DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Martes, 03 de febreiro de 2009 Páx. 2.354

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 28 de xaneiro de 2009 pola que se amplía o prazo de realización do terceiro exercicio do proceso selectivo para o ingreso no corpo facultativo superior da Xunta de Galicia, grupo A, escala de facultativos de bibliotecas.

A Orde do 28 de decembro de 2007 pola que se convoca o proceso selectivo para o ingreso en distintas escalas do corpo facultativo superior da Xunta de Galicia, grupo A, establece na base II.1.3 que o prazo máximo para a realización do terceiro exercicio será de 40 días, contado este desde o remate do exercicio anterior.

Unha vez realizado o segundo exercicio o día 11 de decembro de 2008, tendo en conta que unha vez publicadas as puntuacións deste exercicio se abrirá un prazo de dez días hábiles para que os aspirantes que superen este exercicio presenten o documento xustificativo de estar en posesión do Celga 4, curso de perfeccionamento de galego ou equivalente, e por proposta elevada para tal efecto polo tribunal cualificador deste proceso selectivo, de conformidade co establecido no artigo 49 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza,

DISPÓN:

A ampliación do prazo de realización do terceiro exercicio do proceso selectivo para o ingreso no corpo facultativo superior da Xunta de Galicia, grupo A, escala de facultativos de bibliotecas, en vinte días hábiles.

Contra este acordo de ampliación de prazo non cabe recurso ningún, de acordo co disposto no artigo 49.3º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2009.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza