DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Mércores, 04 de febreiro de 2009 Páx. 2.390

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 18/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproban os estatutos do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.

De acordo co establecido no artigo 150.2º da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais, complementando así o ámbito competencial determinado no artigo 27.29º do Estatuto de autonomía de Galicia.

A transferencia en materia de colexios oficiais ou profesionais fíxose efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e asumiuse polo Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia.

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da citada competencia, dispón no seu artigo 16, en relación co 18, que os colexios profesionais gozarán de autonomía para a elaboración, aprobación e modificación dos seus estatutos, sen máis límites que os establecidos polo ordenamento xurídico.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, creado mediante Lei 2/1999, do 4 de febreiro, de creación do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, acordou, na Asemblea xeral, a aprobación da modificación dos seus estatutos, adaptados ao disposto na Lei 11/2001, do 18 de setembro. Os ditos estatutos foron comunicados á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, para os efectos da súa aprobación definitiva, logo da súa cualificación de legalidade.

Tendo en conta o exposto, en virtude do uso da competencia que ten atribuída polo artigo 34.5º da Lei 1/1983, de 22 de febreiro, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do vinte e un de xaneiro de dous mil nove,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobación dos estatutos do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.

Apróbanse, por ser adecuados á legalidade, os estatutos do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, que figuran como anexo a este decreto.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e un de xaneiro de dous mil nove.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO

Estatutos do Colexio Progesional de Xornalistas de Galicia (CPXG)

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Natureza xurídica.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) é unha corporación de dereito público, con personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins, creada pola Lei 2/1999, do Parlamento de Galicia, do 24 de febreiro (DOG nº 47, páxina 2.697).

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia terá personalidade xurídica desde o momento no que entre en vigor a súa Lei de creación e capacidade de obrar desde o momento en que se constitúan os seus órganos de Goberno.

Artigo 2º.-Ámbito.

O ámbito de actuación colexial será Galicia.

Artigo 3º.-Funcións.

As funcións do colexio son:

a) Afondar na mellora das condicións nas que os xornalistas levan a cabo os seus traballos.

b) A defensa profesional dos seus membros.

c) Garantir a independencia e liberdade informativa en beneficio da sociedade galega.

d) Defender, de acordo co artigo 20.1º da Constitución española o dereito a liberdade de información e de expresión garantidas a todos os cidadáns.

e) Salvagardar a sociedade de informacións que tendan a reformar voluntariamente a realidade dos feitos.

f) Poñer especial acento na defensa do segredo profesional e na aplicación da cláusula de conciencia, como tamén recolle a Constitución.

g) Todos aqueles puntos que o Colexio crea conveniente para o exercicio da súa función, así como todas as outras funcións previstas na lexislación vixente sobre colexios profesionais.

Artigo 4º.-Domicilio.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia estará domiciliado na rúa San Pedro de Mezonzo nº 36-1º, Santiago de Compostela.

Artigo 5º.-Lingua oficial.

A lingua propia do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia é o galego, tendo en conta a cooficialidade fixada na Constitución e no Estatuto de autonomía de Galicia.

Capítulo II

Colexiación

Artigo 6º.-Requisitos para o ingreso.

Estar en posesión do título de licenciado en xornalismo, para o que habilitan as titulacións correspondentes das facultades de ciencias de información, ciencias de comunicación ou ciencias sociais. Tamén poderán ser membros os licenciados en imaxe ou comunicación audiovisual, sempre que acrediten que están a desenvolver labores informativos.

Quen teña superado o primeiro ciclo de Xornalismo poderá inscribirse no colexio, pero non adquirirá plenos dereitos de colexiado ata que non remate os seus estudos. Tamén poderán ser membros os que cumpran os requisitos fixados na Lei 2/1999, do 4 de febreiro, de creación do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.

Os profesionais titulados en xornalismo vinculados coa Administración pública mediante relación de servizos de carácter administrativo ou laboral non precisarán estar colexiados para o exercicio de funcións puramente administrativas nin para a realización de actividades propias da correspondente profesión por conta da Administración a que pertenzan, cando o destinatario inmediato destas sexa esa Administración.

