DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Mércores, 04 de febreiro de 2009 Páx. 2.398

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 29 de xaneiro de 2009 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas aos plans de reestruturación e reconversión da viña en Galicia e se convocan para o ano 2009.

O Regulamento (CE) nº 479/2008 do Consello, do 29 de abril, polo que se establece a organización común do mercado vitivinícola, se modifican os Regulamentos (CE) nº 1493/1999, (CE) nº 1782/2003, (CE) nº 1290/2005 e (CE) nº 3/2008 e se derrogan os Regulamentos (CEE) nº 2392/86 e (CE) nº 1493/1999, xunto co Regulamento (CE) nº 555/2008 da Comisión, do 27 de xuño de 2008, polo que se establecen as normas de desenvolvemento do Regulamento (CE) nº 479/2008 do Consello, polo que se establece a organización común do mercado vitivinícola, no relativo aos programas de apoio, o comercio con terceiros países, o potencial produtivo e os controis no sector vitivinícola, incorporan importantes modificacións en materia de normas de regulación do mercado vitivinícola con relación ás dispostas na anterior normativa mediante o Regulamento (CE) nº 1493/1999, do 17 de marzo, polo que se establecía a organización común do mercado vitivinícola.

O título II do antedito Regulamento 479/2008 do Consello introduce un programa de apoio específico para o sector vitivinícola, consistente nunha serie de medidas de carácter financeiro cuxa finalidade é reforzar as estruturas competitivas dos produtores; entre estas medidas encóntranse as axudas á reestruturación e reconversión das viñas, xa existentes na anterior normativa.

A nova orientación da Organización Común do Mercado Vitivinícola no relativo ás medidas de apoio, co fin de acadar, entre outros, o obxectivo de crear un réxime vitivinícola que potencie o tecido social de numerosas zonas rurais, permite que os Estados membros, tendo en conta as especificidades rexionais, sexan os que seleccionen as medidas que mellor se adecuen ás necesidades dos seus territorios.

Na Comunidade Autónoma de Galicia, o réxime de axudas á reestruturación e reconversión da viña vixente desde o pasado período normativo, revelouse como o medio máis adecuado para corrixir os defectos estruturais das explotacións, e se converteu no motor de impulso do sector vitivinícola. Non obstante o anterior, o tamaño medio das parcelas de viña en Galicia, inferior a 0,1 hectárea, determinou que non todas as superficies puidesen acollerse ao réxime de axudas.

Por outra banda, consonte a Decisión da Comisión, do 4 de agosto de 2006, Galicia está incluída nas rexións que poden recibir o importe máximo de financiamento comunitario, no marco do obxectivo de converxencia, definido polo Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello, do 11 de xullo, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión e se derroga o Regulamento (CE) nº 1260/1999.

Por todo isto, e co albo de preservar o potencial vitícola da nosa comunidade autónoma, baseado no emprego de variedades autóctonas que confiren aos viños as características diferenciadoras de singularidade e calidade que demanda o mercado actual, cómpre continuar coa aplicación do réxime de axudas á reestruturación e reconversión de viña, incorporando particularidades adaptadas á viticultura galega.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. O obxecto desta orde é regular as axudas aos plans de reestruturación e reconversión de viña en Galicia e a súa convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, para o ano 2009.

2. As bases reguladoras publicaranse no Diario Oficial de Galicia e na páxina web oficial da Consellería do Medio Rural.

Sección primeira

Bases reguladoras

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

1. O réxime de axudas para reestruturación e reconversión de viña será de aplicación ao viñedo da Comunidade Autónoma galega destinado á produción de uva para vinificación.

2. O apoio para reestruturación e reconversión da viña só poderá concederse para unha ou varias das actividades seguintes:

a) A reconversión varietal.

b) A reimplantación de viñas.

c) As melloras das técnicas de xestión de viñas.

3. Non poderán acollerse a este réxime de axudas:

a) A renovación normal das viñas que chegasen ao final do seu ciclo natural, definida, consonte o artigo 6 do Regulamento 555/2008 da Comisión, do 27 de xuño, como a replantación dunha mesma parcela de terra coa mesma variedade e segundo o mesmo método de cultivo.

b) As accións de reestruturación e reconversión que xa se beneficiasen destas axudas nos últimos dez anos, para esa mesma superficie de viña.

c) A renovación das viñas plantadas ao abeiro dunha concesión de novas plantacións ata transcorridos 10 anos da dita plantación.

d) As viñas daqueles titulares que contraveñan a normativa vixente en materia de plantacións de viña, para calquera das superficies de viña da súa explotación.

Artigo 3º.-Definicións.

