DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Martes, 03 de febreiro de 2009 Páx. 2.345

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE VIVENDA E SOLO

ORDE do 2 de febreiro de 2009 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca a concesión de axudas destinadas a sufragar os danos causados en vivendas e instalacións complementarias polo temporal acaecido en Galicia a partir do 23 de xaneiro.

O Decreto 13/2009, do 29 de xaneiro, de medidas urxentes para a reparación dos danos causados polo temporal acaecido en Galicia a partir do 23 de xaneiro, regula unha serie de medidas para a reparación dos danos e perdas causados polo citado fenómeno metereolóxico.

O artigo 6 do citado Decreto 13/2009 establece un réxime de axudas por danos causados en vivendas, e o artigo12 establece que as citadas axudas se financiasen con cargo aos orzamentos das respectivas consellerías afectadas e a disposición derradeira primeira faculta os distintos titulares dos departamentos autonómicos para que, no ámbito das súas competencias, diten as disposicións necesarias para o desenvolvemento do citado decreto.

As axudas reguladas no devandito decreto rexeranse polo establecido nos artigos 19.4º e 26 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de normas reguladoras de subvencións de Galicia, e polo establecido na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, nos seus preceptos básicos.

O citado decreto acóllese expresamente ao procedemento de concesión directa, por mor do interese público, social, económico e humanitario derivado das excepcionais circunstancias que concorren neste caso.

No entanto, por razóns de urxencia, estímase conveniente establecer unha convocatoria pública das axudas para sufragar os gastos causados polo temporal acaecido en Galicia a partir do 23 de xaneiro en vivendas.

En virtude do exposto anteriormente, e en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, e desenvolvida polo Decreto 211/2005, do 3 de agosto, e o Decreto 505/2005, do 22 de setembro, e de acordo co establecido da disposición derradeira primeira do Decreto 13/2009, do 29 de xaneiro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras e a convocatoria dun procedemento de concesión das axudas en concorrencia non competitiva, establecidas polo Decreto 13/2009, do 29 de xaneiro, destinadas a sufragar os gastos, en vivendas e instalacións complementarias, causados polo temporal acaecido en Galicia a partir do 23 de xaneiro de 2009.

Artigo 2º.-Persoas beneficiarias.

Poderán solicitar as devanditas axudas as persoas físicas propietarias, usufrutuarias ou arrendatarias das vivendas que sufrisen danos relacionados co temporal acaecido e que, cumprindo os requisitos establecidos nesta convocatoria, teñan que sufragar os gastos necesarios de reparación, ou de reposición no caso de que a persoa propietaria acredite a perda irrecuperable dalgún ben, de acordo co procedemento regulado nesta orde.

Artigo 3º.-Natureza das axudas.

1. A concesión destas axudas terá carácter subsidiario respecto de calquera outro sistema de cobertura de danos, público ou privado, estatal ou internacional, do que poidan ser beneficiarias as persoas afectadas.

2. Non obstante, cando os mencionados sistemas non cubran a totalidade dos danos producidos, as axudas previstas neste decreto concederanse con carácter complementario, nos termos establecidos nesta orde e ata o límite máximo do valor do dano producido.

Artigo 4º.-Actuacións subvencionables.

1. Danos causados na vivenda que constitúa a residencia habitual e permanente dos seus moradores: na parte non comprendida nas axudas que poidan aprobar outras administracións e outros sistemas de cobertura de danos, e polo importe correspondente ata poder cubrir o 100% do valor de reparación ou reposición do inmoble danado, sen que en ningún caso o importe da dita axuda poida superar o límite do 100% do prezo máximo de venda dunha vivenda de protección autonómica de prezo xeral na mesma localidade.

2. Danos causados no resto das vivendas: na parte non comprendida nas axudas que poidan aprobar outras administracións e outros sistemas de cobertura de danos, a axuda poderá acadar ata o 40% do valor de reparación ou reposición do inmoble danado, sen que en ningún caso o importe da dita axuda poida superar o 40% do prezo máximo de venda dunha vivenda de protección autonómica de prezo xeral na mesma localidade. As vivendas deberán dedicarase, como mínimo, a residencia ocasional, quedando excluídas destas axudas as edificacións ruinosas ou que se atopasen en manifesto abandono.

3. Para os efectos destas axudas entenderanse por vivenda as construcións anexas, instalacións complementarias e elementos comúns no caso de comunidades de propietarios.

Entenderanse como instalacións complementarias as construcións e equipamentos de apoio á economía e vida familiar tales como pozos, hórreos, alpendres, invernadoiros para autoconsumo, instalacións eléctricas e de iluminación, instalacións de telecomunicacións, etc. sempre e cando estean situados no mesmo predio da vivenda.

No mesmo senso entenderase como construción ou instalación complementaria o cerramento preexistente de peche do predio no que se atopa a vivenda.

A porcentaxe subvencionable destas construcións anexas ou instalacións complementarias será do 100% do valor de reparación ou reposición no caso de estar asociadas a vivenda habitual e do 40% do valor de reparación ou reposición no caso de estar asociadas a vivenda ocasional. En calquera caso, o importe máximo de axudas por este concepto non poderá ser superior a 3.000 euros.

4. Quedan expresamente excluídos destas axudas os posibles danos producidos en enxoval doméstico tales como, roupa, utensilios de cociña, mobiliario ou electrodomésticos.

Artigo 5º.-Ámbito territorial.

O ámbito territorial de aplicación desta orde é o da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 6º.-Prazo de solicitude.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da data de publicación desta orde no DOG.

Artigo 7º.-Solicitudes.

O procedemento iniciarase mediante solicitude da persoa interesada dirixida á delegación provincial da Consellería de Vivenda e Solo que corresponda por situación da vivenda, seguindo o modelo que se recolle no anexo a esta orde, debidamente cuberto pola persoa solicitante. Presentaranse nas oficinas da delegación provincial da Consellería de Vivenda e Solo que corresponda por razón da situación da vivenda ou en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Na solicitude describirá os danos producidos e o importe necesario para a súa reparación ou reposición, ademais de xuntar a documentación que se indica no modelo normalizado.

Estas solicitudes deberán ir xunto coa seguinte documentación:

a) Fotocopia compulsada do DNI ou NIF do/a solicitante.

b) Título que acredite a condición de propietario/a, usufrutuario/a ou arrendatario/a da vivenda.

c) Certificado de residencia, de empadroamento ou domicilio fiscal, así como calquera outro medio de proba que acredite o uso a que se destine a vivenda.

d) Fotografías que reflictan os danos.

e) Copia da póliza de seguro dos bens afectados ou, de non ter seguro, declaración xurada de que os bens para os que solicita as axudas non estaban asegurados.

f) Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

Para o orzamento das obras terase en conta o catálogo de prezos de rehabilitación que será exposto e poderá descargarse da páxina web da Consellería de Vivenda e Solo e, así mesmo, estará dispoñible un exemplar para consulta nas delegacións provinciais e nos servizos centrais da Consellería de Vivenda e Solo. Para as partidas non contempladas teranse en conta os prezos da base de datos da construción de Galicia. Para as partidas neles non definidas determinaranse os rendementos por asimilación doutras partidas.

Artigo 8º.-Procedemento de concesión.

1. Unha vez recibidas as solicitudes, as delegacións provinciais da Consellería de Vivenda e Solo remitirán ao consorcio de compensación de seguros unha relación de persoas que solicitaron a subvención facendo constar o nome, apelidos e DNI, para os efectos de coñecer as posibles indemnizacións que as persoas interesadas puidesen recibir neste concepto.

2. Así mesmo, as delegacións provinciais da Consellería de Vivenda e Solo darán as instrucións necesarias para realizar a visita de inspección dos danos producidos. No caso de que a persoa afectada polos danos do temporal necesitase facer reparacións urxentes, poderá realizalas sempre que conserve fotografías e calquera outro documento que acredite o estado en que quedou a vivenda por causa do temporal dos días 23 e 24 de xaneiro. A citada documentación acreditativa dos danos será avaliada polo persoal técnico que realice a visita de inspección.

Unha vez realizada a visita de inspección o persoal técnico redactara un informe no que se recollan os danos subvencionables e o custo estimado da súa reparación ou reposición.

3. Á vista da solicitude das subvencións, da documentación presentada e logo das comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas o/a delegado/a provincial da Consellería de Vivenda e Solo elevará a proposta de resolución da subvención á persoa titular da Consellería de Vivenda e Solo.

O expediente de concesión conterá o informe do órgano instrutor en que conste que da información que ten no seu poder se desprende que as persoas beneficiarias cumpren todos os requisitos necesarios para acceder a elas.

4. A persoa titular da Consellería de Vivenda e Solo, á vista da proposta, e tendo en conta os recursos económicos dispoñibles resolverá o que segundo dereito proceda.