Artigo 7º.-Admisión.

A incorporación de membros do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia será estudada, caso por caso, polo órgano de Goberno, que resolverá e comunicará por escrito ao peticionario a súa decisión. Na solicitude de ingreso o peticionario deberá facer constar a demarcación da que quere formar parte. A admisión non será válida ata ter aboados os dereitos de colexiación e a solicitude caducará automaticamente aos tres meses.

Artigo 8º.-Denegación.

A incorporación ao colexio será denegada cando o peticionario non responda a calquera dos puntos do artigo 6 necesarios para poder ingresar.

Artigo 9º.-Recursos.

O peticionario que vexa rexeitada a súa proposta de incorporación poderá presentar recurso potestativo de reposición perante o órgano que ditou a resolución. A dita resolución terminará a vía administrativa colexial e quedará expedita a vía contencioso-administrativa.

Artigo 10º.-Suspensión voluntaria e temporal.

Os colexiados poderán solicitar á Xunta de Goberno, motivadamente, a suspensión voluntaria e por un prazo de tempo establecido da súa condición de colexiados. A suspensión voluntaria supón a perda dos dereitos establecidos nos estatutos pero non a obriga de dar cumprimento aos deberes, a excepción do pagamento das cotas. O colexiado suspendido voluntariamente poderá solicitar o remate da suspensión para recuperar os seus dereitos sen ter que aboar os dereitos de colexiación. O final da suspensión, a partir da data na que se produza, suporá tamén a obriga de aboar de novo as cotas. A renovación da suspensión só poderá concederse mediante unha nova solicitude.

Artigo 11º.-Dereitos.

Os membros do colexio profesional terán os seguintes dereitos:

-Defensa dos seus dereitos profesionais diante das autoridades, entidades, empresas.

-Atención por parte da Xunta de Goberno diante dunha situación de conflito que ameace, por calquera razón, a continuidade do exercicio da profesión.

-Ser elector ou ser elixido para ocupar cargos nos órganos directivos, de acordo coas condicións que regulan o procedemento electoral.

-Utilizar todos os servizos que establece o colexio, de acordo coas condicións que fixe o regulamento.

-Utilizar, nos casos que estableza o colexio, os servizos de asesoramento xurídico para os problemas derivados do exercicio da profesión.

-Ter coñecemento da marcha do colexio por medio das súas publicacións (follas informativas, boletíns, anuarios, circulares e outros sistemas) así como ao acceso aos rexistros, libros oficiais do colexio.

-Participar nas asembleas do colexio, tanto por iniciativa propia como por convocatoria dos órganos de goberno.

-Presentar nos órganos de goberno escritos de suxestións, petición, queixa ou amparo.

-Ter voz e voto nas asembleas convocadas polo Colexio.

Artigo 12º.-Deberes.

Os membros do colexio teñen os seguintes deberes:

-Exercer a profesión conforme á ética periodística e manter o segredo profesional.

-Cumprir todo o que dispoñen os estatutos e as súas normas regulamentarias, así como acatar as resolucións da Xunta de Goberno, das asembleas e do Pleno territorial, sen prexuízo de poder exercer os seus recursos pertinentes, en caso de que considere que estas decisións vulneran os estatutos.

-Comparecer diante da Xunta de Goberno ou as súas comisións de goberno, sempre que sexan convocados.

-Comunicar calquera cambio de dirección ou de condición profesional.

-Aboar, dentro dos termos regulamentarios, as cotas que procedan.

Artigo 13º.-Perda da condición de colexiado.

A condición de colexiado perderase polas seguintes causas:

-Defunción.

-Baixa voluntaria, comunicada por escrito.

-Non estar ao corrente do pagamento das cotas colexiais despois de que lle fosen requiridas de forma reiterada. Estar ao corrente dos pagamentos significa ter aboadas a totalidade das cotas de cando menos ata o final do ano anterior.