Para os efectos de aplicación desta orde, entenderase por:

a) Titular da viña: persoa física ou xurídica ou agrupación de persoas físicas ou xurídicas, con independencia da forma xurídica da agrupación ou dos seus membros, que ten os dereitos de plantación ou replantación sobre o cultivo, ben como consecuencia dun dereito de propiedade, ou ben porque teña atribuído un dereito de disposición sobre o cultivo.

b) Propietario: persoa física ou xurídica ou agrupación de persoas físicas ou xurídicas, con independencia da forma xurídica da agrupación ou dos seus membros, que ten o título de propiedade sobre a parcela onde se encontra a viña.

c) Viticultor ou cultivador: persoa física ou xurídica, ou agrupación de persoas físicas ou xurídicas, con independencia da forma xurídica da agrupación ou dos seus membros, que obtén o produto anual da viña ben por ser o propietario ou ben por ter atribuído un dereito de uso sobre a viña.

d) Parcela de viña: superficie continua de terreo na cal un só viticultor cultiva a viña, cunha referencia alfanumérica única representada graficamente no Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícolas, en diante SIXPAC.

e) Parcela agrícola de viña: superficie continua de viña explotada por un mesmo viticultor.

f) Medida: conxunto de operacións tendentes a conseguir a reestruturación e/ou reconversión dunha superficie de viña determinada.

g) Campaña vitícola: campaña de produción da viña, en diante campaña, que comeza o 1 de agosto de cada ano e remata o 31 de xullo do ano seguinte.

h) Agricultor mozo (AM): a persoa que, no momento da solicitude, teña cumpridos os dezaoito anos e non cumprise os corenta anos, e exerza ou pretenda exercer a actividade agraria.

i) Agricultor a título principal (ATP): persoa física titular dunha explotación agrícola, gandeira ou forestal, que requira un volume de emprego de, polo menos, unha unidade de traballo anual (UTA), e que obteña, polo menos, o 50% da súa renda total da actividade agraria exercida na súa explotación, e cuxo tempo de traballo dedicado a actividades non relacionadas coa explotación sexa inferior á metade do seu tempo de traballo total.

Artigo 4º.-Beneficiarios e principios de concesión.

1. Poderán ser beneficiarios das axudas previstas nesta orde os viticultores de Galicia -persoas físicas ou xurídicas, ou as súas agrupacións, e as comunidades de bens- que soliciten unha axuda á reestruturación e/ou reconversión de viña de acordo co disposto no artigo 11 do capítulo I do título II do Regulamento (CE) 479/2008 do Consello, do 29 de abril, e na sección 2 do capítulo II do título II do Regulamento (CE) 555/2008 da Comisión, do 27 de xuño.

2. O beneficiario debe atoparse ao día nas súas obrigas tributarias -estatais e autonómicas- e coa Seguridade Social, e non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración consonte o establecido nos artigos 11º e 31º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Para as comunidades de bens, requirirase un pacto de indivisión, de polo menos 10 anos, contados a partir da data de finalización da campaña de execución dos investimentos.

4. Naqueles casos en que o viticultor non sexa o propietario da superficie nin o titular da viña que se quere reestruturar ou reconverter, necesitarase unha autorización do propietario e, se é o caso, do titular.

5. As axudas reguladas nesta orde concederanse con suxeición aos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non-discriminación.

Artigo 5º.-Plans de reestruturación e reconversión da viña.

1. O réxime de reestruturación e reconversión de viñas levarase a cabo a través de plans de reestruturación e reconversión que agrupan os viticultores e que conterán as medidas solicitadas por cada un deles para as súas explotacións.

2. Os plans de reestruturación e reconversión poderán ser de dous tipos:

a) Colectivos: constituídos por un mínimo de 5 viticultores.

b) Individuais.

3. Os plans colectivos de reestruturación e reconversión realizaranse no marco dun acordo celebrado entre os viticultores participantes. Este acordo incluirá a designación dun representante que se encargará das relacións coa Consellería do Medio Rural.

Artigo 6º.-Requisitos dos plans de reestruturación e reconversión da viña.

Para poder acceder a estas axudas, cumpriranse os seguintes requisitos:

1. A superficie total reestruturada e/ou reconvertida no marco dun plan de reestruturación e reconversión de viña será de, polo menos, 2,5 hectáreas para os plans colectivos e 0,5 hectáreas para os plans individuais.

2. A parcela agrícola de viña, unha vez reestruturada ou reconvertida, terá que ser de, polo menos, 100 m2.

Malia o anterior, nos casos en que a medida se limite a accións de reenxerta e/ou cambio de sistema de condución, a superficie mínima será aquela con que a parcela figura no rexistro vitícola.

3. O límite máximo de superficie para reestruturar ou reconverter por viticultor e campaña será de 25 hectáreas.

4. Poderanse utilizar dereitos de replantación procedentes de fóra das explotacións ata un límite dun 20% da superficie total do plan. Para estes efectos, non se computarán os dereitos de plantación achegados polos agricultores mozos.

5. Unha vez finalizada a medida, a/s variedade/s da parcela incluídas total ou parcialmente no plan, deberán ser das clasificadas como recomendadas para a Comunidade Autónoma de Galicia.

6. Será obrigatorio o emprego de portaenxertos certificados.

7. A densidade máxima de plantación admitida será de 5.000 plantas/ha. Ademais, no ámbito das denominacións de orixe ou indicacións xeográficas viño da terra, deberán respectarse os límites de densidade de plantación establecidos polas súas normativas reguladoras.

Artigo 7º.-Axudas.

1. Poderanse conceder axudas para:

a) Participar nos custos da reestruturación e/ou reconversión da viña.

b) Compensar os viticultores participantes no plan pola perda de ingresos derivados da súa aplicación.

2. As operacións de reestruturación e reconversión financiables, e os custos unitarios máximos que se aplicarán ás ditas operacións son os que se recollen no anexo VII.

3. A porcentaxe de axuda sobre os investimentos finalmente aprobados, prevista na alínea a) do punto 1 será, como máximo, do 75% no caso dos plans colectivos, e do 63,75% no caso dos plans individuais. Para a operación de elevadores, esta porcentaxe será do 50% e 42,50%, respectivamente.

