DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Xoves, 05 de febreiro de 2009 Páx. 2.487

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

ORDE do 30 de xaneiro de 2009 pola que se declara de xeito provisional, o espazo natural de interese local de Puzo do Lago, no concello de Maside.

A Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, recoñece os espazos naturais de interese local como unha das categorías nas que se clasifican os espazos naturais protexidos. O artigo 17 desta lei define os espazos naturais de interese local como aqueles espazos que se atopan integrados dentro dun concello e que, polas súas singularidades, sexan merecentes dalgún tipo de protección dos seus valores naturais.

A declaración dun espazo natural de interese local é competencia da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, por petición do concello onde se atope este espazo natural, sendo responsable o concello da súa xestión. Así mesmo, a declaración dun espazo natural de interese local non leva consigo a súa inclusión na Rede Galega de espazos naturais protexidos.

A regulación dos espazos naturais de interese local recollida na Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, foi desenvolvida polo Decreto 124/2005, do 6 de maio, polo que se regula a figura do espazo natural de interese local e a figura do espazo privado de interese natural. O artigo 4 deste decreto recolle a posibilidade que ten a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible de declarar, de xeito provisional, un espazo natural de interese local por un prazo non superior a dous anos, debendo presentar dentro deste prazo o concello promotor, como requisito imprescindible para a declaración do espazo natural de interese local, o plan de conservación deste espazo.

O 9 de abril de 2008 recibiuse por petición do Concello de Maside para a declaración como espazo natural de interese local da paraxe denominada Puzo do Lago, situada no núcleo do Lago, Negrelle, no concello de Maside, na provincia de Ourense.

O concello acompañou á súa solicitude unha memoria que cumpre e se axusta ao establecido no artigo 3.3º do Decreto 124/2005, do 6 de maio. Unha vez recibida esta solicitude, o Servizo Provincial de Conservación da Natureza, da Delegación Provincial desta consellería en Ourense, informou favorablemente sobre a declaración do espazo denominado Puzo do Lago como espazo natural de interese local.

Esta orde ten por obxecto declarar, de xeito provisional, o espazo natural de interese local de Puzo do Lago, no concello de Maside, unha vez constatadas as singularidades que presenta este espazo natural que o fan merecente da protección dos seus valores naturais.

Polo exposto, no uso das atribucións que me confire o artigo 34.6º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Declaración provisional do espazo natural de interese local de Puzo do Lago.

1. Por petición do concello de Maside declárase, provisionalmente e por un prazo máximo de dous anos, o espazo natural de interese local de Puzo do Lago, sito no termo municipal de Maside, na provincia de Ourense.

2. Durante o prazo da declaración provisional do espazo natural de interese local de Puzo do Lago e como requisito imprescindible para que se produza a súa declaración definitiva como espazo natural protexido, o concello de Maside deberá de achegar á Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible o Plan de Conservación deste espazo.

No caso de que o concello de Maside non achegue o Plan de conservación do espazo natural de Puzo do Lago no prazo sinalado, teráselle por desistido da súa solicitude de declaración deste lugar como espazo natural de interese local, producíndose, desde ese momento, a extinción dos efectos da declaración provisional como espazo natural de interese local.

Artigo 2º.-Réxime de protección preventiva.

1. A declaración provisional do espazo natural de interese local de Puzo do Lago leva consigo a aplicación do réxime de protección preventiva recollido no artigo 25 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza.

2. Os aproveitamentos e os usos dos bens e recursos incluídos dentro do espazo natural de interese local de Puzo do Lago levaranse a cabo de maneira que resulten compatibles coa conservación dos valores que motivaron a súa declaración.

Artigo 3º.-Límites.

A extensión e límites do espazo natural de interese local de Puzo do Lago son os sinalados no anexo I desta orde.

Artigo 4º.-Xestión.

Será responsabilidade e competencia do Concello de Maside a xestión do espazo natural de interese local de Puzo do Lago.

Artigo 5º.-Efectos.

1. A declaración provisional do espazo natural de interese local de Puzo do Lago non leva aparellada a súa inclusión na Rede galega de espazos naturais protexidos.

2. A declaración provisional do espazo natural de interese local de Puzo do Lago non implicará a asignación de recursos económicos da Xunta de Galicia para a súa xestión e conservación.

Artigo 6º.-Extinción.

1. Mediante orde do conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible poderase poñer fin para os efectos da declaración provisional do espazo natural de interese local de Puzo do Lago se desaparecesen as causas que motivaron a protección deste espazo e non fosen susceptibles de recuperación ou restauración.

2. Tamén se producirá a extinción dos efectos da declaración provisional do espazo natural de interese local de Puzo do Lago no suposto recollido no punto 2 do artigo 1º desta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro do 2009.

Manuel Vázquez Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento

Sostible

Ver referencia pdf "02500D005P033.PDF"