DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Mércores, 04 de febreiro de 2009 Páx. 2.416

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

AUGAS DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 28 de xaneiro de 2009 pola que se revisa a declaración de zonas sensibles no ámbito territorial das bacías hidrográficas de Galicia-Costa.

O artigo 7.3º do Real decreto lei 11/1995, polo que se establecen as normas aplicables ao tratamento das augas residuais urbanas, prevé que a Administración xeral do Estado declarará as zonas sensibles nas bacías hidrográficas que excedan o ámbito territorial dunha comunidade autónoma, e que as comunidades autónomas efectuarán a devandita declaración nos restantes casos, e daranlle a oportuna publicidade no respectivo diario oficial.

Pola súa banda, o artigo 7.2º do Real decreto 509/1996, de desenvolvemento do dito real decreto lei, dispón que a declaración de zonas sensibles debe revisarse cada catro anos.

Mediante resolución da Presidencia de Augas de Galicia do 22 de maio de 2001 (DOG do 30 de maio) declarouse a ría de Pontevedra como zona sensible para os efectos do Real decreto lei 11/1995, e ademais declarouse o conxunto das augas continentais das bacías de Galicia-Costa como zona normal.

Á vista do informe elaborado pola Área de Calidade das Augas do organismo autónomo Augas de Galicia, e tendo en conta que se manteñen as circunstancias previstas no anexo II, número I, letra a), punto 2º do Real decreto 509/1996, que levaron a considerar a Ría de Pontevedra como zona sensible, tal e como foron definidas no Plan de saneamento de Galicia aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o 9 de novembro de 2000, e tal e como foron confirmadas no Plan hidrolóxico de Galicia-Costa aprobado polo Real decreto 103/2003, do 24 de xaneiro, cómpre proceder á revisión desta declaración mantendo a dita consideración para a ría de Pontevedra, así como declarar como zona sensible a ría de Ferrol, na cal concorren as mesmas circunstancias previstas no anexo II do Real decreto 509/1996.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Primeiro.-Declarar como zona sensible a ría de Ferrol, para os efectos previstos no Real decreto 11/1995, do 28 de decembro, pola que se establecen as normas aplicables ao tratamento das augas residuais urbanas.

Segundo.-Manter a declaración da ría de Pontevedra como zona sensible, acordada na Resolución do 22 de maio de 2001 do organismo autónomo Augas de Galicia, para os efectos previstos no Real decreto 11/1995, do 28 de decembro, pola que se establecen as normas aplicables ao tratamento das augas residuais urbanas.

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2009.

Jorge Antonio Santiso Blanco

Presidente de Augas de Galicia