcio e o despedimento do persoal laboral, dando conta ao pleno na primeira sesión que realice, así como todas as facultades en materia de persoal que non teña atribuídas o pleno.

9. O exercicio das accións xudiciais e administrativas e a defensa do consorcio nas materias da súa competencia, incluso cando as delegase noutro órgano e, en caso de ausencia, en materias da competencia do pleno, e neste último suposto dando conta a este na primeira sesión que realice para a súa ratificación.

10. Presidir as poxas e adxudicar provisionalmente o remate.

11. As contratacións e concesións de toda clase, cando o seu importe non supere o 10 por 100 dos recursos ordinarios do orzamento, incluídas as de carácter plurianual cando a súa duración non sexa superior a catro anos, sempre que o importe acumulado de todas as súas anualidades non supere nin a porcentaxe indicada, referida aos recursos ordinarios do orzamento do primeiro exercicio, nin a contía sinalada.

12. A adquisición de bens e dereitos cando o seu valor non supere o 10 por 100 dos recursos ordinarios do orzamento, así como o alleamento do patrimonio que non supere a porcentaxe e a contía indicadas nos seguintes supostos: a de bens inmobles sempre que estea prevista no orzamento; a de bens mobles, agás os declarados de valor histórico ou artístico cuxo alleamento non se encontre previsto no orzamento.

13. Ordenar a publicación e execución e facer cumprir os acordos do consorcio.

14. O exercicio daqueloutras atribucións que non estean expresamente atribuídas a outros órganos.

15. Render contas das operacións levadas a cabo en cada exercicio económico.

16. As demais que expresamente veñan atribuídas na normativa legal aplicable aos presidentes de entidades locais e aqueloutras que a normativa asigne ás entidades locais sen atribuílas a ningún outro órgano.

O titular da presidencia pode delegar na persoa titular da vicepresidencia o exercicio das súas atribucións, agás a de concertar operacións de crédito, a xefatura superior de todo o persoal, a separación do servizo dos funcionarios e o despedimento do persoal laboral, e as enunciadas nos puntos 1 e 9 do número anterior.

Artigo 15º.-Consello asesor.

Para asesoramento e informe das materias que se determinen crearase un consello asesor integrado do seguinte xeito:

-Presidencia: titular da presidencia do consorcio ou membro do pleno en quen delegue.

-Vicepresidencia: titular da vicepresidencia do consorcio ou membro do pleno en quen delegue.

-Os alcaldes dos concellos onde se instalen os parques ou subparques que o consorcio acorde poñer en marcha.

-Dous representantes da Xunta de Galicia, dos cales un será designado polo conselleiro con competencias en materia de atención ás emerxencias e outro pola Axencia Galega de Emerxencias.

-Dous representantes da Deputación Provincial designados pola súa presidencia.

-Dous representantes por proposta da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), elixidos de entre os seus membros representantes das entidades da provincia de Lugo.

Na designación dos membros deste órgano atenderase, na medida do posible, ao principio de paridade, procurando unha representación equilibrada de homes e mulleres, segundo o previsto na Lei 7/2004, para a igualdade de mulleres e homes na Comunidade Autónoma de Galicia, e na Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.

Artigo 16º.-Competencias do consello asesor.

Corresponderalle ao consello asesor a emisión de informe preceptivo con carácter previo á adopción polo pleno do consorcio dos seguintes acordos:

a) Aprobación da memoria anual de actividades xunto co seu seguimento, control e valoración.

b) Proposta de convenios, concertos e acordos de cooperación, colaboración ou calquera outro que se estableza coas administracións públicas ou entidades privadas.

Así mesmo, o consello asesor servirá de comité asesor de protección civil a nivel provincial e entidade de apoio á presidencia do consorcio.

Tamén poderá emitir ditame sobre calquera asunto sempre que sexa solicitado pola presidencia do consorcio ou pola maioría absoluta dos membros do pleno.

As funcións de secretario do consello asesor serán exercidas por quen exerza as funcións de secretario do consorcio, de acordo co previsto no artigo 19º.

Artigo 17º.-Cesamento dos membros.

Os membros do pleno e do consello asesor poderán cesar por acordo do mesmo órgano que os nomeou, ou pola perda da condición de membro da institución que representen. Neste último caso, permanecerán en funcións ata se nomearen os novos membros regulamentariamente.

Capítulo III

Outros órganos do consorcio

Artigo 18º.-Xerencia.

1. A xerencia é o órgano a que corresponde realizar a xestión ordinaria, é dicir, a técnico-administrativa, dos asuntos de competencia do consorcio, baixo a inmediata dirección e dependencia da presidencia. A persoa titular da xerencia terá a consideración de persoal funcionario ou laboral de alta dirección de acordo co establecido no artigo 104 da Lei 7/1985, de bases de réxime local e demais normativa de función pública.

2. Serán funcións da xerencia:

a) Dirixir, xestionar os servizos e resolver os asuntos que se lle asignen.

b) Elaborar e presentar o anteproxecto de orzamentos, que se presentará para a súa aprobación á comisión executiva o máis tardar o primeiro día hábil de setembro do ano anterior ao de vixencia do devandito orzamento. Elaborar e presentar os plans de actuacións e o programa de necesidades do consorcio.

c) Prestar asistencia técnica aos órganos colexiados do consorcio.

d) Emitir informe sobre os asuntos que deban tratarse nas sesións dos órganos colexiados do consorcio.

e) Exercer a dirección do persoal ao seu cargo, baixo a dependencia da presidencia así como propoñer as reformas que supoñan unha mellora do funcionamento, das dependencias e servizos.

f) Instruír os expedientes para adquisición de material e realización de obras de mellora e mantemento do servizo, así como os demais que se refiren ao funcionamento do consorcio.

g) Propoñer á presidencia do consorcio os pagamentos que deban realizarse.

h) Propoñer e tramitar a contratación, destino, ascensos, excedencias, xubilacións, permisos e baixas do persoal do consorcio, segundo as disposicións legais vixentes.

i) Elaborar as estatísticas de actividades realizadas, así como a memoria anual acerca do funcionamento, custo e rendemento dos servizos ao seu cargo, propoñendo as modificacións encamiñadas a unha maior eficacia do servizo.

j) Asistir ás sesións dos órganos colexiados con voz e sen voto.

k) As demais funcións que o pleno lle encomende.

Artigo 19º.-Funcións reservadas a funcionarios/as de Administración local con habilitación de carácter estatal.

No cadro de persoal e na relación de postos de traballo do consorcio fixaranse as prazas e postos necesarios para o exercicio das funcións reservadas a habilitados de carácter estatal, que serán exercidas a través dunha das seguintes modalidades:

a) A través de funcionarios/as con habilitación estatal, de acordo co sistema de provisión previsto no Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, sobre provisión de postos de traballo reservados a funcionarios da Administración local con habilitación de carácter estatal.

b) A través do servizo de asistencia da deputación, de acordo co establecido no artigo 5 do devandito texto regulamentario.

As funcións que desempeñarán son:

a) Asistir ás reunións do pleno, convocando os compoñentes por orde da súa presidencia e notificando a orde do día.

b) Formalizar e cumprir os acordos adoptados nas sesións, así como elaborar acta deles.

c) Asesorar e asistir xuridicamente os órganos de goberno do consorcio.

d) Calquera outra que lle veña atribuída polo ordenamento xurídico.

Capítulo IV

Réxime funcional

Artigo 20º.-Reunións.

1. O pleno reunirase en sesión ordinaria unha vez ao semestre.

2. Realizarase sesión extraordinaria por petición da presidencia cando o considere oportuno ou por petición dun terzo dos membros do pleno.

3. A presidencia poderá convocar sesións extraordinarias con carácter urxente. Nas ditas convocatorias non se exixirá a anticipación mínima de 5 días a que se refire o artigo 21º.1. Nas sesións extraordinarias urxentes, o pleno deberá pronunciarse previamente sobre a urxencia da sesión. De non apreciarse a dita urxencia por maioría simple, concluirase acto seguido a sesión. Para estes efectos para o cómputo das maiorías aplicarase o disposto no artigo 22º.

4. A comisión executiva reunirase de xeito ordinario unha vez ao trimestre, sendo convocada pola presidencia da comisión, e de xeito extraordinario por petición de calquera dos seus membros, cunha anticipación mínima de 5 días en ambos os casos.

5. O consello asesor reunirase sempre que así o acorde a presidencia do consorcio, ou ben o solicite a maioría absoluta dos membros do pleno do consorcio ou do consello asesor.

Artigo 21º.-Convocatoria.

1. A persoa titular da presidencia convocará as sesións cunha anticipación mínima de 5 días e remitirá a orde do día a cada un dos membros do pleno.

2. O pleno quedará validamente constituído cando estean presentes o titular da presidencia ou quen o substitúa, o secretario/a ou quen o/a substitúa, e algún representante de cada unha das dúas administracións consorciadas. O quórum debe manterse durante toda a sesión.

3. Para que a comisión executiva estea validamente constituída deberán estar presentes cando menos o representante da Xunta de Galicia e o representante da Deputación Provincial de Lugo.

Artigo 22º.-Acordos.

1. Os acordos do pleno adoptaranse por maioría, agás os indicados nos números 2, 4 e 10 do artigo 11º, que requirirán maioría cualificada de dous terzos.

2. Os acordos adoptados obrigan a todas as entidades integrantes do consorcio.

3. A comisión executiva deberá adoptar acordos sempre por maioría simple.

4. Cada unha das dúas administracións consorciadas ten representación equivalente á porcentaxe que achegue ao financiamento do consorcio, segundo o artigo 25º. Esta representación pode exercerse aínda que non se encontren presentes todos os representantes dela.

Artigo 23º.-Persoal.

1. O persoal ao servizo do consorcio estará integrado por:

a) Titular da xerencia, que será persoal eventual.

b) O persoal de prevención e extinción de incendios e salvamento, en réxime de persoal laboral do consorcio.

c) O persoal que, de conformidade co artigo 19º, atenda as funcións reservadas a funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional.

d) Calquera outro que se estableza, tanto funcionario como laboral, que en todo caso deberá estar recollido no correspondente cadro de persoal.

2. As funcións deste persoal serán as que determinan as normas de réxime interior do consorcio; en todo caso o persoal previsto no punto c realizará as funcións previstas no artigo 19º destes estatutos.

Capítulo V

Do réxime económico e financeiro

Artigo 24º.-Recursos do consorcio.

Para o cumprimento dos seus fins o consorcio disporá do seu propio orzamento, que estará integrado polos seguintes recursos:

a) As achegas dos entes consorciados.

b) As subvencións e outros ingresos de dereito público.

c) As taxas, contribucións especiais e prezos públicos fixados de acordo coa lei.

d) Ingresos de dereito privado e os bens adquiridos polo consorcio que se integran no seu patrimonio.

e) O produto de operacións de crédito.

f) Calquera outro recurso que lle poida ser atribuído de acordo coa lexislación vixente.

Artigo 25º.-Financiamento.

As achegas dos entes consorciados para sufragar os gastos ordinarios de funcionamento do parque efectuaranse da maneira seguinte:

a) Fase de construción e equipamento:

-Xunta de Galicia: 50% do total do orzamento.

-Deputación Provincial de Lugo: 50% do total do orzamento.

b) Fase de funcionamento:

-Xunta de Galicia: 50% do total do orzamento.

-Deputación Provincial de Lugo: 50% do total do orzamento.

Se durante o exercicio económico se produciren ingresos superiores aos previstos inicialmente no orzamento do consorcio, estes excesos serán dedicados, a criterio do pleno, a actuacións adicionais ás previstas inicialmente, ou ben a minorar as achegas que lle corresponden ás partes consorciadas.

En todo caso, poderase acudir aos mecanismos previstos na lexislación vixente para obter a satisfacción das achegas en caso de que algunha das administracións consorciadas non achegasen en prazo a totalidade das cantidades a que veñen obrigadas por este artigo, e co fin todo isto de facer efectivas estas cantidades.

No caso de que algún concello en que o consorcio preste os seus servizos acade os habitantes mínimos establecidos pola normativa vixente para ter obrigatoriamente servizo de extinción de incendios e salvamento propio, poderá manterse no consorcio, conforme o establecido no artigo 30º. Para tal fin procederase á modificación dos estatutos do consorcio para dar cabida á porcentaxe de financiamento que lle corresponda achegar ao dito concello en función da súa poboación.