-Como consecuencia de sanción disciplinaria.

Artigo 14º.-Réxime disciplinario.

O Pleno territorial poderá impoñer sancións aos colexiados, logo de instrución dun expediente disciplinario, cando considere que a súa conduta é constitutiva dunha das faltas sinaladas neste artigo:

Faltas:

Serán faltas leves:

-As accións ou as omisións que revelen neglixencia no cumprimento dos deberes colexiais establecidos neste estatuto, das normas do Regulamento e dos acordos tomados pola asemblea, o Pleno territorial ou pola Xunta de Goberno.

Serán faltas graves:

-As accións ou as omisións que comportan o incumprimento manifesto dos deberes colexiais.

-As accións ou omisións das que se deriven prexuízos para outros compañeiros, para a economía ou o prestixio do colexio ou para a dignidade da profesión xornalística.

-A reincidencia nun feito sancionado como falta leve.

Serán faltas moi graves:

-O exercicio do xornalismo cando encubrise deliberadamente unha actividade publicitaria.

-A reincidencia nun feito sancionado como falta grave.

-O incumprimento das normas deontolóxicas do colexio.

b) Sancións:

As faltas leves poderán ser sancionadas cunha amoestación privada feita persoalmente polo decano ou cunha advertencia escrita da que quedará constancia no expediente do colexiado.

As faltas graves poderán ser sancionadas cunha amoestación pública interna ou suspensión do exercicio dos dereitos colexiais por un período de tempo non superior a un ano.

As faltas moi graves poderán ser sancionadas coa suspensión do exercicio dos dereitos colexiais por un período de tempo superior a un ano e non superior a cinco anos e, no caso de reincidencia, poderá chegarse ao remate da súa condición de colexiado e á expulsión do colexio.

c) Prescrición:

As faltas leves prescribirán ao cabo dun mes de ser cometidas ou desde que se ten coñecemento da súa comisión, as graves ao cabo de tres meses e as moi graves ao cabo dun ano.

As sancións impostas por infraccións moi graves prescribirán aos tres anos, as impostas por infraccións graves, aos dous anos; e as impostas por infraccións leves, aos seis meses. O prazo de prescrición das sancións comezará a contar desde o día seguinte a aquel en que teña quedado firme o acordo sancionador.

d) Garantías:

Non se poderán impoñer os tipos de sanción indicados sen audiencia previa do interesado.

O procedemento disciplinario iniciarase sempre de oficio, por acordo do órgano competente, ben por propia iniciativa, ou ben como consecuencia dunha denuncia ou dunha comunicación non anónima. O decano, de acordo co Pleno territorial, designará un instrutor ou unha comisión instrutora do expediente. O órgano instrutor poderá acordar a práctica de dilixencias previas para abrir o expediente propiamente dito.

Na tramitación do expediente respectaranse en todo momento os principios de dereito administrativo, especialmente no que se refire á audiencia dos implicados.

A resolución final do expediente deberá ser escrita e motivada e será comunicada ao interesado.

Se o presunto infractor fose membro do Pleno territorial, non tomará parte nas deliberacións nin votacións do Pleno sobre o seu caso.

Artigo 15º.-Deber de inscrición e comunicación.

O colexio profesional comunicaralle á consellería competente en materia de colexios profesionais os estatutos aprobados, así como as súas modificacións para os efectos da súa aprobación definitiva, logo de cualificación de legalidade, e inscrición no Rexistro de Colexios.

Capítulo III

Órganos

Artigo 16º.-Organización.

Os órganos do colexio son: a) Órgano presidencial: decano, b) Órgano de Goberno: Xunta de Goberno, c) Órgano plenario: Asemblea xeral, d) Pleno territorial: representantes das demarcacións territoriais e a Xunta de Goberno. Son órganos consultivos territoriais, as asembleas de demarcación.

A elección dos membros do Órgano de Goberno farase por sufraxio universal, libre, directo e secreto. O voto deberá exercitarse persoalmente ou por correo.

Artigo 17º.-Demarcación.

O colexio terá as seguintes demarcacións: A Coruña, Santiago de Compostela, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.

Artigo 18º.-A Xunta de Goberno, a Asemblea xeral e o Pleno territorial.

A Xunta de Goberno está constituída polo decano, un vicedecano, un secretario, un tesoureiro e un número de vogais mínimo de catro e máximo de oito. A Xunta de Goberno tomará decisións na presenza do presidente e secretario, ou, de ser o caso, daqueles que os substitúan, e de cando menos a metade dos seus membros.

O Pleno territorial está composto pola Xunta de Goberno e un representante de cada unha das sete demarcacións. Cada demarcación contará cun representante máis por cada 100 colexiados que teñan adscritos.

A Asemblea xeral está composta por todos os membros do colexio.

Cando por calquera causa queden vacantes a totalidade dos cargos da Xunta de Goberno, designarase unha Xunta provisional de entre os membros máis antigos do colexio. A Xunta provisional convocará, no prazo de trinta días naturais, eleccións para a provisión dos cargos vacantes polo resto do mandato que quedase, que deberán celebrarse dentro dos trinta días naturais seguintes, contados a partir da convocatoria.

Da mesma forma complementarase provisionalmente a Xunta de Goberno dun colexio cando se producise a vacante da metade ou máis dos cargos, e procederase, de igual modo, á convocatoria de eleccións para a súa provisión definitiva.

Artigo 19º.-Funcións dos membros da Xunta de Goberno.

É función da Xunta de Goberno: a dirección, a administración e o goberno do colexio; cumprir e facer cumprir os acordos da Asemblea xeral e do Pleno territorial; dar apoio aos colexiados nas súas xustas aspiracións profesionais e delegar a realización das actividades que considere oportunas.

Todos os acordos deben ser tomados por maioría. En caso de producirse empate, o voto do decano será dirimente.

Corresponde ao decano a representación legal do colexio; convocar e presidir as sesións da Asemblea xeral e da Xunta de Goberno e do Pleno territorial e presidir as asembleas de demarcación ás que asista, velar polo cumprimento dos acordos do Órgano plenario, da Xunta de Goberno e do Pleno territorial, fixar a orde do día; autorizar os pagamentos e visar as actas das sesións.

Corresponde ao vicedecano substituír o decano en caso de dimisión, enfermidade ou incapacidade para asumir as súas obrigas. Tamén substitúe o decano por delegación cando este o considere conveniente.

Corresponde ao secretario redactar as actas e autorizalas coa súa sinatura, recollendo o visado do decano; cumprir os acordos da Xunta de Goberno, Asemblea xeral e do Pleno territorial; custodiar os documentos do colexio; preparar, de acordo co decano, a orde do día das reunións, levar ao día o libro de rexistro da correspondencia e controlar o rexistro dos colexiados.

Corresponde ao tesoureiro: custodiar o patrimonio do colexio; elaborar os anteproxectos de orzamentos; dirixir a contabilidade; estender e asinar os recibos dos ingresos que teña a entidade, cobrar as cotas dos colexiados así como efectuar os pagamentos acordados.

Os vogais, pola orde na que foron elixidos, substitúen cando proceda o secretario e o tesoureiro. Contribúen coa súa voz e o seu voto ao traballo e decisións da Xunta de Goberno e cumpren as funcións que aquela lles encomende.

Artigo 20º.-Funcións do Pleno territorial.

Son funcións do Pleno territorial, aprobar os orzamentos que se someterán á Asemblea xeral, propoñer actividades e trasladar as suxestións das asembleas de demarcación e todas as previstas expresamente nestes estatutos.

Artigo 21º.-Periodicidade e desenvolvemento das reunións.

A Xunta de Goberno reunirase unha vez ao mes en sesión ordinaria, como mínimo, e tantas veces como se considere necesario por disposición do decano ou por petición da metade dos seus membros. Os integrantes da Xunta de Goberno serán convocados a sesión ordinaria polo secretario, por disposición do decano, como mínimo 72 horas antes, e coa orde do día. Chegada a hora e o día, a Xunta de Goberno comezará a sesión se se encontran presentes o presidente e o secretario, ou, de ser o caso, daqueles que o substitúan, e cando menos a metade dos seus membros. En caso de urxencia, poderase facer unha convocatoria da Xunta de Goberno extraordinaria, con só 24 horas de antelación.

O Pleno territorial reunirase, cando menos, cada tres meses, cando o considere o decano ou por petición da terceira parte dos seus membros. Cando un directivo non asistise ás reunións cinco veces consecutivas ou dez intermitentes sen xustificación suficiente poderá ser destituído do cargo.

Se pola causa anterior ou por calquera outra se producise unha vacante de vicedecano, na secretaría, ou tesourería, o órgano de Goberno designará un vogal para ocupar o cargo provisionalmente, ata a asemblea seguinte. O tesoureiro saínte deberá presentar balance ao órgano de goberno. Se causase baixa a metade da Xunta de Goberno, convocarase unha asemblea extraordinaria para as eleccións parciais dos cargos vacantes. Se as baixas son representantes de demarcación, deberán convocarse as asembleas de demarcación correspondentes.

Os integrantes do Pleno territorial serán convocados a sesión ordinaria polo secretario, por disposición do decano, como mínimo 72 horas antes, e coa orde do día. Chegada a hora e o día o Pleno territorial comezará a sesión se se encontran presentes a metade máis un dos membros. En caso contrario, o Pleno territorial reunirase media hora máis tarde, coa obrigatoria presenza do decano e o secretario ou as persoas que os substitúan, e tomará acordos validamente en presenza dun terzo dos seus membros. En caso de urxencia, poderase facer unha convocatoria de Xunta extraordinaria con vinte e catro horas de antelación na comunicación da convocatoria.

A Xunta de Goberno é solidariamente responsable de todos os actos de xestión. Esta responsabilidade remata aos tres meses de abandonar as súas funcións. No caso do tesoureiro, a súa responsabilidade cesa despois de pasar os seus documentos e datos en debida forma ao tesoureiro entrante, así como a contabilidade pechada e debe render contas na primeira Asemblea xeral seguinte á liquidación das contas do seu período.

Os acordos de todos os órganos colexiados tomaranse por maioría de votos emitidos, menos nos supostos en que estes estatutos exixan quórum especial. En ningún caso, será delegable o voto.

Artigo 22º.-Asemblea xeral ordinaria.

A asemblea xeral ordinaria celebrarase unha vez ao ano. A Xunta de Goberno dará conta da súa xestión e do movemento económico, así como dos orzamentos do colexio para ese ano. A Asemblea xeral quedará constituída e poderá tomar acordos, coa obrigatoria presenza do decano e o secretario ou as persoas que os substitúan, coa asistencia da metade máis un dos colexiados na primeira convocatoria, e coa asistencia dos presentes en segunda convocatoria, que se celebrará media hora máis tarde do mesmo día, e a asemblea tomará os acordos pertinentes, que serán adoptados por maioría. A votación será directa e terá que ser secreta por solicitude de calquera dos participantes.

A Xunta de Goberno convocará aos colexiados á Asemblea xeral ordinaria por escrito e con, cando menos, 20 días naturais de antelación á celebración desta.

Cando a asemblea teña por obxecto o voto de censura ao decano ou á Xunta de Goberno, requirirá a asistencia da metade máis un dos colexiados, a solicitude da súa inclusión na orde do día requirirá a sinatura dun mínimo do 25% dos colexiados, incorporados cando menos con tres meses de antelación e expresará con claridade as razóns que o fundamentan, tomándose os acordos por maioría absoluta dos presentes.

Artigo 23º.-Asemblea xeral extraordinaria.

A Asemblea xeral extraordinaria poderase celebrar cando a Xunta de Goberno o considere conveniente ou cando o pida un 20 por cento dos colexiados, por escrito, ao decano, explicando o motivo da petición. A Asemblea xeral extraordinaria deberá celebrarse nun prazo máximo de dous meses.

