DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Mércores, 04 de febreiro de 2009 Páx. 2.443

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE TRABALLO

CÉDULA do 16 de decembro de 2008, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se fai pública a Resolución do 2 de setembro de 2008, de recurso de reposición das axudas á contratación indefinida do expediente administrativo AS345D 2005/65-5.

De conformidade co disposto no artigo 59.5º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE nº 285, do 27 de novembro), e non sendo posible a práctica da notificación no domicilio sinalado polo interesado da resolución de recurso de reposición da solicitude das axudas á contratación indefinida do expediente administrativo, consonte o establecido na Orde do 7 de marzo de 2005 (DOG nº 48, do 10 de marzo), publícase:

1º Expediente de procedemento: AS345D 2005/65-5.

Orde de convocatoria: do 7 de marzo de 2005 (DOG nº 48, do 10 de marzo).

Interesada: Mª Consuelo Pereira Lois.

Enderezo: apartado postal 5360, 36202 Vigo (Pontevedra).

Asunto: resolución por delegación do delegado provincial da Consellería de Traballo do 2 de setembro de 2008, ao abeiro da Orde do 7 de marzo de 2005 (DOG nº 48, do 10 de marzo).

Resolución:

Visto o recurso de reposición interposto polo interesado, notifícolle a resolución ditada por esta delegación provincial:

Antecedentes.

1. A Resolución do 9-2-2006, notificada o 15-2-2006, declarou a desestimación da solicitude de axuda presentada por Consuelo Pereira Lois no seu propio nome, respecto da contratación do primeiro traballador fixo.

2. A interesada presentou recurso de reposición contra a devandita resolución o 6-3-2006.

Fundamentos.

Primeiro.-A competencia desta delegación provincial para resolver o recurso vén determinada polas disposicións seguintes:

-Artigo 116.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro (BOE do 27 de novembro), de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14 de xaneiro).

-Artigo 7 da Orde do 7 de marzo de 2005 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2005 as axudas a empresarios sen asalariados pola contratación do seu primeiro traballador fixo.

-Decreto 20/2007, do 22 de febreiro que modifica o Decreto 536/2005, do 6 de outubro polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo, e a Orde do 7 de setembro de 2006, da Consellería de Traballo, sobre delegación de competencias nos órganos centrais e periféricos da Consellería de Traballo.

Segundo.-A resolución obxecto do recurso desestimou a solicitude debido a que a empresa solicitante tivo, nos 24 meses anteriores á contratación indefinida, contratos de duración determinada ou temporal que no seu conxunto superan os 180 días polo que non se trata do primeiro empregado da empresa en virtude do disposto polo artigo 4.2º da orde reguladora das axudas.

Terceiro.-Alega a recorrente que se emitiron todos os TC-2 que tivo a empresa durante o período anterior á alta e se comproban que non chega aos cento cincuenta e tres días, presentando orixinais de TC-2 de varios meses desde setembro de 2004 ata xullo de 2005.

Cuarto.-O artigo 4.2º da orde reguladora sinala que, para estes efectos, se entenderá que se trata do primeiro empregado cando na empresa, nos 24 meses anteriores á contratación indefinida, non prestasen servizos traballadores por conta allea, agás con contratos de duración determinada, ou temporal que, no seu conxunto, non superen os 180 días.

Quinto.-No informe da vida laboral da empresa dos últimos 24 meses anteriores á contratación indefinida, achegado pola propia interesada, queda acreditado que neste período a empresa tivo varios traballadores por conta allea con contratos de duración determinada que superan, no período de referencia, os 180 días, polo que incumpre o requisito establecido no artigo 4.2º da orde reguladora.

Sexto.-Alega tamén a recorrente que tampouco foi un período consecutivo de 180 días senón que os meses foron salteados.

Sétimo.-O devandito artigo 4.2º da orde reguladora sinala claramente que os 180 días serán computados no seu conxunto polo que resulta indiferente que sexan ou non consecutivos, sempre que se inclúan nos 24 meses anteriores á contratación indefinida.

Oitavo.-Por todo o anteriormente exposto, tendo en conta que as alegacións da recorrente non desvirtúan a fundamentación anterior e conforme os principios de legalidade e obxectividade que rexen a actividade administrativa en materia de fomento, que impiden exceptuar a aplicación da normativa reguladora para atender as prestensións formuladas, o recurso non pode ser estimado.

En virtude dos antececedentes e fundamentos expostos,

RESOLVO:

Desestimar o recurso de reposición interposto por Consuelo Pereira Lois no seu propio nome con data do 6-3-2006 e confirmar a resolución, ditada por esta delegación provincial o 9-2-2006.

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela o interesado pode interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa no prazo de dous meses desde o día seguinte ao desta, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo (BOE do 14 de xullo), reguladora da xurisdición contencioso-administrativa e na Lei 30/1992, do 26 de novembro (BOE do 27 de novembro), de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Vigo, 2 de setembro de 2008. P.D. Pedro Borrajo Rivas, delegado provincial de Pontevedra.

Os correspondentes expedientes constan no Servizo de Promoción do Emprego da Delegación Provincial da Consellería de Traballo en Vigo.

Vigo, 16 de decembro de 2008.

Pedro Borrajo Rivas

Delegado provincial de Pontevedra