4. A compensación aos viticultores pola perda de renda prevista na alínea b) do punto 1 concederase durante dúas campañas. O seu importe será de 1.600 €/ha en cada campaña.

Non terán dereito á compensación por perda de ingresos aquelas superficies reestruturadas coa achega dun dereito de replantación non xerado da aplicación do plan de reestruturación nin aquelas superficies en que a medida só comprenda a operación de instalación de elevadores.

Cando as accións que se leven a cabo sobre unha parcela de viña sexan a reconversión varietal e/ou o cambio do sistema de condución, concederase a compensación por perda de ingresos para esa superficie por unha soa campaña.

5. Para determinar o importe de axuda a que ten dereito un viticultor pola reestruturación e/ou reconversión dunha superficie de viña, a medición da parcela efectuarase seguindo o método proposto no artigo 18 desta orde.

6. Para ter dereito a axuda, o viticultor deberá executar a reestruturación e/ou reconversión en, polo menos, o 80% da superficie para a cal se lle concedeu a subvención.

Artigo 8º.-Modalidades de pagamento das axudas.

1. As axudas á reestruturación e reconversión da viña pagaranse despois da comprobación por técnico competente da Consellería do Medio Rural, da execución de cada medida conforme o aprobado.

2. Non obstante o disposto no número anterior, os participantes nos plans, naqueles casos en que o investimento exixa pagamentos inmediatos, poderán solicitar un anticipo polo 50% da axuda aprobada para unha campaña cando cumpran as seguintes condicións:

a) Ter comezada a execución da medida para a cal se solicita o anticipo. Para estes efectos, considérase que comezou a execución cando se teña realizado a arrinca da plantación ou se achegue factura de compra da planta xunto co xustificante bancario que acredite o seu pagamento, ou se demostre ou verifique fidedignamente calquera outra operación de carácter irreversible.

b) Ter constituída unha garantía financeira por un importe igual ao 120% do anticipo da axuda.

Artigo 9º.-Operacións de reestruturación e/ou reconversión financiables.

1. Respecto das operacións de reestruturación/reconversión deberán observarse os seguintes aspectos:

a) Non se financiarán os custos do arrinca naquelas superficies en que se utilicen dereitos de replantación non xerados na aplicación do plan de reestruturación.

b) A necesidade de realizar unha desinfección do terreo xustificarase achegando unha análise de solo realizada por un laboratorio recoñecido.

Unicamente será subvencionable a desinfección do terreo cando o produto empregado estea autorizado no Rexistro de Produtos e Materiais Fitosanitarios. A persoa ou empresa que efectúe o tratamento deberá ter a cualificación adecuada e, no caso de que sexa unha empresa a que o realice, figurará inscrita nalgún Rexistro Oficial de Establecementos e Servizos Praguicidas (ROESP).

Será obrigatorio comunicar por escrito ao Servizo Técnico Agrario provincial, con polo menos 10 días de anticipación, a data e hora en que se realizará esta operación, así como o produto que se vai empregar e a persoa ou empresa que levará a cabo a aplicación, achegando a copia do contrato neste último caso.

c) Só se poderá financiar a operación de socalcamento cando a pendente media da parcela sexa igual ou superior ao 15% e a mura, no caso de non deixar o talude de terra, se constrúa a base de materiais propios da zona.

Para modular o investimento desta operación, será necesaria a presentación dunha memoria ou, se procede, dun proxecto, elaborados por técnico competente, de acordo co que se establece na letra s do artigo 10 desta orde.

Cando esta operación afecte menos de 2 hectáreas, poderase incluír man de obra propia ata un 70% do investimento; se a superficie é maior, a man de obra deberá ser allea, na súa totalidade.

d) En parcelas cuxa pendente supera o 30%, será financiable a instalación de equipos elevadores homologados de cor negra consonte os seguintes parámetros:

Ver referencia pdf "02400D004P022.PDF"

Non se subvencionará esta operación se na mesma parcela agrícola de viña xa existen elevadores a menos de 150 metros da localización solicitada.

e) Os protectores subvencionables consisten en proteccións individualizadas para cada planta nova ou reenxertada no pé.

2. A Consellería do Medio Rural efectuará, con anterioridade á concesión das axudas, unha comprobación inicial sobre o terreo dos datos incluídos na solicitude e determinará, en función das características da parcela, a necesidade das operacións de retirada de pedras e/ou a de nivelación do terreo se estas accións están incluídas no expediente.

3. Non se subvencionarán aquelas operacións que, na data da inspección inicial a que fai referencia o parágrafo anterior, xa estivesen executadas ou dera comezo a súa execución. Non obstante o anterior, a operación de arrinca pode realizarse a partir da data de presentación da solicitude de reestruturación da viña.

Artigo 10º.-Solicitudes e documentación.

1. As axudas aos plans de reestruturación e/ou reconversión de viña, segundo o previsto nesta orde, serán solicitadas polo representante do plan, para o caso dos plans colectivos, ou polo propio viticultor solicitante no caso de plans individuais, nos rexistros dos órganos dependentes da Consellería do Medio Rural, ou nos demais lugares e formas previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. As solicitudes presentaranse cada ano entre o 1 e o 31 de marzo. Excepcionalmente, para a convocatoria do ano 2009, observarase o disposto no artigo 23 da sección segunda desta orde.

3. Xunto coa solicitude, axustada ao modelo do anexo I, achegarase a seguinte documentación:

a) Para os plans colectivos, copia do DNI, en vigor, do representante.

b) Para os plans colectivos, acordo asinado por todos os viticultores participantes, axustado ao anexo II.

c) Se o plan é colectivo, superficie e axuda solicitada por cada viticultor, en cada campaña, segundo o modelo do anexo III.

A parte desta documentación xeral relativa ao plan, para cada un dos viticultores participantes, incluirase:

d) Copia do DNI, en vigor, cando sexan persoas físicas.

e) Para as persoas xurídicas, copias do CIF e da escritura ou do documento de constitución ou modificación onde consten os estatutos vixentes, e copia do DNI do representante da entidade xunto coa acreditación da súa representatividade.

f) No caso de comunidades de bens, copia da escritura ou documento de constitución ou modificación onde consten os estatutos vixentes, máis as copias dos DNI, en vigor, dos comuneiros.

g) Autorización do propietario ou, se é o caso, do titular da viña, para reestruturar ou reconverter, cando o viticultor non sexa o propietario da superficie, nin o titular da viña.

h) Solicitude do viticultor que conterá os datos xerais deste, axustándose ao modelo do anexo IV, a localización e características das parcelas e a procedencia dos dereitos de plantación ou replantación incluídos na solicitude conforme o anexo V, así como o investimento previsto en cada parcela segundo o anexo VI.

i) Certificado orixinal da entidade financeira sobre a titularidade da conta en que solicita o ingreso do importe da subvención.

j) Declaración xurada do titular da viña, segundo o anexo VIII, de que todas as superficies de viña da súa explotación cumpren a normativa vixente en materia de plantacións de viña.

k) Declaración xurada do solicitante da axuda de que non solicitou nin se lle concedeu ningunha outra axuda para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra administración pública, axustada ao modelo do anexo IX.

l) Se o viticultor non presentar a solicitude única de axudas establecida no Real decreto 1612/2008 sobre aplicación dos pagamentos directos á agricultura e gandaría, achegará unha relación das referencias alfanuméricas SIXPAC de todas as parcelas agrícolas que forman parte da súa explotación, consonte o anexo X, para os efectos do control da condicionalidade establecido no artigo 21º. Se durante o período en que deben cumprirse os requisitos legais de xestión e as boas condicións agrarias e ambientais, se produciren cambios nas parcelas da explotación dun titular que recibise un pagamento á reestruturación e reconversión de viña, este deberá actualizar a relación das parcelas da súa explotación antes do 30 de abril.

m) Cartografía actualizada e identificación dos recintos SIXPAC incluídos na solicitude, tanto dos iniciais, se se incorpora ao plan coa viña sobre o terreo, como dos finais onde vai situarse a parcela reestruturada, cando esta non coincida coa inicial ou cando achega ao plan dereitos de plantación e/ou replantación de viña.

n) Plano esquemático indicativo da superficie para reestruturar ou reconverter cando esta non coincida cun recinto completo do SIXPAC.

o) Se o viticultor se incorpora ao plan coa viña en campo, copia da ficha do rexistro vitícola ao seu nome.

p) Se o viticultor achega dereitos de plantación ou replantación, acreditación administrativa destes:

1. Copia do impreso de arrinca A dilixenciado pola comunidade autónoma ou copia da notificación da resolución de recoñecemento dos dereitos de replantación procedentes dunha arrinca, de ser o caso.

2. Copia da notificación ou da resolución de autorización da transferencia, cando os dereitos procedan de fóra da explotación ou,

3. Copia da notificación ou da resolución de concesión, no caso de dereitos de nova plantación.

q) Cando o sistema de condución previsto para a parcela reestruturada sexa emparrado o similar, o solicitante deberá achegar unha descrición do dito sistema e un orzamento detallado do investimento, desagregando materiais e man de obra e indicando se esta é propia ou allea.

r) Análise do solo realizada por un laboratorio recoñecido se o viticultor solicita a desinfección do terreo.

s) Solicitude da autorización de arroteamento nas implantacións de viña en terreo forestal e da solicitude de modificación de uso no SIXPAC.

t) Se algunha medida inclúe o socalcamento, presentarase unha memoria xustificativa que inclúa:

1. Localización e pendente media da parcela.

2. Características construtivas: unidades de obra e materiais en que se realizará a mura, planos cos perfís lonxitudinais e curvas de nivel, planos de planta e perfil das muras previstas e número de socalcos.

3. Orzamento detallado dos traballos a desenvolver, desagregando materiais e man de obra e indicando respecto a esta a porcentaxe que é propia e/ou allea.

u) Cando a solicitude do viticultor inclúa a instalación de equipamentos elevadores, achegarase un plano esquemático que indique a súa localización e dimensións, así como a factura proforma pola totalidade do investimento solicitado totalmente desagregado.

v) Acreditación da condición de agricultor a título principal, de ser o caso, que constará de informe de vida laboral e copia da declaración do IRPF do último exercicio.

Artigo 11º.-Criterios de prioridade.

1. Para aprobar e resolver as axudas aos plans de reestruturación e reconversión da viña previstas nesta orde, dentro das dispoñibilidades orzamentarias, a Consellería do Medio Rural dará prioridade absoluta, en primeiro termo, aos plans colectivos sobre os plans individuais.

2. Dentro de cada un dos grupos, colectivos e individuais, os plans ordenaranse segundo o total resultante de sumar os puntos equivalentes ás seguintes porcentaxes:

a) Porcentaxe de superficie reestruturada de viña exenta da aplicación do réxime de abandono de viña establecido na Orde do 11 de agosto de 2008, pola que se establecen as bases reguladoras das primas para o réxime de abandono de viña e se convocan para o ano 2008.

b) Porcentaxe de superficie reestruturada de viña baixo o ámbito dunha denominación de orixe ou indicación xeográfica viño da terra.

c) Porcentaxe de superficie reestruturada de viña situada en zonas desfavorecidas, de acordo coas categorías establecidas no capítulo V do Regulamento 1257/1999, do 17 de maio, e consonte a relación de concellos recollida na Directiva 86/466/CEE do Consello, do 14 de xullo (Diario Oficial nº L 273, do 24 de setembro de 1986).

d) Porcentaxe que representan os agricultores mozos respecto ao total de viticultores que integran o plan.

e) Porcentaxe que representan os agricultores a título principal no total de viticultores participantes no plan.

3. En caso de igualdade de puntuación entre os plans colectivos respecto ao número anterior, darase prioridade aos de maior número de viticultores totais e entre os individuais aos de maior superficie.

Artigo 12º.-Tramitación dos plans.

1. O órgano instrutor do procedemento será a Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria, quen poderá solicitarlles aos beneficiarios da subvención cantas aclaracións e ampliacións de información ou documentos sexan precisos para a adecuada tramitación do procedemento e, en xeral, cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales deba ditarse a resolución.

2. Se os impresos de solicitude non están debidamente cubertos, se non se achega a documentación establecida ou se o expediente presenta defectos corrixibles, requirirase o viticultor para que, nun prazo máximo de dez días hábiles, contados a partir da recepción do requirimento, presente, persoalmente ou a través do representante do plan, a documentación que falte ou emende o erro da solicitude, con advertencia de que, de non facelo así, entenderase que desiste da súa petición, logo de resolución ditada en tal sentido, de acordo co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, na súa redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

3. A avaliación das solicitudes levaraa a cabo un órgano colexiado, que estará presidido polo subdirector xeral de Produción Agraria Sustentable e Fomento Asociativo, e integrado por tres funcionarios desa mesma subdirección xeral con categoría non inferior a xefe de negociado, un dos cales actuará como secretario.

4. O órgano colexiado valorará as solicitudes conforme os criterios de prioridade previstos no artigo 11º desta orde e emitirá un informe en que concretará o resultado da avaliación. Con base neste informe, o director xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria formulará a proposta de resolución ao conselleiro do Medio Rural.

Artigo 13º.-Resolución.

1. Os expedientes serán resoltos polo conselleiro do Medio Rural, nun prazo máximo de 8 meses, contado desde a data da convocatoria, segundo o previsto na Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Se transcorrese o citado prazo máximo sen se ditar resolución expresa por parte do órgano competente, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes, para os efectos da interposición dos correspondentes recursos.

3. As resolucións, expresas ou presuntas, dos expedientes tramitados en aplicación desta orde ou da respectiva orde de convocatoria esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer os seguintes recursos:

a) Recurso potestativo de reposición ante o conselleiro do Medio Rural, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos, de conformidade co establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999.

b) Recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa notificación, se a resolución é expresa.

Artigo 14º.-Prazos de execución.

1. O prazo máximo de execución dos plans é o 31 de xullo de 2013.

2. O prazo máximo para executar cada unha das medidas contida nun plan é o final da campaña vitícola para a cal foi aprobada.

3. Non obstante o disposto no parágrafo anterior, o prazo máximo de execución das medidas para as cales se concedesen anticipos será o final da segunda campaña vitícola seguinte á do pagamento do anticipo e, en ningún caso, a finalización será posterior ao 31 de xullo de 2013.

4. Os viticultores ou o representante do plan deberán comunicar por escrito, con anterioridade ao remate do prazo máximo concedido para a execución das melloras, a finalización dos investimentos. No caso de non o facer así, poderase entender que non se realizaron os investimentos aprobados.

Artigo 15º.-Xustificación dos investimentos e documentación.

1. O prazo máximo para a presentación da documentación acreditativa da realización dos investimentos será de dous meses contados desde a súa certificación en campo pola consellería competente en materia de agricultura. Alén o anterior, a xustificación dos investimentos correspondentes á campaña vitícola 2012/2013 farase, inescusablemente, xunto coa comunicación do remate dos traballos.

2. As melloras en reestruturación e/ou reconversión da viña xustificaranse coa seguinte documentación:

a) Para aquelas solicitudes cuxo beneficiario sexa unha comunidade de bens, pacto de indivisión de, polo menos, 10 anos contados a partir da data de finalización da campaña de execución dos investimentos.

b) Copia da notificación da resolución de recoñecemento de dereitos de replantación procedentes da arrinca de viña das parcelas, que na solicitude, se incluíron como dereitos de viña existentes no terreo.

c) Copia da notificación da autorización para plantación de viña.

d) En caso de sobreenxerta, copia da ficha do rexistro vitícola actualizada que recolla o cambio de variedade.

e) Factura da planta certificada expedida por un viveiro autorizado.

f) A desinfección de solo xustifícase coa factura polo importe total do investimento ou coa factura do produto empregado, segundo a aplicación dos fitosanitarios fose realizado ou non por unha empresa. Ademais, deberá achegarse unha copia da ficha dos tratamentos fitosanitarios da explotación en que figure rexistrada esta aplicación.

g) Factura de socalcamento: se este foi realizado con man de obra allea, a factura será pola totalidade do investimento; no caso de que a man de obra fose propia, achegarase factura de materiais por, polo menos, o 30% do investimento.

h) Nas implantacións de viña en terreo forestal, autorización de arroteamento e solicitude de modificación de uso no SIXPAC.

i) Se o sistema de condución da parcela reestruturada é emparrado ou similar, factura dos materiais e da man de obra, se esta é allea.

j) Facturas de protectores, cando esta operación foi aprobada.

k) Factura da instalación dos elevadores, xunto co certificado de homologación.

l) Calquera outra documentación xustificativa das operacións realizadas cando así se considere necesario.

3. En caso de achegar facturas, estas serán os orixinais ou as copias cotexadas unha vez feita a toma de razón sobre as facturas orixinais que as anule para percibir outra subvención. A data das facturas será posterior á solicitude e deberán cumprir as exixencias que establece a Axencia Tributaria (Real decreto 1496/2003, do 28 de novembro). Para acreditar o pagamento efectivo delas, figurará o comprobante da transferencia bancaria, con expedidor, destinatario e concepto debidamente identificados ou ben recibo selado e asinado polo provedor indicando o concepto, o importe e data de cobramento.

4. Tras a comunicación de finalización dos investimentos, o persoal técnico competente da Consellería do Medio Rural realizará as correspondentes certificacións sobre o terreo.

5. Para determinar a axuda definitiva a que ten dereito un viticultor, as superficies reestruturadas ou reconvertidas serán medidas seguindo o método establecido no artigo 18 desta orde.

Artigo 16º.-Autorizacións e obrigas do beneficiario.

1. De acordo co artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de axuda á reestruturación e reconversión de viña polo interesado comportará a autorización á Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellaría competente en materia de economía e facenda da Xunta de Galicia.

2. De conformidade co artigo 15 da antedita Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Consellería do Medio Rural publicará no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial, nos termos previstos no artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, as concesións das subvencións convocadas nesta orde, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada web.

3. Segundo o establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o caso.

4. As superficies acollidas aos plans de reestruturación e reconversión da viña, deberán permanecer en cultivo un período mínimo de dez anos contados desde a campaña seguinte á finalización da execución da medida.

5. O viticultor deberá cumprir as obrigas do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras axudas, ingresos ou recursos que financien a actividade subvencionada, así como a modificación de calquera das circunstancias que fundamentasen a concesión da axuda.

6. Así mesmo, o beneficiario ten a obriga de dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento da axuda concedida.

Artigo 17º.-Modificacións dos plans. Subrogacións.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Poderanse admitir cambios de pequena entidade nas solicitudes, sempre que sexan solicitados á Consellería do Medio Rural, debendo agardar a resolución en que se autorice a modificación para poder executar o cambio.

3. A modificación da modalidade de pagamento e o cambio dunha variedade aprobada por outra recomendada na Comunidade Autónoma de Galicia deberán ser comunicados polo beneficiario da axuda antes da execución das melloras, sen precisaren nova resolución de aprobación.

4. Poderán autorizarse como modificacións os plans complementarios que se incorporen a agrupacións de viticultores xa establecidas, ao abeiro desta normativa, co fin de sumar número de participantes ou superficie para acadar os mínimos establecidos, ou ben para facer uso dos remanentes de dereitos de transferencias que tivesen os plans orixinais.

5. Para que se autorice a subrogación dos dereitos e obrigas derivados da axuda concedida cumpriranse os seguintes requisitos:

a) Que a totalidade das accións sexa executada sobre a nova parcela.

b) Que a parcela que se pretenda subrogar sexa das mesmas ou análogas características que a inicialmente considerada.

c) Se se autoriza a subrogación a un novo viticultor, este deberá asumir os compromisos adquiridos polo viticultor a que se concedeu a axuda.

Artigo 18º.-Medición das superficies reestruturadas e/ou reconvertidas.

Para a determinación da axuda a que ten dereito o viticultor pola reestruturación e/ou reconversión dunha superficie de viña, observarase o disposto no artigo 75 do Regulamento (CE) nº 555/2008 da Comisión, do 27 de xuño, que establece que unha superficie plantada de viña se define mediante o perímetro externo das cepas máis unha marxe cuxo largo corresponda á metade da distancia entre as filas. A superficie plantada determinarase segundo o disposto no artigo 30 do Regulamento (CE) nº 796/2004, da Comisión.

Artigo 19.-Controis.

1. Os controis, tanto administrativos como sobre o terreo, desenvolveranse tendo en conta os principios xerais do sistema integrado de xestión e control previstos no título II, capítulo 4 do Regulamento (CE) nº 1782/2003 do Consello, do 29 de setembro.

2. A Consellería do Medio Rural adoptará as medidas de control necesarias para garantir o cumprimento das actuacións previstas nun plan xeral de control que deberá establecer o Fondo Español de Garantía Agraria, en colaboración coas comunidades autónomas.

3. Con independencia do plan xeral de control a que se refire o parágrafo anterior, a Consellería do Medio Rural poderá desenvolver todas aquelas actuacións de control que considere precisas.

4. Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 20º.-Reintegros e réxime sancionador.

1. No caso de pagamento indebido, o beneficiario deberá reembolsar os importes máis os xuros correspondentes ao tempo transcorrido entre a notificación da obriga de reembolso e o reembolso ou a dedución efectiva. O tipo de xuro que se aplicará será o de demora establecido na correspondente Lei de orzamentos xerais do Estado.

2. No caso de fraude ou neglixencia grave, o beneficiario reembolsará o dobre da diferenza entre o importe inicialmente aboado e o importe realmente debido.

3. Segundo o establecido no número 6 do artigo 7º, se o viticultor cobrase anticipo e non alcanzase a porcentaxe de execución do 80% da superficie, reembolsará o dito importe máis os xuros legais contados desde a data de pagamento do anticipo, salvo causa de forza maior ou circunstancias excepcionais.

4. Igualmente, cando se concedese un anticipo para a realización dunha medida e, unha vez executada a reestruturación e/ou reconversión, a axuda definitiva a que ten dereito resultase inferior ao importe do anticipo, o viticultor reembolsará a diferenza entre o anticipo percibido e a axuda que lle corresponde, máis os xuros legais contados desde o momento do pagamento do anticipo, salvo causa de forza maior ou circunstancias excepcionais.

5. Se unha medida pola cal se percibiu anticipo non se executará no prazo máximo previsto no artigo 14º do final da segunda campaña vitícola seguinte á do pagamento do anticipo e, antes do 31 de xullo de 2013, o viticultor deberá reintegrar todo o anticipo máis os xuros legais contados desde a data do pagamento, salvo causa de forza maior ou circunstancias excepcionais.

6. O beneficiario que incumpra a obriga de manter en cultivo as superficies acollidas a estas axudas un período mínimo de dez anos contados desde a campaña seguinte á finalización da execución, deberá devolver a axuda percibida máis os xuros legais producidos desde a data do pagamento, salvo causa de forza maior ou circunstancias excepcionais.

7. A non execución das accións para as cales se solicita a axuda será considerada como infracción leve segundo o previsto no artigo 38.1º g) da Lei 24/2003, do 10 de xullo, da viña e do viño, e sancionarase de conformidade co establecido no artigo 42.1º da citada lei.

8. Á parte do disposto nos parágrafos anteriores, aos beneficiarios das axudas á reestruturación e/ou reconversión de viña aplicaráselles o réxime de infraccións e sancións establecido nos artigos 50 a 68 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 21º.-Condicionalidade.

Se se constata que un beneficiario, en calquera momento ao longo dos tres anos seguintes ao pagamento da axuda recibida en virtude desta orde, non respectou na súa explotación os requisitos legais de xestión e as boas condicións agrarias e ambientais a que se refiren os artigos 3 a 7 do Regulamento (CE) nº 1782/2003 do Consello, do 29 de setembro, e este incumprimento se debe a unha acción ou omisión imputable directamente ao beneficiario, o importe da axuda reducirase ou cancelarase, parcial ou totalmente, dependendo da gravidade, alcance, persistencia e repetición do incumprimento, e o beneficiario deberá reintegralo, se procede, de acordo co establecido no dito regulamento.

Sección segunda

Convocatoria

Artigo 22º.-Convocatoria.

Convócanse, de acordo coas bases reguladoras establecidas na sección primeira desta orde, as axudas aos plans de reestruturación e reconversión da viña para o ano 2009.

Artigo 23º.-Prazo de presentación.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día de prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se o mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 24º.-Xustificantes.

Quedan exentos de xustificar o cumprimento das obrigas establecidas no artigo 16º.1º desta orde os beneficiarios das axudas especificadas no artigo 48.1º l) da Lei 16/2008, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009.

Artigo 25º.-Financiamento.

1. As axudas que deriven da aplicación desta orde proceden do Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e estarán financiadas con cargo á aplicación orzamentaria 11.03.713-C.772.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009.

2. A súa dotación para o exercicio 2009 será de 50.000 euros. Para exercicios futuros, tamén con cargo á aplicación orzamentaria 11.03.713-C 772.1, disporase de 35.000 euros para o exercicio 2010; 30.000 euros para o exercicio 2011; 25.000 euros para o exercicio 2012 e 25.000 euros para o exercicio 2013. Estas dotacións poderán verse incrementadas con outros remanentes orzamentarios, sen prexuízo de posteriores variacións producidas como consecuencia de modificacións orzamentarias.

Disposicións transitorias

A Consellería do Medio Rural autorizará a continuidade dos plans de reestruturación e reconversión de viña aprobados no marco do Regulamento (CE) nº 1493/1999, do Consello, do 10 de maio, polo que se establece a OCM vitivinícola, sempre que se axusten ao disposto nesta orde.

Disposicións adicionais

Primeira.-En todas aquelas cuestións non previstas nesta orde, será de aplicación o disposto nos Regulamentos (CE) 479/2008 do Consello, do 29 de abril e 555/2008, da Comisión, do 27 de xuño, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria para ditar as instrucións que considere oportunas para a execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2009.

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural

Instrucións e códigos para cubrir o anexo V

Se necesita cubrir máis dunha folla do anexo V, indicar o número total delas que se achegan.

As superficies reflectiranse en hectáreas e con catro decimais.

A variedade, o sistema de condución, a zona de produción e o portaenxerto identificaranse cos códigos que abaixo se relacionan

Cadro nº 1:

Relacionaranse as parcelas existentes no terreo (cos datos que figuren no rexistro vitícola: provincia, concello, polígono, parcela e subparcela), que van ser reestruturadas e/ou reconvertidas ou das cales se van utilizar os dereitos de replantación que poidan xerar.

A variedade e o sistema de condución só se cubrirán no caso de que se solicite para esa parcela a reenxerta e/ou cambio de sistema de condución.

Na columna has solicitadas indicarase a superficie da parcela, total ou parcial, que figure no rexistro vitícola.

Cadro nº 2:

Indicar a o total de hectáreas de dereitos de plantación ou replantación que se van empregar na reestruturación, desagregadas en:

* Viña existente no terreo (VE): a superficie coincide co total do cadro 1.

* Arrinca (A): dereitos de replantación orixinados mediante unha arrinca efectuada con anterioridade a esta solicitude de axuda.

* Transferencia (T): dereitos de replantación que lle fosen asignados ao solicitante, mediante unha transferencia.

* Nova plantación (NP): dereitos de plantación adxudicados a través dunha reserva.

Cadro nº 3:

As parcelas para as cales se solicita a axuda de reestruturación e/ou reconversión identificaranse coas referencias que figuren no Sixpac (provincia, concello, polígono, parcela, recinto).

Excluída da arrinca: poñer un X no caso de que a parcela se sitúe nunha zona excluída, na última convocatoria anterior á solicitude, do réxime de axudas á arrinca de viña.

SVF (superficie vitícola financiable): superficie de viña pola cal se solicita axuda medida consonte o artigo 18 desta orde. O total de hectáreas solicitadas non superará o total do cadro 2.

Cadro nº 4:

Especificar os detalles agronómicos das parcelas, identificadas no cadro 3, para as cales se solicita a axuda de reestruturación e/ou reconversión. As parcelas terán o mesmo número de orde (ID) que no cadro 3. Se para unha mesma parcela varían os detalles agronómicos, esta desdobrarase en distintas filas co mesmo ID; o total de SVF das parcelas co mesmo ID coincide coa SVF desa parcela reflictida no cadro 3.

Indicarase a zona de produción en que se situará a viña reestruturada e/ou reconvertida.

A variedade será das recomendadas (columna Rec marcada cun X).

Ver referencia pdf "02400D004P022.PDF"

Instrucións para cubrir o anexo VI

Cubrir un anexo VI por cada unha das campañas polas cales se solicita axuda, ata a Campaña Límite 2012/2013.

En cada campaña, se necesita cubrir máis dunha folla do anexo VI, indique o número total delas que se achegan.

As superficies reflectiranse en hectáreas e con catro decimais.

No apartado ID relacionaranse, para cada campaña, e coa mesma ID que figuran no cadro 3 do anexo V, as parcelas polas cales se solicita axuda. No caso de que para unha parcela as operacións que se solicitan non sexan as mesmas en toda a superficie da parcela, esta desdobrarase en distintas filas coa mesma ID; o total de SVF das parcelas coa mesma ID coincide coa SVF desa parcela reflictida no cadro 3 do anexo V.

Marcaranse cun X as operacións para as cales se solicite axuda; se se solicita planta e plantación, enxerta e/ou elevador, en vez de marcar cun X, indicarase o número de cepas previsto para as dúas primeiras operacións, e os metros de vías solicitados para o elevador. Terase en conta que:

1. Se pode solicitar a operación de arrinca sempre e cando este non fose realizada con anterioridade á solicitude de axuda.

2. A protección de planta nova só se subvencionará cando se realice unha nova plantación ou se reenxerte no pé.

3. A operación de nivelación do terreo é incompatible coa de socalcamento.

4. A operación de socalcamento é incompatible coa de socalcamento con muras de pedra en pendentes superiores ao 30%.

Na columna investimento, indicarase a cantidade que resulte de multiplicar as hectáreas solicitadas (superficie vitícola financiable, SVF) polo custo unitario de cada unha das operacións, sen superar os máximos recollidos no anexo VII; para as operacións de planta e plantación e enxerta, o investimento calcularase en función do número de cepas previstas; para a operación de elevador, o investimento calcularase a partir dos metros de vías solicitados.

A subvención é a cantidade resultante de aplicar a porcentaxe de axuda ao investimento do parágrafo anterior: o 75% no caso dos plans colectivos, e do 63,75% no caso dos plans individuais e para a operación de elevadores, esta porcentaxe será do 50% e 42,50%, respectivamente.

A compensación por perda de renda calcúlase multiplicando a SVF polo importe unitario de 1.600 €/ha e campaña: concederase por dúas campañas cando a arrinca desa superficie estea incluída na solicitude; se as accións que se levan a cabo sobre a parcela de viña son a reconversión varietal e/ou o cambio do sistema de condución, a compensación por perda de ingresos para esa superficie concederase por unha soa campaña.

A axuda total é a suma das dúas columnas anteriores.

As epígrafes de total recollen a superficie vitícola financiable e os datos económicos solicitados para cada campaña; no caso de presentar, para a mesma campaña, máis dunha folla, estas cantidades entenderanse como parciais.

Anticipo: marcar cun X no caso de solicitar un anticipo da axuda.

Ver referencia pdf "02400D004P022.PDF"