DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Mércores, 04 de febreiro de 2009 Páx. 2.424

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 29 de xaneiro de 2009, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se aproba e se fai público o procedemento para a acreditación dos méritos correspondentes á fase de concurso do proceso selectivo para o ingreso en distintas escalas do corpo facultativo superior da Xunta de Galicia (grupo A).

En virtude da Orde do 28 de decembro de 2007 (DOG nº 7, do 10 de xaneiro de 2008) convocouse o proceso selectivo para o ingreso en distintas escalas do corpo facultativo superior da Xunta de Galicia (grupo A), que establece como sistema selectivo o de concurso-oposición.

A base II.3.3 da convocatoria dispón que os méritos correspondentes á fase de concurso se deberán referir á súa data de publicación no Diario Oficial de Galicia e se deberán acreditar de conformidade co procedemento que estableza a Dirección Xeral da Función Pública e que será publicado no Diario Oficial de Galicia.

En cumprimento da previsión anterior e co obxecto de que os/as aspirantes que superen a fase de oposición deste proceso selectivo poidan acreditar os méritos con que conten na fase de concurso, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro.-Aprobar e publicar o procedemento que se deberá seguir para acreditar os méritos correspondentes á fase de concurso do proceso selectivo para o ingreso en distintas escalas do corpo facultativo superior da Xunta de Galicia (grupo A).

Segundo.-Para acreditar os méritos recollidos nas bases II.3.1.1, II.3.1.2, II.3.1.3 e II.3.1.4 da quenda de promoción interna, os/as aspirantes presentarán a documentación segundo o modelo de certificación que figura como anexo I a esta resolución.

Terceiro.-Para acreditar os méritos recollidos nas bases II.3.2.1, II.3.2.2, II.3.2.3 e II.3.2.4 da quenda de acceso libre os/as aspirantes presentarán a documentación segundo o modelo de certificación que figura como anexo II a esta resolución.

Cuarto.-Os ditos anexos I e II serán expedidos polas unidades seguintes de acordo co destino definitivo de cada aspirante:

-Servizos centrais: secretario/a xeral, subdirector/a xeral ou xefes/as do servizo que teñan atribuídas funcións en materia de xestión de persoal, dependentes da secretaría xeral da consellería respectiva ou dos seus organismos autónomos.

-Servizos periféricos: secretarios/as ou, de ser o caso, funcionario/a responsable da área de persoal das delegacións/direccións territoriais, provinciais ou comarcais da consellería respectiva, ou dos seus organismos autónomos.

-Outras administracións: o responsable de persoal respectivo.

Non se terán en conta as certificacións que non se axusten ao establecido anteriormente.

Quinto.-Para acreditar os méritos recollidos na base II.3.1.5 os/as aspirantes deberán presentar copia cotexada dos documentos que acrediten que están en posesión dos cursos relacionados nela.

Sexto.-Os aspirantes disporán dun prazo de 10 días hábiles desde a publicación polo tribunal das notas do terceiro exercicio da fase de oposición ou, de ser o caso, das exencións que para este procedan, para presentar a documentación sinalada no número anterior. Esta documentación irá dirixida á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Dirección Xeral da Función Pública, edificio administrativo San Caetano, Santiago de Compostela.

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2009.

Mª Mar Rodríguez Fernández

Directora xeral da Función Pública

Ver referencia pdf "02400D011P048.PDF"