Quedará validamente constituída e poderá tomar acordos coa asistencia da metade máis un dos colexiados na primeira convocatoria, e coa asistencia dos presentes en segunda convocatoria, entre os que terán que estar, en todo caso, o decano e o secretario ou as persoas que o substitúan, que se celebrará media hora máis tarde do mesmo día, e a asemblea tomará os acordos pertinentes, que serán adoptados por maioría. A votación será directa e terá que ser secreta por solicitude de calquera dos participantes.

O Órgano de Goberno convocará aos colexiados a Asemblea xeral extraordinaria por escrito e con, cando menos, 15 días naturais de antelación á celebración desta.

Cando a Asemblea extraordinaria teña por obxecto o voto de censura á Xunta de Goberno ou a algún do seus membros, que requirirá a asistencia da metade máis un dos colexiados, a solicitude da súa inclusión na orde do día requirirá a sinatura dun mínimo do 25 por cento dos colexiados, incorporados cando menos con tres meses de antelación e expresará con claridade as razóns que o fundamentan.

Cando a asemblea teña por obxecto o voto de censura ao decano ou á Xunta de Goberno, requirirá a asistencia da metade máis un dos colexiados, a solicitude da súa inclusión na orde do día requirirá a sinatura dun mínimo do 25% dos colexiados, incorporados cando menos con tres meses de antelación e expresará con claridade as razóns que o fundamentan, tomándose os acordos por maioría absoluta destes.

Artigo 24º.-Competencias exclusivas da Asemblea xeral ou órgano plenario.

Son competencias exclusivas do órgano plenario:

-A aprobación e reforma dos estatutos e das normas deontolóxicas do colexio.

-A elección dos cargos da Xunta de Goberno e do decano e a súa remoción por medio de moción de censura.

-A aprobación dos orzamentos e das contas do colexio.

-A aprobación da xestión do Órgano de Goberno e do seu decano.

-Autorizarlle á Xunta de Goberno o alleamento de bens inmobles da corporación.

Capítulo IV

Órganos territoriais

Artigo 25º.-Asembleas de demarcación.

As asembleas de demarcación estarán compostas polos colexiados inscritos en cada demarcación e polo decano do colexio. Reuniranse por decisión da Xunta de Goberno, por petición dos seus representantes no Pleno territorial, ou por solicitude formulada por escrito, e dirixida á Xunta de Goberno, do 20 por cento dos colexiados inscritos na demarcación.

Correspóndelles ás asembleas de demarcación:

-Elixir os seus representantes no Pleno territorial.

-Debater os problemas, peticións e propostas dos colexiados da demarcación. Os seus representantes trasladarán os acordos que se adopten na asemblea de demarcación ao Pleno territorial.

Capítulo V

Do réxime dos actos colexiais e da súa impugnación

Artigo 26º.-Dereito aplicable.

1. Os acordos que adopten a Xunta de Goberno, o Pleno territorial ou Asemblea xeral en exercicio das súas potestades administrativas, estarán sometidas ao dereito administrativo. Os actos que lle poñan fin á vía administrativa serán inmediatamente executivos, salvante que o propio acordo, ou a norma que habilite a súa adopción, establezan expresamente outra cousa ou que se trate de materia disciplinaria.

2. Aqueles acordos que non se adopten en exercicio de funcións administrativas estarán sometidos á lexislación que corresponda e poderá ser obxecto de impugnación ou reclamación, así como da exixencia das responsabilidades que da súa propia natureza poidan derivarse, ante a xurisdición competente.

Artigo 27º.-Notificación e a súa práctica.

1. Deberán notificarse persoalmente a cada colexiado aqueles acordos que lle afecten de forma individual, directa e persoalmente.

2. A notificación deberá efectuarse no seu domicilio profesional por calquera medio que permita ter constancia da súa recepción, data, identidade do perceptor, contido íntegro da resolución, e haberá de conter a expresión dos recursos procedentes.

3. Se a notificación persoal non puidese practicarse, poderá levarse a cabo en calquera das formas previstas na vixente lexislación, ou de no ser iso posible, mediante a súa publicación no taboleiro de anuncios do colexio, e producirá todos os seus efectos a notificación, neste último caso, logo de transcorreren quince días desde a data da publicación.

4. Aos acordos de interese xeral daráselles publicidade mediante a súa inserción no boletín do colexio ou por circular.

Artigo 28º.-Recursos.

Contra os acordos definitivos adoptados pola Xunta de Goberno ou pola Asemblea xeral suxeitos ao dereito administrativo, caberá interpor recurso potestativo de reposición perante o mesmo órgano que ditou a resolución, cuxa resolución porá fin á vía administrativa e quedará expedita a contencioso-administrativa.

Capítulo VI

Recursos económicos

Artigo 29º.-Recursos ordinarios.

Son recursos ordinarios do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia:

Os rendementos económicos que produzan os bens e dereitos que integren o patrimonio do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.

-Os dereitos de colexiación.

-Os dereitos de expedición de certificados e carnés.

-Os dereitos pola elaboración remunerada de informes, ditames, estudos e outros servizos realizados ou prestados polos órganos centrais.

-A cota fixa dos colexiados e as cotas extraordinarias que se poidan establecer.

-Os complementos específicos de cota que se establezan en contraprestación de servizos determinados aos colexiados.

-Calquera outro concepto legalmente establecido.

Artigo 30º.-Recursos extraordinarios.

-Son recursos extraordinarios que corresponderán aos órganos centrais:

-As subvencións, os donativos, as herdanzas e os legados dos que o colexio puidese beneficiarse.

-O produto do alleamento dos bens do patrimonio do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.

-As cantidades que lle corresponda percibir ao Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia cando administre, en función dun encargo temporal ou perpetuo, bens ou rendas determinadas.

-Calquera outro que legalmente se estableza.

-A contía das cotas fixas percibidas periodicamente será fixada pola Xunta de Goberno e ratificada pola Asemblea Xeral. As cotas extraordinarias tamén teñen que ser aprobadas pola Asemblea Xeral.

Artigo 31º.-Persoal do colexio.

O Pleno territorial contrata o persoal, administrativo ou xeral e asígnalle as súas funcións.

Capítulo VII

Eleccións

Artigo 32º.-Procedemento e réxime xeral.

Convocarase eleccións cada catro anos para elixir o decano e os cargos da Xunta de Goberno e do Pleno Territorial, segundo o establecido no Regulamento de réxime electoral.

A duración de todos os cargos será de catro anos. Todos os cargos serán reelixibles indefinidamente coa excepción do de decano, que non poderá superar os dous mandatos consecutivos.

Todo aquilo que non estea expresamente establecido neste capítulo VII, rexerase polo Regulamento específico establecido na convocatoria electoral.

Artigo 33º.-Elixibilidade e condición de elector.

Terán condición de electores e elixibles todos os colexiados de pleno dereito cunha antigüidade mínima de tres meses no momento de seren convocadas as eleccións e que estean ao día das súas obrigas colexiais, mesmo das económicas.

Os cargos elixidos non percibirán retribucións, pero non suporán custos ás persoas que os exerzan.

Artigo 34º.-Convocatoria de eleccións.

A convocatoria de eleccións será realizada polo Pleno territorial con dous meses de antelación ao día sinalado para a súa celebración.

O cómputo dos prazos entenderase por días naturais.

No termo dos cincos días seguintes á data da convocatoria, o secretario deberá expoñer de forma pública na sede do colexio a convocatoria electoral, na que se fará constar:

-Os cargos que son obxecto de elección e os seus requisitos.

-O calendario do proceso electoral.

-O censo de colexiados que cumpren as condicións previstas no artigo 6º, así como o procedemento e prazos de reclamación.

-Os lugares e horas de votación.

-O procedemento e prazos para o voto por correo.

-O procedemento e a data de constitución dunha nova Xunta de Goberno e do Pleno territorial.

Artigo 35º.-Presentación e proclamación de candidaturas.

As candidaturas presentaranse ante a Xunta de Goberno coa sinatura e autorización expresa de todos os seus integrantes.

O prazo de presentación de candidaturas ante a Xunta de Goberno rematará cando menos 20 días antes da data fixada para a celebración das eleccións.

A Xunta de Goberno revisará as candidaturas para establecer se cumpren as condicións exixidas. Despois dun prazo de cinco días para realizar reclamacións, proclamaraas de xeito provisional.

As reclamacións deberán ser resoltas polo Pleno territorial.

No suposto de que sexa presentada e proclamada unha soa candidatura, esta será elixida nova Xunta de Goberno sen necesidade de realizar a votación, dando por rematado o procedemento electoral. O mesmo criterio será de aplicación no caso da elección dos representantes de demarcación.

Artigo 36º.-Desenvolvemento das eleccións.

O día das eleccións constituirase unha mesa electoral na demarcación con máis colexiados que permanecerá aberta entre catro e oito horas, segundo o disposto na convocatoria electoral. A composición da mesa será dun presidente e dous vogais elixidos por sorteo de entre os membros da demarcación correspondente de acordo co procedemento e prazo establecido na convocatoria.

A votación levarase a cabo mediante sufraxio directo e secreto. Cada colexiado deberá acreditar a súa identidade antes de depositar o voto. As candidaturas poderán acreditar interventores para vixiar o proceso electoral de acordo co procedemento establecido no Regulamento de réxime electoral.

Unha vez rematado o prazo de votación, e despois de introducir na urna o voto por correo, a mesa organizará o escrutinio, que deberá ser público.

O escrutinio deberá facerse en directo e a viva voz, extraendo as papeletas e dando lectura a cada un dos votos depositados.

O presidente da mesa electoral e os vogais certificarán o resultado.

Aquela candidatura que consiga a maioría simple dos votos emitidos será proclamada nova Xunta de Goberno e representantes das súas respectivas demarcacións.

Artigo 37º.-Honras.

A Xunta de Goberno poderá crear os premios, honras e distincións que considere oportunos de acordo cos fins que orientan o proceder da institución.

Capítulo VIII

Auditoría

Artigo 38º.-Auditoría.

1. A Xunta de Goberno poderá nomear un auditor de contas para a verificación da contabilidade.

2. De non haber auditor nomeado, por petición subscrita polo dez por cento da totalidade dos colexiados, a Xunta de Goberno deberá proceder ao nomeamento dun auditor para que, con cargo aos fondos colexiais, efectúe a revisión das contas do exercicio anterior. A dita solicitude deberá presentarse dentro do mes seguinte á data de cerre de exercicio obxecto da revisión.

3. A Xunta de Goberno ordenará realizar auditorías para a verificación da contabilidade cando se produza novación ordinaria, total ou parcial do seus órganos de goberno, sen prexuízo da función fiscalizadora que lle corresponde aos organismos públicos legalmente habilitados para isto.

Capítulo IX

Disolución e liquidación

Artigo 39º.-Disolución e liquidación.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia poderase disolver e extinguir por acordo dos 3/4 dos seus integrantes, acordado en Asemblea xeral extraordinaria convocada para o efecto.

O acordo que o declare expresará o que corresponde en relación coa liquidación do seu patrimonio, a sucesión dos seus dereitos e obrigas, da súa personalidade e a extinción ou cesión das súas potestades e competencias administrativas.

Artigo 40º.-Destino dos bens en caso de disolución.

En caso de disolución do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, será nomeada unha comisión liquidadora quen, supoñendo que queden bens ou valores sobrantes despois de satisfacer as débedas, adxudicaraos ao organismo que o substitúa, ás entidades benéficas e sociais dos xornalistas dentro do seu ámbito territorial, e procederá a vender o patrimonio resultante para distribuílo en partes alícuotas entre os colexiados.