A citada resolución indicará necesariamente o prazo concedido para reparar os danos, que en ningún caso excederá dos cinco meses desde a data da súa notificación. Así mesmo, na resolución de concesión figurará a contía da subvención para a reparación dos citados danos.

As solicitudes de concesión poderanse ir resolvendo na medida en que se vaian presentando.

5. A resolución da conselleira pon fin á vía administrativa, e contra ela poderase interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co previsto no artigo 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben poderá ser recorrido directamente ante o xulgado do contencioso-administrativo no prazo de dous meses, consonte co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 9º.-Prazo máximo para resolver.

O prazo máximo para ditar e notificar a resolución será de nove meses, contados desde a data de recepción completa da solicitude. Transcorrido este prazo sen que se ditase e notificase resolución expresa, a persoa interesada poderá entender desestimada a súa solicitude, de acordo co establecido no artigo 23.4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 10º.-Causas de denegación.

Será motivo de denegación da subvención non cumprir algún dos requisitos exixidos na normativa que rexe estas subvencións.

Así mesmo, serán obxecto de denegación as solicitudes presentadas que queden sen cobertura orzamentaria.

O criterio que, de ser o caso, se utilizará para os efectos de determinar respecto a que expedientes se esgota o crédito é o recollido no artigo 74.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Unha vez esgotados os créditos procederase á correspondente publicación no DOG da citada circunstancia e á inadmisión das posteriores solicitudes.

Non obstante, esta consellería, de así o estimar, poderá ampliar o crédito previsto á vista das solicitudes presentadas, sen que supoña a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 11º.-Xustificación e pagamento.

1. Logo da concesión da subvención, e unha vez realizado o gasto, a persoa solicitante deberá achegar, dentro do prazo concedido na resolución de concesión, as facturas acreditativas do aboamento dos importes investidos na reparación ou reposición dos danos sufridos.

Xunto coas facturas deberá presentar certificación de titularidade da conta bancaria en que se ingresarán as axudas que correspondan e unha declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

2. A persoa que teña a titularidade da delegación provincial da Consellería de Vivenda e Solo, á vista da documentación presentada, e logo das comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas, elevará a proposta de pagamento á conselleira de Vivenda e Solo ou persoa en quen delegue.

3. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se ter presentado esta, a delegación provincial da Consellería de Vivenda e Solo requirirá a persoa beneficiaria para que no prazo improrrogable de dez días a presente para os efectos previstos neste capítulo.

Artigo 12º.-Pagamento anticipado.

Excepcionalmente, poderá aboarse un anticipo de ata o 50% da anualidade, para o caso en que o investimento exixa pagamentos inmediatos. O citado anticipo deberá ser solicitado expresamente pola persoa beneficiaria, quen motivará a mencionada necesidade. Unha vez revisada a solicitude de pagamento anticipado, a persoa que teña a titularidade da delegación provincial da Consellería de Vivenda e Solo fará a proposta de concesión ou denegación á conselleira de Vivenda e Solo, que resolverá motivadamente.

No caso de subvencións superiores a 18.000 euros, para realizar o pagamento anticipado deberá presentarse unha garantía de acordo co establecido no artigo 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Para a citada solicitude de anticipo empregarase o modelo do anexo II desta orde.

Artigo 13º.-Compatibilidade.

Esta subvención é compatible con outras formas de axuda que o beneficiario poida obter de calquera administración, entidade pública ou privada, sen que, en ningún caso, a suma das axudas percibidas poida superar o custo da actuación que se protexe.

Artigo 14º.-Deber de colaboración. Reintegro das axudas.

1. As persoas beneficiarias están obrigadas a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Cuentas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

2. Toda alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, sen prexuízo do establecido no artigo 9º desta orde.

3.- O incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención, ou a concorrencia de calquera das causas de reintegro determinadas polo artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, suporá ademais das sancións que puidesen corresponder, a obriga do reintegro por parte do beneficiario dos recursos achegados pola Consellería de Vivenda e Solo incrementados co xuro legal correspondente desde o seu aboamento, de acordo co procedemento establecido no capítulo I do título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 15º.-Publicidade.

1. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas no devandito rexistro, así como as sancións impostas de ser o caso.

2. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e o artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, esta consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Artigo 16º.-Crédito orzamentario e contía.

O importe destinado ao financiamento destas axudas é de 500.000 € con cargo ao crédito que figure consignado para esta finalidade na aplicación 17.02.451A.780.4 do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2009.

Teresa Táboas Veleiro

Conselleira de Vivenda e Solo

Ver referencia pdf "02300D026P081.PDF"