As administracións consorciadas poderán descontar das transferencias que correspondan a parte proporcional das débedas dos concellos incluídos no punto anterior, no caso de que estes non as fagan efectivas no prazo establecido, polo procedemento establecido na lexislación vixente.

Artigo 26º.-Ingresos das contribucións.

1. Cada ente consorciado obrígase, nos termos previstos no artigo 25º, a consignar no seu orzamento ordinario a cantidade suficiente para atender as súas obrigas económicas relativas ao consorcio.

2. A parte correspondente da cantidade consignada nos orzamentos de cada ente consorciado ingresarase por anticipado cada seis meses na tesouraría do consorcio.

Artigo 27º.-Aprobación do orzamento.

O pleno aprobará o orzamento do consorcio e elevarao aos entes consorciados para o seu coñecemento. O proxecto de orzamento do consorcio para cada ano deberá ser aprobado e comunicado aos entes consorciados o máis tardar no primeiro día hábil do mes de setembro do ano anterior ao da súa vixencia.

Capítulo VI

Réxime xurídico

Artigo 28º.-Réxime interno.

A actuación do consorcio rexerase polo establecido nestes estatutos e nos regulamentos de organización e réxime interior, que se supeditarán ao ordenamento xurídico vixente.

Para o non establecido nas disposicións anteriores aplicarase a lexislación reguladora do réxime das entidades locais.

Artigo 29º.-Lexislación aplicable.

A todas as actuacións do consorcio seralles aplicable a Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro; a Lei 7/1985, de bases do réxime local, modificada pola Lei 11/1999, do 21 de abril, e Real decreto lexislativo 781/1986, que aproba o texto refundido das disposicións legais vixentes en materia de réxime local; Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público, e a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e demais normativa aplicable aos entes desta natureza. Así mesmo, será de aplicación o disposto no Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais.

Artigo 30º.-Modificacións, incorporacións e baixas e disolución.

1. Para a modificación dos estatutos do consorcio, posibles incorporacións ou baixas ou para a súa disolución, seguiranse as mesmas regras e o mesmo procedemento que o establecido pola lexislación estatal básica e polos artigos 143 e 144 da Lei 5/1997, para a modificación dos estatutos ou disolución das mancomunidades dos municipios.

2. No caso de disolución do consorcio practicarase liquidación de todos os seus bens e dereitos, e o resultado positivo ou negativo será atribuído a cada un dos integrantes do consorcio, na mesma proporción que a establecida para a fixación das achegas ao consorcio.

Artigo 31º.-Informe anual.

O consorcio facilitará aos entes consorciados un informe anual sobre a propia xestión e prestará a súa cooperación e asistencia cando sexa requirida.

Disposicións adicionais

Primeira.-O consorcio iniciará o seu funcionamento cos parques situados nos concellos de Barreiros, Sarria, Chantada, Viveiro e Vilalba.

A localización do resto dos parques, de ser o caso, deberá ser aprobada previamente pola Deputación Provincial de Lugo e a Xunta de Galicia.

Segunda.-O proceso selectivo para a dotación do persoal descrito no artigo 23º.1 b) terá en conta como mérito a experiencia nos seguintes postos de traballo:

1. Persoal de extinción de incendios e salvamento dos servizos públicos de extinción de incendios e salvamento de Galicia.

2. Persoal de extinción de incendios e salvamento ao servizo das empresas concesionarias dos actuais parques comarcais ou provinciais en que a Xunta de Galicia ten participación.

3. En aplicación do disposto na Lei 5/2007, terase en conta o tempo de prestación de servizos a partir dun ano como voluntario inscrito nunha agrupación de voluntarios de protección civil oficialmente rexistrada segundo se establece no Decreto 56/2000, do 3 de marzo.

Disposición derradeira

Unha vez publicados no Diario Oficial de Galicia estes estatutos, a presidencia da comisión xestora procederá no prazo máximo dun mes á convocatoria da sesión constitutiva do pleno do consorcio, na cal se procederá ao nomeamento do presidente e vicepresidentes do consorcio, do xeito establecido no artigo 9º dos estatutos, iniciándose o seu funcionamento.

b) NOMEAMENTOS CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN

E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA